Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 195 Luns, 14 de outubro de 2019 Páx. 45161

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 10 de outubro de 2019 pola que se ditan normas que determinan os servizos mínimos no sector do ensino durante a folga xeral convocada para o día 16 de outubro de 2019 no ámbito territorial do concello das Pontes de García Rodríguez.

O exercicio do dereito de folga queda condicionado ao mantemento dos servizos esenciais definidos no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG do 20 de xuño), entre os cales se atopa a educación.

O artigo 3 do devandito decreto faculta os conselleiros competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos e o persoal preciso para prestalos.

A organización sindical Confederación Intersindical Galega (CIG), a organización sindical Comisiones Obreras (CC.OO.) e a organización sindical Unión Xeral de Traballadores (UGT) comunicaron a esta Administración a convocatoria dunha folga xeral no ámbito territorial do concello das Pontes de García Rodríguez. A folga desenvolverase das 00.00 ás 24.00 horas, do día 16 de outubro de 2019.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga a Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican na presente orde, no que respecta ao servizo esencial á educación.

O servizo esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente xa que, xunto con esta actividade lectiva, se realizan outras funcións como son a vixilancia e o coidado dos nenos e nenas, menores de idade, que acoden aos centros docentes, así como o coidado, o mantemento e a vixilancia das instalacións destinadas ao servizo público educativo.

Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial aos menores. Dun xeito máis específico, a Lei galega 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, dispón no seu artigo 7 que o alumnado ten dereito a que se respecte a súa identidade, integridade e dignidade persoal, e á protección integral contra toda agresión física e moral. Polo tanto, a custodia e seguridade dos menores de idade que accedan a un centro docente, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados son unha responsabilidade ineludible e parte indivisible do dereito esencial á educación.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores, dada a súa entidade, debe exercerse continuamente. Como servizo mínimo para garantilos establécese que os centros docentes permanezan abertos no seu horario habitual, coa necesaria presenza nos ditos centros da persoa titular da dirección ou, de ser o caso, doutro membro do equipo directivo que a substitúa, xa que tales membros do equipo directivo teñen a representación do centro e garanten o cumprimento das leis e demais disposicións vixentes, como sinalan as alíneas a) e d) do artigo 132 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (publicada no BOE do 4 de maio) e, polo tanto, están capacitados e facultados para resolver calquera incidencia respecto da seguridade dos menores de idade. Así mesmo, consonte a normativa citada, o director ou directora tamén está facultado e capacitado para resolver calquera incidencia que se poida producir respecto do conxunto dos bens que integran un centro docente.

A presenza dun subalterno ou subalterna deriva das funcións que a este tipo de persoal compete respecto do coidado e da vixilancia das instalacións e do control de entrada e saída do centro educativo, tanto para evitar a entrada de persoas alleas ao centro como para evitar a saída dos menores de idade cando non corresponda.

Dentro do deber de outorgar protección básica ao menor de idade debemos incluír a súa alimentación; en relación con isto, cómpre afirmar que cando se asume esta responsabilidade non pode desatenderse, o que motiva que unha persoa con funcións de cociña deba permanecer nos centros educativos ordinarios con servizo de comedor.

O dereito á seguridade e o correlativo deber de protección dos menores que, como se dixo, non pode ser paralizado inclúe a actividade básica de coidar a integridade física e hixiene daqueles que, por teren diminuídas as súas capacidades, necesitan unha constante vixilancia e atención (artigo 49 da Constitución) por parte dos coidadores do alumnado con necesidades educativas especiais presentes nos centros docentes ordinarios. Pola súa banda, o alumnado integrado nos centros de educación especial ten unhas necesidades de cara á súa atención aínda máis reforzadas, polo que debe haber unha presenza mínima de persoal coidador, de comedor e de limpeza.

De acordo coa normativa citada e cos argumentos expostos, e logo de ter convocado ao comité de folga para ser oído,

DISPOÑO:

Artigo 1. Centros docentes non universitarios de titularidade pública no termo municipal das Pontes de García Rodríguez

1.1. Para o persoal que desempeña o seu traballo no ámbito público da docencia non universitaria terán a consideración de servizos mínimos os seguintes:

– A dirección ou membro do equipo da dirección, e un subalterno ou subalterna en cada centro escolar. En todo caso quedarán garantidos a apertura e o peche de todos os centros.

– Unha persoa de cociña no CEIP Plurilingüe A Magdalena.

– 1 auxiliar coidador/a no CEIP Plurilingüe A Magdalena, no CEIP Plurilingüe Santa María, no CEIP Plurilingüe A Fraga e no IES Moncho Valcárcel.

1.2. A designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos relacionados no punto 1 deste artigo será feita pola dirección do centro respectivo e publicarase no taboleiro de anuncios do centro.

Artigo 2. Servizos mínimos no CEEPR ASPANAES

– A dirección do centro. En todo caso quedarán garantidos a apertura e o peche do centro.

– Unha persoa de cociña.

– 1 auxiliar técnico educativo.

– 1 limpador/a.

Artigo 3. Garantía dos usuarios

Sen prexuízo do que establecen os artigos anteriores, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios dos establecementos docentes.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade
e Formación Profesional