Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 1 de outubro de 2019 Páx. 43322

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 18 de setembro de 2019 pola que se convoca o curso superior Introdución ás axendas urbanas: das estratexias de desenvolvemento urbano sustentable e integrado ás axendas urbanas (DUSI). Novas oportunidades para as entidades locais galegas.

Unha vez aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2019, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o curso superior «Introdución ás axendas urbanas: das estratexias de desenvolvemento urbano sustentable e integrado ás axendas urbanas (DUSI). Novas oportunidades para as entidades locais galegas», de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

O curso ten, entre outros, os seguintes obxectivos:

1º. Dar a coñecer ao persoal da Administración pública de Galicia os distintos aspectos dun novo escenario de axendas internacionais e urbanas que ofrece novas oportunidades ás cidades.

2º. Profundar nas relacións entre as distintas axendas e o grao de integración entre elas nos distintos niveis e ámbitos territoriais de implementación, e o rol que as axendas urbanas teñen na consecución dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS)(Axenda 2030) nos seus territorios.

3º. Transmitir a necesidade de integrar os obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) e o seu sistema de indicadores nas políticas públicas municipais e autonómicas.

4º. Dar a coñecer un conxunto de metodoloxías e criterios para fortalecer as capacidades de organización e de acción conxunta local para abordar a realización dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS) nas nosas cidades e territorios.

5º. Coñecer experiencias de referencia para a elaboración e a implementación de plans de acción e axendas urbanas en distintos territorios.

2. Contidos.

O programa do curso estrutúrase nos seguintes bloques:

Bloque I. Marco global: a Axenda 2030.

A) Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable: implementación dos obxectivos de desenvolvemento sustentable (ODS).

B) Visión municipalista Axenda 2030 no ámbito local.

Bloque II. Axendas urbanas internacionais I: nova axenda urbana-Hábitat III.

Bloque III. Axendas urbanas internacionais II: axenda urbana para a Unión Europea.

A) Axenda urbana para a Unión Europea (AUE). Acervo urbano europeo.

B) AUE. Políticas urbanas europeas.

C) AUE. Contexto e seguintes pasos.

Bloque IV. Axenda urbana transfronteiriza.

Axenda urbana para a Eurorexión Galicia-Norte de Portugal.

Bloque V. Axenda urbana española e axendas rexionais.

A) AU española.

B) AU de Andalucía.

C) AU vasca.

D) Implementación da Axenda 2030 na Xunta de Galicia.

Bloque VI. Axendas urbanas locais.

Fortalecemento de capacidades locais e indicadores de sustentabilidade.

A) Plans de acción local.

B) Axenda urbana e estratexia urbana.

C) Sistema básico de indicadores.

Bloque VII. Estudo de casos.

A) Estudo de caso. Málaga.

B) Estudo de caso. Murcia.

C) A modo de conclusión. Das estratexias de desenvolvemento urbano sustentable e integrado (DUSI) ás axendas urbanas.

3. Número de prazas: 80.

4. Desenvolvemento.

Lugar: EGAP; rúa Madrid, 2-4. Santiago de Compostela.

Datas: 16, 23 e 30 de outubro; 6, 13, 20 e 27 de novembro, e 4 de decembro de 2019.

Horario: de mañá e tarde.

Duración: 35 horas lectivas.

5. Persoas destinatarias.

Persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica, como local e de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia e das universidades do Sistema universitario de Galicia que se encadren nalgunha das seguintes categorías:

a) Grupo A (subgrupos A1 ou A2) do persoal funcionario.

b) Grupos I ou II do persoal laboral.

No caso de non se cubrir a totalidade das prazas convocadas, as vacantes que resulten poderán cubrirse por profesionais que estean en posesión do título de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

Para os efectos do establecido na Resolución do Instituto Nacional de Administración Pública (INAP), do 26 de outubro de 1994 (BOE núm. 267, do 8 de novembro, e corrección no BOE núm. 311, do 29 de decembro), pola que se establecen os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos da Administración local en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións públicas, do 10 de agosto de 1994, e no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro (DOG núm. 52, do 16 de marzo e corrección no DOG núm. 77, do 22 de abril), sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/das funcionarios/as con habilitación de carácter estatal, a este curso outorgaráselle unha puntuación de 0,5 puntos.

6. Inscrición.

6.1. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só se poderán realizar mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula>. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

6.2. O prazo para a inscrición permanecerá aberto desde as 8.00 horas do día seguinte ao da publicación da convocatoria do curso no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 8 de outubro de 2019.

6.3. Antes de formalizaren a súa inscrición nesta actividade, todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 5 desta convocatoria.

6.4. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7. Comprobación de datos.

7.1. Para a tramitación do procedemento, consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

7.2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

7.3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, coa indicación expresa a este respecto, en que deberán achegar a documentación que acredite a Administración a que pertenza, a situación administrativa e o tipo de persoal.

8. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes, de acordo cos criterios establecidos no punto 5, persoas destinatarias, desta resolución.

9. Publicación da listaxe de persoas seleccionadas e prazo de presentación de alegacións.

9.1. Na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP ( https://egap.xunta.gal/) publicarase a listaxe de persoas seleccionadas, así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas sexa superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera ou están excluídas de acordo co disposto no punto segundo, ordinal 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

O prazo de presentación de alegacións será de dous días contados desde a súa publicación.

9.2. Transcorrido o prazo de alegacións, publicarase na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/) a listaxe definitiva de persoas admitidas no curso.

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

10.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

10.2. A renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte das persoas responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas alíneas a) e b) pasarán ao final das listas de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa terá lugar un control permanente de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

c.1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de dez (10) días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de aproveitamento na actividade formativa.

c.2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listas de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Facultades da organización do curso.

11.1. A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a facultade de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización; nese caso, empregará os medios de notificación ás persoas interesadas previstos na normativa vixente.

11.2. A EGAP garantirá na acción derivada desta convocatoria a promoción da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, a eliminación de calquera tipo de discriminación e o fomento dos dereitos de conciliación.

12. Certificado electrónico de aproveitamento.

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de aproveitamento, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas rexistradas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública