Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Martes, 1 de outubro de 2019 Páx. 43329

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 23 de setembro de 2019 pola que se convoca a xornada Administración e xestión xudicial de activos.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2019, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da EGAP, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar a xornada Administración e xestión xudicial de activos, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

O obxectivo principal desta xornada é dar a coñecer a situación legal dos activos intervidos xudicialmente no marco dos procedementos penais así como as distintas ferramentas e posibilidades de xestión, administración e realización que se atopan ao dispor das unidades xudiciais, coa finalidade de optimizar a xestión dos ditos patrimonios.

Para acadar este obxectivo, analizarase o marco legal de referencia e a divulgación de boas prácticas que nesta materia están a levarse a cabo na Unión Europea. En particular, afondarase no coñecemento da Oficina de Recuperación e Xestión de Activos (ORGA) e o Servizo de Xestión de Bens Mobles Intervidos ao Narcotráfico en Galicia (SXB), recursos ao servizo das unidades e profesionais da Administración de xustiza e as forzas e corpos de seguridade do Estado en Galicia.

2. Contidos.

Trataranse, entre outros, os seguintes temas:

– Marco legal. Lexislación de referencia.

– A administración de activos desde o ámbito da Fiscalía.

– A administración de bens desde a perspectiva da Audiencia Nacional.

– A Oficina de Recuperación e Xestión de Activos. Características, implantación e funcionamento en Galicia.

– Servizo de Xestión de Bens Intervidos ao Narcotráfico en Galicia (SXB). Características, implantación e funcionamento en Galicia.

– Experiencia e visión da incautación de bens desde as forzas e corpos de seguridade do Estado.

– Experiencia e visión desde a Administración de xustiza.

3. Persoas destinatarias.

A xornada está dirixida ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia e das universidades do Sistema universitario de Galicia, xuristas, profesionais e persoas interesadas en xeral.

4. Desenvolvemento.

Data: martes, 8 de outubro de 2019.

Horario: de mañá e tarde.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública. Rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Duración: 7 horas lectivas.

5. Número de prazas: limitado pola capacidade do local.

6. Inscrición.

6.1. O prazo para a inscrición estará aberto desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o día 6 de outubro de 2019.

6.2. As solicitudes de participación nesta actividade formativa só poderán realizarse mediante o formulario de matrícula telemática dispoñible no enderezo <https://egap.xunta.gal/matricula> desde as 8.00 horas da data de inicio do prazo de presentación de solicitudes ata as 23.55 horas da data de finalización. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez que se complete correctamente o proceso de matriculación.

7. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e hora de presentación das solicitudes ata completar o aforo do local.

8. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado.

Na epígrafe deste curso da páxina web da EGAP (https://egap.xunta.gal/), publicarase a listaxe de persoas seleccionadas así como tamén un número adecuado de reservas no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas.

Entenderase que as persoas que non figuren na relación foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria, ocupan un posto máis afastado na listaxe de agarda ou se atopan excluídas de acordo co disposto na epígrafe segunda, punto 6º, da Resolución do 4 de xaneiro de 2008 pola que se actualizan os criterios de participación nas actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (DOG núm. 7, do 10 de xaneiro).

9. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

9.1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

9.2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

– Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

– Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte de persoas responsables dos centros directivos.

– Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, como mínimo un día antes do comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de agarda de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

9.3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1º. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante as persoas responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2º. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

10. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustifica a súa realización.

11. Certificado de asistencia oficial.

Ao final da xornada emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización da xornada, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública