Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 185 Luns, 30 de setembro de 2019 Páx. 43183

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 20 de setembro de 2019, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1, escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización do segundo exercicio do proceso selectivo.

En sesión que tivo lugar o 13 de setembro de 2019, o tribunal nomeado pola Orde do 31 de maio de 2019 (DOG núm. 107, do 7 de xuño) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A1 escala superior de finanzas, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 48, do 8 de marzo), acordou: a) solicitar da Dirección Xeral da Función Pública a ampliación do prazo establecido nun mínimo de 10 días hábiles e un máximo de 20 e b) fixar, de conformidade co disposto na base II.1.2.6. da convocatoria, o día 19 de outubro para a celebración do segundo exercicio, sempre que sexa atendida a solicitude a que se refire a letra a) anterior.

Unha vez acordada a ampliación do prazo e publicada esta no DOG núm. 179, do 20 de setembro de 2019, comunícase que o segundo exercicio terá lugar o 19 de outubro de 2019, en chamamento único que se iniciará ás 9.00 horas, nas aulas 6, 7 e 9 da Facultade de Dereito de Santiago de Compostela.

Os/as aspirantes deberán ir provistos de DNI ou de documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul. Os aspirantes serán provistos de calculadora polo tribunal e quedará prohibido o uso de calculadoras distintas daquelas que se lles faciliten.

Para o desenvolvemento deste exercicio as persoas aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios; admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas nas cales figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples, sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, está expresamente prohibida a utilización de libros de consulta, das resolucións do presidente do Instituto de Contabilidade e Auditoría de Contas, e de temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal e o persoal colaborador poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar que se axusta ao establecido no parágrafo anterior. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

Non se permitirá o acceso ás aulas en que se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas, reloxos intelixentes ou calquera outro material ou instrumento de que se poida valer o/a aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará ningún servizo de recollida de móbiles.

Santiago de Compostela, 20 de setembro de 2019

Mª Sonia Lafont Sendino
Presidenta do tribunal