Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 184 Venres, 27 de setembro de 2019 Páx. 42839

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 16 de setembro de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas promovidos por concellos, mancomunidades de concellos ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria (código de procedemento SA463G).

A evidencia científica dispoñible indica que a estratexia más axeitada para diminuír o impacto sanitario e social do uso de substancias adictivas no contexto actual é actuar mediante unha combinación de medidas que interveñan de xeito simultáneo nos ámbitos da exposición e a accesibilidade ás substancias psicoactivas, do seu consumo e da redución do dano asociado.

A Xunta de Galicia é unha Administración sensible a este problema xerado polo consumo de substancias adictivas e vén traballando neste tema desde hai máis de 30 anos. No ano 1986 nace o Plan autonómico sobre drogodependencias, froito da necesidade de reordenar e vertebrar a loita contra as substancias psicoactivas que ata aquel momento se desenvolvía en Galicia. Este plan intentaba reunir todas as accións que se estaban a desenvolver para abordar e reducir os problemas derivados do consumo destas substancias. Desde o seu inicio buscaba dirixir os esforzos da Administración autonómica en tres direccións: a organización, a planificación xeral e a coordinación das actuacións das diversas administracións, institucións e organismos implicados na loita contra as adiccións.

No ano 1996 apróbase a Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, que establece no seu capítulo II que a planificación dos obxectivos, prioridades e estratexias de actuación que en materia de drogodependencias se realicen na nosa Comunidade Autónoma, preveranse nun Plan de Galicia sobre drogas. Esta lei indica ademais cales son as accións que se levarán a cabo nas áreas de prevención, asistencia, incorporación social, formación, investigación, coordinación e outras que se estimen oportunas polas distintas administracións públicas, asociacións e organizacións non gobernamentais.

A planificación estratéxica vixente en Galicia en materia de trastornos adictivos segue ademais as prioridades e liñas de actuación definidas tanto pola Estratexia nacional sobre drogas como pola Estratexia da Unión Europea en materia de loita contra a droga. Esta última, na súa planificación para os anos 2013 a 2020, proporciona o marco xeral e as prioridades de intervención para os estados membros.

Unha destas liñas de actuación prioritaria no ámbito da redución da demanda refírese á implantación de medidas dirixidas a mellorar a dispoñibilidade e eficacia dos programas de prevención e fomentar a sensibilización da poboación respecto do risco que supón o consumo de substancias adictivas legais e ilegais e das súas consecuencias. Con este fin, as medidas de prevención deben incluír a detección e intervención temperáns, o fomento de estilos de vida saudables e a prevención específica (selectiva e indicada) dirixida tamén a familias e comunidades.

Outra liña incide no esforzo que se debe realizar na elaboración e implantación de medidas de redución da demanda eficaces e diferenciadas, e que sexan apropiadas para as necesidades específicas de determinados grupos, patróns ou modalidades de consumo específicos; con atención especial aos grupos máis vulnerables e marxinados.

Por último, esta estratexia anima tamén a fomentar a participación e implicación activa e significativa da sociedade civil (incluídas as organizacións non gobernamentais, as persoas consumidoras de substancias adictivas e as persoas usuarias dos servizos relacionados co consumo destas substancias) na loita contra este problema de saúde pública.

Os sistemas de información dispoñibles amosan a realidade actual dos consumos de substancias adictivas no noso contorno. Segundo a última edición publicada da Enquisa sobre alcohol e drogas en España (Edades 2015) sinala que o alcohol é a substancia psicoactiva máis xeneralizada na poboación galega de 15 a 64 anos, na medida en que o 97,2 % refire que tomou bebidas alcohólicas nalgunha ocasión na súa vida, o 82,9 % nos últimos 12 meses e o 65,4 % nos últimos 30 días. O tabaco segue sendo a segunda substancia de maior consumo en Galicia, onde o 34,4 % da poboación fumou nos últimos 30 días; e o cannabis consolídase como a terceira substancia máis consumida (a primeira das substancias ilegais). Con respecto ao resto de substancias analizadas, o 10,4 % refire ter consumido cannabis nos últimos 12 meses, o 2,8 % cocaína, o 0,2 % heroína e o 0,6 % éxtase.

De maneira similar ao acontecido coa enquisa Edades, a enquisa sobre uso de drogas en ensinanzas secundarias en España (Estudes 2014-15) indica que as substancias consumidas por unha maior porcentaxe de estudantes de 14 a 18 anos son o alcohol, o tabaco e o cánnabis: o 69,3 % refire ter consumido alcohol nos últimos 12 meses, o 31,1 % tabaco e o 22,2 % cannabis. No caso do alcohol, as cifras de prevalencia de consumo aumentaron nestes últimos anos de xeito leve. No caso do tabaco e do cannabis, os datos reflicten unha tendencia de consumo lixeiramente ascendente.

Tendo en consideración todo o anterior e resaltando a importancia de promover a participación social e a cooperación institucional entre os diferentes organismos e institucións que levan a cabo accións neste tema, esta orde pretende fomentar e dar continuidade ás políticas de prevención do consumo de substancias psicoactivas levadas a cabo polas entidades locais galegas.

A orde conta cun total de 30 artigos, unha disposición adicional e 2 disposicións derradeiras. Ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva de subvencións a proxectos de prevención de condutas adictivas, e poderán concorrer á concesión destas axudas todos aqueles concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia que pretendan desenvolver un proxecto obxecto da presente orde.

En consecuencia, e no uso das facultades que me foron conferidas,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar en réxime de concorrencia competitiva a concesión de subvencións para o cofinanciamento de proxectos de prevención de condutas adictivas realizados por entidades locais galegas (código de procedemento SA463G).

Artigo 2. Normativa aplicable

As solicitudes, a súa tramitación e a resolución axustaranse ao previsto nesta orde.

Aos aspectos non contidos nesta orde aplicaráselle o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento; os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e os do seu regulamento de execución; así como a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; e demais normativa de aplicación.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán concorrer á concesión destas subvencións todos aqueles concellos e mancomunidades da Comunidade Autónoma de Galicia que pretendan desenvolver, individualmente ou agrupados, un proxecto de prevención de condutas adictivas e que reúnan os requisitos sinalados no artigo 4 da orde.

A asignación económica da subvención terá carácter individual para cada concello e mancomunidade, agás no caso das agrupacións de concellos, no que se asignará unha única subvención para realizar un proxecto común.

Artigo 4. Requisitos

1. Os requisitos para obter a condición de beneficiario da subvención son os seguintes:

a) A existencia, ou creación, se é o caso, dunha unidade de prevención de condutas adictivas, que contará coa infraestrutura física e de medios axeitada para o desenvolvemento dos programas e as actividades que deberá levar a cabo.

b) A unidade á que fai referencia a epígrafe anterior estará constituída, polo menos, por unha persoa, profesional con titulación universitaria e formación específica en condutas adictivas, que actuará como representante técnica do proxecto ante a Consellería de Sanidade.

En cumprimento da prohibición establecida no punto 5 do artigo 13 da Lei orgánica 1/1996, do 15 de xaneiro, de protección xurídica do menor, as entidades beneficiarias de subvención garantirán que as persoas traballadoras que vaian participar en programas cuxo desenvolvemento implique contacto directo con persoas menores de idade non posúan antecedentes penais por delitos sexuais. A Consellería de Sanidade resérvase o dereito de requirir durante a fase de resolución os certificados que acrediten esta situación.

c) A presentación dun proxecto de actuación para os anos 2019, 2020, 2021 e 2022 orientado á prevención das condutas adictivas.

d) O proxecto de prevención comprenderá entre 4 e 8 dos programas definidos no artigo 6.

1º. Este proxecto incluirá obrigatoriamente algún de 2 dos 3 ámbitos principais de intervención: escolar, familiar e xuvenil.

2º. Se a Consellería de Sanidade actualizase a carteira de servizos en materia de prevención do Plan de Galicia sobre drogas o compromiso de realización de programas ao que se refire o punto 4 deste artigo extenderíase aos programas equivalentes incluídos na nova carteira. De ser o caso e co fin de facilitar a transición, a consellería establecería unha táboa de equivalencias entre programas antigos e novos, de xeito que se garantiría a continuidade das actividades programadas.

e) Estar inscrito/a, no momento da solicitude da subvención, no Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas regulado no Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de Entidades Colaboradoras do Plan de Galicia sobre Drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese, modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro. No caso das solicitudes de agrupacións ou mancomunidades de concellos será suficiente con que este requisito sexa cumprido por un dos concellos.

f) O proxecto presentado deberá abranguer unha área de actuación mínima de 10.001 habitantes, podendo ser de carácter municipal ou abarcar varios concellos para os cales se presente un proxecto común. A poboación destinataria do proxecto comprobarase no último padrón municipal publicado polo Instituto Galego de Estatística o día que remate o prazo de presentación de solicitudes.

g) A entidade solicitante optará necesariamente á clase que lle corresponda en función da poboación que abranga o seu proxecto.

h) As intervencións que se desenvolverán neste proxecto preventivo non poderán dirixirse a poboación que xa sexa beneficiaria de intervencións similares realizadas por outras institucións ou entidades, de carácter público ou privado, ao mesmo tempo.

i) As entidades solicitantes deberán ter remitido ao Consello de Contas as contas xerais do último exercicio ao que estean legalmente obrigadas, de acordo co disposto no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. No caso das solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, este requisito deberá ser cumprido por cada un dos concellos integrantes.

j) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. No caso das solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, este requisito deberá ser cumprido por cada un dos concellos integrantes.

k) Presentar a solicitude no prazo e forma que establece o artigo 13.

l) Enviar á Consellería de Sanidade todos os materiais e publicacións (en formatos físicos ou electrónicos) que se elaboren no contexto das axudas reguladas por esta orde para que sexan revisados e aprobados. Os materiais que utilicen a imaxe corporativa da Consellería de Sanidade deberán cumprir ademais cos criterios oficiais de identidade corporativa da Xunta de Galicia.

2. Os requisitos para ser beneficiarios da subvención deberán cumprirse antes do final do prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 5. Convenios reguladores das agrupacións de concellos

1. Os concellos poderán agruparse e presentar de maneira conxunta unha solicitude de subvención para realizar un proxecto común.

2. A agrupación de concellos deberá ser regulada mediante un convenio de colaboración cuxo obxecto sexa o desenvolvemento conxunto do proxecto e que conteña o seguinte contido mínimo:

a) As achegas económicas e os compromisos de execución asumidos polos concellos agrupados.

b) O compromiso solidario de execución do proxecto e de aplicación solidaria da subvención.

No caso de que algún dos concellos integrantes da agrupación cause baixa nela, os restantes comprométense a desenvolver o proxecto inicialmente proposto na súa área de influencia.

c) O compromiso de non disolver a citada agrupación en tanto non transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 36 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

3. O convenio de colaboración subscrito polas partes deberá achegarse no prazo máximo dun mes contado desde a notificación da resolución de concesión da subvención, aínda que se poderá presentar coa solicitude de subvención.

Artigo 6. Contidos dos proxectos

De acordo co establecido na carteira de servizos en materia de prevención do Plan de Galicia sobre drogas:

1. Serán programas básicos os seguintes:

a) Ámbito escolar: «PPCDE/Saúde na escola» e «Non pasa nada ¿pasa algo?».

b) Ámbito familiar: «Máis que un teito», «En familia todos contan» e «Entre todos».

c) Ámbito xuvenil: «Activa» e «Cambio de sentido».

2. Serán programas complementarios:

a) Os seguintes programas da carteira de servizos: «Ao alcance», «Cine e saúde», «Odisea», «Creative» (sempre que sexa desenvolvido con medios propios da entidade), «Acais», «Información-sensibilización» e «Formación de mediadores».

b) Calquera outro que a entidade solicitante considere oportuno desenvolver.

Poderanse presentar ata un máximo de 3 programas complementarios. Neste caso terán unha especial valoración as actividades relacionadas coa prevención do consumo de cannabis, o xogo patolóxico e os problemas relacionados co uso de internet e as TIC.

Os programas da carteira de servizos «Alternativa», «Sísifo», «Itínere» e «Penélope» non serán valorados nesta convocatoria de axudas.

Todos os programas e actividades que se planifiquen deberán prever necesariamente a perspectiva de xénero.

Artigo 7. Funcións da unidade de prevención de condutas adictivas

Serán funcións da unidade de prevención á que se refire o punto 1 do artigo 4 as seguintes:

1. Executar e avaliar os programas de prevención de condutas adictivas incluídos no proxecto presentado, así como rexistrar as actividades realizadas na aplicación informática Sapis.

2. Ser un nexo de unión entre a Consellería de Sanidade e calquera entidade ou institución que teña relación coa prevención das condutas adictivas e atender e canalizar as demandas de información, asesoramento e formación sobre este tema no seu ámbito territorial. Do mesmo xeito deberá difundir á sociedade as actividades preventivas que se estean realizando.

3. Detectar no seu ámbito posibles incumprimentos da normativa sobre promoción, publicidade, venda, subministración e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco.

4. Atender ás indicacións da Dirección Xeral de Saúde Pública derivadas dos principios e directrices do plan de trastornos adictivos vixente.

5. Elaborar os informes que permitan o seguimento e a avaliación dos proxectos preventivos segundo os procedementos que determine a Dirección Xeral de Saúde Pública.

6. Colaborar coas organizacións e institucións que a Dirección Xeral de Saúde Pública designe para monitorizar e avaliar as actividades e os programas preventivos desenvoltos.

Artigo 8. Dispoñibilidade orzamentaria

1. A contía total das subvencións concedidas ao abeiro desta orde ascende a 2.213.463,00 euros, e financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 1202.413A.460.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Este orzamento distribuirase en catro anualidades do seguinte xeito:

a) Ano 2019: 368.910,50 €.

b) Ano 2020: 737.821,00 €.

c) Ano 2021: 737.821,00 €.

d) Ano 2022: 368.910,50 €.

2. Estas contías poderíanse ver incrementadas, se for o caso, a través das oportunas modificacións orzamentarias por maior dispoñibilidade de crédito como consecuencia dalgunha das circunstancias expostas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; incluíndo a dispoñibilidade de fondos procedentes do Estado, aplicándose en todo o demais o disposto no mencionado artigo.

3. No caso de que se producise este incremento de crédito a Consellería de Sanidade repartiríao do seguinte xeito:

a) Faríase unha repartición unicamente entre as entidades beneficiarias que non recibisen o 100 % solicitado na asignación ordinaria de subvencións. Se se dese o caso de que todas as entidades beneficiarias xa recibiran o 100 % solicitado a repartición faríase, de xeito excepcional, entre todas as entidades que recibiran subvención (sen contar coas que non a recibiran).

b) Esta nova repartición faríase de xeito proporcional, tendo en conta a puntuación acadada por cada unha delas no artigo 11 e seguindo o mecanismo de asignación establecido no artigo 12.3.

c) A xustificación deste novo crédito dispoñible faríase do mesmo xeito que o crédito inicialmente outorgado a cada entidade.

4. En calquera caso, a concesión das subvencións reguladas nesta orde limitarase á dispoñibilidade orzamentaria existente no momento da súa resolución. As subvencións que se concedan e as contribucións que se conveñan terán carácter ocasional, estarán suxeitas a limitación orzamentaria e non xerarán ningún dereito de continuidade na asignación de financiamento ás entidades destinatarias para exercicios sucesivos.

5. O ritmo de execución das actividades ao longo do período subvencionable deberá axustarse á dispoñibilidade orzamentaria de cada anualidade, tal e como se detalla no artigo 28.

Artigo 9. Normas xerais sobre as subvencións

1. A contía solicitada será, como máximo, o 95 % do orzamento do proxecto, correspondéndolle á entidade solicitante a achega mínima con fondos propios do 5 % restante en concepto de cofinanciamento. En ningún caso a contía da subvención solicitada poderá ser superior ao crédito orzamentario dispoñible na súa clase.

2. A subvención, en ningún caso, superará a contía solicitada (excepto no caso previsto no artigo 8.3.a) nin o 95 % do orzamento do proxecto. Ademais, o importe máximo desta subvención non poderá superar o custo das actividades que desenvolva/n a/as entidade/s beneficiaria/s, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados.

3. A entidade solicitante poderá establecer un esforzo de cofinanciamento superior ao mínimo establecido no punto 1 deste artigo. A porcentaxe de cofinanciamento sinalada no anexo I de solicitude será vinculante e establecerá o límite máximo da contía dos pagamentos regulados no artigo 28 desta orde. Deste xeito, na solicitude deberá especificarse a contía total do proxecto que se desenvolverá, resultado de sumar a subvención que se solicita, a contía do cofinanciamento que a entidade solicitante achega ao proxecto e, se for o caso, outras axudas recibidas para este mesmo fin.

4. Os proxectos presentados de forma agrupada serán inadmitidos ou excluídos se se detectase que non hai unha realización conxunta das actividades e que, polo tanto, supoñan actuacións independentes en cada integrante da agrupación.

5. Subvencionaranse os programas e as actividades recollidos no proxecto e desenvolvidos entre o 1.7.2019 e o 30.6.2022.

6. Só se subvencionará un proxecto, presentado individualmente ou por unha agrupación ou mancomunidade de concellos. Por iso só se poderá concorrer a unha das clases especificadas no artigo 9. No caso dos proxectos cuxa área de actuación se enmarque en varios concellos, asignarase unha única subvención para realizar un proxecto común.

7. Dentro de cada clase os proxectos serán seleccionados con base á puntuación que acaden en aplicación dos criterios de baremación especificados no artigo 11.

8. Só serán seleccionados para a adxudicación da subvención aqueles proxectos que acaden unha puntuación mínima de 45 puntos na fase de baremación.

9. Para o procedemento de selección de proxectos e asignación de contías, aplicarase o procedemento especificado nos puntos 5 e 6 do artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e no previsto nas presentes bases.

10. Se dous ou máis proxectos acadasen a mesma puntuación na fase de baremación, o desempate resolverase seguindo os seguintes criterios:

a) O que empregue a lingua galega tanto na redacción como no desenvolvemento das actividades propostas.

b) O que obteña maior valoración no punto 1 do artigo 11.

c) O que obteña maior valoración no punto 9 do artigo 11.

d) O que obteña maior valoración no punto 10 do artigo 11.

e) De persistir o empate resolveríase por sorteo simple.

11. A subvención que se concederá para cada proxecto será aboada de conformidade co establecido no artigo 28 relativo ao pagamento e á xestión económica.

Artigo 10. Clases e contías das subvencións

Existen dúas clases de subvencións:

1. Clase 1. Proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva en concellos individuais, agrupacións ou mancomunidades de concellos que abrangan unha poboación igual ou superior aos 70.001 habitantes.

Destínase a esta clase o 30 % do crédito orzamentario dispoñible especificado no artigo 8.1 (664.038,90 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de 8 proxectos que acaden maior puntuación. Nesta clase, a subvención mínima a solicitar será de 56.000,00 euros.

2. Clase 2. Proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva en concellos individuais, agrupacións ou mancomunidades de concellos que abrangan unha poboación entre 10.001 e 70.000 habitantes.

Destínase a esta clase o 70 % do crédito orzamentario dispoñible especificado no artigo 8.1 (1.549.424,10 €), e outorgaráselle subvención a un máximo de 32 proxectos que acaden maior puntuación. Nesta clase, a subvención mínima que se vai solicitar será de 32.000,00 euros.

Artigo 11. Criterios de baremación

Os criterios de baremación que se aplicarán á hora de seleccionar os proxectos presentados son os seguintes:

1. Calidade técnica do proxecto de prevención de condutas adictivas (ata 42 puntos). Valorarase con ata 5,25 puntos cada un dos programas presentados (de acordo co establecido no artigo 6).

Para a avaliación dos programas e o cálculo da súa correspondente puntuación, cada un deles computará nun índice base de 100 unidades, equivalente ao máximo de 5,25 puntos alcanzables por cada programa. Este cálculo farase convertendo as unidades en puntos mediante regra de tres simple.

2. Pola mera presentación dunha solicitude conxunta de varios concellos nun proxecto común (xa sexan agrupados ou en mancomunidade), nos termos e requisitos que se establecen nesta orde: 10 puntos.

3. Co fin de fomentar a agrupación de concellos, incentivaranse con ata 10 puntos aqueles proxectos que promovan o asociacionismo mutuo presentando un proxecto común, agrupados ou en mancomunidade, de acordo coa seguinte puntuación:

a) Polo número de concellos agrupados:

1º. Proxecto que agrupe a dous concellos: 1 punto.

2º. Proxecto que agrupe tres concellos: 2 puntos.

3º. Proxecto que agrupe catro concellos: 3 puntos.

4º. Proxecto que agrupe cinco concellos: 4 puntos.

5º. Proxecto que agrupe a seis ou máis concellos: 5 puntos.

b) Polo número de poboación total dos concellos agrupados:

1º. De 10.001 a 15.000 habitantes: 1 punto.

2º. De 15.001 a 20.000 habitantes: 2 puntos.

3º. De 20.001 a 30.000 habitantes: 3 puntos.

4º. De 30.001 a 40.000 habitantes: 4 puntos.

5º. De 40.001 ou máis habitantes: 5 puntos.

4. Valorarase con ata 10 puntos a presentación dunha memoria de aforro de custos das solicitudes formalizadas conxuntamente (agrupados ou en mancomunidade), respecto da formalizada de modo individual.

No caso de que unha entidade resultante dunha fusión municipal ou en proceso de fusión presentase solicitude outorgaránselle os 30 puntos previstos nos puntos 2, 3 e 4 pola simple presentación da solicitude.

5. Poboación escolarizada. Valorarase con ata 6,5 puntos o número de mozos e mozas escolarizados/as nos ciclos de educación infantil, primaria e ESO na área xeográfica de actuación do proxecto preventivo. A puntuación asignarase en cada clase do seguinte xeito:

a) Clase 1:

1º. 5.001 a 10.000 escolares: 1 punto.

2º. 10.001 a 15.000 escolares: 2 puntos.

3º. 15.001 a 20.000 escolares: 3 puntos.

4º. 20.001 a 25.000 escolares: 4 puntos.

5º. 25.001 a 30.000 escolares: 5 puntos.

6º. Máis de 30.000 escolares: 6,5 puntos.

b) Clase 2:

1º. 1.001 a 2.000 escolares: 1 punto.

2º. 2.001 a 3.000 escolares: 2 puntos.

3º. 3.001 a 4.000 escolares: 3 puntos.

4º. 4.001 a 5.000 escolares: 4 puntos.

5º. 5.001 a 6.000 escolares: 5 puntos.

6º. Máis de 6.000 escolares: 6,5 puntos.

O número de escolares matriculados/as no/nos concello/s no/nos que se desenvolve o proxecto será comprobado na información publicada polo Instituto Galego de Estatística sobre alumnado matriculado en centros sustentados con fondos públicos segundo o sexo en educación infantil, primaria e ESO. A consulta da información farase o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e referirase ao último ano académico para o que se teñan datos.

6. Experiencia no desenvolvemento de programas de prevención de condutas adictivas, expresada en anos de colaboración coa Consellería de Sanidade ou co Servizo Galego de Saúde:

a) Tempo de colaboración igual ou superior a 15 anos: 4 puntos.

b) Tempo de colaboración entre 10 e 14 anos: 3 puntos.

c) Tempo de colaboración entre 5 e 9 anos: 2 puntos.

d) Tempo de colaboración inferior a 5 anos: 1 punto.

No caso das solicitudes presentadas conxuntamente só se valorará esta epígrafe unha vez, asignándoselle os puntos da entidade con maior tempo de colaboración.

7. Segundo o índice de risco epidemiolóxico (IRE) do espazo xeográfico no que se desenvolve o proxecto:

a) Se está definido como alto: 3 puntos.

b) Se está definido como medio-alto: 2 puntos.

c) Se está definido como baixo: 1 punto.

No caso das solicitudes presentadas conxuntamente só se valorará esta epígrafe unha vez, asignándoselle os puntos da entidade co IRE máis alto.

8. Titulación e xornada laboral do persoal co que vaia contar a entidade beneficiaria para levar a cabo o proxecto (tomando como referencia os grupos de clasificación dos corpos e escalas do persoal funcionario da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia establecidos na Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia). Valorarase do seguinte xeito, con ata 6 puntos, o persoal contratado a xornada completa:

– Por cada persoa con título universitario oficial de grao (grupo A), 1,5 puntos.

– Por cada persoa con título de técnico superior (grupo B), 1 punto.

– Por cada persoa con título de bacharel, de técnico ou graduado en educación secundaria obrigatoria (grupo C), 0,5 puntos.

Para os efectos da valoración das xornadas laborais definidas neste punto, considerarase xornada completa a de 7,5 horas diarias ou de 37,5 horas semanais. A valoración das xornadas parciais calcularase de forma proporcional en función da xornada declarada para cada un dos niveis profesionais, segundo as puntuacións expresadas nos puntos anteriores e redondeando a puntuación a dous decimais.

9. Porcentaxe de cofinanciamento do proxecto asumido pola entidade solicitante:

a) Igual ou superior ao 35 %: 5 puntos.

b) Entre o 28 % e o 34 %: 4 puntos.

c) Entre o 21 % e o 27 %: 3 puntos.

d) Entre o 14 % e o 20 %: 2 puntos.

e) Entre o 7 % e o 13 %: 1 punto.

10. Custo medio da intervención. Calcularase para cada proxecto o custo medio da intervención por programa e mil habitantes (CMP) tendo en conta o custo total do proxecto, o número de programas que se van desenvolver e a poboación de referencia. Farase de acordo á fórmula seguinte:

A valoración do custo medio farase do seguinte xeito:

a) Clase 1: ≤250,00 €: 3 puntos. >250,00 € e ≤400,00 €: 1,5 puntos.

b) Clase 2: ≤350,00 €: 3 puntos. >350,00 € e ≤600,00 €: 1,5 puntos.

11. A existencia nas entidades locais de plans de igualdade nos termos previstos na Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes e no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, que recollan, entre outras medidas, o fomento da conciliación da vida persoal, familiar e laboral, valorarase con 0,5 puntos.

No caso das agrupacións e mancomunidades a máxima puntuación outorgarase cando todas as entidades que as integran contan con plans de igualdade. Noutro caso, a puntuación outorgarase de acordo co seguinte criterio:

– Máis do 30 % e ata o 50 % dos concellos contan con plan de igualdade: 0,15 puntos.

– Máis do 50 % e ata o 70 % dos concellos contan con plan de igualdade: 0,25 puntos.

– Máis do 70 % dos concellos contan con plan de igualdade: 0,5 puntos.

Artigo 12. Cálculo das contías das subvencións

1. En caso de non resultar seleccionado ningún proxecto nalgunha das clases, o orzamento global destinado a esa clase sumarase ao orzamento da outra clase.

2. Para realizar a asignación económica descrita neste artigo realizarase, en primeiro lugar, o cálculo das contías da clase 1 e, cando esta estea rematada, procederase coa clase 2.

3. O mecanismo de asignación dentro de cada clase farase do seguinte xeito:

a) Dividirase o crédito orzamentario dispoñible na clase entre o total de puntos dos proxectos seleccionados, así obterase o valor en euros de cada punto. A contía que se asignará a cada proxecto obterase de multiplicar o valor en euros de cada punto polos puntos obtidos por cada proxecto.

b) Se despois destes cálculos, a contía resultante fose superior á solicitada, asignaráselle esta última de acordo co establecido no artigo 9.2, xerándose, en consecuencia, un resto orzamentario coa diferenza entre ambas cantidades.

c) Os posibles restos que poidan ter xurdido en aplicación do exposto no punto anterior reasignaranse entre os proxectos que aínda non teñan acadado o 100 % da cantidade solicitada. Esta reasignación faríase calculando un novo euro/punto con base na suma das puntuacións destes proxectos que aínda non acadaron o 100 % da contía solicitada e o resto orzamentario dispoñible. Se finalizadas estas operacións seguise existindo algún resto orzamentario, volvería repartirse de acordo coa metodoloxía expresada neste parágrafo ata que este resto se esgote ou que todos os proxectos teñan asignado o 100 % solicitado.

4. De darse o caso de que todos os proxectos de clase 1 acadasen o 100 % solicitado e aínda quede resto orzamentario por repartir, este sumaríase integramente á cantidade que se vai repartir na clase 2.

5. De darse o caso de que todos os proxectos de clase 2 acaden o 100 % solicitado e aínda quede resto orzamentario por repartir, este quedará sen asignar.

Artigo 13. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal (anexo I).

A solicitude poderá ser presentada por un concello de forma individual, por un concello en representación dunha agrupación de concellos, ou por unha mancomunidade de concellos.

Se algunha das entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

3. Ningún concello poderá figurar nunha solicitude conxunta (agrupación ou mancomunidade) e subscribir outra individual. De darse o caso prevalecerá a solicitude realizada de forma conxunta.

Artigo 14. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) No caso de que a solicitude sexa presentada por un concello de forma individual ou por unha mancomunidade:

1º. Memoria explicativa do proxecto, que se axustará ás características definidas no artigo 15 desta orde.

2º. Declaración responsable da persoa representante da entidade local solicitante, segundo o formulario normalizado no anexo II, na que se faga constar:

– As axudas solicitadas e concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, ás distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados e o compromiso de comunicar inmediatamente cantas axudas solicite ou obteña doutras administracións ou doutros entes públicos ou privados a partir da data desta declaración. Se houbese outros ingresos que financien a actividade subvencionada, deberá incluírse una relación detallada de tales ingresos, con indicación do importe e da súa orixe.

– Que a entidade local non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria da subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a entidade local está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro.

3º. Certificado emitido pola persoa titular da secretaría da entidade local, segundo o formulario normalizado no anexo III, no que se faga constar:

– O acordo do órgano competente da entidade local polo que se solicita a subvención para os gastos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e que se aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

Neste acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

– A remisión das contas da entidade local do último exercicio ao que está legalmente obrigada ao Consello de Contas.

No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas efectuouse antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de remisión ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas nas que non se faga constar a data de remisión.

b) No caso de solicitudes conxuntas presentadas por unha agrupación de concellos:

1º. Memoria explicativa do proxecto, que se axustará ás características definidas no artigo 15 desta orde.

2º. Declaración responsable da persoa representante da agrupación de concellos, segundo o formulario normalizado no anexo II, na que se faga constar:

– As axudas solicitadas e concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, ás distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados e o compromiso de comunicar inmediatamente cantas axudas solicite ou obteña doutras administracións ou doutros entes públicos ou privados a partir da data desta declaración. Se houbese outros ingresos que financien a actividade subvencionada, deberá incluírse una relación detallada de tales ingresos con indicación do importe e da súa orixe.

– Que ningún dos concellos integrantes da agrupación está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiaria da subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que a entidade local está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro.

As declaracións orixinais emitidas polos concellos integrantes da agrupación deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, no caso de que sexa requirido polo órgano tramitador.

3º. Certificado emitido, segundo o formulario normalizado no anexo III, pola persoa titular da secretaría do concello representante da agrupación no que se faga constar que, segundo os acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados e/ou os certificados emitidos polas persoas titulares da secretaría de cada un destes, os concellos integrantes da agrupación:

– Acordan solicitar a subvención para os gastos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela.

Neste acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes.

– Acordan o nomeamento da persoa titular da alcaldía como representante con poder suficiente para cumprir os deberes que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación, e que actuará como coordinadora, interlocutora, perceptora e xustificadora da axuda.

– Acordan o compromiso solidario da execución e da aplicación solidaria da subvención.

– Remitiron as contas xerais do último exercicio ao que están legalmente obrigados ao Consello de Contas.

No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas efectuouse antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de remisión ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas nas que non se faga constar a data de remisión.

Os acordos orixinais emitidos polos concellos integrantes da agrupación, así como as certificacións emitidas polas persoas titulares da secretaría de cada concello, deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, no caso de que sexa requirido polo órgano tramitador.

4º. Copia do convenio de colaboración subscrito polas partes (potestativo no momento da solicitude).

2. Non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente. Para estes efectos, as entidades interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas entidades interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

3. A documentación complementaria presentarase por vía electrónica. As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá requirir de maneira motivada a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das entidades interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

5. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 15. Memoria explicativa do proxecto de prevención

A memoria explicativa do proxecto seguirá as seguintes directrices:

1. Características técnicas.

a) O formato do arquivo será de texto ou PDF.

b) O documento estará formateado obrigatoriamente con marxes de 2 cm, letra tipo Arial, tamaño 11 puntos e interlineado sinxelo.

2. Estrutura.

A memoria contará con dous puntos:

a) Descrición xeral do proxecto. Incluirá nun espazo máximo de 5 páxinas, as seguintes epígrafes:

1º. Descrición detallada da unidade de prevención: localización, infraestrutura física e de medios técnicos dispoñibles e descrición de todo o persoal que a compón (con toda a información sobre o número, o sexo, a vinculación contractual, a titulación e a xornada laboral necesaria para calcular a puntuación definida no artigo 10).

2º. Orzamento detallado do proxecto.

3º. Memoria do aforro de custos que supón a presentación conxunta en comparación coa presentación individual das entidades implicadas (esta epígrafe incluirase só no caso de solicitudes de agrupacións ou mancomunidades).

b) Descrición de cada programa. A seguir incluirase unha epígrafe individual para cada un dos programas que compoñen o proxecto preventivo que incluirá, nun espazo máximo de 3 páxinas por programa, as seguintes epígrafes:

1º. Nome do programa.

2º. Xustificación da necesidade da intervención.

3º. Poboación obxectivo detallada.

4º. Modelo teórico de referencia.

5º. Finalidade, metas e obxectivos.

6º. Descrición detallada das actividades que se desenvolverán.

7º. Cronograma detallado das intervencións.

8º. Equipo que desenvolverá a intervención.

9º. Materiais que se utilizarán.

10º. Monitorización e avaliación.

As epígrafes 2º, 4º e 5º desta letra b) só se cubrirán se o programa non está incluido na carteira de servizos.

Artigo 16. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI da persoa representante da entidade solicitante.

c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Tesourería Xeral da Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Tributaria de Galicia.

2. No caso de que as entidades interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no anexo I, segundo corresponda, e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 17. Emendas da solicitude

As unidades administrativas da Dirección Xeral de Saúde Pública responsables da tramitación dos procedementos de concesión das subvencións reguladas nesta orde comprobarán que as solicitudes reúnen todos os requisitos exixidos. Se unha solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, requirirase ao concello interesado para que, de conformidade co disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos nun prazo máximo de 10 días con indicación de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa solicitude e procederase conforme o establecido no citado artigo.

Artigo 18. Instrución e Comisión de Valoración

1. Órganos competentes.

O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión será a Dirección Xeral de Saúde Pública. A través da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, en concreto, do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas, realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación de datos que deben motivar a proposta de resolución.

2. Comisión de Valoración.

Durante a instrución do procedemento constituirase como órgano colexiado unha Comisión de Valoración que terá como función controlar e validar o proceso de revisión das solicitudes presentadas; a avaliación técnica dos proxectos preventivos e a asignación de puntuacións; a selección das entidades que recibirán subvención e o cálculo das contías correspondentes. Unha vez finalizado este proceso, a comisión elaborará un informe que remitirá ao órgano instrutor.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos sempre que asistan a persoa que exerza a presidencia, ou persoa en quen delegue, a persoa que exerza a secretaría e, polo menos, a metade das persoas que a compoñen. Se por calquera causa, no momento no que a Comisión de Avaliación examine as solicitudes, algunha das persoas que a compoñen non puidese asistir, será substituída na forma na que se establece máis adiante neste mesmo artigo.

Para o seu funcionamento a comisión rexerase polo establecido nos artigos 14 ao 22 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, relativos aos órganos colexiados.

A Comisión de Valoración, facendo a motivación oportuna, poderá requirir aos solicitantes das axudas a información ou a documentación adicional que, non estando en poder da Administración, sexa relevante para unha avaliación correcta das solicitudes.

A Comisión de Valoración terá a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa titular da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, ou persoa en quen delegue.

b) Vogalías:

1º. A persoa titular da xefatura do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas, ou persoa en quen delegue de igual rango.

2º. Unha persoa do persoal técnico do devandito servizo, que exercerá as funcións de secretaría.

3º. O persoal técnico da Dirección Xeral de Saúde Pública que, para o efecto, designe a persoa que teña atribuídas as funcións de presidencia da comisión, como persoas responsables da avaliación, se é o caso.

Na composición da Comisión de Valoración procurarase acadar unha composición equilibrada de homes e mulleres.

3. Unha vez avaliadas as solicitudes e á vista do informe da Comisión de Valoración, a Dirección Xeral de Saúde Pública formulará a proposta de resolución debidamente motivada.

4. A proposta de resolución non crea ningún dereito a favor do beneficiario proposto mentres non se lle notifique a resolución de concesión.

Artigo 19. Resolución

1. A proposta de resolución será remitida polo órgano instrutor á persoa titular da Consellería de Sanidade que, de conformidade co previsto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ditará a resolución definitiva, que deberá ser motivada. Esta resolución conterá, de maneira expresa, a relación das entidades solicitantes ás cales se lles concede a subvención e a desestimación do resto das solicitudes, se é o caso.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución das axudas será de cinco meses desde a data de publicación desta orde de convocatoria de axudas no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes.

3. Todo incumprimento ou alteración das condicións en que se basea a concesión da subvención e, se é o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

4. Poderán existir circunstancias que, como consecuencia da alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, dean lugar á modificación da resolución de concesión.

5. Infórmase as entidades interesadas da existencia do Rexistro Público de Subvencións, regulado no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 20. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico practicarán a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 21. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades interesadas propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa entenderase tacitamente aceptada.

2. A aceptación ou renuncia da subvención farase mediante a presentación do formulario normalizado proposto no anexo IV ou por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

3. No caso de que se comunique a renuncia en prazo, a Consellería de Sanidade ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Se non se achegase coa solicitude, as agrupacións de concellos deberán remitir, no prazo dun mes contado desde a notificación da concesión, o convenio de colaboración subscrito polas partes, co contido especificado no artigo 5.

Artigo 22. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 23. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería responsable da iniciativa publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación das entidades interesadas e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades interesadas e a referida publicidade.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

2. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 24. Recursos

1. A resolución do procedemento pon fin á vía administrativa, e contra ela as entidades interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ante a persoa titular da Consellería de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ao concello interesado.

2. Igualmente procederá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación se a resolución é expresa; se non for así, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. De presentarse recurso potestativo de reposición, non se poderá acudir á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

4. Non obstante, de conformidade co disposto no artigo 44 da referida Lei 29/1998, do 13 de xuño, poderase requirir previamente ao órgano que ditou a resolución para que derrogue a disposición, anule ou revogue o acto, no prazo de dous meses contados desde a notificación da resolución. O requirimento entenderíase rexeitado se non fose contestado no mes seguinte á súa recepción.

Artigo 25. Subcontratación

Enténdese que unha entidade beneficiaria subcontrata cando concerta con terceiros a execución total ou parcial da actividade que constitúe o obxecto desta subvención. Queda fóra deste concepto a contratación daqueles gastos en que teña que incorrer o beneficiario para a realización por si mesmo da actividade subvencionada.

Será de aplicación o disposto nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

En ningún caso o beneficiario concertará a execución parcial ou total das actividades subvencionadas con persoas ou entidades que recibiran outras subvencións para a realización da actividade obxecto da contratación.

As entidades beneficiarias poderán subcontratar ata o 75 % da contía total concedida.

Artigo 26. Conceptos subvencionables

1. Consideraranse gastos subvencionables unicamente aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido no artigo 9.5.

As subvencións outorgadas nesta convocatoria dirixiranse a financiar gastos correntes, isto é, aqueles necesarios para o desenvolvemento das actividades programadas;quedando excluídos os gastos de capital.

2. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado.

3. En particular, subvencionaranse os seguintes conceptos de gasto:

a) Gastos de persoal. Ás retribucións en nómina sumaranse os gastos de seguridade social correspondentes á empresa e o seu total constituirá o gasto subvencionable por custos de persoal.

b) Axudas de custo, sempre que garden relación co proxecto e sexan debidamente xustificadas.

c) Gastos materiais. Neste sentido admitiranse gastos derivados da difusión e visualización do proxecto, así como gastos de material preventivo ou divulgativo.

d) Gastos xerais derivados do mantemento do servizo, tales como os correspondentes aos alugueiros dos locais, asesoría, electricidade, gas, auga, telefonía, lixo ou comunidade.

e) Custos indirectos, sempre que sexan imputados á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda.

f) Gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e gastos periciais se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a súa preparación ou execución.

g) Os tributos consideraranse gastos subvencionables cando o/os concello/s beneficiario/s desta axuda os aboen efectivamente e sempre que, no caso dos impostos indirectos, non sexan pola súa parte susceptible de recuperación ou compensación.

h) En ningún caso terán a consideración de gastos subvencionables os xuros debedores de contas bancarias, así como os xuros, recargas ou sancións administrativas ou os gastos de procedementos xudiciais.

4. Considerarase gasto realizado o que fose recoñecido como obriga ou efectivamente pagado con anterioridade á finalización do prazo de xustificación correspondente. Exceptuaranse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior, por axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos a conta do IRPF ou cotas por seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación. O importe destes ingresos ou cotas considerarase xustificado coa presentación do documento de gasto (factura ou documento equivalente) no que se reflicta o importe de retención ou cotizacións devindicadas na data de xustificación, quedando obrigada a entidade subvencionada a presentar os documentos acreditativos da súa liquidez nos dez días seguintes ao remate dos prazos legalmente establecidos para o seu ingreso no período voluntario; en todo caso, esta presentación terá como data límite o derradeiro día do mes seguinte ao último trimestre do exercicio da convocatoria.

Artigo 27. Xustificación

1. As entidades beneficiarias remitirán nas datas sinaladas no artigo 28 á Dirección Xeral de Saúde Pública a conta xustificativa da subvención, co fin de realizar as propostas de pagamento da subvención concedida, integrada pola seguinte documentación:

a) Declaración responsable asinada pola persoa representante da entidade local beneficiaria da subvención, na que se faga constar:

1º. O conxunto das subvencións e axudas solicitadas para a mesma finalidade, procedentes das administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados. Nesta declaración farase referencia tanto ás axudas efectivamente percibidas como ás aprobadas ou concedidas e ás pendentes de resolución, así como a calquera outro ingreso ou recurso financeiro que teña como finalidade o financiamento das actuacións obxecto da subvención.

2º. Que a entidade beneficiaria non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Para os efectos do previsto no artigo 31.7 da citada lei, esta declaración será documento suficiente para acreditar que as entidades beneficiarias están ao corrente coas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma e que non son debedoras por resolución de procedemento de reintegro.

No caso das agrupacións de concellos, presentará a declaración a entidade representante e entenderase feita de acordo coas emitidas polo/a alcalde/sa de cada un dos concellos.

Esta declaración farase mediante a presentación do formulario normalizado do anexo II.

b) Certificación expedida pola persoa titular da Secretaría da entidade local beneficiaria da subvención, co visto e prace do/da alcalde/sa ou presidente/a, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da subvención, na que se faga constar, como mínimo, de forma detallada:

1º. O cumprimento da finalidade da subvención.

2º. Os distintos conceptos e contías correspondentes aos gastos totais soportados pola entidade beneficiaria e imputables á actuación subvencionada coa seguinte relación: identificación do/da acredor/a, número de factura ou documento equivalente, importe, data da emisión e data de recoñecemento da obriga polo órgano competente.

3º. Que, segundo o informe da intervención municipal, se tomou razón en contabilidade do gasto correspondente á execución do proxecto subvencionado.

4º. Se é o caso, a solicitude dos tres orzamentos que se esixen en aplicación do artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Esta xustificación farase mediante a presentación do formulario normalizado do anexo V.

No caso de solicitudes conxuntas de concellos agrupados, será o concello representante da agrupación e perceptor da subvención o que deberá presentar a xustificación.

2. Considerarase gasto realizado o que se contabilizase como recoñecemento da obriga ou efectivamente pagado polo órgano competente do concello. En todo caso, a forma de xustificación deberá ter en conta o previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, comprendendo a totalidade dos gastos dos programas e actividades desenvolvidas, debendo acreditar os gastos da subvención outorgada.

3. A xustificación acreditará expresamente o destino e o importe dos gastos efectivamente realizados con cargo a cada programa ou axuda. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou con outras subvencións ou recursos, acreditarase na xustificación o importe, a procedencia e a aplicación de tales fondos ás actividades.

4. Segundo o artigo 9.5, as actuacións que se subvencionan deberán efectuarse desde o 1.7.2019 e, consecuentemente, os xustificantes de pagamento que soporten as ditas actuacións poderán referirse unicamente a gastos xerados a partir desa data. O beneficiario presentará a documentación xustificativa dos gastos e pagamentos na forma na que se especifica no artigo 28, coa finalidade de que a Comunidade Autónoma realice o recoñecemento da obriga do pagamento.

5. O derradeiro pagamento da subvención quedará condicionado á comprobación e á certificación da realización da actividade e do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu.

6. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total do proxecto que vaia desenvolver o beneficiario.

7. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto o beneficiario non se atope ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda ca Administración pública da comunidade autónoma ou sexa debedor por resolución de procedencia de reintegro.

Artigo 28. Pagamento e xestión económica

1. O cálculo dos pagamentos definidos neste artigo farase tomando como referencia:

a) A contía dos gastos declarados pola entidade solicitante en cada unha das xustificacións presentadas.

b) A porcentaxe de cofinanciamento comprometida no anexo I de solicitude, que marcará as contías a asumir por parte da entidade beneficiaria e da Consellería de Sanidade.

2. Os pagamentos reduciranse proporcionalmente con respecto á contía inicialmente concedida (sempre que estea garantida a consecución do obxecto da subvención):

a) Se o gasto xustificado é inferior á contía que resulta de sumarlle a cada un dos pagamentos a parte correspondente do cofinanciamento comprometido no anexo I.

b) Se se producise a concorrencia con outras subvencións ou axudas.

3. O recoñecemento da obriga e o pagamento posterior da subvención á entidade beneficiaria faranse sempre que esta xustifique, de acordo coa normativa aplicable, a realización do obxecto da subvención e o cumprimento das condicións e as súas finalidades.

4. Todo pagamento da subvención outorgada esixe a acreditación de non incorrer nas circunstancias previstas no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

5. Os pagamentos correspondentes a cada subvención concedida realizaranse de conformidade co previsto nos artigos 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e 6.2 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas; e farase efectiva do seguinte xeito:

a) Anualidade de 2019.

Primeiro pagamento anticipado, por importe equivalente ao 100 % da contía outorgada para o ano 2019. Efectuarase unha vez ditada a resolución de concesión, tras a aceptación da subvención concedida e a remisión do anexo II de declaración doutras axudas debidamente cuberto. Este pagamento deberá ser xustificado posteriormente na xustificación do primeiro pagamento á conta.

b) Anualidade de 2020.

Primeiro pagamento á conta, por importe de ata o 50 % da contía outorgada para o ano 2020. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 27.1 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables. A xustificación incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas entre o 1.7.2019 e o 30.6.2020. A data límite para a presentación da solicitude deste pagamento será o 15.7.2020.

A presentación desta xustificación é obrigatoria. Se a entidade beneficiaria presentase unha xustificación de gastos insuficiente para recibir este segundo pagamento á conta completo o crédito non aboado sería anulado e, se é o caso, tería que reintegrar total ou parcialmente a contía recibida no primeiro pagamento anticipado.

Segundo pagamento anticipado, por importe equivalente ao 50 % da contía outorgada para o ano 2020. Efectuarase a partir do 1.8.2020, unha vez remitido o anexo II de declaración doutras axudas debidamente cuberto. Este anticipo deberá ser xustificado posteriormente na xustificación do segundo pagamento á conta.

c) Anualidade de 2021.

Segundo pagamento á conta, por importe de ata o 50 % da contía outorgada para o ano 2021. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 27.1 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables. A xustificación incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas entre o 1.7.2020 e o 30.6.2021. A data límite para a presentación da solicitude deste pagamento será o 15.7.2021.

A presentación desta xustificación é obrigatoria. Se a entidade beneficiaria presentase unha xustificación de gastos insuficiente para recibir este segundo pagamento á conta completo o crédito non aboado sería anulado e, se é o caso, tería que reintegrar total ou parcialmente a contía recibida no segundo pagamento anticipado.

Terceiro pagamento anticipado, por importe equivalente ao 50 % da contía total outorgada para o ano 2021. Efectuarase a partir do 1.8.2021, unha vez remitido o anexo II de declaración doutras axudas debidamente cuberto. Este anticipo deberá ser xustificado posteriormente na xustificación do pagamento final.

d) Anualidade de 2022.

Pagamento final, por importe de ata o 100 % da contía outorgada para o ano 2022. Efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 27.1 e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables. A xustificación incluirá a relación dos gastos executados e correspondentes ás actividades desenvolvidas entre o 1.7.2021 e o 30.6.2022. A data límite para a presentación da solicitude deste pagamento será o 15.7.2022.

A presentación desta xustificación final é obrigatoria. Se a entidade beneficiaria presentase unha xustificación de gastos insuficiente para recibir este segundo pagamento á conta completo o crédito non aboado sería anulado e, se é o caso, tería que reintegrar total ou parcialmente a contía recibida no terceiro pagamento anticipado.

Artigo 29. Obrigas das entidades beneficiarias, compatibilidade e reintegro

1. As entidades interesadas quedan obrigados a someterse ás accións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Sanidade, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, a achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores e demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. As subvencións serán compatibles con calquera subvención ou axuda para a mesma finalidade.

3. Procederá a revogación das subvencións, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora nos casos e nos termos previstos nos artigos 32 e 33 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 30. Infraccións e sancións

No relativo a esta materia rexerá o disposto nos títulos IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición adicional. Información básica sobre protección de datos persoais

1. Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Sanidade, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

2. O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

3. Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

4. Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito nesta norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais dos que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

5. As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Órgano responsable

A Dirección Xeral de Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, a avaliación, a difusión e a execución dos proxectos seleccionados, previstos nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de setembro de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file