Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Xoves, 26 de setembro de 2019 Páx. 42661

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

RESOLUCIÓN do 17 de setembro de 2019 pola que se amplían os prazos máximos de execución e de presentación da solicitude de cobramento da Resolución do 29 de decembro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020.

Mediante Resolución do 29 de decembro de 2017 publicouse o acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (Galicia Rural Emprende) (DOG núm.18, do 25 de xaneiro de 2018).

Nesa resolución establecíase que o prazo máximo de execución dos proxectos remataría na data establecida na resolución de concesión, sen que nunca puidese exceder o 30 de novembro de 2019, e que o beneficiario debería presentar a solicitude de cobramento como máximo o 10 de decembro de 2019.

A prolongación do procedemento de resolución dos expedientes deixa un prazo inferior aos 18 meses entre a data de notificación da resolución e a de fin de vixencia. A esta situación engádese que a resolución dos recursos de reposición presentados con resolución estimatoria foi tamén un proceso máis longo do previsto polo que os beneficiarios viron reducido o prazo entre a data de notificación da resolución dos seus recursos de reposición (finais de marzo de 2019) e a de fin de vixencia (30 de novembro de 2019) a 8 meses aproximadamente.

Co fin de posibilitar un prazo o suficientemente longo para unha correcta execución dos proxectos,

RESOLVO:

Artigo primeiro. Ampliar ata o 31 de outubro de 2020 o prazo máximo de execución dos proxectos, e ata o 10 de novembro de 2020 o prazo máximo para presentar a solicitude de cobramento, establecidos ambos no parágrafo segundo do punto quinto da Resolución do 29 de decembro de 2017 pola que se dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas destinadas á creación de empresas para actividades non agrícolas en zonas rurais, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no marco do Programa de desenvolvemento rural (PDR) de Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva (Galicia Rural Emprende).

Artigo segundo. Os créditos dispoñibles establecidos no punto cuarto da nomeada resolución modifícanse segundo a seguinte distribución plurianual:

Partida orzamentaria

Orzamento 2018

Orzamento 2019

Orzamento 2020

09.A1.741A.7704

2.000.000 €

608.500 €

1.891.500 €

Artigo terceiro. Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de setembro de 2019

Juan Manuel Cividanes Roger
Director xeral do Instituto Galego de Promoción Económica