Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 178 Xoves, 19 de setembro de 2019 Páx. 40581

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se convoca un programa extraordinario para o recoñecemento de actividades artesanais (código de procedemento CO300E).

A Constitución española establece no artigo 130.1 a necesidade de atender á modernización e desenvolvemento dos sectores económicos, particularmente, entre outros, a artesanía, co fin de equiparar a vida de todos os españois.

A nosa Comunidade Autónoma asumiu competencias exclusivas en materia de artesanía no artigo 27.17 do Estatuto de autonomía de Galicia. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, segundo o Decreto 135/2017, do 28 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o órgano da Xunta de Galicia ao que lle corresponde o exercicio, entre outras, de competencias en materia de artesanía, establecendo, así mesmo, que corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo, a planificación, coordinación e control das competencias da consellería en materia de artesanía.

Pola súa banda, a Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia, establece o marco legal de actuación do sector artesán en virtude das citadas competencias e establece a creación do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, de carácter público e voluntario, como instrumento que permite coñecer a dimensión de cada grupo artesanal e o alcance da acción administrativa circunscrita ao ámbito xeográfico da nosa comunidade.

A importancia das actividades artesanais en Galicia reside non só nun plano social ou cultural, co que se adoitan identificar, senón que constitúen actividades con capacidade de xeración de emprego e riqueza desde o punto de vista económico. Abranguen, ademais, unha lista longa de oficios que se traduce nunha oferta produtiva moi diversificada que pode responder, de xeito eficaz, ás esixentes demandas do mercado actual.

Tendo en conta o potencial da artesanía para xerar autoemprego como un dos mellores viveiros empresariais de novos creadores procede impulsar desde a Administración autonómica accións e incentivos que permitan asegurar o relevo xeracional mediante a promoción e a estruturación da formación, propiciando as vocacións persoais e a divulgación das técnicas artesanais e contribuíndo a novas formas de cooperación. É preciso seguir traballando na mellora do grao de profesionalidade e competitividade do sector, non só desde o punto de vista da rendibilidade da actividade senón tamén para garantir a pervivencia dos oficios.

O Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía, regula o procedemento de obtención da carta de artesán como instrumento xurídico de recoñecemento da súa condición, creada pola Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia.

De acordo co disposto no artigo 12.3, para obter a carta de artesán, débese presentar unha certificación de ter superados cursos en centros de ensino cunha duración mínima de 500 horas, ter traballado nun obradoiro artesán cunha asistencia mínima de 500 horas ou exercer unha actividade artesá.

Deste xeito, o labor da Administración autonómica non só se circunscribe á elaboración dun documento administrativo senón que a concesión da carta de artesán se converte nun procedemento de recoñecemento de oficios para todos os efectos, poñendo en valor un sector cunha importancia social, cultural e económica incuestionable.

Así, co obxectivo de incentivar e facilitar o acceso ao exercicio dun oficio artesán, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo pon en marcha no ano 2019 un programa extraordinario para o recoñecemento de oficios artesáns, mediante o outorgamento da carta de artesán ás persoas que veñan exercendo unha actividade artesanal e que, ou ben non teñen unha formación artesá, ou ben non tiñan traballado nun obradoiro artesán, superior ás 500 horas de formación ou de presencia respectivamente. Neste caso, a persoa interesada precisa dalgunha entidade que lle certifique a veracidade desa actividade.

Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través dun Convenio coa Asociación Galega de Artesáns, articulou o mecanismo formal para proceder á certificación dos méritos alegados daquelas persoas interesadas en obter a carta de artesán que non poidan acreditar de ningún outro xeito os requisitos do artigo 12 do decreto.

De acordo co que precede e no exercicio das competencias que en materia de artesanía ten atribuídas, esta dirección xeral

RESOLVE:

Convocar o programa extraordinario para o recoñecemento de actividades artesanais no ano 2019 de acordo coas seguintes bases:

Artigo 1. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto convocar un programa extraordinario de recoñecemento de actividades artesanais para que aquelas persoas que, realizando unha actividade artesanal das comprendidas na sección de actividades artesanais do Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, e non posúan unha titulación adecuada nin experiencia profesional, poidan obter a carta de artesán que acredite esta condición (código de procedemento CO300E).

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán obter a carta de artesán as persoas físicas que reúnan as condicións previstas no artigo 12.3 do Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía, que exerzan unha actividade artesanal que supoña a creación, produción, restauración ou reparación de bens de valor artístico ou popular, así como a prestación de servizos, sempre que estas se presten ou obteñan mediante procesos nos que a intervención persoal constitúe un factor predominante e o produto final sexa de factura individualizada e distinta da propiamente industrial, tal e como se establece no artigo 2, punto 1, da Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia.

Artigo 3. Solicitudes e documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

Para poder tramitar o procedemento deberá presentarse unha solicitude dirixida á Consellería de Economía, Emprego e Industria axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo I, na forma e prazo que se indica no artigo seguinte.

As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

Memoria das actividades profesionais realizadas (máximo 6 folios, engadidas as fotografías).

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación

1. As solicitudes presentadas ao abeiro do programa extraordinario de recoñecemento de actividades artesanais poderán presentarse desde o día seguinte á publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata o 31 de outubro de 2019.

2. As solicitudes presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

Opcionalmente, poderanse presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Opcionalmente, as persoas interesadas poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 5. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI ou NIE da persoa solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

c) NIF da entidade representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 6. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á Carpeta do cidadán da persoa interesada. Opcionalmente, tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 7. Instrución dos procedementos

1. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión e expedición da carta de artesán.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a concesión da carta de artesán, e poderá requirir ao solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. Para estes efectos, co fin de obter a documentación acreditativa requirida na letra c) do artigo 13, do Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía, a Asociación Galega de Artesáns realizará as comprobacións necesarias dos méritos alegados e expedirá o correspondente documento no marco do convenio subscrito coa Consellería de Economía, Emprego e Industria con data do 2 de abril de 2019.

A Asociación Galega de Artesáns expedirá o correspondente documento acreditativo no prazo dun mes desde a súa petición pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo. A antedita petición será realizada de oficio, unha vez recibida a solicitude da persoa interesada.

3. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e arquivo das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 4.

Artigo 8. Resolución e notificacións

1. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo expedirá as cartas de artesáns nos termos do artigo 14 do Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de 6 meses contados desde a data na que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para súa tramitación. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender estimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 24.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

4. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

5. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar, en todo caso, pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida, nin produza efectos no procedemento, unha opción diferente.

6. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida polo interesado, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

7. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 9. Información aos interesados

Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300E, poderase obter información a través dos seguintes medios:

1. Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.gal.

2. Nos teléfonos 981 54 55 48 ou 981 54 55 99 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

3. No enderezo electrónico cei.dxc@xunta.gal.

4. Presencialmente, na Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Economía, Emprego e Industria, edificios administrativos de San Caetano, 3º andar, 15071 Santiago de Compostela.

Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).

Artigo 10. Réxime de recursos

Contra a presente resolución e contra as resolucións ditadas ao abeiro desta, que non poñen fin á vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación ou notificación, se é o caso, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente.

Artigo11. Remisión normativa

Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 1/1992, do 11 de marzo, de artesanía de Galicia; no Decreto 218/2001, do 7 de setembro, polo que se refunde a normativa vixente en materia de artesanía; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e no resto de normativa que resulte de aplicación.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Economía, Emprego e Industria, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da Carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercitar outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Resolución do 10 de xuño de 2019, da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, pola que se convoca un programa extraordinario para o recoñecemento de actividades artesanais.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2019

Sol María Vázquez Abeal
Directora xeral de Comercio e Consumo

missing image file
missing image file