Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 177 Mércores, 18 de setembro de 2019 Páx. 40478

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 10 de setembro de 2019 pola que se regula o procedemento para a acreditación dos campus de especialización do Sistema universitario de Galicia (código de procedemento ED442B).

O paradigma da economía baseada no coñecemento sitúa as universidades como axentes clave para o desenvolvemento económico e social pola súa contribución na xeración de talento, a través da función educativa, e polo seu impacto no dinamismo innovador da súa contorna, a través da investigación e a transferencia. A modernización das universidades convértese así nun reto estratéxico prioritario cara ao cumprimento desta misión, tal e como recolle a Estratexia Universidades 2015, pensada para acometer os eixes estratéxicos de mellora e modernización das universidades propostos polo Comisión Europea.

Para avanzar na implantación desta estratexia en Galicia, a consellería competente en materia de universidades inicia no ano 2013 o Programa de especialización dos campus do Sistema universitario de Galicia, cos seguintes obxectivos:

– Promover a especialización e diferenciación dos campus de acordo cos principios do novo modelo de organización universitaria.

– Establecer o posicionamento e o enfoque estratéxico dos campus con respecto aos ámbitos de especialización elixidos.

– Reforzar a colaboración estratéxica entre as estruturas de goberno e os axentes económicos e sociais como vía para fortalecer o papel das universidades como axentes dinamizadores do territorio.

– Facilitar a reestruturación da oferta docente de acordo cos retos sociais e as demandas do tecido produtivo nos ámbitos de especialización do campus.

– Impulsar a creación de polos de referencia en I+D+i por medio da reorganización, agrupación e especialización das capacidades científicas.

En Galicia os instrumentos que permiten despregar esta estratexia, activando o proceso de modernización e instando as universidades á realización das reformas oportunas nesta dirección, son:

– A Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia (en diante SUG), que encomenda á Xunta de Galicia, no artigo 7, sobre equilibrio territorial e campus universitarios, fomentar o avance das universidades públicas cara a unha organización territorial tendente a unha maior especialización, compactidade e calidade da docencia e a investigación nos campus e que a capacita para establecer as accións e medidas necesarias para contribuír a conseguir o equilibrio entre campus.

– O Plan galego de financiamento universitario 2016-2020, que pon de manifesto o consenso acadado entre a Xunta e as tres universidades para definir un marco estable de financiamento.

– O Decreto 138/2018, do 8 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, que establece, no seu artigo 8, que é competencia da Secretaría Xeral de Universidades fomentar a excelencia dos campus universitarios e emitir informe sobre a creación dos campus de especialización e a creación de estruturas de investigación.

A atribución destas competencias, unidas ao marco financeiro, permiten á Consellería despregar políticas de ordenación do SUG baseadas na especialización dos campus centrais e non centrais no que se refire á docencia e investigación.

Partindo deste marco normativo e orzamentario, a especialización temática dos campus constitúe un novo modelo de organización universitaria que se conforma a partir dos seguintes principios:

– A consideración do SUG como un todo para os efectos da definición dun posicionamento estratéxico conxunto baseado no prestixio e a especialización na oferta de educación superior e a investigación.

– A articulación e agregación harmonizada e complementaria das capacidades docentes e de investigación das universidades galegas arredor de temáticas –dominios de coñecemento ou retos sociais e económicos– en que estas presenten maiores fortalezas ou oportunidades para avanzar cara a maiores niveles de calidade, ben polo prestixio acadado ou porque son un vector de desenvolvemento socioeconómico en liña cos obxectivos de especialización intelixente.

– A posta en valor dos campus non centrais, dotándoos de identidade propia estreitamente ligada ás potencialidades económicas da súa contorna máis próxima, para así impulsar a súa revitalización como axentes clave no desenvolvemento económico e social de Galicia e aspirando a fortalecer, con base na especialización, a súa visibilidade e o seu posicionamento con respecto ao sistema universitario estatal e mesmo na esfera internacional.

Tras a súa aprobación por parte do Consello Galego de Universidades, no período comprendido entre 2013 e 2018 a consellería competente en materia de universidades impulsou accións que incentivasen a especialización das universidades galegas, e así púxose en marcha o Programa de especialización, que comportou a sinatura de convenios de colaboración coas tres universidades nos cales, entre outras accións, se financiaron os traballos necesarios para a elaboración dos plans estratéxicos e dos programas de necesidades funcionais dos ditos campus. Deste xeito as tres universidades galegas definiron e abordaron os seus respectivos procesos de especialización.

Co obxectivo último de contribuír á mellora continua da dinámica de funcionamento dos campus de especialización ponse en marcha un proceso de acreditación en que poderán participar as universidades galegas logo de superada a fase inicial de deseño e posta en marcha.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron concedidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular o procedemento para outorgar a acreditación de campus de especialización no SUG con base no proceso de transformación levado a cabo desde as universidades para acadar os obxectivos de maior especialización, compactidade e calidade da docencia e da investigación (código de procedemento ED442B).

Artigo 2. Definicións

Campus de especialización (en diante CE) é aquel campus que, incluído no Programa de especialización do SUG, foi desenvolvido mediante convenios de colaboración entre unha universidade galega e a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e que supere o procedemento de avaliación establecido nesta orde.

Para os efectos desta orde enténdese como comisario ou coordinador do CE a persoa responsable na institución da dirección, xestión e coordinación do CE.

A acreditación é o acto polo cal a Xunta de Galicia cualifica un campus do SUG como CE, unha vez superado o proceso establecido nesta orde polo que se recoñece a solidez da súa estratexia no futuro.

O procedemento de acreditación pretende comprobar a adecuación da súa estratexia á consecución dos obxectivos fixados, o grao de implantación e operatividade alcanzado no período anterior e as actuacións previstas para avanzar no proceso de especialización.

Artigo 3. Ámbito de aplicación

Poderán obter a acreditación os campus das universidades do SUG que superen a avaliación establecida nesta orde.

Artigo 4. Requisitos

As universidades do SUG poderán presentar para obter o recoñecemento como CE aqueles campus en que teñan transcorrido, cando menos, catro anos desde a sinatura do convenio entre a consellería competente en materia de universidades e a universidade solicitante, polo que se outorgou financiamento para a redacción do plan estratéxico do campus para o cal se solicita acreditación.

Artigo 5. Competencia

1. Será competente para outorgar a acreditación quen teña a titularidade da consellería competente en materia de universidades.

2. Corresponde á Secretaría Xeral de Universidades a tramitación do procedemento administrativo correspondente para obter a acreditación como CE.

Artigo 6. Formalización e presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I), dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

2. É un procedemento aberto polo que se pode iniciar en calquera momento a partir do día seguinte á súa publicación no DOG por solicitude da universidade do SUG a que pertenza o campus.

Artigo 7. Documentación complementaria para a tramitación do procedemento

A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación (os formatos obrigatorios estarán dispoñibles en www.edu.xunta.gal) e referirase ao período de financiamento anterior ao ano 2019 que corresponda segundo os casos e á planificación para os próximos 4 anos:

1. Informe relativo ao alcance do CE nos ámbitos de docencia, investigación, servizos e alianzas externas.

2. Informe de autoavaliación segundo o modelo normalizado.

3. Evidencias e indicadores que acompañarán as reflexións realizadas no informe de autoavaliación.

4. Plan operativo para 4 anos no cal se especifiquen os retos prioritarios e as actuacións para despregar a estratexia de especialización nas distintas dimensións consideradas. A universidade debe definir cal é o alcance do CE identificando, en cada ámbito da súa actividade, que elementos da estrutura se adscribirían ao CE. O plan comprenderá cando menos os seguintes aspectos:

a) Presentación do campus onde se identifiquen as estratexias e liñas de especialización, resumo executivo e acrónimo.

b) Docencia: relación de títulos de grao, mestrado e doutoramento vinculados directamente ás liñas de especialización do campus. Consideraranse títulos vinculados ao CE aqueles que desenvolvan a súa actividade formativa (no caso de graos e mestrados) en áreas afíns ás liñas de especialización do CE. A inclusión dos títulos de grao e mestrado no alcance do CE deberá vir xustificada pola relación dos ámbitos onde se produce a inserción laboral das persoas tituladas coas liñas de especialización, así como pola presenza maioritaria (en termos de créditos impartidos) de profesorado que realice o seu labor nos ámbitos de especialización do campus.

No caso dos doutoramentos, serán aqueles cuxas liñas de investigación están aliñadas coa especialización do CE.

c) Investigación: no cal se proporcionarán os datos das estruturas de investigación (grupos, institutos, centros de investigación e outras estruturas supragrupais), cuxa actividade investigadora se enmarca nas liñas de especialización do campus.

d) Plan de igualdade.

5. Plan de viabilidade económica no período.

6. Proposta de indicadores de seguimento e avaliación.

A documentación terá que ser permanentemente actualizada e dispoñible na universidade para a súa comprobación polo persoal da Administración autonómica que realice funcións de inspección, avaliación, acreditación e planificación, de acordo co previsto no capítulo III (Da inspección das universidades) da Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia.

A documentación indicada irá asinada pola autoridade que representa legalmente a universidade correspondente. Toda esta documentación que acompaña a solicitude deberá cubrirse segundo os modelos obrigatorios dispoñibles na internet no enderezo http://www.edu.xunta.gal

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa representante da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas que presenten os documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades solicitantes deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Instrución do procedemento

A instrución do procedemento, como se dispuxo no artigo 5.2 desta orde, corresponde á Secretaría Xeral de Universidades, que comprobará que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde.

No caso de que algunha solicitude non reúna os requisitos exixidos (ou falte documentación) o órgano instrutor do procedemento notificará por medios electrónicos as deficiencias observadas, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, e dará un prazo de 10 días hábiles para que, de acordo co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as universidades solicitantes poidan mellorar a solicitude, formular reclamacións, emendar erros e falta de documentos ante a Secretaría Xeral de Universidades.

Unha vez transcorrido o prazo sen que se emenden as deficiencias observadas, considerarase que a entidade solicitante desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, e a Secretaría Xeral de Universidades ditará unha resolución en que se recollan tales circunstancias. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidades e Formación Profesional, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Sen prexuízo do disposto anteriormente, poderá requirirse a universidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

Non axustarse aos termos desta orde, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións.

A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación desta orde.

Artigo 11. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar que as persoas interesadas cumpren a súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Procedemento de avaliación

O proceso de acreditación dos CE impulsados no período 2013-2018 basearase na realización dunha avaliación a cargo dun panel de expertos externos ao SUG (comité de avaliación).

Este comité, nomeado pola Secretaría Xeral de Universidades, será o encargado de analizar a documentación remitida pola universidade, manter unha reunión cos representantes do CE e elaborar os informes de avaliación.

O proceso de avaliación dividirase nas seguintes fases:

Fase preliminar: o comité de avaliación elaborará un informe preliminar de avaliación baseándose na análise e revisión da documentación achegada e a información complementaria obtida nunha entrevista cos responsables universitarios, que poderán vir acompañados daqueles grupos de interese comprometidos co CE. No informe de avaliación preliminar figurarán as consideracións sobre as dimensións avaliadas –organización e gobernanza, estratexia, docencia, investigación, interacción co tecido produtivo e información pública e transparencia–.

O informe poderá confter orientacións sobre os aspectos ou recomendacións que deben ser abordados para a mellora do proxecto de CE para a obtención da acreditación.

Fase intermedia: á vista dos resultados da avaliación preliminar, a universidade poderá optar por continuar o procedemento coa documentación xa achegada, reformular a súa proposta elaborando no prazo de tres meses un documento que dea cumprimento ás observacións ou modificacións propostas ou desistir do procedemento. No caso de que a universidade opte por reformular a proposta, esa acción implicará a suspensión do prazo de resolución por un máximo de tres meses.

Fase final: de acordo con toda a documentación recollida, o comité de avaliación elaborará o informe final de avaliación, que será remitido á Secretaría Xeral de Universidades.

En función deste informe, o órgano instrutor elaborará a proposta de resolución coa cualificación obtida no proceso polo CE de acordo coas seguintes cualificacións:

A. Acreditación como CE do SUG por un período de catro anos.

B. Acreditación como CE do SUG por un período de tres anos, coa obriga de presentar un informe de progreso intermedio sobre o avance do plan operativo.

C. O CE non supera o proceso de acreditación.

Artigo 13. Acreditación das unidades

A persoa titular da consellería competente en materia de universidades ditará resolución motivada no prazo de oito meses contados desde a presentación da solicitude de acreditación concedendo ou denegando a acreditación.

No caso de que a resolución sexa negativa, ese campus non pode volver presentarse para a súa acreditación ata pasados dous anos desde a súa notificación.

A falta de resolución dentro do prazo indicado faculta os interesados para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

A resolución expresa ou presunta que poña fin á vía administrativa poderá ser impugnada polas persoas interesadas mediante recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, no prazo dun mes a partir do día seguinte á súa notificación, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Os campus que superen o proceso recibirán a acreditación de campus de especialización do Sistema universitario de Galicia. Esta acreditación estará vixente polo tempo establecido na resolución.

A acreditación será nominativa para cada un dos campus, sen que alcance ao conxunto da entidade a que pertence.

A resolución de acreditación de CE publicarase no DOG.

Os campus poderán dar publicidade á acreditación durante o seu período de vixencia.

Artigo 14. Obrigas asociadas á acreditación

As universidades que conten con CE terán a obriga de manter o cumprimento das condicións e requisitos necesarios para o outorgamento da acreditación establecidos nesta orde.

A Secretaría Xeral de Universidades levará a cabo un seguimento continuo do programa do campus acreditado e avaliará o seu rendemento.

O campus enviará unha memoria anual á Secretaria Xeral de Universidades na que se dea conta do cumprimento de obxectivos do plan e se proporcionen os indicadores de seguimento e avaliación.

Antes do remate da vixencia da acreditación, a Secretaría Xeral de Universidades realizará unha avaliación do cumprimento do plan operativo.

Aqueles campus que obtivesen unha cualificación B terán que someterse á obriga de presentar un informe de progreso intermedio sobre o avance do plan do campus. Esta avaliación intermedia do rendemento realizarase antes da última anualidade da vixencia da acreditación e será preciso obter unha cualificación positiva nesta fase para continuar mantendo a acreditación.

Para este fin, a Secretaría Xeral de Universidades poderá emitir instrucións para unha mellor definición destes procedementos se o acha oportuno. De non superar estas avaliacións, ese campus non pode volver presentarse para a súa acreditación ata pasados dous anos desde a súa notificación.

A acreditación outorgada pola Comunidade Autónoma a un campus entenderase condicionada ao mantemento das condicións e os requisitos necesarios para o seu outorgamento.

Artigo 15. Obrigas das universidades

A documentación terá que ser permanentemente actualizada e estar dispoñible na universidade para a súa comprobación polo persoal da Administración autonómica que realice funcións de inspección, avaliación, acreditación e planificación, de acordo co previsto no artigo 62.1 da Orde UMA/11/2019, do 14 de marzo.

Quen teña a titularidade ou exerza o comisariado ou a coordinación do CE debe definir os protocolos e responsabilidades para a elaboración, revisión e aprobación da documentación, así como a xestión e custodia desta.

Artigo 16. Renovación

1. A acreditación terá a validez establecida no informe de avaliación.

2. No caso de que no transcurso do tempo de concesión da acreditación o resultado das avaliacións de calidade sexan favorables e sempre que se manteñan as condicións que motivaron a concesión da acreditación, a Secretaría Xeral de Universidades poderá renovar de oficio ou por instancia da universidade a acreditación, comunicándoo á universidade con, cando menos, dous meses de antelación á data de finalización do período de acreditación.

Artigo 17. Extinción

1. O órgano competente para a instrución do procedemento serao tamén para acordar a súa extinción, logo de tramitación do expediente administrativo correspondente.

2. A acreditación extinguirase polas seguintes causas:

a) Pola expiración do prazo de caducidade sen que a consellería competente para outorgar a acreditación a renove de oficio ou, se for o caso, a universidade non solicite a renovación.

b) Por solicitude das universidades interesadas.

c) Graves carencias reflectidas nas avaliacións de seguimento ou o incumprimento detectado pola Secretaría Xeral de Universidades dos criterios exixidos nesta orde para o outorgamento da acreditación que non sexan emendados na forma e prazo oportunos.

Disposición adicional única. Información básica sobre protección de datos de carácter persoal

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, circunstancia que se reflectirá no dito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que a cidadanía poida acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

Co fin de dar a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificadores das persoas ou entidades interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas ou entidades interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou de xeito presencial nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais

Disposición derradeira primeira. Recursos

Esta orde poderá ser impugnada mediante recurso potestativo de reposición perante a persoa titular da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente mediante recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de setembro de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

missing image file
missing image file