Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Xoves, 12 de setembro de 2019 Páx. 40036

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 4 de setembro de 2019 pola que se ordena a publicación da modificación do Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes, aprobada no Consello de Goberno do 18 de xullo de 2019.

Exposición de motivos.

O Consello de Goberno da USC na súa sesión do 18 de xullo de 2019 acordou modificar o Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela.

Por isto, esta reitoría

resolve:

Publicar no Diario Oficial de Galicia a modificación do Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela, aprobada no Consello de Goberno do 18 de xullo de 2019, nos termos do anexo desta resolución.

Santiago de Compostela, 4 de setembro de 2019

Antonio López Díaz
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

Anexo

Modificación do Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela

O Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes da USC foi aprobado no Consello de Goberno do 26 de outubro de 2012 (DOG do 28 de novembro de 2012 e corrección de erros do 12 de marzo de 2013). Desde esa data a USC puxo en marcha unha serie de titulacións dobres ou programas de simultaneidade académica que exixen a realización e formalización de matrícula dun número elevado de materias por curso académico. Esta exixencia non se acompasou co Regulamento de intercambios que sigue establecendo un número máximo de créditos matriculados de 75 ECTS, bastante inferior ao dun curso ordinario nos dobres graos. Por iso é necesario adecuar o Regulamento de intercambios á situación actual e permitir o intercambio de ata 90 ECTS para o alumnado de dobres titulacións, sempre que o permita a convocatoria o convenio de intercambio, ou o programa de mobilidade.

Así mesmo e correlativamente, é necesario modificar o número máximo de materias das que pode matricularse o alumnado que solicita un intercambio para axustala á actual convocatoria de matrícula que permite matricularse de ata 75 ECTS, e permitir ata 90 ECTS para o alumnado de dobres titulacións.

Por último e para favorecer o intercambio no curso 2019/20, este cambio debe ser aplicable aos acordos que se asinen no curso 2018-19 para realizar intercambios no curso 2019/20.

Por todo o anterior, o Consello de Goberno na súa sesión do 18 de xullo de 2019 acordou:

Primeiro. Modificar o artigo 10.11 do Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela aprobado no Consello de Goberno do 26 de outubro de 2012, que queda redactado do seguinte xeito:

Artigo 10.11. O número de créditos que ordinariamente se incluirán no acordo de estudos será o equivalente a 60 ECTS (ou os correspondentes a un curso académico completo nas titulacións non adaptadas) para un curso académico completo ou o equivalente a 30 ECTS para un semestre. Só en casos en que así o exixa a adaptación curricular ao sistema de semestres, os estudantes que realicen unha estadía de mobilidade dun semestre poderán superar o límite de 30 ECTS, ata un máximo de 35 ECTS e de 45 para dobres graos.

De forma extraordinaria e en función de circunstancias académicas acreditadas polo centro, o alumnado poderá matricular ata 75 ECTS en materias de intercambio, ampliable ata 90 ECTS para o alumnado de programas de simultaneidade ou dobres titulacións e sempre que o permita a convocatoria ou acordo de intercambio.

Segundo. Modificar o artigo 11.5 do Regulamento de intercambios interuniversitarios de estudantes da Universidade de Santiago de Compostela aprobado no Consello de Goberno do 26 de outubro de 2012, que queda redactado do seguinte xeito:

Artigo 11.5. Agás o previsto no primeiro parágrafo do artigo 10.7 deste regulamento, unicamente se poderá formalizar matrícula para render exame na USC nas materias cuadrimestrais que non se correspondan co semestre de mobilidade, se o período de mobilidade se limita a un semestre, e nos traballos de fin de grao e fin de máster, así como nas prácticas, tal e como se indica no artigo 10.12. O número máximo de créditos dos que se pode matricular o alumno sumando as materias incluídas no acordo de estudos e as non incluídas é de 75 ECTS, ampliable a 90 ECTS no caso de programas de simultaneidade ou dobres titulacións.

Terceiro. Esta modificación entrará en vigor na data da súa publicación no DOG e será aplicable para o alumnado que realice a matricula e intercambios a partir do curso 2019/20.