Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 173 Xoves, 12 de setembro de 2019 Páx. 39960

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

ORDE do 9 de setembro de 2019 pola que se establecen os servizos mínimos que se prestarán durante a folga convocada pola Confederación Intersindical Galega (CIG) para os días 13, 20 e 27 de setembro de 2019.

O exercicio da folga por parte dos traballadores para a lexítima defensa dos seus intereses é un dereito fundamental recoñecido pola Constitución no seu artigo 28.2. O seu respecto e protección resulta esencial para o correcto funcionamento dun estado democrático, no cal se deben garantir todos os mecanismos de expresión da soberanía popular. Non obstante o anterior, o exercicio dese dereito debe cohonestarse co respecto ao resto de dereitos constitucionalmente establecidos e coa garantía de acceso da comunidade aos servizos considerados esenciais.

No sector do transporte, os servizos que se prestan representan un carácter esencial para a cidadanía en canto que supoñen unha ferramenta básica para o exercicio doutros dereitos como os de libre circulación dentro do territorio nacional (artigo 19 da Constitución), á educación (artigo 27) e ao traballo (artigo 35). Desta maneira, a garantía dunha mínima mobilidade da cidadanía durante a xornada de folga convértese nunha demanda do interese xeral que debe ser atendida pola Administración no ámbito das competencias que ten atribuídas.

O sindicato Confederación Intersindical Galega (CIG) comunicou a convocatoria de folga en todas as empresas principais, subcontratas ou concesionarias que prestan servizos de calquera tipo, nas instalacións do aeroporto Rosalía de Castro na Lavacolla, Santiago de Compostela, para os días 13, 20 e 27 de setembro de 2019, en horario das 4.30 ás 10.30, incluíndo no ámbito da dita convocatoria os servizos que no dito aeroporto presta a Empresa Freire, S.L., empresa contratista de servizo de transporte público regular de viaxeiros por estrada de uso xeral con tráficos na dita infraestrutura, que permiten ás persoas usuarias e traballadoras da dita instalación o seu desprazamento a e desde as cidades de Santiago de Compostela e Lugo, así como puntos intermedios.

Así pois, a concreción dos servizos mínimos que se observarán durante a xornada de folga debe efectuarse e así se fai nesta orde, tomando en consideración a posible afección que a tipoloxía da convocatoria representa naqueloutros dereitos afectados. Neste sentido, deben configurarse uns servizos mínimos que permitan compaxinar o dereito á folga dos traballadores co mantemento dos servizos esenciais.

Polo exposto, por proposta da Dirección Xeral de Mobilidade, oído o comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo único. Servizos mínimos

Durante a folga convocada polo sindicato Confederación Intersindical Galega (CIG), terán a consideración de servizos mínimos os que se relacionan a seguir:

A) Contratos de servizo público de transporte de viaxeiros:

Contrato: V-0065; XG-002.

Contratista: Empresa Freire, S.L.

Nos servizos de proximidade con orixe na cidade de Santiago de Compostela e o Aeroporto da Lavacolla e viceversa, a empresa manterá como mínimo o 50 % das frecuencias que corresponderían á xornada de folga, na franxa horaria da primeira hora do día (das 6.00 ás 9.00). Os horarios destes servizos serán concretados pola empresa e comunicados á Administración tras a notificación desta orde e con antelación, en todo caso, ao inicio da xornada de folga.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, sen prexuízo das obrigas que dela derivan para a empresa afectada, que nacerán inmediatamente despois da súa notificación individualizada a esta.

Santiago de Compostela, 9 de setembro de 2019

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade