Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Mércores, 11 de setembro de 2019 Páx. 39786

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2019

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral
do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en Relación coa Lei 2/2018,
do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma
de Galicia para o ano 2019

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral da Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

1. De conformidade coas negociacións previas realizadas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral da Estado-Comunidade Autónoma de Galicia de data 14 de marzo de 2019, para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación co artigo 22.Un e a disposición adicional décimo sétima da Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019, ambas as partes as consideran solucionadas nos seguintes termos:

a) Ambas as partes coinciden en que a aplicación do artigo 22, número Un da Lei 2/2018, do 26 de decembro, se realizará de forma que os gastos de acción social non terán ningún incremento en 2019, en coherencia co exixido na norma básica do artigo 3.Dous do Real decreto lei 24/2018, do 21 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes en materia de retribucións no ámbito do sector público.

b) A Comunidade Autónoma comprométese a que a retribución adicional ao complemento de destino prevista na disposición adicional décimo sétima da Lei 2/2018, do 26 de decembro, se financiará con cargo ao fondo adicional de masa salarial autorizado polo artigo 3.Dous, parágrafo cuarto, do Real decreto lei 24/2018, do 21 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes en materia de retribucións no ámbito do sector público.

2. En razón ao acordo acadado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas en relación coa Lei 2/2018, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2019.

3. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserir o presente acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 19 de xullo de 2019

A ministra de Política Territorial
e Función Pública
Por suplencia (Real decreto 351/2019,
do 20 de maio)
Luis Planas Puchades
Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas
e Xustiza