Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Mércores, 11 de setembro de 2019 Páx. 39788

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 5 de setembro de 2019, da Dirección Xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, pola que se ordena a publicación do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 3/2018, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Consonte o establecido no artigo 33 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, esta dirección xeral dispón a publicación do acordo que figura como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 5 de setembro de 2019

Blanca García-Señoráns Álvarez
Directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias

ANEXO

Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral
do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 3/2018,
do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas

A Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia adoptou o seguinte acordo:

1º. De conformidade coas negociacións previas realizadas polo grupo de traballo constituído en cumprimento do previsto no Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral da Estado-Comunidade Autónoma de Galicia de data 14 de marzo de 2019, para o estudo e proposta de solución das discrepancias competenciais manifestadas en relación cos artigos 6 (números once, dezaseis, dezasete e dezaoito) e 18 da Lei 3/2018, do 26 decembro, de medidas fiscais e administrativas, ambas as partes as consideran solucionadas nos seguintes termos:

a) Ambas as partes coinciden en que o número once do artigo 6 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, ao dar nova redacción ao número 2 do artigo 129 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, para prever que os funcionarios en prácticas poidan optar polas retribucións que correspondan pola condición de funcionario de carreira se os servizos como persoal funcionario de carreira se prestasen na mesma Administración en que se adquiriu a condición de persoal funcionario en prácticas, en lugar das retribucións básicas que recollía a anterior redacción do precepto, se adapta ás previsións recollidas no vixente artigo 141 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, referente ás retribucións do persoal funcionario en prácticas, coa finalidade de establecer unha regulación uniforme e evitar as discrepancias que se poden producir na citada Lei 2/2015, sen que esta modificación supoña un incremento retributivo non previsto nas normas estatais ditadas con carácter básico en materia retributiva e de fondos adicionais de masa salarial para o ano 2019.

b) Ambas as partes entenden que as modificacións que os números dezaseis e dezasete do artigo 6 da Lei 3/2018 introducen na Lei 2/2015, do 29 de abril, nos cales se recoñece un complemento persoal para garantir as retribucións que perciben os axentes forestais e os axentes facultativos ambientais que pasen a segunda actividade, así como o persoal laboral fixo que adquira a condición de funcionario de carreira como consecuencia dun proceso de funcionarización, non implican, de forma directa, aumentos nos gastos de persoal. Os aumentos materializaranse cando se produzan os supostos de feito que a propia norma regula; nese caso, os eventuais incrementos deberanse imputar ás porcentaxes máximas que autorizan as normas básicas de cada exercicio.

c) Ambas as partes coinciden en que a previsión recollida no número dezaoito do artigo 6 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, despois de que o persoal funcionario de carreira que estea en situación de servizos especiais polo desempeño de postos ou cargos perciba dentro das súas retribucións unha contía equivalente á correspondente á retribución adicional que lle sería de aplicación de acordo coa disposición introducida na Lei 2/2015, do 29 de abril, polo dito número dezaoito, respecta o previsto no artigo 87.2 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, sen que se poida considerar que esa contía equivalente sexa un complemento de carreira funcionarial. Así mesmo, a Comunidade Autónoma comprométese a que as retribucións adicionais que recolle o número dezaoito do artigo 6 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, se financiarán con cargo ao fondo adicional da masa salarial autorizado polo artigo 3.Dous, parágrafo cuarto do Real decreto Lei 24/2018, do 21 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes en materia de retribucións no ámbito do sector público.

d) Ambas as partes coinciden en que o artigo 18 da Lei 3/2018, do 26 de decembro, aclara o ámbito en que se pode percibir o complemento de carreira regulado, sen que poida entenderse que a contía equivalente á correspondente ao complemento que perciba o persoal estatutario que se encontre na situación de servizos especiais sexa unha retribución complementaria das previstas para funcionarios de carreira, senón unha retribución do posto ou cargo, e a Comunidade Autónoma comprométese a que o complemento de carreira aludido se financiará con cargo ao fondo adicional da masa salarial autorizado polo artigo 3.Dous, parágrafo cuarto do Real decreto lei 24/2018, do 21 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes en materia de retribucións no ámbito do sector público.

2º. En razón ao acordo acadado, ambas as partes coinciden en considerar resoltas as discrepancias manifestadas en relación coa Lei 3/2018, do 26 decembro, de medidas fiscais e administrativas.

3º. Comunicar este acordo ao Tribunal Constitucional para os efectos previstos no artigo 33.2 da Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, así como inserir o presente acordo no Boletín Oficial del Estado e no Diario Oficial de Galicia.

Madrid, 19 de xullo de 2019

A ministra de Política Territorial
e Función Pública
Por suplencia (Real decreto 351/2019,
do 20 de maio)
Luis Planas Puchades
Ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas
e Xustiza