Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 165 Luns, 2 de setembro de 2019 Páx. 38566

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 5 de agosto de 2019, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de acceso libre, no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018, pola que se lle dá publicidade a diversos acordos.

O tribunal nomeado pola Orde do 1 de marzo de 2019 (DOG núm. 48, do 8 de marzo), modificado polas ordes do 12 de marzo de 2019 (DOG núm. 51, do 13 de marzo) e do 14 de marzo (DOG núm. 53, do 15 de marzo), para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, convocado pola Orde do 1 de marzo de 2018 (DOG núm. 47, do 7 de marzo),

ACORDOU:

Primeiro. Logo de revisar as reclamacións presentadas contra o segundo exercicio ao abeiro do previsto na base II.1.2.7 da convocatoria:

1. Anular a pregunta número 21.

2. Desestimar todas as demais reclamacións presentadas polos aspirantes.

Segundo. De conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, superaron o segundo exercicio do proceso selectivo os aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de vinte puntos (20 puntos), fixándose en 10,000 o número de respostas correctas para acadar a dita puntuación, unha vez feitas as deducións previstas na dita base da convocatoria.

Para estes efectos, tivéronse en conta os criterios de corrección, valoración e superación do segundo exercicio aprobados polo tribunal o 1 de xullo de 2019 en cumprimento da potestade de determinación do criterio de superación do exercicio e publicados no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal, que establecen:

– Que superarán o segundo exercicio os aspirantes que acaden as mellores puntuacións ata completar o número máximo de cento trinta e cinco (135), sempre que obtivesen un mínimo de dez (10) respostas correctas (logo de facer as deducións por respostas incorrectas).

– Que en caso de empate, todas as persoas aspirantes con idéntica puntuación a aquela persoa aprobada que marque o corte consideraranse igualmente aprobadas, aínda que se superase o número de aspirantes antes indicado.

– Que se lles asignará unha valoración de 20 puntos no exercicio aos aspirantes que obtivesen unha nota equivalente á nota de corte fixada.

– Que o resto das persoas declaradas aptas terán unha cualificación distribuída entre os 20 e os 40 puntos, proporcional ao número de respostas correctas.

– Que se lles asignará, do mesmo xeito, a puntuación proporcional que corresponda ás persoas aspirantes declaradas non aptas.

– No caso de que fose inferior a cento trinta e cinco (135) o número de aspirantes que obtivesen un número de respostas correctas igual ou superior a dez (10), a valoración de 20 puntos asignarase aos aspirantes que tivesen dez (10) respostas correctas e o resto de aspirantes aptos terá unha cualificación distribuída entre os 20 e os 40 puntos.

Feita a corrección, e de acordo cos criterios de corrección acordados indicados, superaron o segundo exercicio un total de cento trinta e tres (133) aspirantes.

Terceiro. Publicar as puntuacións obtidas polos aspirantes presentados ao segundo exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo auxiliar da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo C2, no lugar onde se realizou a proba, e no portal web da Xunta de Galicia funcionpublica.xunta.gal

De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, os aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas con relación ás puntuacións, no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Segundo o disposto na base III.13 da orde de convocatoria, contra este acordo poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Facenda nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2019

Xosé Inacio Palomanes Rodríguez
Presidente do tribunal