Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 164 Venres, 30 de agosto de 2019 Páx. 38372

IV. Oposicións e concursos

Axencia Galega das Industrias Culturais

RESOLUCIÓN do 20 de agosto de 2019 pola que se convoca a provisión do posto de coordinación do Departamento de Produción Teatral, do Centro Dramático Galego (CDG).

En virtude da Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), e do seu estatuto, aprobado polo Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais, esta axencia

RESOLVE:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para a cobertura do posto de coordinación do Departamento de Produción Teatral da Axencia Galega das Industrias Culturais, a que lle corresponden as función atribuídas polo Estatuto da Agadic, aprobado polo Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais.

Segundo. Aprobar as bases polas que se rexerá este proceso selectivo, que se engade como anexo I desta resolución.

Terceiro. Contra a presente resolución, que lle pon fin á vía administrativa, os/as interesados/as poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderá impugnala directamente, ante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2019

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais

ANEXO I

Bases polas que se regula a convocatoria para a selección do/da candidato/a para a cobertura do posto de coordinación do Departamento de Produción Teatral da Agadic, do Centro Dramático Galego (CDG).

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da administración xeral e do sector público autonómico de Galicia establece, na súa disposición transitoria quinta, que mentres non se regule o réxime do persoal directivo da administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, as axencias públicas autonómicas e os consorcios poden prover os postos que consonte as súas relacións de postos de traballo ou cadros de persoal, correspondan ao persoal directivo, entre persoal funcionario ou mediante contratos de alta dirección nos termos sinalados no artigo 13.2 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público.

A Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, sinala que é persoal directivo que desenvolve funcións profesionais directivas nas administracións públicas definidas como tales nas normas específicas de cada administración, indicando que, cando o persoal directivo reúna a condición de persoal laboral, estará sometido á relación laboral de carácter especial de alta dirección.

Pola súa banda o artigo 33 da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, determina que teñen a condición de persoal directivo as persoas que desenvolven funcións directivas profesionais nas administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación da citada lei. O artigo 34 da mesma norma di que a adquisición da condición de persoal directivo se baseará nos principios de mérito e capacidade e en criterios de idoneidade, e levarase a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e concorrencia entre o persoal funcionario de carreira e o persoal laboral fixo ao servizo das administracións públicas. O parágrafo 3 sinala que a provisión dos postos directivos se levará a cabo por procedementos obxectivos que garantan a publicidade e concorrencia entre as persoas que teñan a condición de persoal directivo. Non obstante o anterior, nas entidades públicas instrumentais tamén se poderán prover excepcionalmente con persoas que non teñan a condición de persoal directivo.

O artigo 34.4 da Lei 2/2015 establece que o persoal funcionario de carreira que teña a condición de persoal directivo e sexa nomeado para desempeñar un posto cualificado como directivo na correspondente relación de postos directivos, manterá a situación de servizo activo no corpo ou escala aos que pertenza. O persoal laboral fixo será declarado na situación que corresponda segundo a lexislación laboral e o convenio colectivo de aplicación.

O artigo 34.5 da citada lei sinala que os contratos laborais de alta dirección do persoal directivo incluirán un pacto de permanencia e non competencia pos-contractual polos dous anos seguintes á extinción do contrato.

Por Decreto 150/2012, do 12 de xullo, apróbase o Estatuto da Agadic, establecéndose no artigo 22 deste texto que, baixo a dirección, a axencia se estruturará en cinco departamentos, á fronte dos cales existirá unha coordinadora ou coordinador: o Departamento de Xestión, o Departamento de Fomento e Promoción de Políticas Culturais, o Departamento de Política Audiovisual, o Departamento de Produción Teatral e o Departamento de Produción Coreográfica.

Pola súa banda, o artigo 35 do estatuto establece que constitúen o persoal directivo da Agadic as persoas coordinadoras dos diferentes departamentos, engadindo que serán nomeadas e separadas polo Consello Reitor, por proposta motivada da dirección, que na súa designación se atenderá a principios de mérito e capacidade e a criterios de idoneidade, e que se levará a cabo mediante procedementos que garantan a publicidade e a concorrencia.

Por acordo do Consello Reitor do 28 de maio de 2019 adoptouse, entre outros acordos, o de cubrir o posto de coordinación do Departamento de Produción Teatral da Agadic.

Por todo o anterior, apróbase esta convocatoria coa finalidade de seleccionar a persoa candidata axeitada para a provisión desta praza, consonte aos sinalados principios de mérito e capacidade e a través dun procedemento que garanta a publicidade e concorrencia legalmente exixida na súa selección, para o seu posterior nomeamento ou contratación nos termos previstos no artigo 35 dos estatutos desta axencia, de acordo coas seguintes

Bases da convocatoria

1. Obxecto da convocatoria.

Constitúe o obxecto da presente convocatoria a selección para a provisión, mediante nomeamento ou contratación de persoal directivo, dun/ha coordinador/a do Departamento de Produción Teatral da Agadic, do Centro Dramático Galego (CDG).

2. Retribución e incompatibilidades.

a) Retribucións: as retribucións brutas anuais ascenderán a corenta e un mil seiscentos oitenta e dous euros con setenta e seis céntimos (41.682,76 €).

b) Incompatibilidades: a persoa que ocupe a coordinación do Departamento de Produción Teatral (CDG) estará sometida ao sistema de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas, regulado na Lei 53/1984, do 26 de decembro.

3. Funcións do/da coordinador/a do Departamento de Produción Teatral.

De acordo co artigo 26 do Decreto 150/2012, do 12 de xullo, polo que se aproba o Estatuto da Agadic, a coordinación terá as seguintes funcións:

a) Exercer a dirección artística do Centro Dramático Galego.

b) Dirixir, coordinar e planificar o persoal e a actividade da sede ao seu cargo.

c) Propoñer o plan de programación anual do Centro Dramático Galego e, en particular, o do Salón Teatro de Santiago de Compostela.

d) Propoñer as compañías artísticas e/ou encargadas de producir cada espectáculo programado e participar na selección de artistas para aqueles que o requiran e, en xeral, xestionar o programa de actividades culturais do Centro Dramático Galego.

e) Impulsar os acordos de cooperación e colaboración con outros centros análogos e, en xeral, con cantas institucións públicas e privadas poidan coadxuvar á consecución dos fins do centro.

f) Desenvolver cantas outras funcións lle sexan especificamente encomendadas pola Dirección da Agadic.

4. Requisitos e méritos.

4.1. Requisitos das persoas candidatas.

Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas candidatas deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes, e manter ata o momento da toma de posesión os seguintes requisitos:

a) Nacionalidade:

– Ter a nacionalidade española.

– Ser nacional dalgún dos Estados membros da Unión Europea.

– Ser nacional dalgún Estado en que, en virtude dos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa aplicable a libre circulación de persoas traballadoras.

– Tamén poderán participar, calquera que sexa a súa nacionalidade, as persoas cónxuxes das/dos españolas/españois e dos nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separadas de dereito. Nas mesmas condicións poderán participar descendentes e cónxuxe, sempre que non estean separadas/os de dereito, sexan menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade dependentes.

– Ter residencia legal en España, no caso de tratarse de persoas estranxeiras non incluídas nos puntos anteriores.

b) Idade: ter feitos os dezaseis anos.

c) Titulación: titulación universitaria co nivel de licenciatura, grao ou titulación equivalente.

d) O coñecemento e dominio do idioma galego. Acreditarase pola titulación do Celga 4 ou equivalente (bacharelato/universidade) debidamente homologado polo órgano competente en materia de política educativa e/ou lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG número 146, do 30 de xullo).

Aquelas persoas que non se atopen en situación de poder acreditar mediante certificación oficial o devandito nivel de coñecemento da lingua galega, farano constar, debendo indicar que solicitan ser avaliados do nivel de coñecemento da lingua galega. As probas para acreditar o nivel adecuado de coñecemento da lingua galega serán realizadas polo persoal designado para o efecto pola Consellería de Cultura e Turismo ao longo do procedemento para aquelas persoas aspirantes que sigan adiante no proceso. Esta proba, que será convocada con antelación suficiente para aquelas persoas aspirantes que o precisen con indicación do seu contido previamente, valorarase como apta ou non apta.

e) Capacidade funcional: posuír as capacidades e aptitudes físicas e psíquicas que sexan necesarias para o desempeño das correspondentes funcións ou tarefas.

f) Habilitación: non ter sido separada/o mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha Administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal do cal a persoa foi separada ou inhabilitada. No suposto de ser nacional doutro Estado, non encontrarse a persoa inhabilitada ou en situación equivalente, nin ter sido sometida a sanción disciplinaria ou equivalente que impida no Estado de procedencia o acceso ao emprego público nos termos anteriores.

4.2. Méritos das persoas candidatas.

Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas candidatas deberán aportar antes da finalización do prazo de presentación de solicitudes os seguintes méritos:

a) Presentar un curriculum vitae pormenorizado, onde se acredite a súa formación, traxectoria e experiencia artística e/ou de xestión en no ámbito público ou privado dentro do ámbito do teatro e/ou as artes escénicas:

– Titulación universitaria co nivel de licenciatura, grao ou titulación equivalente.

– Titulación de doutoramento relacionado coas funcións a desenvolver

– Titulacións homologadas por organismos oficiais (ciclos medios, superiores e mestrados) directamente relacionados coas funcións do posto de traballo a desenvolver.

– Cursos de formación non regrada superiores a 50 horas ou 6 meses directamente relacionados coas funcións do posto de traballo a desenvolver.

– Cursos/obradoiros puntuais directamente relacionados coas funcións do posto de traballo a desenvolver.

– Experiencia artística e/ou de xestión en postos directivos desempeñados na Administración pública.

– Experiencia artística e/ou de xestión en postos directivos desempeñados noutras empresas ou institucións.

– Experiencia artística e/ou de xestión en postos non directivos desempeñados na Administración ou noutras empresas ou institucións.

Estes méritos deberán ser acreditados só no caso de ser a persoa seleccionada para cubrir o posto de coordinación do Departamento de Produción Teatral da Agadic. Para a súa acreditación, poderán achegarse títulos homologados, certificacións de asistencia, certificacións de empresas produtoras, vida laboral, contratos, nóminas, etc. Para estes efectos, o órgano de selección poderá requirir documentación aclaratoria ou complementaria dos méritos alegados cuxos documentos acreditativos considere insuficientes ou confusos. Aqueles méritos que non sexan debidamente acreditados deberán ser subtraídos da puntuación final da persoa aspirante.

b) Presentar por escrito, en calquera das linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia, un proxecto artístico para o Centro Dramático Galego (CDG), Departamento de Produción Teatral da Agadic, onde se recollan a proposta artística e de xestión (obxectivos a alcanzar, liñas de actuación, orzamentos e programas a desenvolver) conforme os requisitos previstos nos artigos 7, 8 e 9 capítulo II do Estatuto da Agadic, e tendo en conta a promoción e posta en valor das artes escénicas na Comunidade Autónoma galega. Este proxecto incluirá un marco xeral de financiamento del. Para a súa elaboración, a estimación de dispoñibilidade orzamentaria será de 600.000 euros. A proposta no poderá superar un máximo de 6.000 palabras.

5. Lugar e presentación de solicitudes.

Quen desexe tomar parte na presente convocatoria deberá presentar unha solicitude que conteña:

5.1. Datos de contacto (por medio do anexo I das presentes bases) debidamente cuberto.

5.2. Copia do DNI, pasaporte ou equivalente da persoa candidata.

5.3. Curriculum viate completo da persoa candidata.

5.4. Proxecto artístico para o CDG.

5.5. Titulación Celga 4 ou equivalente (bacharelato/universidade) debidamente homologado polo órgano competente en materia de política educativa e/ou lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG número 146, do 30 de xullo) (ver base cuarta punto 4.d) sobre o coñecemento e dominio do idioma galego).

5.6. Declaración xurada ou responsable da persoa candidata (por medio do anexo III das presentes bases) de que reúne todos e cada un dos requisitos exixidos para participar neste proceso, ou que está en disposición de obtelos no prazo de presentación de solicitudes.

As persoas candidatas deberán presentar toda a documentación requirida nesta convocatoria, dirixindo nominalmente á persoa que exerza a Dirección da Agadic en sobre cerrado no que se indique Proceso de selección para a coordinación do Departamento de Produción Teatral (CDG) e remitirase por correo certificado á dirección da axencia: A Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela, ou ben presentarase directamente no seu rexistro xeral (sito na Cidade da Cultura de Galicia, Monte Gaiás, s/n, 15707 Santiago de Compostela).

Para os efectos de comprobación da súa presentación en prazo, as candidaturas remitidas a través de servizos de mensaxaría privados, ou de servizos de correo estranxeiros, consideraranse presentadas na data en que entraran nos rexistros oficiais previstos no parágrafo anterior.

Tamén se poderán presentar as solicitudes en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Estas bases, así como os anexos que as acompañan, estarán dispoñibles na páxina web da Agadic (www.agadic.gal) e no taboleiro desta axencia.

O prazo de presentación será de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia. A publicación farase tamén na páxina web da Agadic (www.agadic.gal) e no taboleiro desta axencia.

6. Admisión de solicitudes.

Unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes, aprobarase por resolución da Agadic a lista provisional de persoas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión.

Esta lista publicarase na páxina web da Agadic (www.agadic.gal) e no taboleiro desta axencia, dispoñendo as persoas interesadas dun prazo de cinco (5) días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación, para presentar as emendas correspondentes.

Rematado o prazo anterior, ditarase resolución mediante a que se aprobará a lista definitiva de persoas admitidas, publicándose na forma descrita. Esta publicación implica a desestimación das alegacións ou emendas formuladas por aquelas persoas aspirantes que queden definitivamente excluídas.

O feito de figurar na lista de persoas admitidas non presupón o cumprimento dos requisitos para participar nesta convocatoria, que se acreditarán documentalmente como se indica na base cuarta da presente convocatoria.

7. Órgano de selección (Comisión de Valoración).

O órgano de selección será constituído por unha Comisión de Valoración nomeada por resolución da dirección da Agadic, que se publicará na páxina web da Agadic (www.agadic.gal) e no taboleiro desta axencia, con anterioridade ao comezo do procedemento selectivo.

A comisión axustarase no seu funcionamento e actuación ás instrucións relativas ao funcionamento e actuación dos órganos de selección do 11 de abril de 2007, modificadas por Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 8 de abril de 2010.

8. Procedemento selectivo.

8.1. Valoración de méritos e proxecto.

Na primeira fase, a Comisión de Valoración puntuará os méritos alegados polas persoas candidatas indicados na base 4.2.a) segundo os seguintes criterios:

a) 1 punto por titulación universitaria co nivel de licenciatura, grao ou titulación equivalente, ata un máximo de 2 puntos.

b) 2 puntos polo título de doutor en ámbitos relacionados coas funcións a desenvolver.

c) 0,5 puntos por titulacións homologadas por organismos oficiais (ciclos medios, superiores e mestrados) directamente relacionados coas funcións do posto de traballo a desenvolver, ata un máximo de 2 puntos.

d) 0,25 puntos por cursos de formación non regrada de duración superior a cincuenta (50) horas ou seis (6) meses, directamente relacionados coas funcións do posto de traballo que se vai desenvolver, ata un máximo de 1 punto.

e) 0,1 puntos por resto de cursos/obradoiros puntuais directamente relacionados coas funcións do posto de traballo que se vai desenvolver, ata un máximo de 1 punto.

• Os cursos sen duración específica puntuarán como curso/obradoiro puntual (0,1).

• Cada curso anual, parte dun ciclo formativo, puntúa como curso de formación non regrada superior a 50 horas ou 6 meses (0,25).

• Non se puntuarán as xornadas, congresos ou similares.

f) 0,5 puntos por ano de experiencia artística e/ou de xestión en postos directivos desempeñados na Administración pública, ata un máximo de 6 puntos.

• As fraccións de anos puntuaranse por mes completo de maneira proporcional.

g) 0,25 puntos por ano de experiencia artística e/ou de xestión en postos directivos desempeñados noutras empresas ou institucións, ata un máximo de 2 puntos.

• As fraccións de anos puntuaranse por mes completo de maneira proporcional.

h) 0,20 puntos por ano de experiencia artística e/ou de xestión en postos non directivos desempeñados na Administración pública ou noutras empresas ou institucións, ata un máximo de 2 puntos.

• As fraccións de anos puntuaranse por mes completo de maneira proporcional.

i) 0,20 puntos por cada montaxe profesional como director/a na administración ou noutras empresas ou institucións, ata un máximo de 2 puntos.

• As montaxes dunha duración inferior a 45 minutos, lecturas dramatizadas, recitais poéticos, galas, entregas de premios e semellantes puntuarán 0,10 puntos.

• Non se puntuarán as montaxes non profesionais (sen alta na Seguridade Social e sen ter feitas un número mínimo de tres funcións).

A puntuación máxima que se pode acadar polos méritos relacionados nesta primeira fase será de 20 puntos.

– Na segunda fase valorarase o plan contido no proxecto segundo os seguintes criterios:

a) Interese cultural e artístico, relevancia e singularidade do proxecto e obxectivos (máximo 10 puntos).

b) Estratexias de difusión e promoción do proxecto (máximo 5 puntos).

c) Repercusión do proxecto na creación e fomento de públicos para as artes escénicas (máximo 5 puntos).

d) Viabilidade e eficacia, entendida como unha axeitada identificación e tratamento das condicións económicas, materiais, técnicas e humanas precisas para acadar os obxectivos que se propoñen no proxecto así como a relación existente entre os obxectivos e os recursos que se consideran para acadalos (máximo 10 puntos).

e) Coñecemento do contexto económico, social, institucional e cultural da Comunidade Autónoma de Galicia (máximo 5 puntos).

A puntuación máxima que se pode acadar polo proxecto será de 35 puntos.

A puntuación acadada nestas dúas fases publicarase na páxina web da Agadic (www.agadic.gal), e no taboleiro de anuncios da Agadic, concedéndose un prazo de cinco (5) días hábiles para formular as alegacións que consideren oportunas.

Unha vez resoltas estas alegacións publicarase a listaxe coa puntuación definitiva, entendéndose desestimadas as alegacións daqueles aspirantes que non experimenten variación.

8.2. Entrevista.

As persoas candidatas que acaden, unha vez sumadas as puntuacións das dúas fases anteriores, as tres mellores puntuacións, serán convocadas pola Comisión a unha entrevista que versará sobre a exposición e defensa do seu proxecto, e na que a Comisión poderá formular as preguntas que considere necesarias respecto del. A duración aproximada desta entrevista fíxase nun máximo de corenta e cinco (45) minutos.

Na entrevista valorarase o coñecemento das linguas oficiais da Comunidade Autónoma, así como de linguas estranxeiras.

A entrevista terá unha valoración máxima de 10 puntos.

O chamamento para a entrevista realizarase, polo mesmo medio sinalado para a publicación das puntuacións da fase anterior, é dicir, na páxina web da Agadic (www.agadic.gal), así como no taboleiro de anuncios da Agadic.

9. Cualificación e proposta da persoa seleccionada.

A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións acadadas tanto nas dúas primeiras fases como na entrevista.

No caso de empate na puntuación total, dirimirase a favor da persoa candidata que obtivese maior puntuación nas seguintes fases: proxecto, valoración dos méritos e entrevista.

Publicaranse na páxina web da Agadic (www.agadic.gal), así como no taboleiro de anuncios da Agadic, as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes que, no prazo de tres (3) días hábiles, poden formular as alegacións oportunas, que se entenderán estimadas ou desestimadas, segundo proceda, coa publicación da puntuación definitiva.

Unha vez rematada a avaliación das persoas aspirantes, o órgano de selección elevará a súa proposta, incluíndo, de ser posible, tres candidatas ou candidatos, ao director da Axencia, que resolverá propoñéndolle ao Consello Reitor unha persoa candidata para que adopte o correspondente acordo de contratación ou de nomeamento, segundo esta sexa persoal susceptible de contratación laboral ou sexa persoal funcionario. Dito acordo será publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG).

A persoa seleccionada deberá acreditar os requisitos para participar neste proceso sinalados na base 4.2 no prazo de dez (10) días hábiles desde que sexa requirido. Para estes efectos achegarase orixinal ou ben copia cotexada.

De non presentar solicitudes, de non cumprir ningunha das rexistradas os requisitos exixidos ou de ser considerado que ningunha das persoas candidatas resulta idónea para o posto, a convocatoria será declarada deserta mediante resolución do director da Agadic que se publicará no DOG.

10. Nomeamento e toma de posesión.

O prazo de toma de posesión do novo destino será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días se comporta cambio de residencia. Cando o/a adxudicatario/a do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte (20) días hábiles, de conformidade co establecido no artigo 14 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, modificado polo Decreto 166/2013, do 14 de novembro.

O prazo posesorio empezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso dos funcionarios doutras administracións públicas.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberase computar desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Se a persoa seleccionada para ocupar o posto de traballo convocado non tivera a condición de funcionaria pública, o vínculo formalizarase mediante contrato laboral de alta dirección ao abeiro do previsto no Real decreto 1382/1985, do 1 de agosto, polo que se regula a relación laboral de carácter especial do persoal de alta dirección, no artigo 17 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

11. Ampliación de información y consultas.

As persoas interesadas en presentarse ao proceso de selección poderán realizar as consultas que consideren oportunas sobre este proceso ou sobre o CDG, a través do seguinte enderezo de correo electrónico: agadic@xunta.gal.

Para garantir a confidencialidade do proceso non se atenderán consultas telefónicas nin persoais.

12. Confidencialidade.

Todas as persoas e institucións implicadas no proceso de selección comprométense a garantir a absoluta confidencialidade de todos os seus datos persoais e profesionais, asegurando que a participación das persoas non seleccionadas se manterá no estrito ámbito do coñecemento e a valoración do órgano de selección e facéndose público por parte da Agadic exclusivamente o nome da persoa que resulte seleccionada.

Para estes efectos, nas publicacións referidas á presente convocatoria empregaranse as seis últimas cifras do DNI de cada persoa participante no proceso.

13. Principio de igualdade.

Este proceso réxese polos principios de igualdade recollidos na Lei orgánica 3/2007, de 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

ANEXO II

Modelo de solicitude

Primeiro apelido:

Segundo apelido:

Nome:

DNI:

Data de nacemento:

Enderezo:

Localidade:

Provincia:

Teléfono/s:

Correo electrónico:

Solicito: a admisión na convocatoria para a cobertura do posto de coordinación do Departamento de Produción Teatral da Agadic.

Documentación que se presenta:

 Copia do DNI, pasaporte ou equivalente.

Curriculum vitae que recolle todos os méritos alegados (ver base 4.2.a).

 Proxecto artístico para o Centro Dramático Galego do Departamento de Produción Teatral da Agadic (ver base 4.2.b).

 Titulación Celga 4 ou equivalente (bacharelato/universidade) debidamente homologado polo órgano competente en materia de política educativa e/ou lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (DOG número 146, do 30 de xullo).

 Solicito ser avaliado/a do nivel de coñecemento da lingua galega mediante as probas para acreditación de nivel correspondentes que se realizarán ao longo do proceso, ao non atoparme en situación de poder acreditar mediante certificado oficial titulación (Celga 4 ou equivalente) o nivel de coñecemento da lingua galega.

 Declaración xurada ou responsable de reunir todos os requisitos exixidos para participar neste proceso (anexo III das presentes bases).

Data: _ _ / _ _ / 2019

(Sinatura)

ANEXO III

Declaración xurada ou responsable

con DNI: e enderezo en , declaro baixo xuramento ou responsablemente, para os efectos de ser admitida/o no proceso selectivo para a cobertura do posto de coordinación do Departamento de Produción Teatral da Agadic, de acordo co previsto na base 6, que cumpro todos e cada un dos requisitos exixidos para participar neste proceso ou que estou en disposición de obtelos no prazo de presentación de solicitudes.

Data: _ _ / _ _ / 2019

(Sinatura)