Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 162 Mércores, 28 de agosto de 2019 Páx. 38076

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de agosto de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción para o proxecto de execución denominado Proxecto modificado segundo da subestación colectora 30-66/220 kV para conexión de instalacións de xeración renovable á rede de transporte no nó Regoelle 220 kV, no termo municipal de Dumbría (expediente IN407A 2016/3040-1).

Feitos.

Primeiro. O 31.10.2018 o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, se declara a utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia cun aproveitamento forestal e a compatibilidade cun dereito mineiro, das instalacións eléctricas denominadas LAT 66 kV parques eólicos Monte Tourado-Eixe/Monte O Tourado-subestación colectora Regoelle 20-66/220 kV, sita nos concellos de Zas, Vimianzo e Dumbría (A Coruña) (expediente IN407A 2017/166-1) e subestación colectora Regoelle 20-66/220 kV sita no concello de Dumbría (A Coruña) (expediente IN407A 2016/3040-1).

Neste acordo do Consello da Xunta de Galicia relaciónanse os diferentes promotores das referidas instalacións eléctricas, xunto coa súa porcentaxe de participación, e indícase que o promotor que actúa como representante é Fenosa Wind, S.L.

O 5.11.2018 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas ditou resolución pola que se fixo público o citado acordo do Consello da Xunta de Galicia (DOG nº 219, do 16 de novembro).

Segundo. O 13.5.2019 tivo entrada na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, a través do rexistro electrónico da Xunta de Galicia, un escrito de Naturgy Wind, S.L.U. (antes, Fenosa Wind, S.L.) en que solicita as autorizacións administrativas previa e de construción do proxecto de execución denominado Proxecto modificado da subestación colectora 20-66/220 kV para conexión de instalacións de xeración renovable á rede de transporte no nó Regoelle 220 kV, acompañado da seguinte documentación:

• Proxecto de execución denominado Proxecto modificado da subestación colectora 20-66/220 kV para conexión de instalacións de xeración renovable á rede de transporte no nó Regoelle 220 kV, asinado polo enxeñeiro industrial Enrique Fernández Olea (colexiado nº 574 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia) e datado en abril de 2019.

• Declaración responsable do técnico competente proxectista conforme o establecido no anexo XIX do Decreto 51/2011, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CD do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior (DOG nº 65, do 1 de abril), así como de cumprimento da normativa de aplicación nos termos dispostos no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Separata técnica do devandito proxecto modificado para Red Eléctrica de España, S.A.U.

Conforme o manifestado por Naturgy Wind, S.L.U. na súa solicitude e o establecido no proxecto modificado presentado, cómpre indicar o seguinte:

• Posteriormente á autorización do proxecto de execución da subestación colectora Regoelle foi necesario realizar cambios no deseño da instalación que son os que motivan a elaboración deste modificado. Estes cambios débense fundamentalmente ao seguinte:

– Adecuación da entrada da liña de 220 kV na subestación de REE, proxectada inicialmente en subterráneo pero que terá que ser en aéreo.

– Substitución de dous dos catro transformadores de potencia considerados por outros diferentes, de características similares e que garanten prazos de entrega compatibles coas previsións de posta en marcha das instalacións de xeración eólica que actualmente están en construción.

• Este modificado non provoca novas afeccións en terreos, nin distintas, das xa consideradas na relación de bens e dereitos incluída no proxecto autorizado e declarado de utilidade pública.

• Desde o punto de vista ambiental, tampouco se producen afeccións distintas ás xa consideradas dentro do alcance indicado da declaración de impacto ambiental (DIA) formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 17.10.2018.

Posteriormente, Naturgy Wind, S.L.U. substituíu o proxecto modificado presentado inicialmente por un novo proxecto modificado denominado Proxecto modificado segundo da subestación colectora 30-66/220 kV para conexión de instalacións de xeración renovable á rede de transporte no nó Regoelle 220 kV, asinado polo mesmo enxeñeiro industrial e datado en xullo de 2019. Tamén achegou a referida declaración responsable do técnico competente proxectista.

Terceiro. O 22.5.2019 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas deu traslado da solicitude de Naturgy Wind, S.L.U. sobre o proxecto modificado de referencia, para os efectos da instrución do correspondente procedemento, á Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial).

Cuarto. O 20.6.2019 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas deu traslado da solicitude de Naturgy Wind, S.L.U. sobre o proxecto modificado de referencia, para os efectos de emitir informe sobre a necesidade ou non de realizar algún trámite ambiental, á Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

O 3.7.2019 a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu informe ao respecto, en que se conclúe, de xeito literal, o seguinte: «Á vista da documentación recibida considérase que, no referente ás modificacións descritas nela, non existen obxeccións aos cambios solicitados polo promotor sempre que se cumpra o recollido na documentación achegada. No restante mantén a súa vixencia o establecido na DIA».

Quinto. A xefatura territorial, de conformidade co establecido nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, trasladou a REE unha separata técnica do proxecto modificado de referencia, como única entidade con bens e dereitos afectados por este, co obxecto de obter o seu informe ou condicionado ao respecto.

A entidade REE non contestou a petición de informe, nin a súa reiteración, polo que se entende a súa conformidade coa autorización do proxecto modificado, conforme o disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Sexto. O 13.8.2019 os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron informe favorable sobre a solicitude de Naturgy Wind, S.L.U. sobre o proxecto modificado de referencia.

Consideracións legais e técnicas.

Primeira. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG nº 18, do 25 de xaneiro de 2018), e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

Segunda. A lexislación de aplicación ao presente expediente é a seguinte:

• Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental.

• Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

• Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

• Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

• Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

• Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

• Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG nº 54, do 19 de marzo de 2014).

• Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

• Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Terceira. A subestación situarase a 441 metros sobre o nivel do mar, sobre unha explanada rectangular de 8.428 m2 situada nas proximidades da subestación Regoelle 220 kV (REE), no lugar de Lagoas, no termo municipal de Dumbría (A Coruña). Proxéctase unha subestación transformadora convencional coas seguintes posicións:

• Tres posicións de entrada de liña aérea 66 kV, transformador 66/220 kV e conexión a barras de 220 kV.

• Unha posición de entrada de liña subterránea 30 kV, transformador 40/220 kV e conexión a barras de 220 kV.

• Unha posición de barras colectoras de 220 kV.

• Unha posición de liña 220 kV con saída subterránea cara á subestación Regoelle 220 kV.

De acordo coas características das instalacións xeradoras que se conectarán ás rede de transporte a través desta subestación colectora, as posicións de entrada configúranse do seguinte modo:

• Posición de entrada 1 (norte): entrada de liña aérea 66 kV e transformador 66/220 kV, de 220/160/120 MVA ONAN/ONAF1/ONAF2, para conexión dos parques eólicos Monte Tourado-Eixe, Lagoa I, Lagoa II (fases I e II) e Monte O Tourado.

• Posición de entrada 2 (sur): entrada de liña aérea 66 kV e transformador 66/220 kV, de 70 MVA, para conexión dos parques eólicos A Ruña II, Outes, Ampliación de Virxe e Alto das Agras.

• Posición de entrada 3 (Paxareiras): entrada de liña aérea 66 kV e transformador 66/220 kV, de 30 MVA, para conexión do parque eólico Paxareiras II.

• Posición de entrada 4 (Greenalia): constituída por tres entradas de liña subterránea 30 kV, barras e transformador 30/220 kV, de 40 MVA, para conexión dos parques eólicos Monte Tourado, Alto da Croa e Alto da Croa II.

Os catro transformadores de potencia e a aparamenta de alta tensión (66 e 220 kV) serán de intemperie, mentres que os sistemas de media tensión (30-20 kV), servizos auxiliares, control, protección e medida instalaranse no interior dun edificio prefabricado que albergará ademais un despacho, almacén, aseo e vestiario para o persoal de operación.

A conexión coa rede de transporte consistirá nunha liña subterránea de 220 kV, de 222 metros de lonxitude entre a posición de saída de liña da subestación colectora e a correspondente posición de entrada aérea na subestación Regoelle 220 kV, onde se instalará a aparamenta e elementos de conexión necesarios.

Cuarta. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos da xefatura territorial, do 13.8.2019, sobre a solicitude de Naturgy Wind, S.L.U. sobre o proxecto modificado de referencia, no cal se conclúe, de xeito literal, o seguinte: «Desde un punto de vista técnico non se atopa ningún impedimento para emitir a autorización administrativa e de construción da instalación eléctrica (modificado) subestación colectora 30-66/220 kV para conexión de instalacións de xeración renovables á rede de transporte no nó Regoelle 220 kV, e a súa remisión á dirección xeral competente en materia de enerxía para que se prosiga coa tramitación do expediente».

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

• Outorgar a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución denominado Proxecto modificado segundo da subestación colectora 30-66/220 kV para conexión de instalacións de xeración renovable á rede de transporte no nó Regoelle 220 kV, no termo municipal de Dumbría (expediente IN407A 2016/3040-1).

Todo isto de acordo coas seguintes condicións:

Primeira. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado Proxecto modificado segundo da subestación colectora 30-66/220 kV para conexión de instalacións de xeración renovable á rede de transporte no nó Regoelle 220 kV, asinado polo enxeñeiro industrial Enrique Fernández Olea (colexiado nº 574 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia), datado en xullo de 2019 e no cal figura un orzamento de execución material de 5.919.397,67 €.

Segunda. Asegurarase o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento deberase cumprir canto establecen o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, e o Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

Así mesmo, deberase cumprir co disposto na declaración de impacto ambiental formulada o 17.10.2018 pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático.

Terceira. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Cuarta. O prazo para solicitar a autorización de explotación será de tres anos, contados a partir do presente outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción. En caso de incumprimento, poderá producirse a súa revogación nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, ou norma que a substitúa.

Unha vez solicitada a autorización de posta en servizo, a xefatura territorial será a encargada de emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Quinta. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións deberase presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que as instalacións se realizaron de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Así mesmo, deberase presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións.

Sexta. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar á revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

Sétima. Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñerse recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación o publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas