Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Martes, 27 de agosto de 2019 Páx. 37662

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 6 de agosto de 2019 pola que se adopta decisión favorable en relación coa solicitude de rexistro da modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega.

O pasado día 13 de xuño, o pleno do Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia aprobou solicitar unha modificación do prego de condicións da indicación xeográfica protexida (IXP) Ternera Gallega, de conformidade co establecido no artigo 53 do Regulamento (UE) núm. 1151/2012 do Parlamento e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios.

A dita solicitude, xunto co texto do novo prego de condicións, presentouna posteriormente o consello regulador ante a Consellería do Medio Rural, de acordo co establecido tanto no Real decreto 1335/2011, do 3 de outubro, polo que se regula o procedemento para a tramitación das solicitudes de inscrición das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas no rexistro comunitario e a oposición a elas como no Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores, norma autonómica reguladora da materia.

Ademais de no citado artigo 53 do Regulamento (UE) núm. 1151/2012, o procedemento para a modificación dos pregos de condicións recóllese no artigo 6 do Regulamento delegado (UE) núm. 664/2014 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, polo que se completa o Regulamento (UE) núm. 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello no que se refire ao establecemento dos símbolos da Unión para as denominacións de orixe protexidas, as indicacións xeográficas protexidas e as especialidades tradicionais garantidas e no que atinxe a determinadas normas sobre a procedencia, certas normas de procedemento e determinadas disposicións transitorias adicionais.

A modificación que se propón afecta ao apartado B do prego de condicións (descrición do produto) e ao apartado F (vínculo). Consecuentemente, tamén afecta aos apartados 3.2 e 5.2 do documento único publicado. A modificación consiste na adecuación da idade de sacrificio dos tipos de animais Ternera gallega e Añojo á normativa europea e española sobre o sistema de etiquetaxe da carne de vacún: Regulamento (UE) núm. 1308/2013, do 17 de decembro, do Parlamento Europeo e do Consello, polo que se crea a organización común de mercados dos produtos agrarios; e Real decreto 1698/2003, do 12 de decembro, polo que se establecen disposicións de aplicación dos regulamentos comunitarios sobre o sistema de etiquetaxe da carne de vacún.

A normativa anteriormente citada establece a denominación ternera para os animais sacrificados entre 8 e 12 meses de idade e a denominación «añojo» para os animais sacrificados entre 12 e 24 meses de idade.

No prego de condicións da IXP Ternera Gallega considéranse os tipos de animais ternera cando se sacrifican con menos de 10 meses de idade e «añojo» cando se sacrifican con máis de 10 meses e menos de 18. Hai por tanto unha discordancia entre o establecido no prego de condicións da IXP Ternera Gallega e as disposicións oficiais sobre a etiquetaxe da carne de vacún, o que pode provocar ás veces confusión no mercado e nos consumidores.

A modificación proposta ten como obxecto resolver a dita discordancia da seguinte maneira:

– A idade de sacrificio dos animais denominados no prego de condicións Ternera Gallega Suprema mantense en menos de 10 meses. A idade de sacrificio destes animais non se amplía co obxecto de que se cumpran as características específicas da carne que se obtén, derivadas da exixencia dun período de lactación materna ata a proximidade do sacrificio.

– A idade de sacrificio dos animais denominados no prego de condicións coa categoría xenérica Ternera Gallega (é dicir, sen ningunha outra mención) modifícase ampliándoa ata menos de 12 meses, en concordancia coas disposicións oficiais sobre a etiquetaxe da carne de vacún na UE e en España.

– A idade de sacrificio dos animais denominados no prego de condicións coa categoría Añojo modifícase, establecendo o seu límite inferior en 12 meses, tamén en concordancia coas disposicións oficiais sobre a etiquetaxe da carne de vacún na Unión e en España.

Trátase dunha modificación de menor importancia de acordo co establecido no artigo 53.2 do Regulamento 1151/2012. O cambio proposto non significa a inclusión baixo o amparo da IXP Ternera Gallega de carne de animais que non estean protexidos co prego de condicións actual, senón que é unha modificación do nome da categoría dalgúns animais, que deixarían de levar a mención Añojo e pasarían a denominarse co nome xenérico Ternera Gallega.

Segundo o indicado no citado artigo 6, número 2, do Regulamento núm. 664/2014 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, ao ser unha modificación de menor importancia presentada pola mesma agrupación que solicitara anteriormente o rexistro da indicación xeográfica –téñase en conta que o actual Consello Regulador das Indicacións Xeográficas Protexidas de Carne de Vacún de Galicia substitúe ao anterior Consello Regulador da IXP Ternera Gallega, subrogándose nos seus dereitos e obrigas– non é preceptivo levar a cabo un procedemento de oposición.

Por todo o anterior, considerando que a solicitude presentada cumpre as condicións establecidas no Regulamento (UE) núm. 1151/2012 do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro de 2012, sobre os réximes de calidade dos produtos agrícolas e alimenticios e coas competencias da Consellería do Medio Rural nesta materia,

RESOLVO:

Primeiro. Adoptar e facer pública a decisión favorable para que as modificacións do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega sexan inscritas no Rexistro comunitario das denominacións de orixe protexidas e das indicacións xeográficas protexidas, unha vez comprobado que se cumpren os requisitos do Regulamento (UE) núm. 1151/2012, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de novembro.

Segundo. Publicar a nova versión do prego de condicións da indicación xeográfica protexida Ternera Gallega, sobre a que se basea esta decisión favorable. O dito prego de condicións e mais o documento único figuran na páxina web da Consellería do Medio Rural, nos seguintes enderezos electrónicos:

https://mediorural.xunta.gal/fileadmin/arquivos/alimentacion/produtos_calidade/2019/Pliego_de__condiciones_TG_julio_2019.pdf

https://mediorural.xunta.gal/fileadmin/arquivos/alimentacion/produtos_calidade/2019/DOCUMENTO_UNICO_TG_julio_2019.pdf

Terceiro. Remitir esta resolución, xunto co resto da documentación pertinente, ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, para os efectos da transmisión da solicitude de modificación do prego de condicións á Comisión Europea, de acordo co procedemento legal establecido.

Esta resolución esgota a vía administrativa e fronte a ela os interesados poden interpor con carácter potestativo recurso de reposición perante a persoa titular da Consellería do Medio Rural no prazo dun mes, segundo dispoñen os artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 2 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 10 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses, computados ambos os dous prazos desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de agosto de 2019

José González Vázquez
Conselleiro do Medio Rural