Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Xoves, 22 de agosto de 2019 Páx. 37315

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 7 de agosto de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 1 de agosto de 2019, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Miñón como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como as disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 1 de agosto de 2019, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1ª. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado proxecto sectorial do parque eólico Miñón, no termo municipal de Vimianzo (A Coruña). Xullo 2019, promovido por Greenalia Wind Power Miñón, S.L.U.

2ª. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o Acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento no Concello de Vimianzo queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial do parque eólico Miñón.

Santiago de Compostela, 7 de agosto de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Plan vixente no municipio de Vimianzo.

O Concello de Vimianzo dispón de normas subsidiarias de plan aprobadas o 1.7.1994. Segundo estas normas, as clasificacións do solo sobre as cales se sitúan as instalacións do parque eólico son as seguintes:

SF solo non urbanizable de protección de zonas forestais.

SN solo non urbanizable común.

SA solo non urbanizable de protección de cultivos.

Con data do 19 de marzo de 2016, entrou en vigor a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, publicada no DOG núm. 34, do 19 de febreiro de 2016, que derroga a Lei 9/2002.

Na disposición transitoria primeira, Réxime de aplicación aos municipios con plan non adaptado e aos municipios sen plan, establécese:

Punto 2), o plan aprobado definitivamente con anterioridade á entrada en vigor da presente lei e non adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, conservará a súa vixencia ata a súa revisión ou adaptación a ela, conforme as seguintes regras:

Letra d), ao solo non urbanizable ou solo rústico aplicaráselle o disposto na presente lei para o solo rústico, sen conservar as categorías do plan vixente.

Este é o caso do plan urbanístico do Concello de Vimianzo.

A Lei 2/2016, no seu artigo 35, regula os usos e actividades posibles no solo rústico. Entre eles inclúense os recollidos no punto:

«m) Instalacións e infraestruturas hidráulicas, de telecomunicacións, produción e transporte de enerxía, gas, abastecemento de auga, saneamento e xestión e tratamento de residuos, sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos cales discorren».

O parque eólico obxecto de estudo, concibido como instalación de produción de enerxía, atópase entre os usos relacionados no citado punto.

Segundo o disposto na Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, no artigo 36 establécese:

5) Así mesmo, poderán implantarse en solo rústico aqueles usos previstos nos instrumentos de ordenación do territorio, logo de obter o título municipal habilitante e sen necesidade de autorización urbanística autonómica.

Por tanto, para estas cualificacións de solo é autorizable o parque eólico sen prexuízo da licenza urbanística municipal e demais autorizacións administrativas sectoriais que procedan, que se cumpren co presente proxecto sectorial, xa que, segundo o Decreto 19/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproban definitivamente as directrices de ordenación do territorio, no seu punto 4.75 indícase que «(…) nas actuacións relativas á enerxía eólica, desenvolveranse as condicións para o desenvolvemento dos parques eólicos, priorizando a repotenciación dos xa existentes a través da planificación dun plan sectorial. Así, só se poderán instalar parques eólicos nas áreas reservadas para tal fin no devandito instrumento de ordenación e será necesaria a elaboración dun proxecto sectorial para o seu desenvolvemento (…)».

2. Proposta de modificación do plan municipal vixente.

Por todo o exposto anteriormente, e co fin de realizar a ordenación territorial da área afectada polo parque eólico Miñón no municipio de Vimianzo, incluirase a delimitación sinalada no plano nº 4.-Ordenación urbanística proposta, que se corresponde coa área de incidencia urbanística do parque eólico Miñón (superficie vinculada ao parque eólico), que se cualificará como solo rústico de especial protección de infraestruturas.

Este tipo de solo:

Mantén de forma xeral os usos tradicionais previstos na normativa vixente, sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas, de forma que non se altera o desenvolvemento actual da área en canto aos proxectos de carácter forestal actualmente en marcha.

Permite a implantación do parque eólico en canto ás súas infraestruturas e equipamentos, dado que estes non interfiren de forma significativa sobre os usos tradicionais.

Permite o desenvolvemento das infraestruturas sen alterar o equilibrio natural da área definida, dado que, ben que esta non é moi sensible, indubidablemente ten un carácter que é preciso respectar.

A nova cualificación do solo proposta de solo rústico de especial protección de infraestruturas debe cumprir os criterios seguintes:

2.1. Ámbito e licenzas.

A categoría de solo rústico de especial protección de infraestruturas comprende a zona destinada á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas á utilización do recurso natural: vento.

Esta zona queda toda ela contida no concello de Vimianzo, na provincia da Coruña, e ocupa unha superficie de 79,96 hectáreas neste municipio.

2.2. Condicións de uso.

Nesta categoría de solos quedan permitidos os usos para a instalación de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como os usos agrícolas, gandeiros e as actividades forestais sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas.

Quedan permitidos os usos permitidos na letra k) do artigo 35, Usos e actividades en solo rústico, da Lei 2/2016 e, en concreto, as actividades mineiras, sen máis restricións que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas.

Os usos destinados á instalación de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos) que proxecten situarse neste tipo de solo deberán contar coa correspondente declaración de impacto ambiental, de acordo coa lexislación ambiental vixente durante a tramitación do proxecto, e coa aprobación do proxecto sectorial correspondente, segundo o establecido nos artigos 22 a 25 da Lei 10/1995, de ordenación do territorio de Galicia, e modificacións posteriores.

2.3. Condicións de edificación.

Segundo a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, «O volume máximo da edificación será similar ao das edificacións tradicionais existentes, salvo cando resulte imprescindible superalo por exixencias do uso ou actividade. En todo caso, deberán de adoptarse as medidas correctoras necesarias para garantir o mínimo impacto visual sobre a paisaxe e a mínima alteración do relevo natural dos terreos».

Debido ás características das instalacións, as dimensións dos aeroxeradores fan que resulte imprescindible superar as dimensións máximas de volume das construcións tradicionais para o caso dos aeroxeradores, polo que se cumpre a normativa.

2.4. Condicións estéticas.

As construcións e instalacións que proxecten situarse neste tipo de solo deberán adaptarse ao ambiente en que se sitúen. Para iso, a tipoloxía das construcións deberá ser congruente coas características da contorna, e os materiais empregados para cubertas de edificacións deberán harmonizar coa paisaxe en que se vaian situar.

Igualmente, as casetas prefabricadas utilizadas durante as obras serán de cores mates non reflectoras e retiraranse no momento que termine a obra, así como calquera indicación, cartel, etc.

As construcións temporais de obra situaranse en zonas que reduzan o seu impacto visual.

Dado que o recurso para utilizar é o vento, os mastros, turbinas e pas dos aeroxeradores que producen a enerxía, presentarán un acabamento en cores mates e claras, tales como branco ou gris.

En todo caso, teranse en conta as determinacións establecidas na declaración de impacto ambiental.

2.5. Condicións dos servizos.

De acordo co previsto no artigo 39 da Lei 10/2016, do solo de Galicia, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver á súa custa os servizos de:

– Acceso rodado.

– Abastecemento de auga.

– Saneamento.

– Enerxía eléctrica.

– Dotación de aparcamentos, logo de xustificación da superficie que se propoña.

2.6. Prazo.

En canto ao prazo de adecuación do plan urbanístico municipal ao proxecto sectorial, deberá realizarse coa redacción e tramitación:

1. Da primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o Concello, que obviamente pode ser expresamente para a presente adaptación.

2. Da revisión do plan urbanístico municipal vixente.

3. Da adaptación do plan á Lei 10/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

2.7. Eficacia.

Segundo se establece no artigo 24 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, as determinacións contidas nos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal vincularán o plan do ente ou entes locais en que se asenten os ditos plans ou proxectos, que se deberán adaptar a elas dentro dos prazos que para tal efecto determinen.

No Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, especifícase no seu artigo 11.1 que as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares e prevalecerán sobre as determinacións do plan urbanístico vixente. Tamén, no seu artigo 11.2 especifícase que os municipios onde se asenten as infraestruturas, dotacións ou instalacións obxecto dun proxecto sectorial deberán adaptar o seu plan urbanístico ao contido do proxecto sectorial, no cal se establecerán as determinacións do devandito plan local que deban ser modificadas como consecuencia da aprobación do proxecto sectorial e no prazo que determine este último e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión do plan urbanístico.

3. Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial.

As obras necesarias para a execución deste proxecto están cualificadas como de carácter territorial, de acordo co establecido no Plan sectorial eólico de Galicia, aprobado definitivamente polo Consello da Xunta o 1.10.1997, e de conformidade co establecido na disposición adicional primeira da Lei 10/1995, do 23 de novembro.