Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Xoves, 22 de agosto de 2019 Páx. 37302

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 30 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 26 de xullo de 2019, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración da utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia sobre diversos aproveitamentos forestais, dunha instalación eléctrica denominada LAT 132 kV evacuación parque eólico Ourol, sita nos concellos de Ourol e Viveiro (Lugo) (expediente IN408A 2018/18).

En cumprimento do disposto no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, faise público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 26 de xullo de 2019, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración da utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia con diversos aproveitamentos forestais, dunha instalación eléctrica denominada LAT 132 kV evacuación parque eólico Ourol, sita nos concellos de Ourol e Viveiro (Lugo) (expediente IN408A 2018/18).

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 26 de xullo de 2019, polo que se outorgan as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración da utilidade pública, en concreto, así como a prevalencia con diversos aproveitamentos forestais, dunha instalación eléctrica denominada LAT 132 kV evacuación parque eólico Ourol, sita nos concellos de Ourol e Viveiro (Lugo) (expediente IN408A 2018/18)

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Wind Power Ourol, S.L.U. (en diante, a promotora) en relación coas autorizacións administrativas previa e de construción, así como coa declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica denominada LAT 132 kV evacuación parque eólico Ourol (en diante, a instalación eléctrica), constan os seguintes

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 30.4.2018, a promotora solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a aprobación do proxecto sectorial da instalación eléctrica.

Segundo. O 7.6.2018, o Consello da Xunta de Galicia declarou de interese especial o proxecto do parque eólico de Ourol e da súa liña de evacuación.

Terceiro. As características técnicas principais da liña eléctrica recollidas no proxecto final son as seguintes:

– A súa orixe estará na subestación do parque eólico Ourol, nos montes do concello de Ourol, e o seu final na subestación transformadora de Boimente, no concello de Viveiro.

– De tensión 132 kV, cunha lonxitude total de 9.220 m; discorre por dous termos municipais, Ourol e Viveiro e cun tramo en aéreo e un tramo soterrado:

• 1º tramo: en aéreo, de simple circuíto en disposición triangular sobre 28 apoios metálicos de celosía, en condutor LA-180, cunha lonxitude de 8.673 m e con orixe na subestación do parque eólico Ourol e final no apoio nº 28.

• 2º tramo: en soterrado entre o último apoio e a SET de Boimente, cunha terna de cables tipo Silec RHZ1-RA+2OL (S) 76/132 1×400 Al2 H165 P SP V0014 enterrados en gabia dispostos en triángulo, e cunha lonxitude de 547 m. Parte do derradeiro apoio e bordea o perímetro da SET ata a entrada polo seu lateral.

Cuarto. Pola Resolución do 3 de outubro de 2018, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Lugo (en diante, a xefatura territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorizacións administrativas previa e de construción, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 22 de outubro de 2018 e no xornal El Progreso do 22 de outubro de 2018. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Ourol e Viveiro) e da xefatura territorial, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación, resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública:

1. Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados, maioritariamente en relación nomes dos propietarios e os seus enderezos, coa titularidade das parcelas, coas superficies afectadas e co tipo de aproveitamento e solicitudes da delimitación in situ da zona afectada.

2. Solicitudes de modificación do trazado.

3. Solicitudes de que se teñan en conta as posibles afeccións de carácter ambiental.

4. Afeccións a montes veciñais en man común.

5. Solicitudes relacionadas co trámite de expropiación (acordos, valoracións).

6. Solicitudes de expropiación completa do predio.

Quinto. En cumprimento do disposto no artigo 33 da Lei 8/2009, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, o 17.10.2018 a xefatura territorial remitiulles, para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos, as separatas do proxecto de execución da instalación eléctrica aos seguintes organismos e empresas de servizo público: Concello de Ourol, Concello de Viveiro, Augas de Galicia, Deputación Provincial de Lugo, Axencia Galega de Infraestruturas, Rede Eléctrica de España, Begasa, Enel Green Power España, S.L. e Telefónica de España.

Sexto. Os organismos Augas de Galicia, Deputación Provincial de Lugo, Axencia Galega de Infraestruturas, Red Eléctrica de España, Begasa, Enel Green Power España, S.L. e Telefónica de España emitiron condicionado técnico, co cal a promotora manifestou a súa conformidade.

Sétimo. Os concellos de Ourol e Viveiro non emitiron condicionado técnico. Tras reiterar as solicitudes, non se recibiu contestación polo que, de acordo co artigo 127 do Real decreto 1955/2000, se entende a conformidade das ditas administracións coa autorización da instalación eléctrica.

Oitavo. O 12.2.2019, para atender as consideracións realizadas por diversos organismos, a promotora enviou proxecto de execución modificado da LAT 132 kV evacuación do parque eólico Ourol. A nova proposta elimina o apoio 29 do tramo aéreo, mantén as posicións do resto dos apoios e modifica o trazado e lonxitude do tramo final subterráneo, que comeza agora no apoio 28.

Noveno. Pola Resolución do 7 de marzo de 2019, da xefatura territorial, someteuse a unha nova información pública a solicitude de autorizacións administrativas previa e de construción, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia nº 56, do 21 de marzo de 2019, e no xornal El Progreso do 21 de marzo de 2019. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados (Ourol e Viveiro) e da xefatura territorial, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública. Ademais do anterior, a xefatura territorial practicou as correspondentes notificacións individuais aos titulares de bens e dereitos afectados pola declaración de utilidade pública da liña. Presentouse unha alegación por un erro na titularidade e solicitando a expropiación total do predio.

Décimo. De conformidade co disposto no artigo 33 da Lei 8/2009, a xefatura territorial remitiulle a separata técnica do proxecto modificado de execución da LAT 132 kV evacuación parque eólico Ourol aos concellos de Ourol e Viveiro para a emisión dos correspondentes condicionados técnicos.

O Concello de Ourol emitiu condicionado técnico que foi aceptado pola promotora.

O Concello de Viveiro non emitiu condicionado técnico e, reiterada a solicitude, non se recibiu contestación polo que, de acordo co artigo 127 do Real decreto 1955/2000, se entende a conformidade da dita Administración coa autorización da instalación eléctrica.

Décimo primeiro. O 23.11.2018, a Xefatura Territorial de Lugo do Servizo de Montes da Consellería do Medio Rural emitiu o informe de aproveitamentos de masas forestais afectadas.

En aplicación do disposto no punto 3 do artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, a xefatura territorial acordou a apertura do trámite de audiencia e outorgoulles aos titulares dos aproveitamentos forestais afectados un prazo de quince (15) días para que alegasen e presentasen os documentos e xustificacións que considerasen oportunos.

Déuselle trámite de audiencia á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Buio e á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Serra de Loibán, Costa de Cebrán e Pico Raso. Presentou alegacións a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Serra de Loibán, Costa de Cebrán e Pico Raso, ás cales deu resposta a promotora.

O 30.4.2019, a xefatura territorial acordou a apertura do trámite de audiencia á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Buio por resultar afectada coas modificacións introducidas no proxecto modificado de execución da LAT 132 kV evacuación parque eólico Ourol e outorgoulle un prazo de quince (15) días para que alegase e presentase os documentos e xustificacións que considerase oportunos.

O 16.7.2019, a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, no marco do establecido no artigo 45 da Lei 8/2009, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, remitiu informe favorable sobre a compatibilidade dos aproveitamentos forestais sempre que a promotora realice un acto de disposición coas comunidades propietarias dos montes, dos recollidos no título segundo do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, polo que se aproba o regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, e todo isto sen prexuízo do establecido no artigo 23 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, e no artigo 68 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.

Décimo segundo. O 29.6.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático informou que, de acordo co artigo 7.2.a) da Lei 21/2013, o proxecto era obxecto dunha avaliación ambiental simplificada, así como do comezo do período de consultas aos seguintes organismos: Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Dirección Xeral de Patrimonio Natural, Instituto de Estudos do Territorio, Dirección Xeral de Ordenación Forestal, Dirección Xeral de Saúde Pública, Augas de Galicia, Concello de Ourol, Concello de Viveiro, Federación Ecoloxista Galega, Sociedade Galega de Historia Natural e Sociedade Galega de Ornitoloxía.

Finalizada a tramitación ambiental, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou, o 15.11.2018, o informe de impacto ambiental da LAT 132 kV de evacuación do parque eólico Ourol, promovida por Greenalia Wind Power Ourol, S.L.U., o cal foi publicado pola Conselleria de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda no Diario Oficial de Galicia do 31 de decembro de 2018, e comunicado á promotora pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas o 9.1.2019.

O 27.3.2019, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático informou que a modificación pretendida pola promotora no proxecto de execución modificado está incluída nos supostos que establece a Lei 21/2013, de avaliación ambiental, e abonda coa emisión dun novo informe sen necesidade de iniciar un novo expediente de avaliación do impacto ambiental. Considera que non existen obxeccións aos cambios solicitados e que as medidas propostas pola promotora son axeitadas.

Décimo terceiro. A xefatura territorial emitiu os seguintes informes:

O 25.9.2018, informe do cumprimento das limitacións á constitución de servidume de paso, de acordo co exixido no artigo 58 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, e no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

O 26.9.2018, informe técnico favorable relativo ao cumprimento das condicións técnicas de seguridade previstas na normativa de instalacións industriais e eléctricas no proxecto, de acordo co exixido no artigo 33.13 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

O 26.10.2018, informe relativo segundo o cal non hai dereitos mineiros afectados polo trazado da liña eléctrica, en cumprimento do Real decreto 2875/1978, do 25 de agosto, polo que se aproba o Regulamento xeral para o réxime da minaría, a Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e a Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia.

O 22.2.2019, informe técnico favorable relativo ao cumprimento das condicións técnicas de seguridade previstas na normativa de instalacións industriais e eléctricas no proxecto eléctrico modificado LAT 132 kV evacuación parque eólico Ourol, de acordo co exixido no artigo 33.13 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Aos antecedentes de feito descritos sonlles de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito:

Primeiro. O Consello da Xunta de Galicia é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 45.6 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas polo promotor, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas. Corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento, estacaxe...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

2. En canto ás alegacións en que se propoñen cambios de trazado da liña eléctrica, cómpre indicar o seguinte:

– Non se acredita a concorrencia conxunta dos requisitos establecidos no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, necesarios para que resulte posible unha modificación do trazado proxectado que impida o establecemento da servidume de paso sobre estas parcelas de propiedade particular, nin achega o consentimento de todas as propiedades afectadas pola modificación solicitada.

3. En relación coas alegacións de carácter ambiental, cabe indicar que este proxecto foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental que corresponde, resultado do cal a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou, o 15.11.2018, o informe de impacto ambiental, con carácter previo á autorización da instalación eléctrica, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental en que pode desenvolverse o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias.

4. Con relación ás afeccións a montes veciñais en man común, seguiuse o procedemento de concorrencia de utilidades ou interese público e trámite e declaración de compatibilidade ou prevalencia, de acordo co previsto no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, reflectido nos antecedente de feito décimo primeiro da presente resolución.

5. En relación coas alegacións relacionadas co trámite de expropiación, non se toman en consideración por non seren obxecto deste procedemento, senón do expediente expropiatorio na súa fase de determinación do prezo xusto. A valoración económica das afeccións tramitarase nesta fase, para o cal se tramitarán as correspondentes pezas separadas do prezo xusto, en que se determinará a indemnización que corresponda e na cal o afectado poderá presentar a súa folla de valoración, en que concretará o valor que considera que lle corresponde polos prexuízos que se lle ocasionen, co fin de que o Xurado de Expropiación de Galicia poida valorar o prezo xusto en cada caso.

6. En relación coas alegacións de expropiación total da parcela, non se poden aceptar, porque non queda acreditado o establecido no artigo 22 do Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que ten atribuídas, o Consello da Xunta de Galicia adopta o seguinte

ACORDO:

Primeiro. Outorgar a autorización administrativa previa para a instalación eléctrica denominada LAT 132 kV evacuación parque eólico Ourol, sita nos concellos de Ourol e Viveiro (Lugo) e promovida por Greenalia Wind Power Ourol, S.L.U.

Segundo. Outorgar a autorización administrativa de construción para o proxecto de execución da citada instalación eléctrica, titulado Proxecto modificado LAT 132 kV evacuación parque eólico Ourol, 132 kV, xaneiro 2019, asinado polo enxeñeiro industrial Jorge Núñez Ares, e visado co número 20190321 o 11.2.2019 no Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG).

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

Cuarto. Declarar a prevalencia da utilidade pública da citada instalación eléctrica sobre o interese xeral dos aproveitamentos forestais afectados: Monte Veciñal en Man Común de Buio e Montes Veciñal en Man Común de Serra de Loibán, Costa de Cebrán e Pico Raso, segundo o previsto no artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1ª. Consonte o disposto no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Greenalia Wind Power Ourol, S.L.U. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, un aval para garantir o cumprimento das medidas correctoras e responder da reparación dos posibles danos que se lle poidan causar ao ambiente e do custo de restauración. O importe do aval, que será actualizable, fíxase, por proposta da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, en 17.143 euros, dos cales 7.347 euros corresponden á fase de obras e 9.796 euros á de desmantelamento e abandono das instalacións.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias.

Para a cancelación do dito aval será preciso o informe favorable do órgano ambiental, logo do levantamento dunha acta de comprobación pola inspección ambiental, conforme establece o referido Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

A solicitude de cancelación realizarase a través da Dirección Xeral de Enerxía e Minas e só se poderá efectuar unha vez que estean totalmente rematados os labores de restauración e integración paisaxística e logo de que a promotora acredite, mediante os informes do programa de vixilancia ambiental, a suficiencia e o éxito dos traballos efectuados, tanto os referentes á restauración (coa vexetación debidamente implantada) como ás demais actuacións relacionadas coa imposición do aval ambiental.

2ª. A instalación eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto que mediante esta resolución se autoriza.

3ª. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manteñan as condicións regulamentarias de seguridade.

4ª. En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09, aprobado polo Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade nas instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23, aprobado polo Real decreto 337/2014, do 9 de maio, así como as demais normativas e directrices vixentes que sexan de aplicación.

5ª Así mesmo, deberase cumprir co disposto no informe de impacto ambiental do 15.11.2018 e o informe sobre proposta de modificación de proxecto do 27.3.2019, formulados pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, a que se fai referencia no antecedente de feito décimo segundo da presente resolución. Para dar cumprimento ao establecido no artigo 42.2 da Lei 21/2013 relativo ao contido da autorización do proxecto, resúmese a seguinte información contida no informe de impacto ambiental:

– Condicións ambientais establecidas e medidas previstas para prever, corrixir ou compensar os efectos adversos significativos no ambiente, medidas de seguimento e órgano encargado deste: punto 4 do IIA.

– Descrición das características do proxecto: punto 1 do IIA e descrición das modificacións do informe sobre proposta de modificación de proxecto.

6ª. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

7ª. O prazo para solicitar a autorización de explotación será de tres anos, contados a partir do presente outorgamento das autorizacións administrativas previa e de construción. En caso de incumprimento, poderá producirse a súa revogación nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, ou norma que a substitúa.

Unha vez solicitada a autorización de posta en servizo, a xefatura territorial será a encargada de emitila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

8ª. Conxuntamente coa solicitude de autorización de explotación das instalacións a promotora deberá presentar ante a xefatura territorial un certificado de final de obra subscrito por un técnico facultativo competente, en que conste que a instalación se realizou de acordo coas especificacións contidas no proxecto de execución aprobado, así como coas prescricións da regulamentación técnica aplicable á materia, de acordo co artigo 132 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Así mesmo, deberá presentar ante esta dirección xeral un plano as built e outro plano cartográfico en formato shape das instalacións da instalación eléctrica.

9ª. De acordo co establecido no artigo 53.10 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o incumprimento das condicións e requisitos establecidos nas autorizacións ou a variación substancial dos presupostos que determinaron o seu outorgamento poderán dar lugar a revogación das autorizacións, logo de audiencia do interesado.

10ª. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

11ª. Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia, de acordo co establecido no artigo 34 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Contra este acto, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que coiden pertinente.

ANEXO

Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado nos antecedentes de feito cuarto e noveno:

Apelidos

Nome

1

Arias Sampedro

María Vicenta

2

Balsa Gato

Miguel Ángel (CMVMC Serra de Loibán)

3

Bello Chao

María Anita

4

Cal Chao

Alejandra

5

Canto Guerreiro

Josefa

6

Canto Guerreiro

María Josefa

7

Carballido Romero

Severina

8

Chao Guerreiro

María Aida

9

Chao Pardo

María Elma

10

Cortizo Fernández

Mercedes

11

Cuba Sánchez

José Antonio

12

Da Mota Costa

José Antonio

13

Deus Basanta

Tomás

14

Deus González

Tomás

15

Docal Dopico

Asunción Águeda

16

Fernández Chao

José Antonio

17

Fernández Chao

Víctor

18

Fernández Gómez

Néstor

19

Fraga Camba

María

20

Fraga González

José

21

Galdo Martínez

José Ramón

22

García Carballido

Andrés

23

García del Río

María Flora

24

García López

Juan Antonio

25

Gerreiro Orosa

María Livia

26

Gómez Galdó

Guadalupe

27

González Fernández

María Pilar

28

Hermida Corvelle

José

29

Lamas Rodríguez

José

30

López Chao

Consuelo María

31

López Chao

Juan Carlos

32

Martínez Rodríguez

José Ramón

33

Moreiras Sánchez

María Begoña

34

Moreiras Sánchez

María José

35

Otero Camba

José

36

Panabad Montesinos

Elisa

37

Pardo Pombar

Jesús Gonzalo

38

Pernas Bouza

Alicia

39

Piedra Suárez

Kevin

40

Ramudo Dopico

Milagros

41

Rodríguez Capelo

Francisco

42

Rodríguez Pérez

Manuel

43

Sánchez Trasancos

María Jesús

44

Suárez Bouza

María Mercedes

45

Suárez Rouco

Hortensia

46

Viesgo Distribución Eléctrica, S.L.

47

Vila Cajete

Guillermo

48

Vila Cajete

María

49

Vila Vázquez

Ramón

50

Vila Vázquez

Carlos

51

Yáñez Leal

José