Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Martes, 13 de agosto de 2019 Páx. 36621

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 2 de agosto de 2019 pola que se desenvolve o Decreto 53/2019, do 23 de maio, polo que se crea e se regula a Medalla Emilia Pardo Bazán para o recoñecemento de accións relevantes en prol da igualdade entre mulleres e homes.

O día 31 de maio de 2019 publicouse no DOG número 102 o Decreto 53/2019, do 23 de maio, polo que se crea e se regula a Medalla Emilia Pardo Bazán para o recoñecemento de accións relevantes en prol da igualdade entre mulleres e homes, coa finalidade de recoñecer publicamente as accións desenvolvidas na Comunidade Autónoma de Galicia por parte de persoas, colectivos, entidades ou institucións, tanto públicas como privadas, que teñan contribuído e destacado na defensa da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes.

O Decreto 53/2019 prevé a concesión, con carácter anual, de ata un máximo de tres condecoracións, baixo a denominación Medalla Emilia Pardo Bazán, que revestirán a forma de medalla cando se outorguen a título individual, e de placa cando se outorguen a colectivos, entidades ou institucións. A concesión de calquera das condecoracións baixo a denominación Medalla Emilia Pardo Bazán ten carácter exclusivamente honorífico, dará dereito a un diploma acreditativo e non leva consigo ningún tipo de dotación económica.

A disposición derradeira primeira do Decreto 53/2019 faculta á persoa titular da consellería competente en materia de igualdade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do decreto, tanto no que se refire ao deseño e características da medalla, da placa e do diploma acreditativo, como para a determinación do número de condecoracións ou inclusión doutras novas, así como naqueloutros aspectos que se deriven da súa concesión.

En consecuencia, de acordo coa dita habilitación normativa, mediante esta orde procédese a establecer o deseño e as características da medalla, da placa e do diploma acreditativo previstos no Decreto 53/2019.

Por todo o exposto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer o deseño, as características e as dimensións da medalla, da placa e do diploma acreditativo previstos no Decreto 53/2019, do 23 de maio, polo que se crea e regula a Medalla Emilia Pardo Bazán para o recoñecemento de accións relevantes en prol da igualdade entre mulleres e homes.

Artigo 2. Deseño, características e dimensións

O deseño, dimensións e características distintivas da medalla, da placa e do diploma previstos no Decreto 53/2019, do 23 de maio, polo que se crea e regula a Medalla Emilia Pardo Bazán para o recoñecemento de accións relevantes en prol da igualdade entre mulleres e homes, figuran nos anexos deste orde, relacionados da seguinte maneira:

Anexo I. Medalla Emilia Pardo Bazán.

Anexo II. Placa cando sexa outorgada a entidades ou a título colectivo.

Anexo III. Diploma para as respectivas condecoracións.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I

Medalla Emilia Pardo Bazán

Descrición:

A medalla será tipo circular de 45 mm de diámetro cun espesor non inferior a 2 mm.

Anverso:

Levará unha imaxe da silueta de Emilia Pardo Bazán, e na parte inferior engadirase a sinatura da escritora.

Reverso:

Figurará na parte inferior un gravado coa lenda Medalla Emilia Pardo Bazán 2019, co nome da persoa condecorada e a data da concesión, e na parte inferior Xunta de Galicia.

Penderá dun cordón tipo calabrote, de 33 mm de largo, coas cores da bandeira galega, celeste e branco.

missing image file

ANEXO II

Placa da Medalla Emilia Pardo Bazán outorgada a título colectivo

A placa ten un formato que consta dunha base de madeira de nogueira, vernizada en cor escura, cunhas dimensións de 400 mm de largo por 250 mm de longo, sobre a que irá fixada unha placa de metal prateado de acabado brillante, de 370 mm de largo e 220 mm de longo.

Sobre a placa irá gravada na parte superior central a imaxe da silueta de Emilia Pardo Bazán coa súa sinatura, e a lenda Medalla Emilia Pardo Bazán 2019, cunha medida de 66 mm de ancho e 92 mm de alto.

No centro irá gravado o nome do colectivo condecorado e a data.

Na parte inferior da placa, centrado, irá gravada a lenda Xunta de Galicia, cos caracteres tipográficos propios da súa imaxe corporativa, nun tamaño de 66 mm de largo e 5,4 mm de alto.

missing image file

ANEXO III

Diploma para as respectivas condecoracións

O diploma, segundo as imaxes que se anexan, irá reberetado en todo o seu contorno por unha orla de cor azul, situada a 25 mm do bordo do soporte material do documento. Fóra desta orla, no ángulo inferior dereito levará o número de rexistro do diploma.

O documento incluirá, dentro do contorno da orla, os seguintes elementos gráficos coas características que se sinalan:

Na parte superior, centrada, a imaxe da silueta de Emilia Pardo Bazán e a súa sinatura, coa lenda Medalla Emilia Pardo Bazán 2019 debaixo, cunha medida de 94,8 mm de alto e 68,2 mm de largo.

No centro o nome da persoa galardoada e o texto e na parte inferior debaixo das sinaturas, a lenda Xunta de Galicia.

O texto do diploma, distribuído segundo figura na imaxe anexa, observará as seguintes tipografías e dimensións:

Tamaño diploma: A3.

Tipografía para o nome da persoa galardoada en cor azul: Great Vibes, tamaño 60 pt.

Tipografía para o texto en cor negro: Forum Regular, tamaño 13 pt.

missing image file