Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Luns, 12 de agosto de 2019 Páx. 36565

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Monforte de Lemos

EDICTO (202/2017).

Monforte de Lemos, 28 de maio de 2019.

Vistos por min, César Saco Figueiras, xuíz do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Monforte de Lemos e o seu partido, os autos de procedemento sobre regulación de medidas paternofiliais número 202/2017, seguidos por instancia de Petrica Hurduza, representada pola procuradora Sra. Crespo Vázquez, baixo a dirección do letrado/a Sr/a. Beado Álvarez, contra Dinca Marian, en situación de rebeldía procesual, con intervención do Ministerio Fiscal, resolvo con base nos seguintes:

«Antecedentes de feito.

Primeiro. O procurador da parte demandante interpuxo no seu día demanda sobre regulación de medidas paternofiliais, na cal, tras alegar os feitos e fundamentos de dereito oportunos e que se dan por reproducidos, remata suplicando que se dite sentenza estimando os pedimentos que se conteñen no suplico desta.

Segundo. Admitida a trámite a demanda deuse traslado desta á demandada e ao Ministerio Fiscal e este presentou en tempo e forma escrito de contestación, non así o demandado que foi declarado rebelde. Citadas as partes á vista, celebrada o día da data, compareceron a demandante e o Ministerio Fiscal -non así o demandado, que permaneceu en situación de rebeldía procesual-, as cales se afirmaron e ratificaron nos seus respectivos escritos, practicouse proba e, tras as oportunas conclusións, quedaron os autos vistos para ditar a presente resolución.

Terceiro. Na tramitación do presente procedemento observáronse as formalidades legais previstas no artigo 769 e seguintes da LAC.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 170.1 CC establece que “o pai ou a nai poderán ser privados, total ou parcialmente, da súa potestade por sentenza fundada no incumprimento dos deberes inherentes a esta ou ditada en causa criminal ou matrimonial”. Este xulgador entende que a demandante o que solicita non é a suspensión da patria potestade senón a súa privación, pois o artigo a que se remite non fala de suspensión e si de privación.

A patria potestade, de conformidade co artigo 154 CC, comprende os dereitos e deberes seguintes: velar polos menores, telos na súa compañía, alimentalos, educalos e procurarlles unha formación integral; representalos e administrar os seus bens.

No presente caso, expón a demandante que o demandado, desde o ano 2012 (data en que extingue a relación entre demandante e demandado), nin a nai nin a menor teñen contacto co demandado, ignorando o seu paradoiro, non volve ter visitas coa menor nin establece contacto ningún con esta, desentendéndose das funcións propias de quen é o seu proxenitor. Fronte a estas manifestacións o demandado non efectúa alegación ningunha nin confirma nin desmente eses feitos pois malia constar debidamente citado non compareceu ao plenario e foi declarado en situación de rebeldía procesual. Ante isto, non hai dúbida de que o demandado está a incumprir os deberes que son inherentes á súa condición de pai posto que nin vela pola menor, nin a ten na súa compañía, nin a alimenta, nin a educa, nin a representa nin administra os seus bens. Non realizan ningunha das funcións que lle corresponden como pai.

É por isto que procede decretar a privación da patria potestade que o Sr. Dinca Marian ten sobre a súa filla menor Diana, e a devandita potestade debe recaer en quen, ata a data, a veu exercendo correctamente. Isto é, na súa nai.

Polo que se refire á garda e custodia dos fillos, o artigo 159 do Código civil sinala que “se os pais viven separados e non decidiren de común acordo, o xuíz decidirá, sempre en beneficio dos fillos, ao coidado de que proxenitor quedarán os fillos menores de idade. O xuíz oirá, antes de tomar esta medida, os fillos que teñan suficiente xuízo e, en todo caso, os que sexan maiores de doce anos”, sinalando no artigo que prosegue “o pai e a nai, aínda que non exerzan a patria potestade, teñen o dereito de relacionarse cos seus fillos menores, agás cos adoptados por outro de xeito pleno ou conforme o disposto en resolución xudicial. Non poderán impedirse sen xusta causa as relacións persoais do fillo cos seus avós e outros parentes e achegados. En caso de oposición, o xuíz, por petición do menor, avós, parentes ou achegados, resolverá atendidas as circunstancias. Especialmente deberá asegurar que as medidas que se poidan fixar para favorecer as relacións entre avós e netos, non faculten a infracción das resolucións xudiciais que restrinxan ou suspendan as relacións dos menores con algún dos seus proxenitores”.

O artigo 143 preceptúa que “están obrigados reciprocamente a darse alimentos en toda a extensión que sinala o artigo precedente: 1º) Os cónxuxes e 2º) Os ascendentes e descendentes. Os irmáns soamente se deben os auxilios necesarios para a vida, cando os necesiten por calquera causa que non sexa imputable ao alimentista, e estenderanse, se é o caso, aos que precisen para a súa educación”.

Segundo. Como consecuencia do xa exposto, non hai dúbida de que a garda e custodia da menor deberá atribuírse á nai e deberá fixarse unha pensión de alimentos en favor da menor e a cargo do proxenitor.

Agora ben, sobre isto último hai que sinalar que este xulgador considera que, sen poñerse de manifesto nin na demanda reitora nin no plenario circunstancias especiais na menor que aconsellen a fixación dunha elevada pensión alimenticia, considérase que a cantidade de 600 euros mensuais é excesiva, considerándose como suficiente a cantidade de 300 euros, para cuxo cálculo se tivo en conta a escasa capacidade económica da demandante e a aparente solvencia económica do demandado, o cal se encontra desenvolvendo unha actividade laboral, percibiu no ano 2017 uns ingresos de 10.000 euros e é titular de tres vehículos.

No que ao réxime de visitas se refire, non resulta procedente establecer un réxime de visitas ao uso por canto que descoñecemos as verdadeiras e reais intencións do demandado no que ao exercicio do dereito de estar en compañía da súa filla se refire e é de sobra coñecida a incomodidade que para o coidador supoñería ter dispoñible un menor para que se vaia en compañía do outro proxenitor e este non faga acto de presenza para recollelo. En consecuencia, non resulta procedente fixar un réxime de visitas en canto o proxenitor demandado non dea mostras da súa intención de levalo a cabo.

Ante isto, considérase axeitado acceder ás pretensións da parte demandante e do Ministerio Fiscal, admitindo a demanda, coas excepcións xa expostas.

Terceiro. Non é procedente facer pronunciamento en canto ás custas ao non existir ningún vencido neste xuízo, dada a súa natureza.

Vistos os preceptos legais citados e demais xerais de pertinente aplicación,

Resolución.

Estimando a demanda interposta pola procuradora Sra. Crespo Vázquez, en nome e representación de Petrica Hurduza, contra Dinca Marian declárase:

– Que Dinca Marian queda excluído da patria potestade e demais funcións tuitivas, non tendo ningún dereito por ministerio da lei respecto da filla Diana Dinca Hurduza ou dos seus descendentes, ou nas súas herdanzas.

– A nai, Petrica Hurduza, ten exclusivamente a patria potestade sobre a menor Diana Dinca Hurduza, que, pola súa vez, desempeña a súa garda e custodia.

– Dinca Marian deberá aboar, en concepto de pensión de alimentos en favor da menor Diana, á nai o importe de 300 euros mensuais, que se aboarán desde a data de interposición da demanda. Verificarase o pagamento por meses anticipados, do 1 ao 5 de cada mes, no número de conta bancaria que facilite a nai. A cantidade fixada en concepto de pensión de alimentos actualizarase anualmente conforme as variacións que experimente o IPC que aplique o INE ou organismo que puidese substituílo. En caso de existiren gastos extraordinarios serán sufragados por ambos os proxenitores a partes iguais.

– Non se fixa ningún réxime de visitas en favor do pai.

Non se fai especial pronunciamento en canto ás custas.

Notifíquese a presente resolución ás partes, facéndolles saber que contra esta cabe interpoñer, ante este xulgado, recurso de apelación, dentro dos vinte días seguintes á súa notificación, conforme o disposto na LAC.

Así o pronuncia, manda e asina. Dou fe».

Monforte de Lemos, 29 de maio de 2019

O/a letrado/a da Administración de xustiza