Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Venres, 9 de agosto de 2019 Páx. 36429

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga a Red Eléctrica de España, S.A.U. a autorización administrativa de construción e se declara a utilidade pública, en concreto, da infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos, nos termos municipais de Lousame, Rois, Brión, Negreira, Outes e Mazaricos, na provincia da Coruña (expediente IN407A 2010/269-1).

Feitos.

1. A infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos atópase programada no documento denominado Planificación Energética. Plan de Desarrollo de la Red de Transporte de Energía Eléctrica 2015-2020, aprobado por Acordo do Consello de Ministros do 16 de outubro de 2015 (Orde IET/2209/2015, do 21 de outubro; BOE nº 254, do 23 de outubro), como unha acción estrutural para a resolución de restricións técnicas (RRTT) coa súa incorporación ao mallado da rede de transporte, tratándose, polo tanto, dunha actuación vinculante para Red Eléctrica de España, S.A.U. (en diante, REE).

2. Por Resolución do 27 de marzo de 2017 (DOG nº 100, do 29 de maio), a Dirección Xeral de Enerxía e Minas deu publicidade á declaración de impacto ambiental (DIA) formulada pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 22.2.2017, relativa ás instalacións eléctricas denominadas nova subestación 220 kV de Lousame (expediente IN407A 2009/471-1), LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos (expediente IN407A 2010/269-1), LAT 220 kV DC E/S na subestación Lousame da LAT Santiago-Tambre (expediente IN407A 2010/270-1) e LAT 220 kV DC Lousame-Tibo (expediente IN407A 2010/268-1), promovidas por REE nas provincias da Coruña e Pontevedra.

3. O 20.7.2017 a Dirección Xeral de Enerxía e Minas resolveu outorgar a REE a autorización administrativa da instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos, nos termos municipais de Lousame, Rois, Brión, Negreira, Outes e Mazaricos, na provincia da Coruña (expediente IN407A 2010/269-1) (DOG nº 167, do 4 de setembro de 2017; BOP nº 155, do 17 de agosto).

4. O 3.4.2018, dentro do prazo recollido na condición terceira da Resolución do 20 de xullo de 2017 anterior, o promotor presentou no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia (nº entrada 2018/882177) a solicitude de autorización administrativa de construción e de declaración de utilidade pública, en concreto, da infraestrutura denominada LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos, acompañada do preceptivo proxecto de execución subscrito por Ángel Gallego del Monte, enxeñeiro industrial (colexiado nº 5.302, do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid), con visado dixital deste colexio con nº 201703687 e data 21.11.2017, no que se inclúen, conforme se dispón nos artigos 130, 131, 140 e 143 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, as correspondentes memoria, plans, presuposto, separatas e relación de bens e dereitos afectados que o solicitante considera de necesaria expropiación e no que se desenvolvan os aspectos técnicos da instalación de referencia, considerando as aportacións resultantes dos procedementos de avaliación de impacto ambiental e de autorización administrativa previa, para os efectos do establecido nos artigos 131, 144, 145, 146, 147 e 148 do dito texto lexislativo.

5. Xunto co proxecto achéganse unha declaración responsable de competencia do técnico competente proxectista conforme o establecido no anexo XIX do Decreto 51/2011, do 17 de marzo, polo que se actualiza a normativa en materia de seguridade industrial na Comunidade Autónoma de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CD do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro, relativa aos servizos no mercado interior (DOG nº 65, do 1 de abril de 2011), e unha declaración responsable do técnico competente proxectista, de cumprimento da normativa de aplicación nos termos dispostos no artigo 53.1.b) da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

6. De conformidade co disposto nos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, a solicitude de autorización administrativa de construción e de declaración de utilidade pública, en concreto, da infraestrutura de transporte de enerxía eléctrica recollida no proxecto denominado LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos, xunto coa relación de bens e dereitos afectados (RBDA), someteuse ao trámite de información pública por Acordo do 10 de agosto de 2018, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña (en adiante, Xefatura Territorial), para os efectos do previsto no artigo 140 do antedito texto lexislativo.

O dito acordo publicouse no DOG nº 172, do 10 de setembro de 2018, no BOP nº 155, do 16 de agosto (corrección de erros publicada no BOP nº 156, do 17 de agosto, mediante publicación íntegra do acordo) e no xornal La Voz de Galicia do 28 de agosto. Do mesmo xeito, foi exposto nos taboleiros de anuncios dos concellos de Lousame, Rois, Brión, Negreira, Outes e Mazaricos durante o prazo de 20 días hábiles, segundo consta nos preceptivos certificados emitidos polos respectivos concellos.

Ao mesmo tempo, practicouse a notificación individualizada a todos e cada un dos titulares de bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica proxectada que figuraban na RBDA achegada por REE. Todos aqueles aos que non foi posible practicar satisfactoriamente a notificación prevista foron emprazados para seren notificados por comparecencia mediante Anuncio do 27 de marzo de 2019 da Xefatura Territorial (DOG nº 71, do 11 de abril; BOE nº 91, do 16 de abril).

7. Durante o período de información pública recibíronse as seguintes alegacións:

a) Benito Santiago Estalote alega que él é o propietario dos predios 393, 403 e 430, polo que solicita que se cambie a súa titularidade; tamén alega que no predio 430, dedicado a pradería, procederase a colocar un apoio na entrada do predio que dificultará o acceso de maquinaría a ela impedindo o seu laboreo, polo que solicita que se cambie a situación dese apoio.

b) José Manuel Antelo García, en nome de José Antelo Casais e Palmira García Vilar, manifesta que as fincas 183 e 184 do proxecto (Negreira) son propiedade dos seus representados. Alega tamén que no Concello non consta o proxecto completo, polo que solicita que se lle notifique información sobre o paso da liña por solo de núcleo rural en aplicación da Lei do solo de Galicia e da valoración económica das parcelas.

c) Francisco Mouro Otero solicita que se lle informe de modo máis completo sobre a afección, xa que o plano enviado non esta a escala; solicita tamén que se estude con máis detalle ou apoio nº T-44 e a súa servidume xa que a localización proxectada sobre a súa leira (265 do proxecto de Outes) establecerá unha franxa de nulo aproveitamento e estreitará o acceso ao resto da parcela, propoñendo que se desprace o apoio ata o lindeiro coas leiras 100 e 101, diminuíndo deste xeito o prexuízo que supón para o aproveitamento da leira.

d) Juana Ferreiro Romarís, María Dolores Antelo Rey, Juan José Caamaño Riveiro, José Villar Pardo, María Avó Atán, José González Gallardo e Francisco Rodríguez Sendón manifestan que non son propietarios dos predios 89 do concello de Negreira, 84, 119 e 124 do concello de Negreira, 27 do concello de Mazaricos, 50 do concello de Negreira, 376 do concello de Mazaricos, 52 do concello de Mazaricos e 255 do concello de Outes, respectivamente.

e) Severino Antelo Lavandeira, Eva María Guzmán Barbazán, Demetrio Víctor Casais Blanco, María Soledad Martínez Santiago, María Dolores Antelo Casais, Ana María Gómez Neo, Elías Blanco Gorgal, María Lourdes Cambeiro Moledo, no seu nome e en representación da comunidade hereditaria de José Cambeiro Carreira e Manuela Martínez Riomayor Rodríguez e da comunidade hereditaria de José Almallo Bouzas e María Suárez Martínez, Manuel Pais Bargo e Isabel Pais Villar, alegan que son os propietarios dos predios 200, do concello de Outes, 143 do concello de Outes, 50 do concello de Negreira, 404, 407 e 410 do concello de Mazaricos, 52 do concello de Mazaricos, 9 do concello de Brión, 141 do concello de Negreira, 345, 347 do concello de Mazaricos, 22 do concello de Brión e 66, 68 do concello de Brión, respectivamente.

f) Carmen Dolores Santiago Pais manifesta que é a única titular das predios 415 e 416 de Mazaricos e que non é titular dos predios 393, 403 e 430 de Mazaricos.

g) Consuelo Sieira Casais manifesta que as fincas 56, 60 e 67 do concello de Negreira son da súa propiedade e alega que as fincas están mal representadas no parcelario catastral, razón pola que a afección do trazado da liña non se corresponde coa realidade.

h) María Fernández Fernández comunica un erro na titularidade do predio 343 do concello de Mazaricos.

i) Andrés Vicente Fernández Vilas, en representación de Ramón García Malvar Gutiérrez, solicita que se lle informe se a liña de alta tensión de referencia afecta a algunha das fincas titularidade de García Malvar Mariño e outros con nº de imputación 0002956 co catastro de rústica correspondente ao concello de Negreira.

j) Concepción Antelo Rey manifesta que está de acordo co proxecto e coa información pero solicita que se lle explique o procedemento e como se vai facer.

k) Marcelino García Pedrares solicita información xeral do trazado da liña, da expropiación e dos pagamentos pola ocupación.

l) Edelmira Soñora Cerviño solicita que se lle practiquen as sucesivas comunicacións ao enderezo que facilita.

m) José Caamaño Nieto alega que o predio de referencia catastral 15046A100000650000BO de Mazaricos aparece mal representada no parcelario catastral e non se ve afectado.

n) José Manuel Guzmán Teiga representando a María Teresa Teiga López, en calidade de herdeiro legal, alega que a localización do apoio T-27 proxéctase moi preto dunha fonte de auga que subministra á aldea de Agrís (Xallas, Negreira), polo que solicita as autorizacións sectoriais.

o) Antonio Bouzas Pais alega que non se opón á ocupación dos predios pero quere deixar constancia de que os predios están dedicados ao cultivo forestal xerando unha renda á súa familia e que se atopan gravados cos impostos de contribución e de transmisións patrimoniais, polo que solicita que se valore e aboe polo terreo ocupado tendo en conta a súa rendibilidade forestal.

p) María Bouzas Lago alega que a parcela 365 de Mazaricos se verá afectada por unha superficie de acceso de 348 m2 cun trazado polo medio da parcela que entorpece, molesta e dificulta os labores agrícolas que se realizan nela, polo que solicita que se modifique o trazado do acceso, de acordo co esbozo que acompaña á alegación, coa finalidade de deixar a parcela o máis servicial posible para o desempeño dos labores agrícolas, e que se aclare se as árbores que se atopan no fondo da parcela deben ser obxecto de tala.

q) María Dominga Danís Romero, na súa condición de viúva de Manuel del Río Sendón que consta como titular do predio 198 de Mazaricos, alega que o plano achegado non está a escala non permitíndolle comprobar as dimensións reais da afección. Por outra banda, indica que o acceso ao apoio T-41 se fai polo medio da parcela supoñendo un agravio, polo que solicita que se lle informe dunha maneira máis completa sobre a afección e que se estude con máis detalle a situación do camiño de acceso levándoo o máis posible a un extremo da parcela.

r) Mónica Elisabeth Martínez Schnackig e Requina E. Martínez Schnackig alegan que concorren os requisitos establecidos no artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000 para que se proceda a unha modificación das servidumes que se pretenden impoñer tal e como se expón no informe técnico de outubro de 2018 elaborado pola consultora Lagares Oca, denominado estado actual da finca Araguaney e afeccións producidas polos proxectos de trazado da LAT 220 kV Lousame-Mazaricos e pola LAT subestación Lousame-LAT Santiago-Tambre. Tamén destacan a gran depreciación que sufriría o predio en tanto impediría a explotación do campo de golf (... existe proxecto de construción e explotación de campo de golf de Martelo e actividade hostaleira e restauración anexa) e as actividades forestal e gandeira que se están a realizar mentres o dito campo de golf non se executa. Fan constar unha valoración económica en función das conclusións do informe achegado e solicitan que desde esta administración se exixa ao promotor a análise, estudo, proxección e execución da alternativa proposta e se dite resolución conforme as consideracións expostas.

s) Divino Miguens Carnota manifesta a súa total e absoluta desconformidade coa instalación que pretende construír REE, non resultando xustificada nin acreditada a utilidade pública invocada; que coa dita instalación se estarían a xerar graves prexuízos nos predios da súa propiedade privándoas de calquera posibilidade de explotación debido ás limitacións legais derivadas da súa construción e, consecuentemente, deixándoas sen valor ningún e supoñendo, polo tanto, unha expropiación total; que na mesma zona é posible o desenvolvemento dun trazado alternativo en tanto nas inmediacións existe unha ampla extensión de terreo de titularidade da administración (forestal) dedicado a pasto e praderías sobre a que podería discorrer a instalación sen ocasionar prexuízos nin a él nin ao resto de veciños; que este tipo de instalacións deberían ser construídas de tal xeito que supuxeran o menor prexuízo posible aos titulares privados afectados, polo que solicita que por esta administración se desestime a solicitude de REE e se promova a alteración do trazado inicialmente previsto polo que se indica na alegación.

t) Financiera Maderera, S.A. (Finsa) manifesta que as dúas parcelas, 124 e 126 de Brión, dedicadas a uso forestal e plantadas na actualidade, xa están afectadas no sentido norte-sur por unha liña eléctrica e a liña proxectada afectaríaas no sentido leste-oeste sobre o solo máis produtivo da parcela considerando a orografía do terreo, resultando unha división das ditas parcelas en cuadrículas que provocaría, máis aló das afeccións legais pola servidume, ocupación e expropiación, unha diminución da produtividade ao limitar a xestión forestal no que á extracción da madeira se refire por verse limitado o emprego de maquinaria pesada para estes labores o que incrementaría os tempos de traballo e, polo tanto, os custos fixos. Polo tanto, continúa, deberase ter en conta no momento de valorar os prexuízos causados, non só a afección directa senón tamén a indirecta, e solicita que se acorde revisar o trazado da liña de tal xeito que o prexuízo económico se vexa reducido, se teñan en conta as afeccións indicadas e o prexuízo económico para o titular da explotación e se lle remita un plano xeorreferenciado para unha análise máis exhaustiva das afeccións e determinar a existencia doutras parcelas afectadas.

u) Jesús Martínez Noya alega que as plantacións existentes nos predios non son as que constan na notificación individual, indicando que as especies plantadas son castiñeiros e carballos micorrizados que forman parte do tipo de árbores que impiden a expansión dos incendios e que dispón nelas do aproveitamento de castañas e boletus. Entende que as liñas de 220 kV son empregadas para a evacuación de enerxía de polígonos eólicos privados, o que lle fai supoñer a próxima construción de máis infraestruturas eólicas ou industriais privadas e non públicas polo que discrepa da condición de utilidade pública.

v) María del Carmen Sieira Zubiela alega que a afección que se propón, a teor do plano achegado coa comunicación, non ten unha anchura uniforme senón que vai variando de anchura diminuíndo cara aos vértices e que, en todo caso, a afección que determine a suposta obriga de tala do arboredo non pode ser a que pretenda a empresa promotora da instalación senón a que veña establecida na normativa aplicable. Tras mencionar distintos preceptos da Lei 3/2007, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia e da Lei 12/2012, de montes de Galicia, que modificou parcialmente a anterior, conclúe que a obriga de xestionar a biomasa forestal se refíre só aos elementos comprendidos dentro da faixa de 5 metros a carón da liña eléctrica (desde a proxección dos condutores eléctricos máis externos, di a norma) pero non aos que se atopen máis afastados e non implica a obriga de talar os carballos, xa que a norma a limita exclusivamente ás especies da disposición terceira da lei, entre as que non se atopan os carballos.

8. De conformidade cos artigos 131 e 146 do citado Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, remitíronse separatas do proxecto presentado ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, con bens e dereitos ao seu cargo, co obxecto de que establecesen o condicionado técnico procedente, no prazo de vinte días. En concreto, remitíronse separatas a: concellos de Lousame, Rois, Brión, Negreira, Outes e Mazaricos, Deputación Provincial da Coruña, Axencia Galega de Infraestruturas, Augas de Galicia, Dirección Xeral de Ordenación Forestal, Iberdrola Distribución Eléctrica, S.A.U., UFD Distribución Electricidad, S.A., Enel Green Power España, S.L., Energías Ambientales de Outes, S.A. e Telefónica, S.A.U.

Os informes recibidos, cos condicionados establecidos, remitíronse a REE para a súa conformidade ou para que presentase os reparos que considerase procedentes.

9. Na relación achegada polo promotor, de bens e dereitos afectados pola instalación de referencia, figuran unha serie de parcelas cuxos propietarios son descoñecidos e atópanse suxeitas ao procedemento de investigación disposto no artigo 47 da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas (BOE nº 264, do 4 de novembro), polo que lle foi remitida unha separata á Axencia Tributaria para o seu coñecemento e para os efectos oportunos no ámbito das súas competencias.

10. O 16.5.2019 os servizos técnicos da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria emitiron un informe sobre a solicitude de REE e o 21.5.2019 a Xefatura Territorial ditou proposta de resolución.

Consideracións legais e técnicas.

1. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Decreto 135/2017, do 28 de decembro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG nº 18, do 25 de xaneiro de 2018) e no Decreto 9/2017, do 12 de xaneiro, da Consellería de Economía, Emprego e Industria, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 22, do 1 de febreiro).

2. A lexislación de aplicación ao presente expediente é:

– Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

– Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

– Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

– Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia.

– Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa.

– Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

– Resolución do 19 de febreiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción, de acordo co previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico (DOG nº 54, do 19 de marzo de 2014).

– Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

– Real decreto 1432/2008, do 29 de agosto, polo que se establecen medidas para a protección da avifauna contra a colisión e a electrocución en liñas eléctricas de alta tensión.

– Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

– Real decreto 1047/2013, do 27 de decembro, polo que se establece a metodoloxía para o cálculo da retribución da actividade de transporte de enerxía eléctrica.

– Decreto do 26 de abril de 1957 polo que se aproba o Regulamento da Lei de expropiación forzosa.

3. As características técnicas máis salientables da LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos, para a que REE solicita a autorización administrativa de construción, son:

– LAT trifásica con dous condutores por fase, en configuración de dobre circuíto (DC), a 220 kV de tensión nominal, de 27.687 metros de lonxitude, en condutor tipo AL/AW Condor, tendida en vinte unha (21) aliñacións sobre torres metálicas de celosía encravadas en zapatas de formigón individuais, para unha capacidade térmica de transporte de 788 MVA/circuíto (verán) e de 881,9 MVA/circuíto (inverno), coa orixe en posición de liña instalada na subestación Lousame (expediente IN407A 2009/471-1) e remate en posición de liña instalada na subestación Mazaricos (expedientes IN407A 1999/84-1 e IN407A 2009/472-1). Condutor composto terra-óptico tipo OPGW-TIPO1-17kA-15.3 e condutor de terra convencional tipo Alumoweld 7n7. Illadores de vidro.

– Orzamento: 8.645.402 €.

4. A Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio emitiu informe favorable, con data 3.12.2010, a respecto da infraestrutura eléctrica denominada LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos, para os efectos previstos no artigo 35.2 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 114 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

5. A promotora da instalación, REE, manifestou a súa conformidade cos condicionados emitidos polas distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectadas, agás no que respecta ao Concello de Negreira, que emitiu un informe no cal se detallan catro afeccións de diferente índole: solo do núcleo rural denominado como Agrís, na parroquia de Xallas, a área de protección dos elementos patrimoniais rexistrados no Catálogo de protección do PXOM de Negreira, Castro de Agrís e Mámoa da Serra da Pena 2, solo rústico de especial protección forestal determinado nos planos do PXOM de Negreira e unha parcela na que se atopan infraestruturas deportivas do concello, para as que considera que se deben tomar as medidas e modificacións necesarias para que a LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos non afecte a estes elementos.

Na súa contestación, REE remítese ao exposto en informes anteriores por organismos competentes en materia de ambiente e ordenación do territorio e no informe favorable, sen máis obxeccións, emitido polo Concello de Negreira no trámite de separatas correspondente á solicitude de autorización administrativa desta instalación.

A dita contestación remitiuse novamente ao Concello de Negreira, quen respondeu cun novo informe subscrito polo arquitecto municipal no que se ratifica no informe emitido o 31.10.2018, mantendo o criterio de que se deben tomar as medidas e modificacións necesarias para que a LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos non afecte aos elementos anteriormente descritos.

Analizado o informe do Concello de Negreira, é necesario indicar que as cautelas que require en canto aos bens patrimoniais e/ou culturais, atópanse axeitadamente amparadas pola declaración de impacto ambiental formulada polo órgano ambiental o 22.2.2017 na que se recollen, entre outros, as valoracións feitas por medio dos seus respectivos informes pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural e pola Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

A área afectada pola LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos sobre unha parcela (referencia catastral 15057A513007300000LX) na que se atopan instalacións deportivas, está constituída pola zona de servidume de voo definida no punto 5.12 da ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, incrementada pola distancia de seguridade exixida no seu punto 5.12.1 e, así mesmo, pola faixa de terreo para a xestión da biomasa definida nos artigos 20, 20.bis e 21.ter da Lei 3/2007, do 9 de abril. Segundo o reflectido nos planos parcelarios, as instalacións deportivas integradas na dita parcela, só se verán afectadas nunha esquina pola faixa de terreo para a xestión da biomasa, dentro da cal o titular da liña de transporte de enerxía eléctrica queda obrigado a xestionar a biomasa e quedando prohibida a existencia de árbores das especies sinaladas na disposición terceira da dita lei, o que non impedirá a utilización normal das ditas instalacións deportivas.

Polo antes exposto, enténdese que as medidas e modificacións requiridas desde o Concello de Negreira se atopan debidamente atendidas, non sendo necesario adoptar ningunha medida supletoria sobre a LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos, agás as que poida establecer a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no informe definitivo que debe emitir sobre o anexo documental no que se recollen os proxectos coas súas trazas definitivas e os accesos e zonas de ocupación temporal presentado por REE o pasado 11.2.2019, de conformidade co establecido nos puntos 3.6.1 e 3.6.6 da DIA.

6. Nas inspeccións realizadas o 13.3.2019 e o 15.3.2019, polos servizos técnicos da Xefatura Territorial, non se atoparon prohibicións e/ou limitacións que impidan a construción da LAT obxecto do proxecto ou o establecemento da servidume de paso de enerxía eléctrica, nos supostos previstos no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e no artigo 5.12.2 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro.

7. Á vista das alegacións presentadas ao proxecto da instalación eléctrica, da contestación que deu a elas a empresa promotora e do resto da documentación que consta no expediente, queda de manifesto o seguinte:

a) A respecto das alegacións relativas aos novos enderezos de contacto e á propiedade e/ou titularidade de dereitos sobre os bens afectados que figuran na RBDA, cómpre indicar que, con carácter xeral, o promotor (REE) manifesta que procedeu a tomar nota dos cambios de titularidade comunicados.

No caso de existir algún posible litixio de propiedade, esta administración non é competente para resolver nin dirimir eses litixios de propiedade pois son competencia exclusiva da xurisdición civil ordinaria. Non obstante, no acto de levantamento das actas previas á ocupación, no caso de iniciarse o procedemento expropiatorio, poderanse formular alegacións e manifestacións ao respecto, así como achegar a documentación que se considere pertinente, sen prexuízo de que as actuacións no procedemento expropiatorio poderán seguirse ante o Ministerio Fiscal no suposto de que subsista o litixio.

b) No que respecta á ausencia de valoración económica das afeccións ou valoración do impacto económico sobre os usos futuros nas parcelas que se verán alterados pola construción da LAT, aclarar que a posible depreciación do terreo non se pode tomar en consideración nesta fase da tramitación, por non ser obxecto deste procedemento senón do expediente expropiatorio. Unha vez resolta a declaración de utilidade pública (DUP), REE quedará habilitada para instar o procedemento de expropiación forzosa, dentro do cal, e unha vez realizado o acto de levantamento de actas previas, a Administración expropiante requirirá aos titulares dos bens e dereitos afectados e á entidade beneficiaria da expropiación (REE) as súas respectivas valoracións, que serán remitidas ao Xurado de Expropiación de Galicia, que determinará o xustiprezo que corresponda aboar polo establecemento da servidume de paso de enerxía eléctrica.

c) No que respecta ás alegacións nas que se rexeita a condición de utilidade pública da infraestrutura, temos que remitirnos ao recollido no artigo 54.1 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no que se declaran de utilidade pública as instalacións eléctricas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento e da imposición e exercicio da servidume de paso.

d) Ao respecto das alegacións relativas ao procedemento e/ou os seus prazos, indicar que este se axuste ao previsto na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

e) Ao respecto das alegacións que declaran que a información sobre o trazado da LAT e as súas afeccións é insuficiente, subliñar que foron realizadas as preceptivas publicacións do Acordo do 10 de agosto de 2018, da Xefatura Territorial, de sometemento a información pública (Diario Oficial de Galicia, Boletín Oficial da Provincia da Coruña e La Voz de Galicia) e a súa exposición pública nos taboleiros de anuncios dos concellos afectados e da Xefatura Territorial, lugares nos que se dispoñía do proxecto técnico de execución da instalación no que se definía perfectamente a traza da LAT e as súas afeccións para a súa consulta, atopándose polo tanto a disposición dos alegantes durante o período legal establecido no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e previamente á data na que foron presentadas as alegacións, tal e como se lles comunicou aos alegantes por medio das notificacións individuais practicadas.

f) Ao respecto da alegación presentada por José Manuel Guzmán Teiga sobre a afección sobre a fonte que subministra á aldea de Agrís (Xallas, Negreira), indicar que o apoio T-27 proxectado na parcela colindante non afecta á fonte, non obstante REE tomará as medidas necesarias para garantir que en ningún momento se afecte o seu normal funcionamento.

g) Ao respecto da alegación presentada por Jesús Martínez Noya sobre as dimensións da área afectada pola tala e poda de arboredo debido á construción da liña eléctrica de referencia, indicar que esta área está conformada polas seguintes zonas:

– A zona de servidume de voo referida no punto 5.12 da ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, definida como a franxa de terreo definida pola proxección sobre o solo dos condutores extremos, considerando estes e as súas cadeas de illadores nas condicións máis desfavorables, sen contemplar ningunha distancia adicional. Así mesmo, no seu apartado 5.12.1, establécese que para evitar as interrupcións do servizo ou posibles incendios producidos polo contacto coas ramas ou troncos de árbores cos condutores dunha liña eléctrica aérea, esta zona incrementarase cunha distancia de seguridade a ambos lados da dita proxección, que para liñas eléctricas de 220 kV será de 3,2 m.

– A zona para a xestión da biomasa referida nos artigos 20, 20.bis e 21.ter da Lei 3/2007, do 9 de abril, definida como unha faixa de terreo, na que o titular da liña de transporte de enerxía eléctrica queda obrigado a xestionar a biomasa, de 5 m desde a proxección dos condutores eléctricos máis externos, considerando a súa desviación máxima producida polo vento segundo a normativa sectorial vixente, engadido que, nesta faixa, non poderá haber árbores das especies sinaladas na disposición adicional terceira da dita lei.

h) Ao respecto das alegacións relativas á modificación da localización de apoios infórmase que nuns casos suporía afectar a bens e dereitos de terceiros non previstos no proxecto e noutros casos suporía modificar o trazado proposto polo autor do proxecto sen que se acredite a concorrencia conxunta dos requisitos establecidos no artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, necesarios para que resulte posible unha modificación do trazado proxectado. Cando a localización dos apoios afecte o acceso aos predios, REE acordará cos seus propietarios o trazado dun novo camiño sen crear afeccións a terceiros non previstas no proxecto e, en calquera caso, deberao repoñer a unhas condicións tales que permitan o seu emprego sen trabas.

i) Ao respecto das alegacións presentadas por Elisabeth Martínez Schnackig e Requina E. Martínez Schnackig, nas que se solicita revisar o trazado proxectado da LAT ou se exixe a súa modificación, é necesario puntualizar que unha parte significativa destas alegacións xa foron avaliadas e desestimadas na fase do procedemento que rematou co outorgamento da autorización administrativa previa da instalación, de tal xeito que se dá por reproducido o seu contido (Resolución do 20 de xullo de 2017, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorga a Red Eléctrica de España, S.A.U., a autorización administrativa da instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos, DOG nº 167, do 4 de setembro; BOP nº 155, do 17 de agosto).

Na fase actual da tramitación do proxecto de instalación eléctrica, as alegantes incorporan como elemento máis significativo un informe técnico datado en outubro de 2018, elaborado pola consultora Lagares Oca, denominado estado actual da finca Araguaney e afeccións producidas polos proxectos de trazado da LAT 220 kV Lousame-Mazaricos e pola LAT subestación Lousame-LAT Santiago-Tambre. Considerando as datas de redacción do dito documento e de presentación das alegacións, enténdese que non se ten en conta o seguinte:

I. O artigo 1.5.1. da ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, dispón «…as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación...».

II. Que a subestación Lousame (expediente IN407A 2009/471-1) e que a LAT 220 kV DC de entrada e saída na subestación Lousame da LAT Santiago-Tambre II (expediente IN407A 2010/270-1) dispoñen ambas as dúas de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública outorgadas pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas con datas do 30.3.2017 e 19.7.2017, respectivamente, e que a LAT 220 kV DC de entrada e saída na subestación Lousame da LAT Santiago-Tambre II (expediente IN407A 2010/270-1) xa dispón dunha autorización de explotación parcial emitida con data 24.9.2018 pola Xefatura Territorial.

III. Que as ditas autorizacións obrigan ao promotor a construír as infraestruturas ás que se refiren, axustándose estritamente ás especificacións contidas nos proxectos de execución autorizados, e calquera modificación substancial estaría suxeita ao réxime de autorizacións disposto no título VII do Real decreto 1955/2000, debendo contar cos informes favorables das administracións ou organismos públicos a quen pertenzan ou estean adscritos os bens afectados pola variante proposta, se os houbera e non xerando novas afeccións a terceiros.

IV. A variación do trazado proposta para a LAT Lousame-Mazaricos, non ten en consideración que con ela habería que modificar a disposición da subestación Lousame e o trazado da LAT 220 kV DC de entrada e saída na subestación Lousame da LAT Santiago-Tambre II, ambas as dúas en execución, actuacións que levan implícito un custo non avaliado nas alegacións, de xeito que non se darían os supostos previstos no artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000.

V. Ao respecto dos proxectos cuxo desenvolvemento está previsto nas parcelas afectadas (... existe proxecto de construción e explotación de campo de golf de Martelo e actividade hostaleira e restauración anexa), as alegantes non acreditan no expediente, agás o manifestado no citado estudo, o inicio de ningún trámite realizado ante esta ou calquera outra administración que permita supoñer a súa execución nun prazo tal que a LAT proxectada por REE incorrese nalgún suposto de limitación e/ou prohibición.

j) Ao respecto da alegación presentada por Divino Miguens Carnota, na parte na que formula o desprazamento do trazado da LAT cara a terreos de titularidade pública evitando propiedades particulares dicir, por unha banda, que o alegante non propón ningunha alternativa concreta ao trazado proxectado e, pola outra, que non se cumpren conxuntamente as condicións estipuladas no artigo 58 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e no artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

8. No expediente consta un informe dos servizos técnicos da Xefatura Territorial, de data 16.5.2019, no que se indica que a solicitude de autorización administrativa de construción e de declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos (expediente IN407A 2010/269-1) cumpre cos requisitos legais.

9. No expediente consta unha proposta de resolución da Xefatura Territorial, de data 21.5.2019, de autorización administrativa de construción e de declaración de utilidade pública, en concreto, da devandita instalación eléctrica LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos (expediente IN407A 2010/269).

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

1. Outorgar á empresa REE a autorización administrativa de construción da instalación de transporte de enerxía eléctrica denominada LAT 220 kV DC Lousame-Mazaricos, nos termos municipais de Lousame, Rois, Brión, Negreira, Outes e Mazaricos (A Coruña).

2. Declarar a utilidade pública, en concreto, da citada instalación eléctrica, o que leva implícito a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Todo isto de acordo coas condicións seguintes:

1. As instalacións que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución titulado Proxecto de execución da liña aérea de transporte de enerxía eléctrica a 220 kV dobre circuíto Lousame-Mazaricos, asinado por Ángel Gallego del Monte, enxeñeiro industrial (colexiado nº 5.302, do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid), con visado dixital deste colexio con nº 201703687 e data 21.11.2017, e no que figura un orzamento de 8.645.402 €.

2. A empresa REE asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

En todo momento deberanse cumprir as normas e directrices vixentes que resulten de aplicación, en particular, canto establece o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

3. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten a datos básicos do proxecto será necesaria a autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que diten en aplicación da citada facultade.

4. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa REE deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, acompañada da documentación exixible de acordo co punto 3 da ITC-LAT 04 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o regulamento sobre condición técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

5. Con carácter previo á posta en marcha das instalacións, o órgano competente verificará o cumprimento dos condicionados impostos nesta resolución, así como das condicións que sexan de aplicación das que figuran na declaración de impacto ambiental (DIA) formulada o 22.2.2017 polo órgano ambiental.

Para dar cumprimento ao establecido no artigo 42.2 da Lei 21/2013, relativo ao contido da autorización do proxecto, resúmese a seguinte información contida na declaración de impacto ambiental:

– Conclusión sobre os efectos significativos do proxecto no medio ambiente: punto 4 da DIA.

– Condicións ambientais establecidas e medidas previstas para prever, corrixir ou compensar os efectos adversos significativos no medio ambiente: punto 3 da DIA.

– Descrición das características do proxecto: punto 1.2 da DIA.

– Medidas de seguimento e órgano encargado del: punto 3.8 da DIA.

6. En canto aos bens e dereitos afectados por esta instalación eléctrica e adscritos ás distintas administracións, organismos ou empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral, a empresa REE procederá a realizar os correspondentes cruzamentos e afeccións de acordo cos condicionados e informes emitidos por estes.

7. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

8. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas, en especial as relativas á ordenación do territorio e ao medio ambiente, tal e como dispón o título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que xulguen pertinente.

Santiago de Compostela, 3 de xullo de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas