Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Xoves, 8 de agosto de 2019 Páx. 36113

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 30 de xullo de 2019 pola que se dispón a publicación do acordo de disolución, liquidación e distribución do patrimonio do Consorcio Conso-Frieiras.

O artigo 151 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, sinala que nos supostos de disolución dun consorcio aplicarase o previsto nos artigos 143 e 144 para as mancomunidades. Así, a iniciativa corresponderá ao pleno deste, de oficio ou por instancia dos concellos que o constitúen. Este acordo someterase a información pública polo prazo dun mes e ao informe da deputación ou deputacións provinciais respectivas e da consellería competente en materia de réxime local.

Os estatutos do Consorcio Conso-Frieiras, publicados por Resolución do 21 de setembro de 2000, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se dispón a publicación dos estatutos do Consorcio Conso-Frieiras (DOG núm. 202, do 18 outubro), sinalan, respecto da forma de disolución, que o patrimonio resultante distribuirase entre os concellos integrantes de maneira proporcional ás súas achegas e a súa forma de liquidación deberase aprobar mediante acordo expreso do seu consello reitor.

Os concellos integrantes do Consorcio (A Mezquita, Vilariño de Conso e Riós) acordaron nos seus respectivos plenos solicitar a tramitación da súa separación do consorcio. Todos eles alegaron a falta de actividade deste como causa da separación.

En síntese, para a adopción do acordo de disolución deste consorcio observouse a seguinte tramitación:

– O expediente para a disolución e liquidación do consorcio aprobouse inicialmente por acordo do Consello Reitor do Consorcio Conso-Frieiras con do data 24 de xaneiro de 2018.

– O citado acordo someteuse a información pública polo prazo dun mes, mediante anuncio publicado no Diario Oficial de Galicia con data do 25 de maio de 2018.

– A Deputación Provincial de Ourense e a Dirección Xeral de Administración Local emitiron os informes preceptivos.

– O acordo de disolución, liquidación e repartición do patrimonio foi ratificado polos plenos dos concellos da Mezquita con data do 13 de novembro de 2018, o Concello de Vilariño de Conso con data do 28 de novembro de 2018 e o Concello de Riós con data do 23 de novembro de 2018 co quórum de maioría absoluta exixido polo artigo 143 da Lei 5/1977, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

– O Consorcio remitiu certificación dos acordos adoptados polos plenos dos concellos de ratificación da disolución, liquidación e distribución do seu patrimonio, para a súa íntegra publicación no Diario Oficial de Galicia.

O procedemento de disolución tramitado cumpriu o establecido nos artigos 143 e 144 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Segundo o antedito e de conformidade co disposto no artigo 143.1.d) da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único

Publicar o acordo de disolución, liquidación e distribución do patrimonio do Consorcio Conso-Frieiras, de conformidade co establecido no artigo 143.1.d) en relación co artigo 144 da Lei de Administración local de Galicia, que se recollen como anexo desta orde.

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO

Acordo de disolución, liquidación e distribución do patrimonio
do Consorcio Conso-Frieiras

O Consello Reitor do Consorcio Conso-Frieiras na reunión do 24 de xaneiro de 2018 acordou por unanimidade dos seus membros:

1º. Que se proceda á elaboración e rendición, se for factible, das contas correspondentes ao exercicio económico de 2017.

2º. Que á vista do patrimonio existente e das débedas que figuran na conta corrente do dito consorcio, ambas as dúas repartiranse proporcionalmente entre os tres membros do consorcio.

3º. Se algún concello integrante do consorcio opta por quedar con parte do patrimonio que lle correspondería a outro concello aboaría as débedas existentes proporcionalmente ao patrimonio recibido.

Como addenda á acta do 24 de xaneiro de 2018 o Consello Reitor do Consorcio Conso-Frieiras, na súa reunión do 25 de febreiro de 2018, recolle o seguinte:

Con data do 24 de xaneiro de 2018, reuníronse os membros do Consello Reitor do Consorcio Conso-Frieiras co fin de proceder á súa disolución logo de cumprir os fins para que foi constituído.

Logo de ver o informe do director da oficina de Abanca da Gudiña, do 20 de febreiro de 2018, no cal se especifica que a citada entidade aprobou unha quitación de 3.710,35 euros derivada da cancelación da conta 311-5317-626/5, conta da cal é titular o Consorcio Conso-Frieiras, contra entrega de 1.800 euros.

Logo de ver o acordo do 24 de xaneiro de 2018 en que se establecía:

1º. Que á vista do patrimonio existente e das débedas que figuran na conta corrente do dito consorcio, ambas as dúas repartiranse proporcionalmente entre os tres membros do consorcio.

2º. Se algún concello integrante do consorcio opta por quedar con parte do patrimonio que lle correspondería a outro concello aboaría as débedas existentes proporcionalmente ao patrimonio recibido.

Dado que o Concello de Riós desexa quedar co único ben con que conta o consorcio, unha furgoneta modelo Opel Movano e matrícula 7766BMJ, acórdase que a débeda existente con Abanca se cancelará achegando o Concello de Riós a cantidade de 800,00 € e os concellos da Mezquita e Vilariño de Conso a cantidade de 500,00 € respectivamente.