Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Xoves, 8 de agosto de 2019 Páx. 36116

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 95/2019, do 26 de xullo, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polas actuacións de mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Santiago de Compostela. Ámbito: Camiño Francés, de clave AC/17/012.10.2, no concello de Santiago de Compostela.

Antecedentes:

Primeiro. O día 23 de novembro de 2018 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 224) o Anuncio do 14 de novembro de 2018 polo que se somete ao trámite de información pública o documento básico Mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Santiago de Compostela. Ámbito: Camiño Francés, de clave AC/17/012.10.2, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto referenciado.

Segundo. Tras a análise dos certificados presentados, o 17 de xullo de 2019 apróbase o expediente de información pública e definitivamente o documento básico Mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Santiago de Compostela. Ámbito: Camiño Francés, de clave AC/17/012.10.2.

Este proxecto ten por obxecto acadar unha imaxe identitaria internacional común ao longo do Camiño, concretamente para mellorar a integración do peregrino na entrada da cidade de Santiago de Compostela, facilitando a dita percepción e diminuíndo a tensión de tráfico sobre o Camiño, así como favorecendo a mobilidade peonil nesta área ao priorizar o peregrino sobre o tráfico rodado.

Máis concretamente, preténdese reordenar o itinerario do Camiño de Santiago, no ámbito do Camiño Francés, ao seu paso polo Monte do Gozo, e a súa baixada ata internarse na cidade, discorrendo pola rúa San Lázaro, para finalmente chegar á rúa dos Concheiros. Todo o exposto para esta actuación ten a finalidade de priorizar cidadáns e peregrinos, con criterios de seguridade, mobilidade e funcionalidade global.

A competencia para a execución da expropiación forzosa, neste caso, correspóndelle á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do punto dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Por outra banda, o artigo 80 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (DOG do 16 de maio), determina que a aprobación da delimitación dos Camiños de Santiago levará implícita a declaración de interese social e a de necesidade de ocupación dos bens e adquisición de dereitos para os fins de expropiación forzosa, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes tanto dos tramos necesarios para a funcionalidade da traza coma dos bens localizados no seu ámbito delimitado necesarios para a conservación, protección ou servizo do Camiño.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e seis de xullo de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución das actuacións de mellora e integración paisaxística das entradas dos Camiños de Santiago en Santiago de Compostela. Ámbito: Camiño Francés, de clave AC/17/012.10.2.

Santiago de Compostela, vinte e seis de xullo de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade