Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Martes, 6 de agosto de 2019 Páx. 35894

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 8 de xullo de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación de solicitude de autorización ambiental integrada e o estudo de impacto ambiental para a planta de elaboración, preparados de produtos do mar que Pescanova España, S.L.U. posúe no concello de Arteixo, provincia da Coruña (expediente 2019-IPPC-I-21).

Para os efectos previstos no Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (BOE núm. 316, do 31 de decembro), faise público que por espazo de trinta (30) días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, quedará exposto o documento titulado:

• «Proxecto básico de solicitude da autorización ambiental integrada e estudo de impacto ambiental en industria de produtos do mar».

• Promotora: Pescanova España, S.L.U.

• Localización: avenida da Ponte, parcela 13, Polígono Industrial de Sabón, 15142 Arteixo (A Coruña)».

Para que calquera interesado poida consultalo e, se é o caso, formular no citado prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere oportunas, o documento estará a disposición dos administrados:

– Na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda:

(http://cmatv.xunta.gal>>medio ambiente e sostibilidade>>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada>>proxectos en información pública).

As alegacións, suxestións ou observacións dirixiranse ao Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2019

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Memoria resumen

Clave do expediente: 2019-IPPC-I-21

Peticionaria: Pescanova España, S.L.U.

CIF: B94123916.

Dirección social: rúa José Fernández López, s/n; 36320 Chapela, Redondela (Pontevedra).

Localización da instalación: polígono industrial de Sabón, avenida da Ponte, parcela 13, 15142 Arteixo (A Coruña). Coordenadas UTM (Fuso 29, Datum ETRS89): X: 540186, Y: 4795298.

Actividade: englobada no anexo I do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación; epígrafe 9.1 i. Planta de elaboración e preparados de produtos do mar.

Xustificación: o motivo da solicitude da autorización ambiental integrada é a instalación futura no establecemento industrial, dun novo cocedoiro (liña de cocedoiro 3), o que suporá un incremento da capacidade de produción, ata un total de 157 toneladas/día. Adicionalmente, incorporarase unha nova caldeira de vapor a gas natural, e ampliarase a capacidade das liñas de envasado.

Con estas melloras tecnolóxicas a capacidade produtiva máxima teórica modificarase, o que supón que a industria pase a ser unha instalación IPPC, ao superar a capacidade de produción diaria en máis de 75 toneladas/día.

Descrición: Pescanova España, S.L.U., no seu centro de Arteixo (A Coruña), ocupa unha parcela de 16.841 m2 de extensión. As edificacións existentes ocupan unha superficie de 11.756 m2.

O predio onde está situada a dita instalación xa foi ocupada por outras empresas que se dedicaban á mesma actividade. Así foi pasando de Alimentos del Atlántico, S.A. (ALIKO), constituída no ano 1977 a Frinova, S.A., no ano 1992. Posteriormente no ano 1993 foi transmitida á Bajamar Séptima, S.A., e finalmente no ano 2015 por escritura de fusión por absorción e dobre segregación pasa a ser Pescanova España, S.L.U.

En Pescanova, centro de Arteixo, existen 3 tipos de procesos produtivos:

1º. Lagostino cocido: conxelado ou refrixerado (2 liñas).

O proceso comeza coa desembalaxe do lagostino cru conxelado, envasado a granel. Introdución en cestas de plástico e transporte das cestas con produto a través dos distintos módulos:

– Módulo de desconxelación: duchas, a temperatura ambiente, de auga con ácido cítrico como bacteriostático.

– Módulo de cocción: duchas con auga a temperatura entre 95º e 98º C.

– Módulo de arrefriado: duchas con salmoira diluída para conseguir baixar a temperatura interior do lagostino ata uns 4º C. Desta forma evítase que o lagostino se siga cocendo e asegúrase a calidade organoléptica desexada.

– Módulo de conxelación: duchas con salmoira para a conxelación e absorción de sal polo lagostino. Ao finalizar este módulo hai un túnel de conxelación por aire forzado que asegura que o produto chegue aos -18º C.

A etapa final é o envasado en diferentes formatos: estoxo, bolsa e caixa de cartón, envase termomoldeado.

No caso de produto terminado cocido refrixerado, o lagostino retírase da liña antes da entrada ao módulo de conxelación e envásase na sala de refrixerado.

2º. Lagostino cru.

No caso de produto cru, retírase da liña antes da entrada ao módulo de cocción, conxélase no túnel de aire forzado, e envásase nos diversos formatos.

3º. Colas de lagostino peladas e cocidas.

Neste caso non pasa por ningún dos módulos de proceso. A materia prima conxelada a granel vai directamente ao proceso de envasado.