Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Xoves, 1 de agosto de 2019 Páx. 35567

III. Outras disposicións

Instituto Galego de Promoción Económica

EXTRACTO da Resolución do 19 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Programa Sinerxía da Internacionalización, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG423A).

BDNS (Identif.): 467945.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Beneficiarios

As empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que superen os límites establecidos para a definición de peme segundo o anexo I do Regulamento nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado ( DOUE 26.6.2014, L 187).

b) Que teñan algún centro de traballo radicado na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Que estean dadas de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización con informe positivo emitido a partir do 1 de xaneiro de 2013. A solicitude de alta en programas avanzados do Igape de apoio á internacionalización deberá facerse antes do remate do prazo de fin de execución da actuación, a través do procedemento do Igape IG192.

d) Que estean ao día nas súas obrigas coa Facenda Pública estatal, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e non ser consideradas empresas en crise. Para estes efectos de empresa en crise, convén ter en conta a definición de empresa en crise que aparece no número 18 do artigo 2 do devandito Regulamento nº 651/2014 da Comisión. Tamén deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser beneficiario da axuda, e cumprir as obrigas do artigo 11 da citada Lei de subvencións.

e) Que cumpran a normativa de axudas de minimis, segundo o previsto no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013), para as empresas do sector pesqueiro no Regulamento (CE) nº 717/2014 da Comisión, do 27 de xuño de 2014, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da UE ás axudas de minimis no sector da pesca e da acuicultura (DOUE L 190, do 28.6.2014) e para as empresas do sector agrícola no Regulamento 1408/2013, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis no sector agrícola (DOUE L 352, do 24 de decembro de 2013) e o Regulamento (UE) 2019/316 da Comisión, do 21 de febreiro de 2019, que o modifica (DOUE L 51, do 22 de febreiro de 2019).

f) Que estean ao día nos pagamentos endebedados ás cámaras de comercio, industria e navegación de que formen parte.

Segundo. Obxecto

As axudas concédense en réxime de concorrencia non competitiva e teñen por obxecto favorecer o incremento da internacionalización das empresas galegas non pemes, coa finalidade de incentivar e estimular o comercio exterior galego e a internacionalización. As actuacións están dirixidas a:

a) Aumentar a base de empresas exportadoras.

b) Fomentar e consolidar a presenza de empresas galegas nos mercados internacionais.

c) Conseguir unha maior diversificación, tanto sectorial como xeográfica das exportacións, incorporando novos mercados e produtos aos procesos de internacionalización das empresas galegas.

d) Difundir a cultura da internacionalización como ferramenta de progreso e competitividade.

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 19 de xullo de 2019 pola que se dá publicidade do acordo do Consello de Dirección que aproba as bases reguladoras das axudas do Programa Sinerxía da Internacionalización, e se procede á súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva (código de procedemento IG423A).

Cuarto. Importe

Os créditos dispoñibles para concesións nesta convocatoria aboaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.A1.741A.7708 e por un importe de 41.000 € con cargo ao exercicio 2019, e por un importe de 319.000 € con cargo ao exercicio 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará aos cinco (5) días hábiles desde o día seguinte ao da publicación da resolución de convocatoria no Diario Oficial de Galicia e finalizará no prazo dun mes desde o día seguinte a esta data, agás que se produza o suposto de esgotamento do crédito.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2019

A Xerencia do Instituto Galego de Promoción Económica
P.S. (Resolución do 15.7.2019)
Norberto Penedo Rey
Director da Área de Competitividade