Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Mércores, 31 de xullo de 2019 Páx. 35054

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional

ORDE do 15 de xullo de 2019 pola que se regula a acreditación dixital do persoal funcionario de carreira que preste servizos nos centros docentes dependentes desta consellería no sistema educativo público galego.

A Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público establece, no seu artigo 43, que:

«1. Sen prexuízo do previsto nos artigos 38, 41 e 42, a actuación dunha Administración pública, órgano, organismo público ou entidade de dereito público, cando utilice medios electrónicos, realizarase mediante sinatura electrónica do titular do órgano ou empregado público.

2. Cada Administración pública determinará os sistemas de sinatura electrónica que debe utilizar o seu persoal, os cales poderán identificar de forma conxunta o titular do posto de traballo ou cargo e a Administración ou órgano en que presta os seus servizos. Por razóns de seguridade pública os sistemas de sinatura electrónica poderán referirse só ao número de identificación profesional do empregado público».

O marco xurídico da sinatura electrónica vén determinado pola Lei 59/2003, do 19 de decembro, de sinatura electrónica, en que, ademais desta, se regula a súa eficacia xurídica e a prestación de servizos de certificación. Para os efectos desta lei, enténdese por sinatura electrónica recoñecida a sinatura electrónica avanzada baseada nun certificado recoñecido e xerada mediante un dispositivo seguro de creación de sinatura.

No ámbito da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ditouse a Orde do 25 de maio de 2011 pola que se regula a tarxeta de persoal ao servizo do sector público autonómico, que, no seu artigo 2, excluíu do seu ámbito de aplicación o persoal que preste servizos en centros sanitarios e centros educativos.

Coa entrada en vigor da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, cómpre dotar o persoal que presta servizos nos centros educativos, tanto administrativo como docente, dun sistema de identificación e sinatura electrónica.

Á súa vez, nas aplicacións informáticas da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que requiran ou admitan o emprego da sinatura electrónica, adoptaranse as medidas técnicas necesarias para permitir unicamente sinaturas baseadas en certificados electrónicos recoñecidos e comprobables, razón pola cal os usuarios de aplicacións que requiran o uso de sinatura electrónica deberán facer uso obrigatoriamente do certificado de identidade de empregado público.

En consecuencia, e co obxecto de alcanzar estes fins, no uso das facultades que me confiren o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto regular a acreditación dixital do persoal funcionario de carreira, docente e administrativo, que preste servizos nos centros docentes dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional no sistema educativo público galego.

Artigo 2. Tarxeta electrónica identificativa

1. A administración educativa proverá aos profesionais dunha tarxeta electrónica portadora do dito certificado, que cumprirá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Identificar e acreditar ao seu titular como persoal ao servizo do sector público autonómico.

b) A identificación electrónica dos empregados públicos.

c) Permitir o acceso a sistemas de información e, de ser o caso, a áreas restrinxidas.

2. As tarxetas deberán levar a fotografía do seu titular, o seu nome e apelidos e o número do DNI, co formato que se establece no anexo.

A nivel tecnolóxico disporá das seguintes capacidades:

a) Chip criptográfico que permitirá o almacenamento de varios certificados dixitais, entre eles, o certificado para persoal ao servizo das administracións públicas e o certificado de persoa física. Así mesmo, a tarxeta permitirá o almacenamento do certificado de representante de persoa xurídica, naqueles supostos en que a persoa ten a dita representación e obteña o dito certificado.

b) Identificación por radiofrecuencia (chip RFID de proximidade) que permitirá o control de acceso a lugares de acceso restrinxido e a instalacións con acceso controlado mediante elementos de impedimento de paso.

c) Banda magnética como contedor de datos do profesional para a súa utilización en sistemas de información que requiran destes datos.

3. As tarxetas serán propiedade da Xunta de Galicia, que as expedirá e entregará aos seus titulares, que deberán garantir a súa custodia, utilizalas de xeito persoal e intransferible e, conforme as instrucións e medios facilitados, comunicar de inmediato os supostos de deterioración, perda ou mal funcionamento, e devolvelas cando cesen na prestación dos seus servizos ou sexan requiridos para o efecto para a súa substitución ou renovación.

Os titulares poderán ser requiridos para a súa identificación por outros medios cando existan dúbidas sobre a súa identidade ou a utilización correcta da tarxeta.

Disposición adicional única. Implantación progresiva

A expedición de tarxetas farase de maneira progresiva nos centros da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, comezando polo persoal dos equipos directivos.

Disposicións derradeira primeira. Habilitación desenvolvemento normativo

Facúltase os titulares da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos e da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional para adoptar as medidas adecuadas en relación coa execución e desenvolvemento desta orde.

Disposicións derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2019

Carmen Pomar Tojo
Conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional

ANEXO

O deseño da tarxeta acreditativa do persoal funcionario de carreira, docente e administrativo, que preste servizos nos centros docentes dependentes da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional no sistema educativo público galego axústase ás normas contidas no manual de imaxe corporativa institucional do Goberno e da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

A) Tarxeta de persoal docente.

missing image file

B) Tarxeta de persoal administrativo que preste servizos nos centros educativos dependentes da consellería.

missing image file