Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 19 de xullo de 2019 Páx. 33723

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

DECRETO 88/2019, do 4 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade, a prol do Concello de Ponte Caldelas, da estrada PO-180 (PO-532-Vilarchán-PO-532) desde o punto quilométrico 0+000 ao 1+540.

A teor do previsto no artigo 9.4 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas ou treitos delas, cando non se trate de travesías urbanas ou treitos delas que estean incluídos no inventario de travesías da súa administración titular, deberán ser aprobados mediante decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a lei de estradas dispón no artigo 9.7 que os cambios de titularidade poderán abranguer estradas, treitos delas, elementos funcionais e/ou espazos da zona de dominio público adxacente.

O Concello de Ponte Caldelas solicita á Axencia Galega de Infraestruturas a transferencia dun sobrante da estrada autonómica Pontevedra-Ponte Caldelas ao seu paso polo lugar de Vilarchán (PO-180).

O tráfico rodado da estrada PO-180 é maioritariamente de ámbito local, ten unha lonxitude aproximada de 1.540 metros de longo e un ancho de 5,0 metros e discorre pola marxe esquerda da PO-532, integramente pola parroquia de Tourón do concello de Ponte Caldelas. Ten como punto inicial o punto quilométrico 0+000 da estrada PO-180 (conexión coa estrada PO-532 no punto quilométrico 7+770) e como punto final o punto quilométrico 1+540 da PO-180 (conexión coa PO-532 no punto quilométrico 8+930).

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade da estrada PO-180 (PO-532-Vilarchán-PO-532) desde o punto quilométrico 0+000 ao punto quilométrico 1+540, a prol do Concello de Ponte Caldelas.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de xullo de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1

Aprobar o cambio de titularidade, a prol do Concello de Ponte Caldelas, de:

Clave

Denominación

PQi

Coordenadas UTM (ETRS89)

PQf

Coordenadas UTM (ETRS89)

PO-180

PO-532-Vilarchán-PO-532

0+000

X=535.880

Y=4.695.219

1+540

X=536.973

Y=4.695.249

O dominio público da estrada PO-180 esténdese ata o límite da plataforma ocupada.

Modificar o Decreto 308/2003, de 26 de xuño, polo que se aproba a relación de estradas de titularidade autonómica da Comunidade Autónoma de Galicia, eliminándose da relación de estrada de titularidade autonómica a estrada PO-180 que figura do seguinte xeito:

Clave

Rede

Denominación

Clave anterior

PO-180

S

PO-532-Vilarchán-PO-532

C-531

Artigo 2

En aplicación dos números 4 e 6 do artigo 10 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Ponte Caldelas deberá modificar o seu catálogo de estradas para incluír o cambio de titularidade a que se refire este decreto.

Artigo 3

De acordo co establecido no artigo 9.6 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o cambio de titularidade será efectivo o día seguinte ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia. A entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes a esta publicación mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello de Ponte Caldelas, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular das estradas.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de xullo de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Mobilidade