Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 19 de xullo de 2019 Páx. 33799

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 20 de xuño de 2019, da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, polo que se somete a información pública a documentación para a revisión da autorización ambiental integrada da planta de fabricación de taboleiros de fibra de madeira de Padrón. Titular: Financiera Maderera, S.A. (expediente 2018-IPPC-M-120).

O artigo 26 do Real decreto lexislativo 1/2016, do 16 de decembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 316, do 31 de decembro), regula a revisión da autorización ambiental integrada.

Os artigos 15 e 16 do Real decreto 815/2013, do 18 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de emisións industriais e de desenvolvemento da Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (Boletín Oficial del Estado núm. 251, do 19 de outubro), establecen o procedemento de revisión das autorizacións ambientais integradas.

Para os efectos previstos no artigo 15.5.a) do Real decreto 815/2013, sométese a información pública, durante un período de vinte (20) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia, a documentación presentada por Financiera Maderera, S.A. para a revisión da autorización ambiental integrada da planta de fabricación de taboleiros de fibra de madeira de Padrón, para que calquera persoa interesada poida consultala e, de ser o caso, presentar dentro do dito prazo as alegacións, suxestións ou observacións que considere convenientes.

Poderase acceder a esta documentación nas dependencias da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, Servizo de Prevención e Control Integrados da Contaminación, en horario de atención ao público (rúa de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela). Ademais, tamén se poderá consultar na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda (http://cmatv.xunta.gal/>>medio ambiente e sostibilidade >>prevención e control de actividades>>autorización ambiental integrada >>proxectos en información pública).

Santiago de Compostela, 20 de xuño de 2019

María Cruz Ferreira Costa
Directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático

ANEXO

Expediente: 2018-IPPC-M-120.

Autorización ambiental integrada: 2006/0218_NAA/IPPC_059.

Categoría principal da instalación: 6.3.

Categoría secundaria da instalación: 1.1 a); 1.1 b).

Titular: Financiera Maderera, S.A. (A15005499).

Enderezo do titular: estrada A Coruña-Tui, km 57, 15884 Santiago de Compostela, A Coruña.

Localización da instalación: rúa Paraíso, s/n, 15900 Padrón, A Coruña.

Actividade principal: fabricación de taboleiros de fibra de madeira.

Descrición: a planta fabrica taboleiros de fibra de madeira a partir de troncos de árbores, mediante un proceso que pasa polas etapas de preparación da madeira (separación da codia, esteladura e cribado), tratamento da fibra e formación do taboleiro (dixestión, desfibrado, adición de colas, secado, formación de mantas e prensado) e de acabamento e expedición (arrefriado, estabilización, lixadura e corte e embalaxe). A planta conta cunha serie de instalacións térmicas que producen a calor e enerxía necesarias para o proceso.

Verteduras:

• Augas residuais industriais: non se efectúa vertedura ao dominio público, xa que son reincorporadas ao proceso industrial, vía tratamento físicoquímico ou vía evaporación-condensación e posterior xeración de vapor a partir do condensado.

• Augas residuais fecais: son vertidas á rede municipal con depuración posterior na estación depuradora de augas residuais municipal.

• Augas residuais pluviais: son vertidas a dominio público. Segréganse as augas procedentes das cubertas das naves, que son vertidas directamente, das augas de escorrega superficial, que son recollidas nunha canle no perímetro que bordea o río Ulla e son tratadas antes da súa vertedura.