Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Martes, 16 de xullo de 2019 Páx. 33382

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ANUNCIO do 4 de xullo de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, polo que se somete a información pública o proxecto de decreto polo que se aproba o Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia.

De conformidade co artigo 16.1.a) da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente, e para promover unha participación real e efectiva do público na elaboración, modificación e revisión dos plans, programas e disposicións de carácter xeral relacionados co ambiente a que se refiren os artigos 17 e 18 desta lei, as administracións públicas, ao establecer ou tramitar os procedementos que resulten de aplicación, velarán para que se informe o público, mediante avisos ou outros medios apropiados, como os electrónicos cando se dispoña deles, sobre calquera proposta de plans, programas ou disposicións de carácter xeral.

Tendo en conta o establecido no parágrafo anterior e co fin de asegurar que se observen as garantías en materia de participación na elaboración de disposicións de carácter xeral, de acordo co establecido no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, unha vez iniciada a tramitación do proxecto de decreto polo que se aproba o Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia,

ACORDO:

Primeiro. Someter a información pública, por un prazo de un mes contado desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio, o proxecto de decreto polo que se aproba o Regulamento da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia. Un documento base do dito plan xa foi sometido previamente á participación da cidadanía sen terse recibido ningunha alegación.

Segundo. Durante o citado prazo, poderase consultar o texto do proxecto de decreto na seguinte ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia:

http://transparencia.xunta.gal/tema/informacion-de-relevancia-xuridica/normativa-en-tramitacion/en-prazo-de-envio-de-suxestions

Terceiro. As persoas interesadas poden enviar as súas alegacións:

• Preferentemente, mediante correo electrónico ao seguinte enderezo: reximexuridico.cmatv@xunta.gal

• Alternativamente, mediante a presentación de escrito dirixido á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, en calquera dos lugares previstos no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Tamén se poden remitir suxestións a través do formulario disposto para este fin na ligazón do portal de transparencia da Xunta de Galicia indicada no punto segundo deste anuncio.

Cuarto. Ás alegacións recibidas por calquera medio dos anteriormente mencionados daráselles contestación a través dunha ligazón na web de transparencia que será obxecto de publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2019

Mª Carmen Bouso Montero
Secretaria xeral técnica da Consellería de Medio Ambiente,
Territorio e Vivenda