Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 133 Luns, 15 de xullo de 2019 Páx. 33012

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2019 pola que se declara a utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade cun dereito mineiro, do proxecto do parque eólico Miñón, sito no concello de Vimianzo (A Coruña) e promovido por Greenalia Wind Power Miñón, S.L.U. (IN408A 2017/07).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Greenalia Wind Power Miñón, S.L.U. (anteriormente, Greenalia Power, S.L.U.) en relación coa declaración de utilidade pública do parque eólico Miñón (en adiante, o parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 26.10.2017, o promotor solicitou as autorizacións administrativas previa e de construción, a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a aprobación do proxecto sectorial das instalacións do parque eólico Miñón.

Segundo. Tras verificar o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 30 e 31 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, o 31.1.2018, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas admitiu a trámite o parque eólico.

Terceiro. O 1.3.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe ao que fai referencia o artigo 33.4 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Cuarto. O 1.3.2018, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe ao que fai referencia o artigo 33.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Quinto. O 17.4.2018, o promotor solicitou a declaración de interese especial para o parque eólico. O 18.5.2018, o Consello da Xunta de Galicia declarou o parque eólico como proxecto de interese especial.

Sexto. Por Acordo do 9 de xullo de 2018, da Xefatura Territorial da Coruña (en adiante, a xefatura territorial), someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa previa, a declaración de utilidade pública, en concreto, e a necesidade de urxente ocupación que iso implica, a autorización administrativa de construción, o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e o estudo de impacto ambiental do parque eólico Miñón.

O dito acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia do 1.8.2018 e no xornal La Voz de Galicia do 31.7.2018. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios do concello afectado (Vimianzo), da xefatura territorial, e da Xefatura Territorial da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Coruña, que emitiron os correspondentes certificados de exposición pública.

A continuación resúmese o contido das alegacións presentadas durante o período de información pública, recollidas no anexo desta resolución:

1. Existencia de erros na relación de bens e dereitos afectados en relación coa titularidade e coa identificación catastral de parcelas.

2. Solicitude de ampliación da servidume afectada nunha das parcelas afectadas.

3. Solicitude de denegación das autorizacións, da declaración de utilidade pública, así como da aprobación do proxecto sectorial do parque eólico, polas afeccións económicas, urbanísticas, sociais, naturais, patrimoniais e culturais; pola tramitación administrativa separada do parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación, así como pola tramitación administrativa separada de parques eólicos sitos na zona, aínda que estes sexan de distintos promotores.

Sétimo. O 23.8.2018, Retegal emitiu o correspondente condicionado establecendo a necesidade de desprazar o aeroxerador AE 04. O 17.9.2018, o promotor comunicou que para non prexudicar o servizo que realiza Retegal renuncia á instalación do aeroxerador AE 04.

Oitavo. O 6.8.2018, a xefatura territorial informou que a poligonal do parque eólico afecta ao perímetro outorgado da concesión de explotación Baio Fracción primeira núm. 6950.1. Así mesmo, comunicou que a sociedade Baio de Granitos, S.A. figura como titular do citado dereito mineiro.

Noveno. O 14.9.2018, a xefatura territorial remitiu o expediente do parque eólico á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Décimo. O 28.9.2018, o Servizo de Montes da Coruña informou que a execución do proxecto pode afectar ao monte veciñal en man común de Pedra Miñóns e Seixos Brancos, propiedade da comunidade de Tines. Así mesmo, informou que para expropiar estes terreos sería preciso declarar previamente a prevalencia da utilidade pública do parque eólico fronte ao interese do citado monte veciñal ou ben, asinar un acto de disposición de acordo coa comunidade de Tines.

Décimo primeiro. O 10.10.2018, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou a declaración de impacto ambiental relativa ao parque eólico e na que se indica a necesidade de contar, previamente ao inicio das obras, cos informes favorables da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, de Instituto de Estudos do Territorio e da Axencia Turismo de Galicia.

Décimo segundo. Por Resolución do 15 de outubro de 2018, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, outorgouse autorización administrativa previa e de construción ás instalacións relativas ao parque eólico (DOG núm. 75, do 17 de abril).

Décimo terceiro. O 4.12.2018, o promotor solicitou unha modificación non substancial do parque eólico.

Décimo cuarto. O 25.1.2019, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático informou que para poder emitir o informe establecido no artigo 37.1.d) da Lei 8/2009, do 22 de decembro, deberanse acadar os informes favorables aos que se fai referencia no antecedente de feito décimo primeiro.

Décimo quinto. En aplicación do disposto no punto 3 do artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, esta dirección xeral acordou, o 5.2.2019, a apertura do trámite de audiencia outorgándolle un prazo de 15 días para que Baio de Granitos, S.A. puidese alegar e presentar os documentos e xustificacións que estimase pertinentes. Mediante o Anuncio do 7 de marzo de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, emprazouse a Baio de Granitos, S.A. para ser notificada por comparecencia.

Décimo sexto. Por Resolución do 11 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, autorizouse a transmisión de titularidade do parque eólico Miñón (IN408A 2017/07) e da súa liña eléctrica de evacuación de 66 kV (IN408A 2018/15) a favor de Greenalia Wind Power Miñón, S.L.U.

Décimo sétimo. O 15.2.2019, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe sobre as modificacións solicitadas polo promotor, segundo o establecido no artigo 37.1.e) da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Décimo oitavo. O 5.3.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas, notificou ás persoas interesadas as modificacións introducidas na relación de bens e dereitos afectados polo proxecto, así como procedeuse a publicar no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado o Anuncio do 12 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, polo que se notifica a varios/as interesados/as das modificacións na relación de bens e dereitos afectados sometida inicialmente a información pública do parque eólico Miñón (expediente IN408A 2017/07).

Décimo noveno. O 26.3.2019, esta dirección xeral para dar resposta ao requirido pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 25.1.2019, achegoulle os informes emitidos pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, a Dirección Xeral de Patrimonio Natural, o Instituto de Estudos do Territorio e a Axencia Turismo de Galicia, e as respostas do promotor aos citados informes.

Vixésimo. O 10.4.2019, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático emitiu o informe sobre as modificacións solicitadas polo promotor, segundo o establecido no artigo 37.1.d) da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

Vixésimo primeiro. O 15.4.2019, o promotor achegou o documento «Memoria técnica del parque eólico Miñón en el término municipal de Vimianzo. Abril 2019» na que se recollen as modificacións informadas pola Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, o 15.2.2019, e pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, o 10.4.2019.

Vixésimo segundo. Por Resolución do 22 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, recoñeceuse como non substancial unha modificación do proxecto do parque eólico Miñón, sito no concello de Vimianzo (A Coruña) e promovido por Greenalia Wind Power Miñón, S.L.U. (IN408A 2017/07).

Vixésimo terceiro. O 6.5.2019, a xefatura territorial informou que as infraestruturas e instalacións do parque eólico se sitúan fóra da superficie demarcada do dereito mineiro Baio Fracción primeira núm. 6950.1, polo que non se aprecia interferencia entre ambas as dúas actividades para os efectos de declarar a súa compatibilidade.

Vixésimo cuarto. O 23.5.2019, o promotor presentou a Resolución do 22 de maio de 2019, da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, pola que se autoriza a ocupación temporal, derivada da constitución dunha servidume de paso, de catro parcelas do monte Pedra Miñón e Seixos Brancos de 1.589 m2 para viais e 1.089 m2 para gabia do cableado do parque eólico Miñón no dito monte.

Vixésimo quinto. O 2.7.2019, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas propuxo a declaración de utilidade pública, en concreto, así como a compatibilidade co dereito mineiro concesión de explotación Baio Fracción primeira núm. 6950.1, do proxecto do parque eólico.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 45.5 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, no Real Decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, modificada pola Lei 5/2017, do 19 de outubro, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. En relación coas alegacións presentadas durante a tramitación do expediente, visto o seu contido e as respostas efectuadas polo promotor, cómpre manifestar o seguinte:

1. En relación coa titularidade e características dos bens e dereitos afectados, tomouse razón de todas as manifestacións e documentos presentados polas persoas interesadas e corresponde á fase de levantamento de actas previas, dentro do eventual procedemento expropiador, a determinación efectiva da titularidade dos bens e dereitos afectados e das súas características (localización, extensión, tipo de aproveitamento...), así como das afeccións reais do proxecto sobre eles.

2. En canto ás pretensións formuladas sobre a posibilidade da ampliación da servidume afectada, non se consideran por entender que son demasiado xenéricas, ao non acreditarse que as servidumes impostas á parcela alteran as condicións fundamentais da súa explotación.

3. No que respecta á solicitude de denegación de utilidade pública, o promotor manifestou a súa vontade de alcanzar acordos cos titulares dos bens e dereitos afectados polo proxecto do parque eólico. No caso de que non se chegase a un acordo entre o promotor eólico e os afectados durante o procedemento expropiador, fixaranse as compensacións correspondentes de acordo coa lexislación aplicable.

4. No relativo ás afeccións de carácter ambiental do proxecto, así como os posibles efectos acumulativos ou sinérxicos, cabe indicar que este proxecto foi sometido ao trámite de avaliación de impacto ambiental que corresponde, resultado do cal formulouse pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático o 10.10.2018 a Declaración de Impacto Ambiental, con carácter previo á autorización do parque eólico, onde se recollen as condicións desde un punto de vista ambiental nas que pode desenvolverse o proxecto, así como as medidas correctoras e compensatorias necesarias.

5. No que respecta á oposición á solicitude de aprobación do proxecto sectorial, seguíronse e estanse a seguir os trámites establecidos na Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, así como no Decreto 80/2000, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

6. Con respecto á fragmentación dos expedientes do parque eólico e as súas infraestruturas de evacuación, así como dos parques eólicos sitos na zona, seguíronse e estanse a seguir os diferentes pasos exixidos na normativa sectorial de aplicación. En todo caso, exíxese ao promotor presentar ante esta dirección xeral un estudo ambiental de sinerxias que inclúa ás infraestruturas de evacuación, así como as posibles afeccións a infraestruturas próximas, tal e como se recolle na condición oitava da Resolución do 15 de outubro de 2018 (DOG núm. 75, do 17 de abril).

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico Miñón, segundo o previsto nos artigos 54 e 56 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE núm. 351, do 17 de decembro).

Segundo. Declarar a compatibilidade do parque eólico co dereito mineiro concesión de explotación Baio Fracción primeira núm. 6950.1.

Este acordo publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña, de acordo co establecido no artigo 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2019

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria
P.D. (Orde do 10.6.2016; DOG núm. 131, do 12 de xullo)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía, Emprego e Industria

ANEXO

1. Alegacións presentadas durante o período de información pública indicado no antecedente de feito sexto:

Evaristo Suárez Corzón, o 3.8.2018 e o 17.8.2018; José Mato Domínguez, o 8.8.2018 e o 23.8.2018; Celestino Ferreira Rego, o 21.8.2018; Josefina Torrado Torrado, o 30.8.2018; Estrella Martínez Martínez, o 3.9.2018.