Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Martes, 2 de xullo de 2019 Páx. 31184

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 10 de xuño de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica a Resolución do 7 de xuño de 2019, relativa ao deslindamento entre as comunidades de montes veciñais en man común da Cidá e de Parada de Labiote, no concello do Irixo.

Examinada a solicitude de conciliación formulada polos representantes dos MVMC da Cidá e de Parada de Labiote, no concello do Irixo, resultan os seguintes

Feitos.

Primeiro. Con data do 21 de marzo de 2018, o presidente da xunta reitora da parroquia da Cidá, presentou un escrito dirixido á Consellería de Medio Rural no que achegou documentación relativa a un deslindamento entre a CMVMC da parroquia da Cidá e a CMVMC da parroquia de Parada de Labiote, no concello do Irixo.

Coa citada solicitude achegou unha certificación do acto de conciliación celebrado ante o xulgado de paz do Irixo; unha acta do levantamento topográfico do deslindamento; os certificados dos acordos das comunidades implicadas e unha memoria descritiva do deslindamento.

Segundo. O informe do Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Ourense de data 2 de novembro de 2018 indica que a solicitude foi realizada de acordo co artigo 53 da Lei 7/2012, de 28 de xuño, de montes de Galicia.

O perímetro estremeiro atópase perfectamente definido mediante a acta de deslindamento e a planimetría que constan na documentación, constituíndo unha liña poligonal aberta conformada por vinte vértices dos cales se indican as coordenadas UTM.

Consideracións legais e técnicas.

Primeiro. A presente resolución dítase ao abeiro do artigo 53 do Regulamento para a execución da Lei 13/1989, do 10 de outubro, de montes veciñais en man común, aprobado polo Decreto 260/1992, do 4 de setembro, e de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Segundo. O artigo 53 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia recolle o procedemento que se debe seguir no deslindamento entre montes veciñais en man común e establece que o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común, logo do exame da documentación presentada, ditará resolución que será publicada no Diario Oficial de Galicia e será notificada ás comunidades interesadas.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Clasificación de Montes en Man Común acordou por unanimidade o día 13 de marzo de 2019:

Aprobar o acto de conciliación acadado polas xuntas reitoras dos MVMC da Cidá e de Parada de Labiota, no concello do Irixo, de acordo co informe favorable do Servizo de Montes do día 2 de novembro de 2018.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso- administrativo perante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao desta notificación, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e nos artigos 8 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Ourense, 10 de xuño de 2019

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais
en Man Común de Ourense