Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 124 Martes, 2 de xullo de 2019 Páx. 31042

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

INSTRUCIÓN 2/2019, do 17 de xuño, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre as inspeccións periódicas por un organismo de control das instalacións de protección activa contra incendios en establecementos non industriais.

O Real decreto 513/2017, do 22 de maio, polo que se aproba o Regulamento de instalacións de protección contra incendios, establece no seu artigo 22 que nos casos nos que a inspección das instalacións de protección activa contra incendios non estea regulada por regulamentación específica, os seus titulares deberán solicitar, polo menos cada dez anos, a un organismo de control acreditado, a inspección das súas instalacións de protección activa contra incendios.

Debido ás dúbidas existentes no sector sobre a correcta interpretación desta obriga, dítase a presente instrución:

1. Teñen a obriga de realizar inspección periódica por un organismo de control acreditado, conforme o disposto no artigo 22 do Real decreto 513/2017, do 22 de maio, todas as instalacións de protección activa contra incendios en establecementos non industriais cuxa inspección non estea regulada por regulamentación específica, coas excepcións establecidas no seu número 2. Esta obriga é extensible ademais ás instalacións de protección activa contra incendios en establecementos industriais ás que non lle sexa de aplicación o Real decreto 2267/2004, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de seguridade contra incendios en establecementos industriais, e cuxa inspección non estea regulada por regulamentación específica.

2. O obxecto exclusivo da inspección é a comprobación de que os equipos, sistemas e compoñentes que conforman as instalacións de protección activa contra incendios instalados cumpren o Regulamento de instalacións de protección contra incendios (RIPCI) aplicable en función da data de posta en marcha. A acta de inspección resultante non poderá conter, nin sequera no apartado de observacións, referencias a incumprimentos noutros ámbitos regulamentarios de contra incendios diferentes ao RIPCI, e recollerá de maneira explícita que a inspección se realiza exclusivamente para a comprobación do cumprimento do RIPCI.

3. As instalacións de protección activa contra incendios en establecementos non industriais e as instalacións de protección activa contra incendios en establecementos industriais ás que non lle sexa de aplicación o Real decreto 2267/2004, do 3 de decembro, teñen a obriga de estar rexistradas ante a consellería competente en materia de industria da Xunta de Galicia se a súa data de posta en marcha é posterior a:

– Non industriais: 10.10.1996.

– Industriais: 14.3.1994.

Se non o están, o organismo de control deberá indicalo como defecto leve na acta de inspección dando prazo para a súa emenda.

Para o rexistro extemporáneo das instalacións usarase o procedemento IN620C, marcando a opción «regularización de instalación existente», e presentarase a seguinte documentación:

– Declaración responsable do titular da instalación, onde se indique a data de posta en marcha da instalación e documento que o acredita (licenza de edificación ou de actividade, proxecto, certificado da empresa instaladora, facturas...).

– Certificado da empresa instaladora que executou a instalación, ou certificado dunha empresa instaladora diferente á que executou a instalación no que conste polo menos:

• Esquema, plano ou esbozo da instalación.

• Identificación dos equipos ou sistemas instalados.

• Indicación de que a instalación foi revisada con base na lexislación vixente na data da súa posta en marcha.

– Contrato de mantemento con empresa mantedora habilitada.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas