Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 123 Luns, 1 de xullo de 2019 Páx. 30813

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 17 de xuño de 2019 pola que se clasifica de interese para a defensa do medio natural a Fundación Terra Nosa.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Terra Nosa con domicilio na rúa Velázquez Moreno, 9, 2º, oficina 7, 36201 Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. O 12 de abril de 2019, Montserrat Lorenzo Font, secretaria da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Terra Nosa foi constituída en escritura pública outorgada no Porriño o 29 de marzo de 2019, ante a notaria Margarita Colunga Fidalgo, con número de protocolo 280, por Bárbara González Villar.

3. Segundo consta no artigo 4 dos seus estatutos, a Fundación ten por finalidade e obxecto «a protección do medio natural de Galicia a través da conservación da súa paisaxe, ecosistemas naturais e biodiversidade».

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Bárbara González Villar como presidenta, Carmen Villar Portela como vicepresidenta, e Montserrat Lorenzo Font como secretaria.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese para a defensa do medio natural da Fundación Terra Nosa con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de Secretarios Xerais, procede a súa clasificación como de interese para a defensa do medio natural e a súa adscrición á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 27 de maio de 2019

DISPOÑO:

Clasificar de interese para a defensa do medio natural a Fundación Terra Nosa e adscribila ao protectorado da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pódese interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; poderase interpoñer previamente e con carácter potestativo, recurso de reposición, ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza