Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Venres, 28 de xuño de 2019 Páx. 30718

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 19 de xuño de 2019 pola que se convoca proceso selectivo para o ingreso na escala de xestión, subgrupo A2, por promoción interna.

De conformidade co disposto nas resolucións reitorais do 7 de decembro de 2016 (DOG do 15 de decembro) e do 30 de novembro de 2017 (DOG do 12 de decembro) polas que se publicou a oferta de emprego público do persoal de administración e servizos da Universidade de Vigo para os anos 2016 e 2017, respectivamente, e tendo en conta a resolución do recurso de reposición de data do 19 de xuño de 2019, en uso das competencias atribuídas pola Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e polos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro (DOG do 22 de febreiro), esta reitoría resolve convocar proceso selectivo para o ingreso, polo sistema de promoción interna, na escala de xestión, con suxeición ás seguintes bases:

Bases

1. Normas xerais.

1.1. Convócase proceso selectivo para cubrir dezaseis (16) prazas da escala de xestión da Universidade de Vigo, subgrupo A2, por promoción interna. Delas reservaranse dúas (2) prazas para ser cubertas pola cota de persoas con discapacidade que, de non cubrirse, acumularase ás ofertadas pola quenda de promoción interna.

1.2. O sistema de selección será o de concurso-oposición coas características que se indican no anexo I.

1.3. O programa que rexerá a fase de oposición relaciónase no anexo II.

1.4. A este proceso selectivo seranlle aplicables as seguintes normas e os seus desenvolvementos regulamentarios: a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades; o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (EBEP); a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (LEPG); os estatutos da Universidade de Vigo e o disposto na presente convocatoria.

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para seren admitidas ao proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación, e manter ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario os seguintes requisitos:

a) Estar en posesión, ou en condicións de obter na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, do título universitario de grao, diplomado universitario, enxeñeiro técnico, arquitecto técnico ou equivalente, outorgando esta consideración a ter superados tres cursos completos de licenciatura.

As persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou da credencial que acredite, se é o caso, a homologación do título.

b) Pertencer como persoal funcionario de carreira á escala administrativa da Universidade de Vigo ou a calquera outro corpo ou escala do subgrupo C1 e atoparse na situación de servizo activo na Universidade de Vigo, con destino definitivo, en adscrición provisional ou noutra situación administrativa con dereito a reserva de praza.

c) Ter prestado servizos efectivos como persoal funcionario durante polo menos dous anos no subgrupo ou grupo de clasificación profesional desde o que se pretenda promocionar. Para estes efectos, consideraranse servizos efectivos os prestados na situación de servizos especiais e de excedencia para o coidado de fillos/as e familiares (artigos 167 e 172 da LEPG).

d) Non superar a idade de xubilación forzosa.

e) Posuír capacidade funcional para o desempeño das funcións.

f) Non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de ningunha administración pública ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin atoparse na situación de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de empregos ou cargos públicos por resolución xudicial, cando se trate de acceder ao corpo ou escala de persoal funcionario do cal a persoa foi separada ou inhabilitada, nin pertencer á mesma escala a que se presenta.

2.2. Quen concorra pola cota de prazas reservadas a persoas con discapacidade deberán ter recoñecida tal condición cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

3. Solicitudes.

3.1. Para tomar parte nestas probas selectivas deberase presentar unha solicitude utilizando o modelo oficial dispoñible no seguinte enderezo: https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo>Solicitude de admisión, seguindo as indicacións que figuran nel, cubrindo todos os campos obrigatorios, validándoos e confirmándoos. Na epígrafe de quenda de ingreso polo que se solicita acceder, deberá indicarse promoción interna ou no seu caso cota de discapacidade.

Asignarase a cada instancia un número de referencia de identificación único. Unha vez cuberta a instancia, imprimiranse dous exemplares que deberán ser asinados pola persoa solicitante; segundo o lugar de presentación, un servirá de recibo para a persoa interesada e o outro deberá presentarse perante o reitor da Universidade de Vigo, consonte se regula no punto seguinte.

3.2. O prazo de presentación de solicitudes será de 20 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Universidade de Vigo (edificio Exeria, Campus de Vigo), nos rexistros auxiliares dos Campus de Ourense (unidade administrativa), Campus de Pontevedra (Escola de Enxeñaría Forestal) e Vigo (r/ Torrecedeira, nº 86) ou segundo as restantes formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP). As solicitudes subscritas no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

3.3. Os méritos da fase de concurso valoraranse con referencia á data da publicación da convocatoria no DOG. A Xerencia expedirá, de oficio, unha certificación, da cal remitirá copia á persoa interesada, acreditando os méritos da fase de concurso indicados no anexo I, de acordo cos que nesa data consten no seu poder.

3.4. Co fin de garantir a participación en condicións de igualdade, as persoas aspirantes cun grado de discapacidade igual ou superior ao 33 % indicarán na solicitude as posibles adaptacións de tempo e/ou medios que consideren necesarias para a realización das probas e o seu motivo; para este fin, deberase achegar coa solicitude un certificado que acredite a discapacidade así como o ditame técnico facultativo emitido polo órgano técnico de cualificación do grao de discapacidade; para estes efectos, o ditame médico deberá ser suficientemente explicativo para que o órgano de selección poida valorar a procedencia ou non das adaptacións solicitadas.

3.5. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fixesen constar nas súas solicitudes, podendo unicamente demandar a súa modificación mediante escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 4.2. Transcorrido este prazo non se admitirá ningún pedimento desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada pola universidade.

4. Admisión de persoas aspirantes.

4.1. Rematado o prazo de presentación de solicitudes, a Reitoría da Universidade de Vigo ditará unha resolución, que se publicará nos lugares previstos na base 5.10, en que declare aprobada a listaxe provisional de persoas admitidas e excluídas, e indicando o lugar no cal se atope exposta ao público a listaxe completa de persoas aspirantes admitidas e excluídas, co nome, apelidos e número de DNI, así como as causas que motivaron a exclusión, se é o caso.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren na relación de admitidas disporán dun prazo de dez días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación da dita resolución, para poderen emendar, de ser o caso, o defecto que motivou a exclusión. Quen dentro do prazo sinalado non emende a exclusión ou alegue a omisión, xustificando o dereito a seren incluído/a na relación de persoas admitidas, será definitivamente excluído/a do proceso selectivo.

4.3. A estimación ou desestimación das peticións de emenda ou corrección entenderase implícita na resolución da reitoría que aprobe a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que se publicará nos mesmos lugares que a relación provisional.

4.4. O feito de figurar na relación de persoas admitidas non implicará recoñecer ás persoas aspirantes a posesión dos requisitos exixidos, de xeito que a constatación de que non os posúen, segundo o establecido na base oitava, producirá o seu decaemento de todos os dereitos que se puidesen derivar da súa participación.

5. Tribunal.

5.1. A composición do tribunal cualificador destas probas publicarase xunto coa relación provisional indicada na base 4.1 e terá a categoría segunda das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

O procedemento de actuación do tribunal axustarase ao disposto na LPACAP e na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP).

5.2. As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir, notificándollo ao reitor da universidade, cando concorran nelas as circunstancias previstas no artigo 23 da LRXSP, cando realizasen tarefas de preparación de persoas aspirantes a probas selectivas nos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria, ou de ter colaborado durante ese período con centros de preparación de opositores, de acordo co artigo 59.2 da LEPG.

A presidencia deberá solicitar ás restantes persoas que formen parte do tribunal, ás persoas que actúen como persoal asesor e ao persoal auxiliar que incorpore aos seus traballos, unha declaración expresa de non atoparse en ningunha das circunstancias reflectidas no parágrafo anterior.

As persoas aspirantes poderán recusar os e as integrantes do tribunal cando concorran neles/as algunha das circunstancias sinaladas no parágrafo primeiro, consonte o establecido no artigo 24 da LRXSP.

5.3. A reitoría publicará nos lugares previstos na base 5.10 a resolución pola que se nomeen as novas persoas integrantes do tribunal que substituirán a quen perdese a súa condición por algunhas das causas previstas na base anterior.

5.4. Logo da convocatoria da presidencia, constituirase o tribunal coa asistencia do presidente/a e o secretario/a, ou, se é o caso, de quen os/as substitúan, e a metade polo menos dos/das seus membros.

5.5. Corresponderá ao tribunal a consideración, verificación e apreciación das incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento dos exercicios, e adoptará ao respecto as decisións que xulgue pertinentes.

5.6. O tribunal poderá propor ao reitor a designación de asesores/as especialistas que se limitarán a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas e que deberán posuír titulación de igual ou superior nivel á exixida nesta convocatoria. A súa designación publicarase na páxina electrónica indicada na base 5.10 e seralles de aplicación o previsto en materia de abstención e recusación.

5.7. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con discapacidades gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ca o resto das persoas aspirantes. Para as persoas con discapacidades que soliciten na forma prevista na base 3.4, estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios. A presidencia do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos ante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes e excluirá aquelas que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.8. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal ten coñecemento de que algunha persoa aspirante non cumpre calquera dos requisitos exixidos na presente convocatoria, logo de audiencia da persoa interesada, deberá propor a súa exclusión ao órgano que convoca ou, se é o caso, por no seu coñecemento a posible concorrencia desta circunstancia, para que, logo das comprobacións necesarias, se resolva ao respecto.

5.9. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou o proceso selectivo un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

5.10. Os actos deste proceso que deban publicarse, agás cando a publicación se realice no DOG, terán como data de efectos a da súa publicación no taboleiro de anuncios do rexistro xeral da Universidade de Vigo (edificio Exeria, Campus de Vigo).Todos eles publicaranse con efectos puramente informativos na seguinte páxina electrónica:

https://www.uvigo.gal/universidade/administracion-persoal/pas/traballar-uvigo.

5.11. Para os efectos de comunicacións e consultas o tribunal terá a súa sede no edificio Exeria, podendo dirixilas por correo electrónico: consultapas@uvigo.es, sen que teña a consideración de rexistro telemático, ou por teléfono: 986 81 35 79. A información relativa a este proceso publicarase na páxina indicada no punto anterior.

6. Desenvolvemento dos exercicios.

6.1. A orde de actuación das persoas aspirantes iniciarase alfabeticamente pola primeira da letra «Q», de conformidade coa Resolución da Consellería de Facenda do 24 de xaneiro de 2019 (DOG do 5 de febreiro).

6.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento, en que acreditarán a súa identidade e serán excluídas do proceso selectivo as que non comparezan. Deberán obedecer as instrucións do tribunal e, de ser o caso, do persoal colaborador para o seu correcto desenvolvemento; en caso contrario, poderán impedir ao aspirante a continuación do proceso. Contra este acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.3. A resolución final deste proceso selectivo ditarase antes de que transcorra un ano desde a publicación desta convocatoria no DOG. Para os efectos de cómputo de prazos desta convocatoria, o mes de agosto declárase inhábil.

6.4. As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización do exercicio polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación ou, eventualmente, nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, xuntando á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro dos cinco (5) días hábiles seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso do tribunal ou do órgano que convoca aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente, tomando en conta ademais do alegado os dereitos dos demais aspirantes a unha resolución do proceso axustada a tempos razoables e as necesidades e intereses da universidade. Contra tal acordo non caberá recurso sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

6.5. O lugar, a data e a hora de celebración do primeiro exercicio publicarase nos lugares previstos na base 5.10 cunha antelación mínima dun (1) mes, e non se realizará antes do 1 de outubro de 2019. A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos exercicios será efectuada polo tribunal, no lugar ou lugares onde se realizase o anterior, e ademais nos lugares indicados no parágrafo anterior, cunha antelación mínima de 48 horas á data sinalada para a súa iniciación.

6.6. En caso de que o tribunal acorde criterios de avaliación en desenvolvemento dos establecidos nesta convocatoria, publicaraos nos lugares indicados na base 5.10.

6.7. Logo de cada exercicio, as persoas aspirantes poderán levar os cuestionarios e, nas probas tipo test, o tribunal publicará as respostas correctas no lugar onde se tiveran celebrado así como na páxina electrónica indicada na base 5.10.

7. Listaxe de persoas aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal publicará nos lugares da súa realización e nos previstos na base 5.10, a relación de aspirantes que os superasen, con indicación do nome e da puntuación obtida.

7.2. As persoas aspirantes disporán de tres días (3) hábiles, contados a partir do seguinte á realización do primeiro exercicio, para presentar reclamacións contra as preguntas Así mesmo, disporán de idéntico prazo para reclamar contra as puntuacións dese e dos restantes exercicios, contados a partir do seguinte ao da respectiva publicación.

7.3. Rematada a fase de oposición, e para as persoas que a superen, o tribunal publicará, de forma separada para a quenda xeral e para a cota reservada a persoas con discapacidade, as puntuacións provisionais obtidas na fase de concurso, detalladas para cada unha das epígrafes relacionadas no anexo I, que en ningún caso se poderán sumar para os efectos de superar os exercicios da oposición e contra as que as persoas aspirantes poderán presentar reclamacións no prazo de tres (3) días hábiles, contados desde o día seguinte ao da súa publicación.

7.4. A cualificación final do proceso selectivo en cada cota virá dada pola suma das puntuacións obtidas na fase de oposición e de concurso. En caso de empates, resolveranse de acordo, por orde, cos seguintes criterios:

a) Puntuación obtida no segundo exercicio da fase de oposición.

b) Puntuación obtida no primeiro exercicio da fase de oposición.

c) Puntuación obtida no conxunto da fase de oposición.

d) puntuación obtida no conxunto da fase de concurso.

e) Puntuación obtida en cada unha das epígrafes da fase de concurso na orde en que se relacionan no anexo.

f) En último lugar, o empate dirimirase por sorteo entre as persoas implicadas.

7.5. Resoltas as reclamacións, a presidencia do tribunal publicará, para cada quenda de acceso, a relación definitiva de persoas que superasen o proceso selectivo por orde de puntuación, en que constarán as cualificacións dos exercicios da fase de oposición, da fase de concurso e a suma total e elevaraa á reitoría. A seguir, esta ditará unha resolución que poñerá fin ao proceso selectivo.

No caso de que algunha persoa aspirante pola cota reservada a personas con discapacidade supere a fase de oposición e non obteña praza, se a súa puntuación final é superior á obtida por outros aspirantes da quenda xeral, será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral. A continuación, esta ditará unha resolución que poñerá fin ao proceso selectivo.

8. Presentación de documentación e nomeamento de persoal funcionario de carreira.

8.1. No prazo de vinte (20) días hábiles a partir do seguinte ao de publicación da resolución final do proceso selectivo, deberán presentarse nos lugares previstos na base 3.2 os seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada do título exixido na base 2.a) ou certificación académica acreditativa de ter aprobadas todas as materias que capacitan para a obtención do título, acompañando o resgardo xustificativo de ter aboado os dereitos para a expedición do título; no caso de titulación obtida no estranxeiro, presentarase credencial da súa homologación ou equivalencia.

b) Declaración de non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración publica, nin estar inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas segundo o modelo que figura como anexo III, agás quen tivese a condición de funcionario/a de carreira en servizo activo.

c) Quen concorrese pola cota de prazas reservadas a persoas con discapacidade deberán acreditar un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %.

8.2. Se dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non se presente a documentación ou do seu exame se deduza que carecen dalgún dos requisitos, non poderá ser nomeado persoal funcionario de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorra por falsidade na solicitude inicial.

8.3. Unha vez comprobado o cumprimento dos requisitos procederase ao nomeamento como persoal funcionario de carreira da escala de xestión, mediante resolución reitoral que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

8.4. A toma de posesión como funcionario/a de carreira efectuarase no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á data de publicación do nomeamento no Diario Oficial de Galicia.

8.5. Dadas as peculiaridades deste proceso de promoción interna, ás persoas aspirantes que superen o concurso-oposición adxudicaráselles con carácter definitivo o mesmo posto do que son titulares.

9. Norma derradeira.

9.1. De acordo co disposto no artigo 13 do Regulamento UE 2016/679, do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e co disposto no artigo 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, os datos facilitados na solicitude serán tratados baixo a responsabilidade da Universidade de Vigo, coa finalidade de xestionar a tramitación deste procedemento selectivo e amparados pola Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e os estatutos da Universidade de Vigo.

Coa súa participación nesta convocatoria as persoas interesadas autorizan a Universidade de Vigo para a publicación dos seus datos, de acordo cos principios de publicidade e transparencia, cando así derive da natureza desta convocatoria. Non obstante e co fin de previr riscos da publicidade de datos persoais de vítimas de violencia de xénero, a persoa afectada comunicará esta circunstancia coa maior celeridade posible á Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo (986 81 34 19 e igualdade@uvigo.es).

Estes datos trataranse durante o tempo imprescindible para cumprir coa citada finalidade e conservaranse durante o prazo necesario para determinar as posibles responsabilidades que puidesen derivar a dita finalidade e do tratamento dos datos.

As persoas participantes están obrigadas a facilitar estes datos en virtude do especificado nos parágrafos anteriores e, en caso de non facelo, serán excluídas do proceso selectivo.

As persoas participantes teñen dereito a solicitar ao responsable do tratamento, en calquera momento, o acceso, rectificación ou supresión dos seus datos persoais e a limitación do seu tratamento, así como a oporse ao devandito tratamento e a solicitar, agás casos de interese público e/ou exercicio de poderes públicos, a portabilidade dos seus datos.

Estes dereitos poderán exercerse mediante solicitude dirixida ao reitor da Universidade de Vigo no rexistro da Universidade de Vigo, ou en calquera dos rexistros indicados no artigo 16 da LPCAP. Máis información: https://www.uvigo.gal/proteccion-datos.

Igualmente, pode dirixir dita solicitude ao Delegado de protección de datos do responsable (Pintos & Salgado Abogados, S.C.P., avda. de Arteixo, 10, 1º esq., 15004 A Coruña (España), 981 22 70 76, dpd@uvigo.gal.

Tamén pode presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos (AEPD).

9.2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer un recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpoñer contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, perante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer un recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 19 de xuño de 2019

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I

Proceso selectivo

O sistema selectivo será o de concurso-oposición e constará das fases, probas e cualificacións que a continuación se indican:

I. Fase de oposición.

Teranse en conta as normas de dereito positivo relacionadas co contido do programa (anexo II) que, con data límite no primeiro día do mes anterior a aquel en que teña lugar o primeiro exercicio, estean publicados no boletín ou diario oficial correspondente, aínda que a súa entrada en vigor estea diferida a un momento posterior.

As normas expresas relacionadas no anexo II que fosen derrogadas parcial ou totalmente serán automaticamente substituídas por aquelas que procedan no momento da súa derrogación, con data límite no primeiro día do mes anterior a aquel en que teña lugar o primeiro exercicio.

Non se permitirá o uso de ningún tipo de material nin recursos en ningún formato.

A fase de oposición estará formada polos seguintes exercicios de carácter obrigatorio e eliminatorio:

Primeiro. Consistirá en contestar por escrito un cuestionario de 100 preguntas tipo test, propostas polo tribunal, máis 10 preguntas de reserva, correspondentes ás materias do programa. Cada pregunta conterá 4 respostas alternativas, das que só unha delas será a correcta. Cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta.

O exercicio terá unha duración máxima de 110 minutos e cualificarase de 0 a 30 puntos, e para superalo será necesario obter un mínimo de 15 puntos.

Segundo. Consistirá en resolver por escrito 2 supostos prácticos, referidos ao programa, elixidos por sorteo ao comezo do exercicio, entre 3 propostos polo tribunal.

O tempo para a realización deste exercicio será de 120 minutos. Cualificarase cun máximo de 30 puntos, sendo necesario obter 15 puntos para superalo e non ser cualificado con menos de 4 puntos en ningún dos supostos.

II. Fase de concurso.

Consistirá na valoración, ás persoas aspirantes que superen a fase de oposición, dos méritos que se indican a continuación, que deben estar referidos á data da publicación desta convocatoria no DOG. O cómputo dos meses nas epígrafes indicadas realizarase por días naturais (30 días) e, para estes efectos, calcularase o número total de días correspondentes aos períodos computables, dividirase o resultado entre trinta (30) e multiplicarse o cociente, desprezando os decimais, pola puntuación que se sinala en cada apartado.

a) Antigüidade na administración pública ata un máximo de 12 puntos, a razón de 0,04 por mes completo de servizos. Computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.

b) Grao persoal consolidado e formalizado: segundo o grao persoal que se teña consolidado e formalizado pola autoridade competente, outorgarase a seguinte puntuación:

Grao

Puntos

25

3,50

24

3

23

2,50

22

2

21

1,50

20

1

19 ou inferior

0,50

c) Nivel de complemento de destino: correspondente ao posto de traballo que se ocupa con carácter definitivo como persoal funcionario da escala administrativa ou do subgrupo C1, outorgarase a seguinte puntuación:

Nivel

Puntos

25

5,50

24

4

23

3,50

22

2,50

21

1,50

20 ou inferior

1

O traballo desenvolvido en comisión de servizos puntuarase como realizado no posto de orixe do persoal funcionario, e ao persoal funcionario en adscrición provisional ou á disposición valoraráselle o nivel correspondente ao grao que teñan consolidado

d) Exercicio de dereitos de conciliación nos cinco anos anteriores á data de publicación no DOG desta convocatoria, ata un máximo de 1 punto:

– Permiso por parto, adopción ou acollemento (artigos 121 e 122 LEPG): 0,2 puntos/permiso.

– Permiso do outro proxenitor por nacemento, acollemento ou adopción dun fillo (artigo 124 LEPG): 0,2 puntos/permiso.

– Redución de xornada do artigo 106.2.a) e b) da LEPG: 0,04 puntos/mes.

– Excedencia por coidado de familiares: 0,04 puntos/mes.

ANEXO II

Programa

1. Tratado de funcionamento da Unión Europea: título II da primeira parte; capítulo I do título IV e capítulo I do título V da terceira parte; capítulo 2 do título I da sexta parte.

2. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. título preliminar e títulos I, II, III, IV e V.

3. Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público: título preliminar (agás subsección 2ª da sección 3ª do capítulo II), título III.

4. Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa: título I, II, III; capítulos I, II e IV do título IV; capítulos I, II e III do título V, título VI.

5. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais: títulos I; II, III, V, VI, VII, VIII, IX e X.

6. Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno: título preliminar; títulos I; II e III.

7. Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia: título preliminar, títulos III e IV; capítulo I e II do título V e título VI.

8. Real decreto 1514/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o Plan xeral de contabilidade. Primeira parte: marco conceptual da contabilidade; terceira parte: contas anuais. Resolución do 28 de xullo de 2011, da Intervención Xeral da Administración do Estado, pola que se regulan os criterios para a elaboración da información sobre os custos de actividades e indicadores de xestión para incluír na memoria das contas anuais do Plan xeral de contabilidade pública: capítulos I, II e III.

9. Lei orgánica 2/1982, do 13 de maio, do Tribunal de Contas. títulos I, II e III. Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas de Galicia: títulos I, II e III.

10. Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público: título preliminar; títulos I, II; III e IV do libro primeiro. título I e II do libro segundo.

11. O orzamento da Universidade de Vigo: sección I.1 e 1.2; normas de desenvolvemento do orzamento.

12. Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia: título preliminar e títulos I; II; III; e IV.

13. Plan galego de financiamento universitario 2016-2020.

14. Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas. Título preliminar e títulos I, II e III.

15. Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do estatuto básico do empregado público. Títulos I ao VII.

16. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia: títulos I ao IX.

17. Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas. Real decreto 598/1985, do 30 de abril, sobre incompatibilidades do persoal ao servizo da Administración do Estado, da Seguridade Social e dos entes, organismos e empresas dependentes.

18. Real decreto 898/1985, do 30 de abril, sobre réxime de profesorado universitario. títulos I e II.

19. II Convenio colectivo para o persoal laboral de administración e servizos da Universidade de Vigo.

20. II Convenio colectivo para o persoal docente e investigador laboral das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo: títulos II ao XI.

21. Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, de aprobación do texto refundido da Lei xeral de seguridade social: capítulos I, II, III, IV e VIII do título I; capítulos I ao XVII do título II.

22. Real decreto lexislativo 4/2000, do 23 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre Seguridade Social dos funcionarios civís do Estado: capítulos I ao V.

23. Real decreto 375/2003, do 28 de marzo, polo que se aproba o Regulamento Xeral do Mutualismo Administrativo: capítulos I ao VII.

24. Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores: título I (agás capítulos IV e V), títulos II e III.

25. Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade: título preliminar; capítulos I e II do título I, título II e capítulos I e II do título IV.

26. Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais: capítulos I a V.

27. Lei 6/2001, do 21 de decembro, orgánica de universidades.

28. Lei 6/2013, do 13 de xuño, do sistema universitario de Galicia.

29. Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos da Universidade de Vigo.

30. Real decreto 1791/2010, do 30 de decembro, do estatuto do estudante universitario. capítulos I a VI, capítulos VIII a XI e capítulo XV.

31. Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais.

32. Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento.

33. Real decreto 1002/2010, do 5 de agosto, sobre expedición de títulos universitarios oficiais.

34. Real decreto 22/2015, do 23 de xaneiro, polo que se establecen os requisitos de expedición do suplemento europeo aos títulos. Orde EDC/760/2013, do 26 de abril, que establece os requisitos de expedición do título do programa Erasmus Mundus.

35. Real decreto 1312/2007, do 5 de outubro, polo que se establece a acreditación nacional para o acceso os corpos docentes universitarios.

36. Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, da tecnoloxía e a innovación: título preliminar, títulos I, II e III.

ANEXO III

Declaración xurada/promesa

Don/a .................................................................................................................................., con DNI/NIE/pasaporte .................................................................................................... e nacionalidade ........................................................................................................................

DECLARA BAIXO XURAMENTO OU PROMETE para os efectos de ser nomeado/a funcionario/a pola Universidade de Vigo:

□ (Cidadáns/ás españois/las). Non ter sido separado/a mediante expediente disciplinario de ningunha Administración pública, nin estar inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas.

□ (Cidadáns/ás estranxeiros/as). Non estaren sometidos/as a sanción disciplinaria ou condena penal que impida no seu Estado o acceso á función pública.

……………………………………..............., .... de …………………………… de 201....

(localidade)

(día)

(mes)

(ano)