Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Venres, 28 de xuño de 2019 Páx. 30607

I. Disposicións xerais

Consellería de Sanidade

DECRETO 70/2019, do 27 de xuño, polo que se integra no Servizo Galego de Saúde a Unidade de Diagnóstico por Imaxe, na parte correspondente á unidade económica asociada á actividade de resonancia fixa dependente de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A.

Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. é unha sociedade mercantil pública, de capital integramente subscrito pola Comunidade Autónoma de Galicia, adscrita ao Servizo Galego de Saúde, que foi constituída mediante o Decreto 229/1994, do 14 de xullo, baixo a denominación social de Instituto Galego de Medicina Técnica, S.A. (Medtec).

Por acordo do Consello de Administración do Medtec do 30 de xullo de 2008, recollido no Decreto 209/2008, do 28 de agosto, aprobouse o cambio de denominación social e pasou a denominarse Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., con recoñecemento expreso da súa condición como medio propio instrumental e servizo técnico da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia e dos seus organismos e entidades de natureza pública. Neste senso, Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. ten por obxecto o desenvolvemento, execución e explotación de infraestruturas sanitarias, a prestación de servizos de consultoría no campo sanitario, así como a prestación de servizos relacionados co ámbito sanitario.

En abril de 2002 constituíuse a Área de Servizo Compartido de Diagnóstico por Imaxe do Complexo Hospitalario Xeral Cíes, de acordo co previsto no Decreto 37/2001, do 1 de febreiro, de configuración de áreas de servizo compartido en estruturas hospitalarias do Servizo Galego de Saúde. Desde ese momento, as persoas profesionais da estrutura organizativa da Xestión Integrada de Vigo veñen emitindo informe de probas de resonancia.

En maio do 2016, con motivo da apertura do Hospital Álvaro Cunqueiro, aprobouse un plan de integración funcional da Unidade de Resonancia Magnética na estrutura organizativa da Xestión Integrada de Vigo.

A partir de febreiro do 2018 este cambio organizativo fíxose efectivo e pasou a organizarse o funcionamento da Unidade de Resonancia de Vigo a través dunha distribución en órganos e sistemas. Basicamente esta organización, que se levou a cabo dunha forma progresiva, supuxo a posta en marcha das áreas de mama, anestesia, abdome, neuroradioloxía, de tórax-cardiovascular, pediatría, columna e músculo esquelético. A partir dese momento, do mesmo xeito, a organización e as liñas de responsabilidade dentro do servizo, a coordinación das necesidades asistenciais, a xestión dos programas de xestión de calidade e, sobre todo, a xestión da demanda dos servizos clínicos, pasou a corresponderlle directamente á xefatura de servizo da estrutura organizativa da xestión integrada. Finalmente, dentro deste proceso de integración funcional, en xuño do 2018, aprobouse desde a Xerencia do Servizo Galego de Saúde o Plan operativo de integración funcional da Unidade de Resonancia Magnética, no marco da Área de Servizo Compartido de Diagnóstico por Imaxe da estrutura organizativa da Xestión Integrada de Vigo.

Xa transcorreu máis dun ano desde que se iniciou este último cambio no proceso de integración coa organización da unidade segundo un modelo de órganos e sistemas. Así, en liña co anterior, formúlase a integración definitiva no Servizo Galego de Saúde da Unidade de Diagnóstico por Imaxe, na parte correspondente á unidade económica asociada á actividade asistencial de resonancia fixa, dentro da estrutura organizativa da Xestión Integrada de Vigo.

A disposición adicional terceira da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, establece o procedemento de reordenación de entidades instrumentais no ámbito sanitario aplicado á empresa pública de servizos sanitarios Galaria. Dispón que o patrimonio de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., adscrito ás unidades asistenciais e administrativas que regulamentariamente se integren no Servizo Galego de Saúde e que resulte do proceso de liquidación conforme o disposto na lexislación mercantil, se incorporará ao patrimonio do citado organismo autónomo. O Servizo Galego de Saúde subrógase en todos os dereitos e obrigas que teñen a súa orixe nesta unidade a partir da súa integración efectiva.

Engade a dita disposición adicional que o Servizo Galego de Saúde se subroga na totalidade das relacións laborais do persoal de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. que presta servizos nas unidades asistenciais e administrativas que regulamentariamente se integren, que manterá a natureza e o réxime xurídico do vínculo de orixe.

Desde un punto vista mercantil, para levar a cabo a reordenación da unidade descrita e posibilitar a súa integración no Servizo Galego de Saúde, Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. acometeu unha operación mercantil de redución de capital con devolución de achegas ao seu accionista único, como vehículo de transmisión dos elementos adscritos á unidade titularidade da sociedade mercantil pública autonómica. Esta forma de transmisión é a prevista no artigo 53 da Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, aplicable a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., que dispón que a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as entidades públicas instrumentais poden adquirir bens e dereitos por redución de capital de sociedades ou de fondos propios de entidades públicas instrumentais.

A redución de capital con devolución de achegas é unha operación mercantil que non supón desembolso ningún por parte do accionista único de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A., pero que obriga á modificación do artigo 5º dos seus estatutos sociais na contía que representan os elementos de inmobilizado da súa titularidade afectos ás resonancias fixas da Unidade de Diagnóstico por Imaxe.

A modificación estatutaria derivada da operación mercantil de redución de capital foi autorizada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 29 de maio de 2019, de acordo co disposto no artigo 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Mediante este decreto procedese á integración efectiva no Servizo Galego de Saúde, dentro da estrutura organizativa da Xestión Integrada de Vigo, da Unidade de Diagnóstico por Imaxe, na parte correspondente á unidade económica asociada á actividade asistencial de resonancia fixa dependente de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. O Servizo Galego de Saúde queda subrogado en todos os dereitos e obrigas que teñen a súa orixe nesta unidade e na totalidade das relacións laborais do persoal de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. que presta servizos naquela, dando cumprimento á previsión que establece a disposición adicional terceira da Lei 12/2014, do 22 de decembro.

Este decreto foi tratado cos órganos de representación do persoal afectado e negociado na Mesa Sectorial de Negociación do Persoal das Institucións Sanitarias do Servizo Galego de Saúde.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de xuño de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Este decreto ten por obxecto a integración no Servizo Galego de Saúde de todas as funcións, servizos e medios materiais e persoais afectos á unidade de diagnóstico por imaxe, na parte correspondente á unidade económica asociada á actividade asistencial de resonancia fixa, titularidade de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A.

2. En virtude da referida integración, o Servizo Galego de Saúde queda subrogado en todos os dereitos e obrigas que teñen a súa orixe nesa unidade, e na totalidade das relacións laborais do persoal de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. que presta servizos nela, de conformidade co que establece a disposición adicional terceira da Lei 12/2014, do 22 de decembro.

3. Os contratos de servizos afectos á Unidade de Diagnóstico por Imaxe, na parte correspondente á unidade económica asociada á actividade asistencial de resonancia fixa que son obxecto de integración son os que se detallan no anexo I.

Artigo 2. Traspaso de bens

1. Os bens de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. adscritos á unidade recollida no artigo anterior incorpóranse ao patrimonio do Servizo Galego de Saúde con efectos xurídicos desde a data de entrada en vigor do presente decreto.

2. No prazo máximo de quince días desde a publicación deste decreto asinaranse as correspondentes actas de entrega e recepción de mobiliario, equipamento e material inventariado correspondente á devandita unidade.

Artigo 3. Medios persoais

1. Intégrase no Servizo Galego de Saúde o persoal de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. que presta servizos na unidade citada no artigo 1. O Servizo Galego de Saúde quedará subrogado na totalidade das relacións laborais desde a data da entrada en vigor deste decreto, manténdose a natureza e o réxime xurídico do vínculo de orixe, estatutario ou laboral, así como o réxime económico.

2. O dito persoal, que figura relacionado nominalmente no anexo II, quedará adscrito á Xerencia da correspondente estrutura organizativa de xestión integrada.

3. O Servizo Galego de Saúde notificará a integración no organismo ao persoal afectado e trasladará á correspondente estrutura organizativa de xestión integrada os expedientes persoais do dito persoal.

Artigo 4. Asunción de obrigas

1. O Servizo Galego de Saúde subrógase en todos os dereitos e obrigas que teñen a súa orixe nesta unidade de Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A. a partir da entrada en vigor deste decreto.

2. Os bens, dereitos e obrigas pertencerán ao Servizo Galego de Saúde nas mesmas condicións que lle pertencían anteriormente a Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A.

Disposición transitoria única. Tratado de período anterior á integración da Unidade de Resonancia Fixa

A percepción de ingresos e o pagamento dos gastos correspondentes aos dereitos devindicados ou ás obrigas contraídas con anterioridade á data de entrada en vigor deste decreto e imputables á unidade obxecto da integración, serán asumidas directamente por Galaria, Empresa Pública de Servizos Sanitarios, S.A.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da consellería con competencia en materia de sanidade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do que dispón este decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día 1 de xullo de 2019.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xuño de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO I

Relación de contratos de servizos

Obxecto do contrato

Provedor

Categoría

Resonancia Signa Horizon LX 1,5

General Electric

Contrato de mantemento alta tecnoloxía

Resonancia Intera A Chieva Nova 1,5

Philips Ibérica

Contrato de mantemento alta tecnoloxía

ANEXO II

Relación do persoal que se integra no Servizo Galego de Saúde

DNI

Apelidos e nome

Réxime xurídico

Tipo de nomeamento

Categoría

***1992**

Cea Pereira, Sonia

Estatutario

Propietaria

Adx. especialista área con CE

***1065**

Benavides Rodríguez, Mercedes

Estatutario

Propietaria

Celador/a at. directa enfermo/a

***8388**

Otero Montero, María Teresa

Estatutario

Interina en praza vacante

Celador/a at. directa enfermo/a

***2902**

Mayo Oblanca, Ana

Estatutario

Interina en praza vacante

Enfermeiro/a servizos centrais

***0298**

Vila Fernández, Ivonne

Estatutario

Propietaria

Enfermeiro/a servizos centrais

***8990**

Fernández Fariña, Patricia

Estatutario

Propietaria

Gr. aux. f. admva. equipo mec.

***8526**

Pinto Lois, María del Carmen

Estatutario

Propietaria

Gr. aux. f. admva. equipo mec.

***6449**

Varela Diéguez, Amalia

Estatutario

Propietaria

Gr. aux. f. admva. equipo mec.

***9530**

Barros Peña, Manuela

Estatutario

Propietaria

Técnico/a especialista

***7874**

Cid Abalde, Mercedes

Estatutario

Propietaria

Técnico/a especialista

***3335**

García Cribeiro, Margarita

Estatutario

Propietaria

Técnico/a especialista

***9005**

Gómez Trigo, Álvaro

Estatutario

Propietario

Técnico/a especialista

***6384**

Simón Fernández, María das Dores

Estatutario

Propietaria

Técnico/a especialista