Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Venres, 28 de xuño de 2019 Páx. 30603

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

DECRETO 69/2019, do 27 de xuño, polo que se modifica o Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

No Diario Oficial de Galicia núm. 64, do 31 de marzo de 2017, publicouse o Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda (corrección de erros no Diario Oficial de Galicia núm. 73, do 17 de abril), e no Diario Oficial de Galicia núm. 36, do 20 de febreiro de 2019, publicouse o Decreto 11/2019, do 7 de febreiro, polo que se modifica o citado Decreto 30/2017.

No dito Decreto 30/2017 (artigo 2.3.i) figura adscrito á Consellería de Facenda o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia (en adiante, TACGal), creado pola Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, que modifica a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

O TACGal está configurado legalmente como un órgano administrativo colexiado e especializado, adscrito á consellería competente en materia de facenda, que actúa con independencia funcional no exercicio das súas competencias para garantir a súa plena obxectividade, para o cal o seus membros están dotados, nesa lei, dunha configuración normativa que garante a súa independencia e inamobilidade durante o seu mandato.

Entre as súas funcións está o coñecemento e a resolución do recurso especial en materia de contratación, regulado nos artigos 44 e seguintes na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público. Tamén, se for o caso, dos procedementos previstos na Lei 31/2007, do 30 de outubro, sobre procedementos de contratación nos sectores da auga, a enerxía, os transportes e os servizos postais.

O ámbito de competencia do TACGal abrangue non só toda a Administración autonómica galega, incluído o seu sector público, senón tamén todas as entidades locais de Galicia, todas as universidades galegas, así como ao sector público de ambas e até institucións como o Consello de Contas.

Tendo en conta o volume de traballo do dito tribunal, considérase necesaria a creación dunha praza con nivel orgánico de servizo.

Para iso, cómpre modificar o devandito Decreto 30/2017, coa creación dentro do título II («Servizos centrais») dun novo capítulo (o V) coa denominación «O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia», o que implica a renumeración do artigo incluído no título III.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Facenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de xuño de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda

O Decreto 30/2017, do 30 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, queda modificado como segue:

Un. Créase, dentro do título II («Servizos centrais») un novo Capítulo V, coa seguinte redacción:

«CAPÍTULO V

O Tribunal Administrativo de Contratación Pública
da Comunidade Autónoma de Galicia

Artigo 23. O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia

1. O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia, órgano administrativo colexiado e especializado, adscrito á consellería competente en materia de facenda, que actúa con independencia funcional no exercicio das súas competencias, réxese pola Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

En concreto, a súa natureza, competencias, composición, duración do mandato, garantías e incompatibilidades dos seus membros e réxime de funcionamento regúlanse no capítulo II do título II da citada Lei 14/2013.

2. O Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia está composto por un/unha presidente/a e o número de vogais que se determine por acordo do Consello da Xunta de Galicia, cun mínimo de dous, de conformidade co disposto no artigo 35 ter da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

3. Ademais, para o exercicio das súas funcións, a Presidencia do Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma de Galicia contará co seguinte órgano, con nivel orgánico de servizo:

3.1. Servizo Técnico de Apoio.

A este servizo correspóndelle a realización das seguintes funcións:

– Estudo e análise da xurisprudencia e doutrina de temáticas relacionadas coas competencias do Tribunal que lle encomende o/a presidente/a.

– Estudo e análise da xurisprudencia e doutrina referente que susciten os concretos recursos especiais presentados que lle encomende o/a presidente/a.

– Apoio ao/á presidente/a na confección da memoria anual e estatísticas, así como na confección doutra información de interese.

– Apoio ao/á presidente/a na levanza da web do tribunal e da publicidade das súas resolucións.

– Asistencia ao/á presidente/a na preparación das reunións de coordinación derivadas da disposición adicional vixésimo terceira da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

– Apoio na preparación dos antecedentes das resolucións que lle encomende o/a presidente/a.

– Asistencia na correcta tramitación dos diferentes recursos especiais.

– En xeral, asistencia ao/á presidente/a nas tarefas que lle encomende».

Dous. O actual artigo 23 («As intervencións territoriais. Funcións e estrutura»), dentro do título III («Órganos territoriais»), pasa a ser o artigo 24.

Disposición derradeira primeira. Modificación da relación de postos de traballo

A Consellería de Facenda propoñerá ao Consello da Xunta de Galicia as modificacións que procedan na relación de postos de traballo derivadas da modificación da estrutura orgánica que se establece neste decreto.

Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa

Mentres non se aprobe a relación de postos de traballo, facúltase a persoa titular da Consellería de Facenda para ditar os actos e adoptar as medidas que sexan necesarias para a adaptación ou, se for o caso, asignación do persoal á estrutura establecida neste decreto ou derivada dela, así como as que procedan para o seu desenvolvemento e execución.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xuño de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda