Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Martes, 25 de xuño de 2019 Páx. 30051

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

ORDE do 5 de xuño de 2019 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal da Baña, na rúa Camiño de Monelos.

O Concello da Baña remitiu a modificación puntual referida, en solicitude da súa aprobación definitiva, segundo o previsto no artigo 60.16 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG), e no artigo 144.16 do seu regulamento (RLSG) aprobado polo Decreto 143/2016.

Analizada a documentación remitida polo Concello, elaborada en outubro de 2018 por Estudio Técnico Gallego, asinada polo arquitecto Isidro López Yañez; e vista a proposta literal que eleva a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O planeamento vixente no concello da Baña é o Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente o 26.6.2003 (BOP do 17.7.2003; DOG do 16.7.2003; e corrección de erros do BOP do 2.8.2003).

2. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (SXOTU) emitiu o 2.12.2016 informe no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG.

3. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático (DXCACC) formulou o informe ambiental estratéxico sobre a modificación en data 18.1.2017, resolvendo non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Consta:

a) A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural emitiu informe con observacións sobre os bens xa catalogados polo PXOM no ámbito da MP e da necesidade de non deixar fóra de ordenación coas novas aliñacións elementos que cómpre protexer.

b) O Instituto de Estudos do Territorio emitiu informe que considera que a modificación non implica cambios significativos na paisaxe respecto da ordenación vixente.

c) A Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica respondeu que a modificación proposta non afecta as instalacións existentes da súa competencia.

4. Constan informes do técnico municipal e do secretario xeral do Pleno do 15.5.2017, favorables á aprobación inicial da modificación (artigo 60.6 da LSG).

5. A modificación foi aprobada inicialmente polo Concello Pleno do 24.5.2017. Foi sometida a información pública por dous meses (El Correo Gallego do 15.2.2018 e DOG do 5.3.2018). Foron presentadas por Ramón Varela González e María del Carmen Mallón Fins dúas alegacións, que foron estimadas nos termos e nas condicións que se sinalan no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 18.5.2018.

6. No trámite de solicitude dos informes sectoriais autonómicos e a audiencia aos concellos limítrofes (artigo 60.7 da LSG) consta:

– Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil: informe do 10.4.2018, en senso positivo, sen que sexa necesario informe da Comisión Galega de Protección Civil.

– Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 18.5.2018, favorable condicionado.

– Instituto de Estudos do Territorio (IET): informe do 14.6.2018, sen obxeccións.

Non consta o informe solicitado a Augas de Galicia, rematando o prazo previsto no artigo 60.7 LSG o 6.7.2018, polo que se entende emitido en senso favorable (artigo 60.7 da LSG).

Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Ames, Negreira, Santa Comba e Val do Dubra, que contaban cun prazo para responder que finalizaba o 6.7.2018.

7. Consta informe do técnico municipal do 11.10.2018 e informe xurídico do 18.10.2018 respecto do documento de aprobación provisional, ambos con carácter favorable.

8. O 31.10.2018 a modificación foi aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello.

9. O Concello, mediante escritos de datas 7.12.2018, 10.12.2018 e 17.12.2018, remitiu para os efectos do artigo 60.13 da LSG, oficio e certificado do acordo plenario de aprobación provisional da modificación, xunto co expediente administrativo e documento do plan. Observadas eivas, o 8.2.2019 requírese o Concello, ao abeiro do artigo 60.14 da LSG. O 13.5.2019 recíbese escrito do Concello de subsanación do erro material.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

O ámbito da modificación puntual limítase ao solo contiguo á rúa Camiño de Monelos, clasificado como urbano no PXOM vixente.

O obxectivo da modificación é a adaptación do límite do solo urbano e das aliñacións na rúa Camiño de Santiago, para dar cumprimento á Sentenza 838/2007 da Sección Segunda da Sala do Contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).

A modificación da delimitación de solo urbano faise de acordo co fundamento terceiro da sentenza, contrario á ampliación da delimitación do solo urbano na marxe sur da rúa Camiño de Monelos. Daquela, a delimitación do solo urbano axústase á das Normas subsidiarias de planeamento municipal do ano 1988 (NNSS). O solo afectado por esta redución clasifícase como rústico apto para urbanizar, como o ámbito lindeiro, integrado no polígono SRAU-5, para uso residencial de vivenda unifamiliar.

O novo trazado de aliñacións, en cumprimento do fundamento cuarto da sentenza, fíxase tendo en conta o trazado da vía recollido nas NNSS, a localización das edificacións existentes, as cuestións técnicas de accesibilidade e seguridade, e a preservación do principio de equilibrio, cunha vía centrada respecto do eixo da vía recollido nas NNSS, e de 8 metros de largo (1 metro inferior ao PXOM; 2 metros superior ás NNSS).

Froito da modificación puntual da ordenación, prodúcese unha redución do solo clasificado como urbano, o que supón, en aplicación da ordenanza fixada, unha diminución da edificabilidade de 1.844 m2. A redución no largo da vía supón un incremento da edificabilidade de 95,4 m2. Así a modificación en conxunto supón unha diminución de edificabilidade no PXOM de 1.748,60 m2.

III. Análise e consideracións.

a) Enténdese xustificado o interese público para a formulación da modificación puntual na obriga, por parte do Concello da Baña, de dar cumprimento á sentenza, adaptando e actualizando o PXOM aos parámetros establecidos no fallo xudicial, e atendendo á lexislación urbanística autonómica vixente.

b) Enténdense cumpridas as exixencias da sentenza e, en relación coas observacións formuladas no informe da SXOTU do 2.12.2016 e as modificacións introducidas no documento, obsérvase que este incorpora os cambios para dar cumprimento ao indicado nel.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral corresponde á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, de conformidade co disposto nos artigos 60, 61.1, 83.5 da LSG e no artigo 146.1 e 200.5 do RLSG en relación co Decreto 42/2019, do 28 de marzo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.

IV. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual do PXOM da Baña (A Coruña) na rúa Camiño de Monelos.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación puntual aprobada definitivamente, unha vez inscrita a devandita modificación puntual no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese esta orde ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 5 de xuño de 2019

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda