Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Martes, 25 de xuño de 2019 Páx. 30169

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

ORDE do 6 de xuño de 2019 pola que se acorda a adxudicación do procedemento de alleamento, mediante poxa pública, dun ben inmoble situado no concello de Mugardos.

Mediante Orde do 21 de decembro de 2017 da Consellería de Facenda, foi autorizado o alleamento mediante poxa dun ben inmoble situado no concello de Mugardos.

Logo de publicarse no Diario Oficial de Galicia núm. 59, do 26 de marzo de 2019, e nun xornal de ampla difusión (Diario de Ferrol do mesmo día), o Anuncio do 6 de marzo de 2019 da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, de alleamento do citado inmoble, celebrouse o 20 de maio de 2019 a poxa pública anunciada, co que á vista da acta da mesa de contratación, de conformidade co disposto no artigo 70 do Decreto 50/1989, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e tras a proposta da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio,

DISPOÑO:

Primeiro

Aprobar a seguinte adxudicación:

A Mª Mercedes Blanco Pena e Nicolás Alonso Piñeiro, en cuarta poxa, polo prezo de 44.500 €, o soar no sitio de Silveiro, parroquia de Franza, concello de Mugardos, dunha superficie aproximada de 1.370 m2, aínda que segundo recente medición ten 1.082 m2. Sobre esta parcela construíuse un edificio de planta baixa de 150 m2 aproximadamente, dedicado a almacén e oficinas. Linda o conxunto: norte, camiño dos Olmos; sur, estrada de Mugardos a Cabanas; leste, Antonio Vara Carpente; oeste Ricardo Vizoso Cancela. Inscrito no Rexistro da Propiedade de Pontedeume ao tomo 667, folio 224, libro 72, predio 5.387. Referencia catastral 2608701NJ6120N0001PG.

Segundo

Os pagamentos do prezo de adxudicación efectuaranse segundo o estipulado no artigo 70.3 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o Regulamento para a execución da Lei de patrimonio.

Terceiro

A venda formalizarase como corpo certo en escritura pública e serán por conta dos adquirentes, os custos do seu outorgamento. Os tributos derivados da transmisión serán exixidos conforme o disposto na lexislación tributaria. Así mesmo, quedan a cargo dos adxudicatarios o pagamento dos custos dos anuncios que se teñan producido neste procedemento de alleamento.

Cuarto

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición perante esta consellería no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2019

O conselleiro de Facenda
P.D. (Orde do 9.1.2012; DOG nº 9, do 13 de xaneiro)
Mª del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda