Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 117 Venres, 21 de xuño de 2019 Páx. 29730

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 6 de xuño de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras e se convocan subvencións para proxectos de saúde pública no campo do VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS) realizados en Galicia por entidades privadas sen ánimo de lucro (código de procedemento SA645A).

A infección polo VIH (virus de inmunodeficiencia humana) e a sida (síndrome de inmunodeficiencia adquirida) continúan a ser un dos principais problemas de saúde pública a nivel mundial, aínda que en menor medida, nos países desenvolvidos. En Galicia, a pesar das melloras experimentadas nos últimos anos, cómpre continuar co impulso das accións de saúde pública encamiñadas a enfrontar este importante problema de saúde que representan o VIH e as demais ITS. Dentro do marco das actividades anti VIH/sida e outras ITS no campo da saúde pública atópase o apoio a proxectos de entidades privadas sen ánimo de lucro que participan e colaboran, desde os seus respectivos ámbitos, coa Consellería de Sanidade no esforzo global anti VIH/sida en Galicia. Esta orde vai dirixida a achegar financiamento a proxectos priorizados de acción de saúde pública que realizan estas entidades no campo de VIH/sida e outras ITS.

Esta orde mantén a valoración da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres no seo das entidades privadas sen ánimo de lucro que solicitan estas axudas. Esta avaliación está inspirada nos principios de actuación en materia de igualdade recollidos no Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade.

Para tal fin, e con suxeición ao previsto na Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita lei, e na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, da Xunta de Galicia, e de acordo, coas facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, nos seus artigos 34 e 38,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, en réxime de concorrencia competitiva, subvencións a proxectos de saúde pública, relacionados coa infección polo VIH, a sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS), que realicen en Galicia entidades privadas sen ánimo de lucro ao longo do período comprendido entre o 1 de xuño de 2019 e o 30 de xuño de 2022.

O código do procedemento regulado a través desta orde é o SA645A. Este código facilita a identificación na sede electrónica da Xunta de Galicia dos formularios desta orde.

Os proxectos subvencionados deben desenvolver as súas actividades un mínimo de 3 meses no período comprendido entre o 1 de xuño e o 31 de decembro de 2019, un mínimo de 6 meses entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2020, un mínimo de 6 meses entre o 1 de xaneiro de 2021 e o 31 de decembro de 2021, xunto cun mínimo de 3 meses entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño de 2022.

Como máximo subvencionaranse os dez proxectos que resulten máis valorados, en función dos criterios de valoración establecidos no artigo 14 desta orde.

Artigo 2. Orzamento

1. Para o financiamento destas axudas está previsto un crédito de novecentos mil (900.000,00 €) que se distribuirán do seguinte xeito:

– Para o segundo semestre de 2019 asignarase un importe de cento oitenta e nove mil setecentos dezasete euros (189.717,00 €) con cargo á aplicación orzamentaria 1202.413A.481.1.

– Para o ano 2020 asignarase un importe de douscentos oitenta e cinco mil euros (285.000,00 €) con cargo á partida orzamentaria que corresponda dos ditos orzamentos para o ano 2020.

– Para o ano 2021 asignarase un importe de douscentos oitenta e cinco mil euros (285.000,00 €) con cargo á partida orzamentaria que corresponda dos ditos orzamentos para o ano 2021.

– Para o primeiro semestre de 2022 asignarase un importe de cento corenta mil douscentos oitenta e tres euros (140.283,00 €) con cargo á partida orzamentaria que corresponda dos ditos orzamentos para o ano 2022.

A efectividade da asignación aos proxectos seleccionados dos importes das subvencións para os anos 2020, 2021 e 2022 queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para eses anos.

2. O crédito previsto no punto anterior deste artigo poderá ser ampliado nos supostos e condicións previstos no artigo 30.2. do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. En todo caso, o incremento de crédito queda condicionado á declaración de dispoñibilidade de crédito como consecuencia da concorrencia dalgunha das circunstancias previstas no citado artigo ou da dispoñibilidade de fondos procedentes do Estado. Cando proceda, será necesario aprobar a oportuna modificación orzamentaria. Nestes supostos, o órgano concedente das subvencións terá que publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que esta publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo computo de prazo para resolver.

En todo caso, a concesión das subvencións reguladas nesta orde, limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias existentes no momento de resolución desta convocatoria de subvencións.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

Poderán solicitar e ser beneficiarias destas subvencións as entidades privadas sen ánimo de lucro que presenten un único proxecto e que cumpran co obxecto e normas desta orde, sempre e cando non estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, que imposibilitan obter a condición de beneficiaria das subvencións.

Artigo 4. Requisitos

1. O proxecto deberá realizarse integramente na Comunidade Autónoma de Galicia e deberá ter como área xeográfica de actuación, polo menos, unha das seguintes áreas sanitarias:

a) Área sanitaria da Coruña e Cee.

b) Área sanitaria de Santiago de Compostela e A Barbanza.

c) Área sanitaria de Ferrol.

d) Área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

e) Área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras.

f) Área sanitaria de Pontevedra e O Salnés.

g) Área sanitaria de Vigo.

2. Para desenvolver o proxecto, a entidade beneficiaria deberá dispor en Galicia como mínimo de:

a) Un local con capacidade para levar a cabo o proxecto.

b) Unha persoa contratada para desenvolver o proxecto.

3. O proxecto recollerá obrigatoriamente a promoción do uso de preservativos e a súa distribución.

4. Para o cumprimento dos obxectivos do proxecto, poderase empregar material divulgativo editado pola Consellería de Sanidade ou polo departamento ministerial do Estado con competencias en materia de sanidade. Calquera outro material divulgativo que se pretenda usar e/ou distribuír, deberá presentarse previamente no Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da Dirección Xeral de Saúde Pública, para que neste servizo se valore a súa idoneidade e se proceda á validación e autorización previa do seu uso e/ou distribución.

5. Así mesmo, as entidades colaboradoras deberán cumprir a normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal no desenvolvemento do proxecto subvencionado.

Artigo 5. Contidos do proxecto

Poderán subvencionarse os proxectos que, como mínimo, teñan por obxecto algunha das seguintes actividades:

1. Facilitar e fomentar o uso do preservativo nos colectivos máis vulnerables ás ITS.

2. Promover a realización da proba do VIH ás persoas con prácticas de risco.

3. Campañas efectivas de concienciación respectuosas e inclusivas de todas as ITS dirixidas á mocidade LGBTI.

4. Campañas de visibilización e información do tratamento de profilaxe postexposición ao VIH, como segunda e última oportunidade para evitar a aparición desta infección.

5. Programas específicos de prevención do VIH e outras ITS para persoas que exercen a prostitución e a súa clientela.

6. Programas de prevención para persoas que viven co VIH e/ou en casas de acollida para persoas afectadas polo VIH/sida.

7. Programas de rúa ou achegamento que faciliten o acceso á información sobre o VIH e as demais ITS e aos servizos sanitarios, en poboacións especialmente vulnerables á infección polo VIH.

8. Actividades preventivas da transmisión do VIH por vía sexual, coa participación de pares.

9. Educación para a saúde con perspectiva de xénero, sobre hábitos sexuais saudables, infección polo VIH e a sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS).

10. Programas de loita contra o estigma e a discriminación das persoas afectadas polas ITS e de modo especial polo VIH e a sida.

11. Campañas divulgativas a través de redes sociais e/ou de aplicacións de móbil (app) de contactos.

Artigo 6. Conceptos subvencionables

1. Considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada, en particular:

a) Gastos de persoal. Subvencionarase ata un máximo de 2.500,00 € mensuais por importe bruto de nómina.

b) Axudas de custo por desprazamento (debidamente xustificadas en relación co proxecto) cun máximo de 1.000,00 € por proxecto e ano.

c) Gastos de vehículos, cuxa titularidade corresponda á entidade privada que reciba a subvención, empregados para desenvolver o proxecto: imposto de circulación, ITV, seguro, mantemento, reparacións, consumo de combustible, peaxe, garaxe e aparcamento. As facturas incluirán a matrícula do vehículo.

d) Gastos de material de oficina, preventivo, divulgativo e de visualización social do proxecto.

e) Gastos vinculados ao local: alugueiro, electricidade, gas, auga, lixo, comunidade, limpeza, seguros, imposto sobre bens inmobles. Os gastos en reparacións e mantemento do local ata un máximo de 1.000,00 € por proxecto e ano. Quedan excluídos os gastos de investimento inmobiliario.

f) Telefonía e tecnoloxías da información e comunicación (TIC), correos e mensaxería.

g) Gastos de xestoría e gastos financeiros derivados do proxecto.

h) Gastos de publicidade e xestión de redes sociais e/ou app de contactos.

i) Gastos de formación continuada do persoal que participa no proxecto en áreas relacionadas co obxectivo do proxecto. Inclúense gastos de cursos de formación continuada, xornadas e congresos cun máximo de 1.000 € por proxecto e ano.

2. Considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación, debendo acreditarse os pagamentos a través de xustificantes de pago. En todo caso a forma de xustificación deberá atender o previsto no artigo 28, números 1, 2, 3 e 4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 7. Forma e lugar de presentación das solicitudes

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia:

https://sede.xunta.gal

Se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 8. Documentación complementaria necesaria para a tramitación do procedemento

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Unha memoria técnica do proxecto que se estea realizando, ou se pretenda realizar, cunha extensión máxima de 8 páxinas, debidamente asinada pola persoa que exerce a representación legal da entidade solicitante. O formato da memoria técnica debe ser:

1º. Tipo de letra: Arial.

2º. Estilo: normal.

3º. Tamaño de letra: 11.

4º. Interliñado: 1,15 puntos.

5º. Marxes laterais: 2 cm.

6º. Marxe superior: 4 cm.

7º. Marxe inferior: 3 cm.

b) Copia do material divulgativo que se pretenda empregar no proxecto e que non fose editado por administracións públicas nin recibise o informe favorable do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles da consellería competente en materia de Sanidade.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) NIF da entidade sen ánimo de lucro solicitante de subvención.

b) DNI da persoa representante da entidade solicitante.

c) NIF da entidade representante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Estatal de Administración Tributaria.

e) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

f) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas fronte á Axencia Tributaria de Galicia.

g) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

h) Concesións de subvencións e axudas.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro habilitado no modelo de solicitude e achegar os documentos correspondentes.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Características da memoria técnica

A memoria técnica deberá incluír a seguinte información:

a) Datos de identificación:

– Nome da entidade, título do proxecto, cronograma e lugar de realización.

– Datos da persoa coordinadora do proxecto: nome, apelidos, DNI, teléfono e correo electrónico.

– Datos das persoas asalariadas para o proxecto: nome, apelidos, DNI, formación académica, funcións e tempo dedicado.

– Datos das persoas voluntarias para o proxecto: nome, apelidos, DNI, formación académica, funcións e tempo dedicado.

b) Deseño:

A memoria técnica debe incorporar unha parte de xustificación, obxectivos, material e método e avaliación.

c) Orzamento detallado previsto para o desenvolvemento do proxecto durante o período 2019-2022.

d) Importe solicitado de subvención.

e) Lugar, data e sinatura da persoa representante legal da entidade.

Artigo 11. Emenda e mellora da solicitude

Se unha solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera así, se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 12. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar durante a tramitación deste procedemento deberán ser realizados electronicamente accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 13. Instrución e comisión de valoración

O Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles é o órgano competente para a instrución e realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva, polo que, unha vez instruídos os expedientes, constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que avaliará os proxectos presentados polas entidades solicitantes, con base nos criterios de valoración das solicitudes establecidos no artigo 14 desta orde. A dita comisión levantará acta de todas e cada unha das sesións en que se constitúa para a valoración das solicitudes e dos proxectos presentados.

Para a válida constitución do órgano, para efectos da celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a asistencia, presencial ou a distancia, das persoas que exerzan as funcións de presidencia e de secretaría ou, se for o caso, de quen os supla, e a da metade, polo menos, dos seus membros. Cando estean reunidos, de maneira presencial ou a distancia, a persoa que exerza as funcións de secretaría e todos os membros do órgano colexiado ou, se for o caso, as persoas que os suplan, estes poderán constituírse validamente como órgano colexiado para a celebración de sesións, deliberacións e adopción de acordos sen necesidade de convocatoria previa cando así o decidan os seus membros tal como se recolle no artigo 17 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algún dos membros que a compoñen non puidera asistir, delegará na persoa que, para o efecto, designe a persoa titular. Na composición dos membros da comisión de valoración, procurarase acadar unha composición equilibrada entre homes e mulleres. A comisión de avaliación rexerase polo establecido na sección 3ª do capítulo II do título preliminar da Lei 40/2015, do 1 de outubro.

A comisión avaliadora estará integrada polos seguintes membros:

a) A persoa titular da Subdirección Xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía ou persoa en quen delegue, que actuará como persoa que exerce as funcións de presidencia.

b) A persoa titular da xefatura do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles.

c) Unha persoa técnica do Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles.

d) Unha persoa técnica do devandito servizo, que actuará como persoa que exerce as funcións de secretaría.

Unha vez avaliadas as solicitudes e, á vista do informe da comisión de valoración, o Servizo de Control de Enfermidades Transmisibles, co visto e prace da Dirección Xeral de Saúde Pública, formulará unha proposta de resolución debidamente motivada.

Artigo 14. Criterios de valoración

1. Rigor metodolóxico do proxecto: ata un máximo de 30 puntos.

O rigor metodolóxico puntuarase segundo as seguintes epígrafes:

a) A xustificación do proxecto: 0 a 5 puntos. Puntuación mínima exixida, 2 puntos.

Valoraranse os recursos existentes nas áreas de actuación para atender a estas persoas, necesidades demandadas no campo do VIH/sida e outras ITS, resultados de anos anteriores nas persoas atendidas polo proxecto (desagregados por sexo), etc.

b) Definición e cuantificación de obxectivos: 0 a 5 puntos. Puntuación mínima exixida, 2 puntos. Valorarase a priorización dos obxectivos (xerais e específicos), a concreción, claridade, viabilidade, cuantificación, etc.

c) Material e método empregado con definición da poboación, dos contidos e do plan de traballo: 0 a 15 puntos. Puntuación mínima exixida, 7 puntos.

Valorarase a definición das características da poboación sobre a que se vai traballar (área xeográfica, número de persoas, factores de risco fronte ao VIH e outras ITS, vulnerabilidade, etc), a información que se difunde nas charlas e obradoiros, a planificación das actividades (lugar de realización, cronograma, local empregado, titulación e experiencia das persoas que desenvolven as actividades), etc.

d) Criterios de avaliación do proxecto: 0 a 5 puntos. Puntuación mínima exixida, 2 puntos. Valorarase a definición de indicadores (desagregados por sexo), o estándar de referencia de cada indicador, a identificación cos obxectivos marcados e a fonte da información.

Deberá acadarse a puntuación mínima en todas e cada unha destas epígrafes. Só se admitirán e valorarán os proxectos que acaden a puntuación mínima en todas as epígrafes deste punto, independentemente da puntuación acadada noutros puntos deste artigo.

2. Tipo de colectivo diana a que vai dirixido. Valorarase só o colectivo principal e de existir máis dun, valorarase só o definido como principal no proxecto. Nesta epígrafe, só se puntuarán os proxectos que teñen claramente definido un colectivo principal. A valoración dos colectivos será a seguinte segundo o seu grao de vulnerabilidade:

Transexuais: 30 puntos.

HSH: 25 puntos.

Persoas que vivan co VIH/sida e o seu contorno: 10 puntos.

Prostitución: 7 puntos.

Inmigrantes procedentes de países de elevada prevalencia*: 7 puntos.

Persoas internas en prisións: 2 puntos.

Mocidade non escolarizada ou pertencente a grupos con elevada vulnerabilidade social (residente en centros tutelares de menores, minorías étnicas marxinadas, familias desestruturadas, etc.): 1 punto.

Transeúntes, persoas sen fogar e minorías étnicas marxinadas: 1 punto.

Mulleres: 1 punto.

Persoas con máis de 54 anos: 1 punto.

Outros colectivos: 0 puntos.

* Países recollidos nas recomendacións de diagnóstico precoz do VIH en Galicia.

https://www.sergas.es/Saude-publica/Recomendacions-diagnostico-precoz-VIH-Galicia-2017

3. Dispor de persoal contratado pola entidade beneficiaria para realizar o proxecto: ata un máximo de 30 puntos. Por cada persoa traballadora contratada: 15 puntos.

4. Valorarase a incidencia de VIH da provincia en que se realiza o proxecto segundo os datos publicados pola Dirección Xeral de Saúde Pública na páxina web do Servizo Galego de Saúde:

https://www.sergas.es/Saude-publica/Informes-epidemioloxicos-de-VIH-sida

a) Provincia de maior incidencia: 20 puntos.

b) Segunda provincia de maior incidencia: 17 puntos.

c) Terceira provincia de maior incidencia: 10 puntos.

d) Provincia de menor incidencia: 5 puntos.

De traballar en máis dunha provincia, puntuarase a de maior puntuación.

5. Proxectos que continúan respecto do ano anterior: 20 puntos.

6. Valorarase a porcentaxe da partida orzamentaria de gastos de persoal, sobre o total do orzamento do proxecto:

a) Igual ou máis do 80 %: 0 puntos.

b) Entre o 60-79 %: 20 puntos.

c) Entre o 40-59 %: 10 puntos.

d) Entre o 20-39 %: 5 puntos.

e) Igual ou menos do 19 %: 0 puntos.

7. Duración das actividades do proxecto: 1 punto por mes.

8. Probas rápidas de VIH:

a) Realizar probas rápidas de VIH en fluído oral a persoas con prácticas de elevado risco para a infección polo VIH dentro do Proxecto de detección anónima do VIH en Galicia do Plan galego anti VIH/sida e outras infeccións de transmisión sexual (ITS): 18 puntos.

b) Promover a realización da proba do VIH nas persoas con prácticas de risco para a infección polo VIH: 5 puntos.

9. Realizar actividades de prevención en casas de acollida para persoas afectadas polo VIH/sida: 15 puntos.

10. Recoller a perspectiva de xénero e a linguaxe non sexista: 15 puntos. Para poder puntuar esta epígrafe debe presentarse unha acreditación de formación neste aspecto da persoa que coordina ou traballa no proxecto.

11. Integración da igualdade na política de emprego das entidades solicitantes.

Este criterio valorará a masculinización dos postos de responsabilidade (dirección e xerencia). A masculinización dos postos de responsabilidade calcularase coa porcentaxe de persoal que ocupa os postos de dirección e xerencia por sexo no mes de referencia (marzo de 2019). Considerarase masculinizado se a porcentaxe de homes excede o 50 %. A puntuación deste parámetro é a seguinte:

1º. Entidade con postos de dirección e xerencia masculinizados: 0 puntos.

2º. Entidade con postos de dirección e xerencia igualitarios: 5 puntos.

12. Valorarase o uso do galego no desenvolvemento xeral do proxecto e na elaboración de documentación como a memoria técnica ou o material divulgativo: 15 puntos.

13. Dispor de local social por parte da entidade beneficiaria. Puntuarase un máximo de dous locais, valorados do seguinte modo cada un:

a) En propiedade: 5 puntos.

b) En arrendamento: 2 puntos.

c) En cesión dunha Administración pública: 1 punto.

d) En cesión dunha persoa ou institución privada: 1 punto.

14. Realizar actividades de loita contra a discriminación das persoas afectadas polo VIH/sida: 10 puntos.

15. Participación de persoal educador de pares no desenvolvemento do proxecto: 8 puntos.

16. Tamaño poboacional das áreas sanitarias en que se realiza o proxecto:

Grupo 1 (< 200.000 habitantes): Ferrol: 1 punto.

Grupo 2 (200.000 - 400.000 habitantes): Pontevedra e O Salnés; Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras: 2 puntos.

Grupo 3 (> 400.000 habitantes): Santiago de Compostela e A Barbanza; A Coruña e Cee; Vigo: 4 puntos.

Para puntuar cada área o proxecto disporá de local e persoa contratada para traballar en cada unha desas áreas. Puntuaranse un máximo de dúas áreas sanitarias.

17. Número de persoas voluntarias participantes no proxecto: ata un máximo de 5 puntos. Por cada persoa voluntaria participante: 1 punto.

18. Desenvolver campañas a través de redes sociais: 4 puntos.

19. Presentar unha certificación acreditativa de calidade da entidade solicitante: ata un máximo de 5 puntos, de acordo co seguinte baremo:

a) ISO: 5 puntos.

b) FQM: 2 puntos.

c) Outras: 1 punto.

Para resolver os posibles empates empregaranse os seguintes criterios:

1º. O que dispoña de Plan de igualdade na entidade.

2º. O que obteña maior valoración no punto 1.

3º. O que obteña maior valoración no punto 2.

4.º. O que empregue o galego no desenvolvemento xeral do proxecto.

5º. O que presente antes a solicitude destas axudas.

Artigo 15. Contías das subvencións

1. A contía solicitada pode ser como máximo o orzamento do proxecto.

2. O importe máximo subvencionable de cada proxecto é a contía solicitada para desenvolver o proxecto que non está subvencionada por ningunha outra entidade pública ou privada.

3. Determinación das contías das subvencións:

Os dez proxectos máis puntuados ordenaranse de maior a menor puntuación e o importe que se lle adxudicará a cada proxecto estará determinado por esta orde de puntuación.

3.1. Cálculo dos importes das subvencións para o ano 2019, 2020, 2021 e 2022:

Os importes concedidos en función da puntuación acadada serán, por defecto, os seguintes:

1º máis puntuado: 14 % da partida orzamentaria dispoñible dese ano.

2º máis puntuado: 12 %.

3º máis puntuado: 11 %.

4º máis puntuado: 10,5 %.

5º máis puntuado: 10 %.

6º máis puntuado: 9,5 %.

7º máis puntuado: 9 %.

8º máis puntuado: 8,5 %.

9º máis puntuado: 8 %.

10º máis puntuado: 7,5 %.

3.2. Comprobarase que non se conceden contías superiores ao importe máximo subvencionable de cada proxecto. Sumaranse os importes concedidos para os anos 2019, 2020, 2021 e 2022 de cada proxecto e se o resultado desta suma é superior ao importe máximo subvencionable, concederase este último.

3.3. O posible resto orzamentario que poida xurdir adxudicarase ao proxecto máis puntuado. De non esgotarse o resto orzamentario con este proxecto, adxudicarase o importe restante ao seguinte proxecto máis puntuado, e así sucesivamente. A adxudicación do resto orzamentario terá sempre en conta que se cumpre o punto 2 deste artigo.

No caso de subvencionar menos de 10 proxectos, seguirase o mesmo proceso de adxudicación de importes definido neste artigo e os importes menores que queden sen adxudicar consideraranse resto orzamentario e, polo tanto, distribuirase entre os demais proxectos como tal.

3.4. O importe que se concederá a cada proxecto será o resultado de seguir os catro puntos anteriores.

Artigo 16. Resolución

1. Establécese un prazo máximo de catro meses, contados desde a data da publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) desta convocatoria para a resolución das solicitudes presentadas. O vencemento deste prazo máximo establecido sen que se ditase nin se notificase resolución expresa desta convocatoria terá carácter desestimatorio das solicitudes por silencio administrativo. A resolución expresa posterior ao vencemento do prazo será adoptada pola Administración sen vinculación algunha ao sentido do silencio, de acordo co establecido no artigo 24.3.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Unha vez emitida a proposta de resolución polo órgano instrutor, a persoa titular da Consellería de Sanidade ditará resolución de conformidade co previsto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. A resolución, deberá conter, de maneira expresa, a relación de proxectos de entidades beneficiarias ás cales se lles concede a subvención e a desestimación do resto das solicitudes xunto coas contías destas axudas para o período 2019-2022.

3. Todo incumprimento ou alteración das condicións en que se basea a concesión da subvención, e se é o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados (nacionais ou internacionais), poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 17. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos, practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. Neste caso as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. Unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, as entidades propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para aceptala, presentando a correspondente declaración de aceptación ou renuncia da subvención concedida segundo os modelos dos anexos III e IV. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 18. Publicación

Publicarase no DOG, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, a relación de proxectos aos cales se lles concede subvención cos importes concedidos por anualidade e a motivación da non concesión de subvención aos demais proxectos solicitantes.

Así mesmo, será igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da consellería competente en materia de Sanidade, www.sergas.es.

Artigo 19. Transparencia e bo goberno

1. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a consellería competente en materia de Sanidade publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puideren impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

3. Por outra parte, de conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, todo iso nos termos establecidos no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas.

Artigo 20. Recursos

1. Contra a resolución do procedemento que pon fin á vía administrativa, as entidades poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ante o conselleiro de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución á entidade beneficiaria ou, no caso de silencio, a partir do día seguinte ao remate do prazo fixado no artigo 16.1 para a resolución das solicitudes de subvencións.

2. Igualmente poderase interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación se a resolución é expresa; se non o fose, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel que se produza o acto presunto.

3. De presentarse recurso potestativo de reposición, non poderá acudirse á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

4. Non obstante, de conformidade co disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xuño, poderase requirir previamente o órgano que ditou a resolución, para que derrogue a disposición, anule ou revogue o acto, no prazo de dous meses contados desde a notificación da resolución. O requirimento entenderase rexeitado se non fose contestado no mes seguinte á súa recepción.

Artigo 21. Xustificación

Ao longo do período 2019-2022 deberán remitirse as seguintes contas xustificativas:

a) Primeira conta xustificativa:

Data límite: 31 de marzo de 2020.

Contido: o 100 % da xustificación económica correspondente ao segundo semestre de 2019.

b) Segunda:

Data límite: 30 de xuño de 2020.

Contido: 50 % da xustificación económica da subvención concedida para o ano 2020.

c) Terceira:

Data límite: 31 de outubro de 2020.

Contido: 50 % restante da subvención concedida para o ano 2020.

d) Cuarta:

Data límite: 30 de xuño de 2021.

Contido: 50 % da xustificación económica da subvención concedida para o ano 2021.

e) Quinta:

Data límite: 31 de outubro de 2021.

Contido: 50 % restante da subvención concedida para o ano 2021.

f) Sexta:

Data límite: 30 de xuño de 2022.

Contido: 100 % da xustificación económica da subvención concedida para ese ano (2022).

De conformidade co previsto no número 3 do artigo 48 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, cada conta xustificativa abranguerá:

1. Unha memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación do proxecto, das actividades realizadas e dos resultados obtidos (estes dous últimos desagregados por sexo) cun máximo de 5 páxinas. O formato da memoria de actuación debe ser:

1º. Tipo de letra: Arial.

2º. Estilo: normal.

3º. Tamaño de letra: 11.

4º. Interliñado: 1,15 puntos.

5º. Marxes laterais: 2 cm.

6º. Marxe superior: 4 cm.

7º. Marxe inferior: 3 cm.

2. Unha memoria económica das actividades realizadas que conterá:

a) Unha relación clasificada dos gastos da actividade que inclúa a seguinte información:

– Número de orde do documento na relación de gastos.

– Nome da entidade beneficiaria que emite o documento de gasto.

– NIF da entidade beneficiaria que emite ese documento.

– Concepto do gasto (se é unha nómina deberá indicar o nome, os dous apelidos da persoa empregada, xunto co mes e o ano da nómina).

– Número identificativo do documento.

– Data de emisión do documento.

– Data de pagamento dese gasto.

– Importe total do documento e, se é o caso, importe imputado á subvención.

Ao final desa relación debe incluírse o importe total dos gastos pagados imputados a esta subvención, a sinatura da persoa responsable da entidade beneficiaria identificada con nome e apelidos, o lugar e a data da sinatura. Independentemente da data de adxudicación da subvención, nas relacións de gastos aceptaranse os gastos pagados desde o 1 de xuño de 2019 ata a data da presentación da conta xustificativa.

b) A presentación dixital das facturas ou documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporados na relación a que se fai referencia na anterior alínea e a documentación acreditativa do pagamento. Esta documentación debe estar numerada co número correspondente ao posto que ocupa na relación de gastos e ordenada de xeito consecutivo tal como aparece na relación de gastos, sen prexuízo de que se presenten varios arquivos na xustificación económica.

Os recibos asinados terán validez para xustificar pagamentos ata un importe máximo de 1.000 € por proxecto e ano.

3. Anexo II actualizado coa relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen o proxecto con indicación do importe e a súa procedencia. Este documento terá que estar asinado pola persoa representante da entidade beneficiaria.

Artigo 22. Pagamento e xestión económica

Os pagamentos correspondentes a cada subvención concedida realizaranse de conformidade co previsto no artigo 31.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e farase efectiva para cada un dos exercicios orzamentarios do seguinte xeito:

Pagarase o importe máximo anticipable da subvención concedida tras a publicación da resolución de concesión destas axudas, de acordo co punto 1.1 do artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Este importe será como máximo o importe concedido para o 2019. Para o caso de que, respecto dalgún dos proxectos subvencionados, o importe pagado en concepto de anticipo non acade o importe concedido para ese proxecto no ano 2019, o pagamento da diferenza realizarase no mes de decembro, logo de xustificación dos correspondentes gastos. A data límite para a xustificación dos ditos gastos será o 20 de decembro de 2019.

Os importes restantes de 2020, 2021 e 2022 pagaranse unha vez completados correctamente os procesos de xustificación. Poderanse facer pagamentos fraccionados que responderán ao ritmo de execución das accións subvencionadas, e aboaranse por contía equivalente á xustificación presentada que non poderá exceder, en ningún caso, a anualidade prevista en cada exercicio orzamentario.

En todo caso, segundo o disposto no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 60.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, non poderá realizarse o pagamento da subvención en tanto a entidade beneficiaria non se atope ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non teña pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedora por resolución de procedencia de reintegro.

Artigo 23. Obrigas das entidades beneficiarias

Tendo en conta o artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o capítulo III do título preliminar do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, son obrigas das entidades beneficiarias:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o órgano concedente, se é o caso, o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente ou a entidade colaboradora, se é o caso, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos como estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle ao órgano concedente ou á entidade colaboradora a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que se encontra ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, na normativa que resulte de aplicación.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ás entidades beneficiarias en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

h) Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 23 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 24. Revogación e reintegro das axudas

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social e da Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro pola entidade beneficiaria ou solicitante, xunto cos xuros de demora, segundo o previsto no artigo 33.1.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 25. Infraccións e sancións

No relativo a esta materia, rexerá o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Artigo 26. Contraprestacións da consellería competente en materia de Sanidade

A consellería competente en materia de Sanidade facilitará, para a realización dos proxectos, materiais divulgativos e preventivos de maneira gratuíta segundo as dispoñibilidades e protocolos da Dirección Xeral de Saúde Pública.

Disposición adicional primeira. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia-Consellería de Sanidade coa finalidade de levar a cabo a tramitación administrativa que se derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta cidadá.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, reflectíndose esta circunstancia no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a unha materia.

A fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Disposición derradeira primeira. Lexislación aplicable

Aos aspectos non contidos nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado mediante o Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Disposición derradeira segunda. Órgano responsable

A Dirección Xeral de Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, avaliación, difusión e execución dos proxectos seleccionados, previstos nesta orde, así como para o seguimento, avaliación, e difusión dos proxectos seleccionados para o seu financiamento.

Disposición derradeira terceira. Instrucións de aplicación e desenvolvemento da orde

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Saúde Pública para ditar as instrucións necesarias que permitan a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xuño de 2019

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file