Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 13 de xuño de 2019 Páx. 28444

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2019 relativa á declaración de días inhábiles para os efectos de cómputo de prazos nos procedementos administrativos.

A Instrución 2/2019, da Xerencia da Universidade de Vigo, do 21 de febreiro, sobre o calendario laboral, vacacións e días de libre disposición para o ano 2019 do persoal de administración e servizos, fundamentándose nos obxectivos de optimización de recursos que redunden nun aforro enerxético e económico, establece no punto 8.1 que se procederá ao peche de todos os centros, dependencias e instalacións da Universidade de Vigo entre o 7 e o 19 de agosto de 2019, ambos inclusive, que terán a consideración de vacacións anuais para todos os efectos.

O segundo parágrafo da antedita epígrafe prevé que de considerarse oportuno, a Xerencia, de oficio ou a pedimento motivado dos responsables, poderá regular a apertura excepcional, a alteración deste período ou a continuidade dalgúns servizos e actividades.

Co obxecto de facilitar o cumprimento dos prazos establecidos nos correspondentes procedementos administrativos, e de conformidade co disposto no artigo 30 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP), así como para respectar os prazos estipulados na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos del sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro, na tramitación de expedientes de contratación, e os prazos de calquera outro procedemento de xestión interna dos servizos administrativos da universidade, tendo en conta que aqueles prazos establecidos por normas autonómicas, estatais ou da Unión Europea no poden ser modificados, alterados e/o interrompidos por esta universidade, esta reitoría, en uso das competencias que lle confire a Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, e os estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro (DOG do 22 de febreiro),

RESOLVE:

Primeiro. Declarar inhábil o período comprendido entre os días 7 ao 19 de agosto de 2019, ambos inclusive, para os efectos do cómputo dos prazos correspondentes a procedementos incoados cuxa resolución corresponda á Universidade de Vigo, tanto para a presentación de solicitudes como para a realización de trámites ou a súa resolución e notificación do acto de que se trate.

Segundo. Durante este período, a tramitación administrativa que deba realizarse en prazos regulados en procedementos que se xestionen internamente nesta universidade quedará interrompida no seu cómputo, tanto para os efectos de solicitudes entre órganos como de tramitación, resolución e notificación entre estes, o dito cómputo reiniciarase ao finalizar este, sen que isto poida vulnerar os dereitos dos interesados.

Terceiro. A devandita interrupción de prazos non atinxe aos determinados como prazos de iniciación ou resolución de procedementos en normas con rango de lei ou de regulamento de ámbito estatal ou autonómico.

Cuarto. Dado que as oficinas do Rexistro da Universidade de Vigo permanecerán pechadas os días citados, os documentos que os interesados dirixan á Universidade de Vigo nese período poderán presentarse na forma prevista no artigo 16.4 da LPACAP.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Non obstante, as persoas interesadas poderán optar por interpoñer contra esta resolución un recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, ante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non se poderá interpoñer un recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Vigo, 23 de maio de 2019

Manuel J. Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo