Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 109 Martes, 11 de xuño de 2019 Páx. 28071

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se fai público o Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 25 de abril de 2019, polo que se aproba definitivamente o proxecto do parque eólico Zas, modificación substancial (repotenciación do parque eólico Zas) como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, así como das disposicións normativas contidas no mencionado proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 25 de abril de 2019, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1ª. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado proxecto sectorial de incidencia supramunicipal. Repotenciación parque eólico Zas, nos concellos de Santa Comba e Zas (A Coruña), promovido por EDP Renovables España, S.L.U.

2ª. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 1 de outubro de 1997 polo que se aproba o Plan eólico de Galicia como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, modificado mediante o acordo do 5 de decembro de 2002, o planeamento nos concellos de Santa Comba e Zas queda vinculado ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial do parque eólico Zas modificación substancial (repotenciación do parque eólico Zas).

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2019

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial

1. Análise da relación do contido do proxecto sectorial co planeamento urbanístico vixente.

O ámbito territorial do presente proxecto sectorial afecta os termos municipais de Zas e Santa Comba. As características do planeamento urbanístico en cada un deles é o seguinte:

Zas: Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 8.11.2007 (DOG do 26 de novembro), normativa (BOP do 4 de decembro).

Santa Comba: Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente o 5.4.2001 (DOG do 18 de abril), normativa (BOP do 16 de abril).

Atendendo o réxime transitorio establecido pola Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, na súa disposición transitoria primeira, aos respectivos plans municipais seranlles de íntegra aplicación o réxime e as determinacións dispostas na Lei para o solo rústico, salvo no caso do Concello de Zas onde por estar o seu planeamento adaptado á Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, conserva a vixencia das categorías de solo rústico recollidas no seu planeamento, aplicándolle con todo a estas aquelas determinacións contidas na Lei 2/2016.

Criterios de ordenación e clasificación do solo:

Conforme a lexislación urbanística autonómica e básica do Estado, constitúen o solo rústico os terreos que están sometidos a algún réxime de protección pola lexislación sectorial (augas, costa, espazos naturais, etc.) ou pola lexislación de ordenación do territorio que os fai incompatibles coa transformación urbanística.

A. Coincidindo coas devanditas regulacións, o Plan xeral de ordenación municipal do Concello de Zas, único dos dous sobre os que incide este proxecto, para o que rexen directamente as categorías que nel se establecen para o solo rústico, define no ámbito sobre o que se estende o presente proxecto sectorial os seguintes tipos:

Solo rústico de protección forestal ou de monte (SRPF): comprende terreos cuxas características físicas e topográficas expresadas no estudo do medio rural e na memoria xustificativa, son obxecto dunha especial protección pola súa capacidade produtiva en materia forestal, gandeira e de explotación dos recursos naturais.

Aínda debendo atender as determinacións establecidas na Lei 2/2016 tanto para esta categoría, como para as que a continuación se relacionarán, para efectos da súa análise contraditoria referiremos que o documento urbanístico inclúe como usos e actividades construtivas permitidas mediante autorización autonómica previa os de categoría F, que comprende as infraestruturas e obras públicas en xeral, tales como os centros e as redes de abastecemento de auga, os centros de produción, servizo, transporte e abastecemento de enerxía eléctrica e gas, etc., e, en xeral, todas as que resulten así cualificadas en virtude da lexislación específica, os instrumentos de ordenación territorial ou do planeamento urbanístico, como é o presente caso.

Solo rústico de protección de infraestruturas (SRPI): zonas do territorio que se atopan afectadas polas principais redes e instalacións de infraestruturas fundamentais, o dominio público e as súas servidumes definidas na lexislación sectorial e que por imperativo legal é preciso protexer. No presente caso inclúense nesta categoría o ámbito do parque eólico existente, sobre o que parcialmente se superpón o que resulta da súa repotenciación obxecto do presente proxecto sectorial.

Inclúe como usos e actividades construtivas permitidas mediante autorización municipal, os de categoría F, xa apuntados na categoría anterior, requirindo informe previo e vinculante da Administración sectorial competente.

Solo rústico de protección da paisaxe (SRPP): constituído por aquelas áreas do territorio que é preciso protexer polo seu alto valor paisaxístico, que se puxo en evidencia tras o estudo da paisaxe no termo municipal de Zas.

Inclúe como usos e actividades construtivas permitidas mediante autorización municipal, os de categoría F, xa apuntado nas categorías anteriores, con todo e sen prexuízo das autorizacións de tipo municipal ou autonómico que fosen procedentes, calquera construción ou instalación que se pretenda realizar deberá contar co oportuno estudo de impacto paisaxístico mediante o que se avaliará de forma pormenorizada e precisa a conca visual co obxecto de facilitar a correcta implantación da instalación pretendida sen que se produza unha diminución ou perda do valor para protexer.

B. En canto ao termo municipal de Santa Comba, sonlle de íntegra aplicación o réxime e as determinacións dispostas na Lei 2/2016 para o solo rústico. En calquera caso diremos que actualmente o ámbito deste proxecto sectorial situado no Concello de Santa Comba clasifícase en parte como solo rústico de protección forestal e agropecuaria, de protección de xacementos arqueolóxicos e de protección de canles.

C. O réxime e as determinacións dispostas na Lei 2/2016 para o solo rústico de protección sobre o que se establece o presente proxecto sectorial distingue as seguintes categorías (artigo 34):

b) Solo rústico de protección forestal, constituído polos montes veciñais en man común e os terreos de alta produtividade forestal que sexan delimitados no catálogo oficial correspondente polo órgano que teña a competencia sectorial en materia forestal.

c) Solo rústico de protección das augas, constituído polos terreos situados fóra dos núcleos rurais e do solo urbano definidos como dominio público hidráulico na respectiva lexislación sectorial, as súas zonas de policía e as zonas de fluxo preferente.

e) Solo rústico de protección de infraestruturas, constituído polos terreos rústicos destinados ao emprazamento de infraestruturas e as súas zonas de afección, tales como as comunicacións e telecomunicacións, as instalacións para o abastecemento, saneamento e depuración da auga, as de xestión de residuos sólidos, as derivadas da política enerxética ou calquera outra que xustifique a necesidade de afectar unha parte do territorio, con arranxo á previsión dos instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio.

g) Solo rústico de protección paisaxística, constituído polos terreos considerados como áreas de especial interese paisaxístico de conformidade coa lexislación de protección da paisaxe de Galicia e como espazos de interese paisaxístico no Plan de ordenación do litoral.

h) Solo rústico de protección patrimonial, constituído polos terreos protexidos pola lexislación de patrimonio cultural.

Ademais establece no número 4º deste artigo que cando un terreo, polas súas características, poida corresponder a varias categorías de solo rústico, aplicaranse os distintos réximes de forma complementaria.

D. Clasificación do solo: atendendo o anteriormente exposto e conforme o establecido na disposición transitoria primeira da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, no ámbito do proxecto sectorial defínense as seguintes categorías de solo rústico de especial protección:

Concello de Zas: mantéñense as categorías existentes incorporando o ámbito do presente proxecto sectorial de repotenciación como solo rústico de especial protección de infraestruturas naquelas áreas que excedan as que actualmente presentan esta categoría, incluíndo aqueles viarios de acceso ao parque existentes e as súas variantes.

Esta clasificación supón a superposición desta categoría sobre ámbitos distinguidos no planeamento actual exclusivamente como solo rústico de protección forestal, de protección forestal e de protección paisaxística, de protección forestal e de protección patrimonial, ou de protección forestal e protección de augas, nestes dous últimos casos afectando unicamente a superficie que constitúe o camiño existente de acceso ao parque desde o leste, que non se ve alterado polo presente proxecto sectorial.

Así mesmo, queda suprimida esta categoría de solo rústico de especial protección de infraestruturas nas áreas correspondentes ás infraestruturas do parque eólico Zas que se desmantelan e non se atopan incluídas nas áreas vinculadas ao novo parque eólico Zas repotenciado.

Concello de Santa Comba: en consecuencia ás características territoriais existentes e conforme o disposto pola Lei 2/2016, ademais da incorporación do ámbito do presente proxecto sectorial de repotenciación como solo rústico de protección de infraestruturas, adáptanse os solos rústicos de protección de canles como solos rústicos de protección de augas, estendendo a súa superficie ata o límite da servidume de policía de canles; os solos rústicos de protección de xacementos arqueolóxicos como solo rústico de protección patrimonial, incluíndo a superficie actualmente delimitada como área de respecto, conservando as actuais delimitacións de solo rústico de protección agropecuaria e forestal existentes.

Considerando a adaptación realizada nas categorías de solo rústico, o alcance da protección de infraestruturas determinada polo presente proxecto sectorial superponse sobre áreas de protección patrimonial e de augas, en todos os casos limitada á superficie xerada pola servidume de voo da infraestrutura, sen que en ningunha circunstancia se vexan ocupadas por elementos propios da instalación, sendo por tanto compatibles cos distintos réximes de protección.

E. Determinacións.

Sendo conforme o establecido na disposición transitoria primeira da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, de aplicación directa ao perder vixencia as regulacións contidas nos instrumentos de ordenación urbanística municipal dos concellos sobre os que se desenvolve o presente proxecto sectorial, para os efectos dos usos admisibles en solo rústico, poderán implantarse en todas as clases de solo rústico todos aqueles usos previstos nos instrumentos de ordenación do territorio, como é o caso do presente proxecto sectorial, logo de obtención do título habilitante municipal e sen necesidade de autorización urbanística autonómica.

Atendendo a que, conforme o disposto na Lei 2/2016, resultan admisibles sobre solo rústico as infraestruturas e instalacións de produción e transporte de enerxía, como é o caso, e que da ordenación e servidumes implícitas ao presente proxecto sectorial de repotenciación do parque eólico Zas non se derivan afeccións incompatibles sobre outros ámbitos de solo rústico de especial protección afectados por este, conclúese que a instalación prevista adáptase á ordenación urbanística.

2. Regulación detallada do uso pormenorizado.

Propóñense as modificacións na normativa urbanística vixente nos concellos de Zas e Santa Comba definidas na epígrafe anterior, parágrafos D. Clasificación do solo e E. Determinacións, así como as condicións que se recollen no presente parágrafo, co obxecto de compatibilizar o contido do presente proxecto sectorial cos usos e determinacións anteriormente previstas nelas.

Así, ao tempo da modificación ou adaptación do planeamento municipal, incluiranse as delimitacións sinaladas na documentación gráfica deste proxecto, cualificándoas como solo rústico de especial protección de infraestruturas conforme a artigo 34 da Lei 2/2016, do solo de Galicia, e incorporando a seguinte normativa:

1. Ámbito e licenzas.

Comprende esta categoría de solos as áreas delimitadas na documentación gráfica deste proxecto, destinadas á instalación dun sistema xeral de infraestruturas enerxéticas vinculadas ao aproveitamento da enerxía do vento.

A área vinculada ao parque eólico Zas repotenciado é de 138,5 ha, de acordo co presente proxecto sectorial.

2. Condicións de uso.

Os usos citados destinados á instalación de infraestruturas enerxéticas vinculadas ao aproveitamento eólico, para poder implantarse nesta categoría de solo, deberán contar coa correspondente declaración de impacto ambiental de acordo co previsto na lexislación vixente, e coa aprobación do correspondente proxecto sectorial polo Consello da Xunta de Galicia.

Usos permitidos: nesta categoría de solos quedan permitidos os usos para emprazamento de infraestruturas e as súas zonas de afección destinadas ao aproveitamento do vento como recurso natural para a produción de enerxía (parques eólicos), así como o mantemento e reparación das instalacións. Mantéñense ademais os usos agrícolas e gandeiros, sen máis limitación que a necesaria protección das infraestruturas enerxéticas.

3. Limitacións de uso.

Impóñense, sobre as áreas en réxime de servidume, as seguintes limitacións de uso:

– Prohibición de efectuar traballos de arada ou similares, así como plantar árbores e arbustos.

– Prohibición de efectuar calquera tipo de obras ou efectuar acto algún que puidese danar ou prexudicar ao bo funcionamento das instalacións.

3. Eficacia.

De acordo co artigo 24 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia «as determinacións contidas nos plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal vincularán o planeamento do ente ou entes locais en que se asenten os devanditos plans ou proxectos, que se deberán adaptar a elas dentro dos prazos que para tal efecto determinen».

O artigo 11 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, na súa epígrafe 11.1, especifica que «as determinacións contidas nos proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal terán forza vinculante para as administracións públicas e para os particulares, e prevalecerán sobre as determinacións do planeamento urbanístico vixente».

A epígrafe 11.2 do mencionado Decreto 80/2000 especifica que «os municipios onde se asenten as infraestruturas, dotacións ou instalacións obxecto dun proxecto sectorial deberán adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido do proxecto sectorial, no que se establecerán as determinacións do devandito planeamento local que deban ser modificadas como consecuencia da aprobación do proxecto sectorial no prazo que determine este último e, en todo caso, na primeira modificación ou revisión do planeamento urbanístico».

O prazo de adecuación do planeamento urbanístico municipal ao presente proxecto sectorial deberá realizarse coincidindo coa redacción e tramitación de:

– A primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o Concello, podendo ser expresamente a presente adaptación.

– A revisión do Plan xeral de ordenación municipal vixente.

– A adaptación do plan municipal á Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.

4. Cualificación das obras e instalacións de marcado carácter territorial e como sistema xeral.

De acordo co establecido na modificación do Plan sectorial eólico de Galicia aprobada polo Consello da Xunta na súa Resolución do 5 de decembro de 2002, quedan expresamente cualificadas como de marcado carácter territorial as construcións e instalacións previstas de modo concreto e detallado no presente proxecto sectorial de repotenciación do parque eólico Zas.

De acordo co indicado no artigo 36, epígrafe 5, da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, non se require autorización urbanística autonómica para as actuacións recollidas no presente proxecto sectorial.