Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 31 de maio de 2019 Páx. 26536

III. Outras disposicións

Axencia Galega das Industrias Culturais

EXTRACTO da Resolución do 28 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento CT207B).

BDNS (Identif.): 457175.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán optar a estas subvencións todas as persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes cunha antigüidade mínima e sen interrupcións dun ano (epígrafe IAE 9611), e con sucursal ou oficina permanente polo menos un ano, previo a esta convocatoria, na Comunidade Autónoma de Galicia ou nun Estado membro da UE, ou que formen parte do acordo que establece a Área Económica Europea e que desenvolvan a súa actividade habitual en Galicia.

Segundo. Finalidade

Esta resolución ten por finalidade fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais que contribúan a asegurar a madureza dos produtos audiovisuais galegos, dentro do marco das competencias deste organismo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2019 (código de procedemento CT207B).

Terceiro. Bases reguladoras

Resolución do 28 de maio de 2019 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega e se convocan para o ano 2019 (código de procedemento CT207B).

Cuarto. Importe

O importe global máximo das subvencións será de 260.000 euros, suma que irá con cargo á aplicación orzamentaria 11.A1.432B.770.0 do orzamento de gastos da Agadic, código de proxecto 2010-0005, distribuído entre as anualidades 2019 e 2020: 130.000 euros con cargo ao exercicio 2019 e 130.000 euros con cargo ao exercicio 2020.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación das solicitudes será dun mes desde o día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2019

Román Rodríguez González
Presidente do Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais