Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 31 de maio de 2019 Páx. 26538

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 24 de maio de 2019 pola que se convoca o curso monográfico Dereito TIC e Compliance.

Aprobado polo Consello Reitor o programa de actividades formativas da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) para o ano 2019, de conformidade co artigo 6.2 da Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo,

RESOLVO:

Convocar o curso monográfico Dereito TIC e Compliance, de acordo coas bases que se indican a seguir:

1. Obxectivos.

O concepto de compliance, cumprimento legal ou cultura do cumprimento, abarca un conxunto de principios éticos, directrices, códigos de condutas e de boas prácticas que informan e ordenan a actuación das entidades co fin de consolidar e transparentar a filosofía do seu proxecto e articular un conxunto de políticas de prevención e control que as converta en máis confiables, minimizando o risco e xerando, tanto na súa dimensión interna como nas súas relacións externas, unha cultura de observancia da legalidade e de potenciación daqueles valores que as identifique como organizacións responsables e comprometidas coa súa contorna económica, social e cultural.

Por outra banda, o Regulamento xeral de protección de datos que recentemente entrou en vigor supón novo marco normativo común a toda a Unión Europea, que fai da protección de datos unha área de coñecemento que require un elevado nivel técnico e de comprensión, en que dereito e informática mestúranse de forma irremediable.

O principal obxectivo deste curso é profundar no estudo do cumprimento legal (compliance) e do Dereito TIC tras a recente aprobación do seu marco normativo, tanto para España como para toda a UE.

2. Contidos.

O curso consta de 2 módulos diferenciados: Dereito TIC e Compliance.

Módulo 1: Dereito TIC.

1. Introdución e ámbitos xerais regulados polo Dereito TIC.

2. Protección de datos persoais.

3. Comercio electrónico.

4. Sinatura electrónica.

5. Propiedade Intelectual.

6. Delitos tecnolóxicos.

Módulo 2: Compliance.

1. Introdución.

2. Modelos de cumprimento internacionalmente aceptados. En especial, estándares ISO e UNE.

3. A responsabilidade penal da persoa xurídica.

4. Aspectos procesuais do procedemento penal fronte ás persoas xurídicas.

5. Sistemas e modelos de referencia: goberno, riscos e cumprimento (GRC).

6. A cultura de cumprimento corporativo.

7. Prevención da corrupción, delitos e medidas para contrarrestala.

3. Persoas destinatarias.

O curso diríxese ao persoal empregado público, en situación de servizo activo ou asimilada, das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, dos entes instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia e das universidades do Sistema universitario de Galicia que estea en posesión do título de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

No caso de non cubrir a totalidade das prazas convocadas, ás vacantes que resulten poderán acceder os e as profesionais que estean en posesión do título de doutoramento, licenciatura, diplomatura, grao, arquitectura, enxeñaría, arquitectura técnica ou enxeñaría técnica.

4. Desenvolvemento.

Duración: 14 horas lectivas.

Lugar: Escola Galega de Administración Pública, rúa Madrid, 2-4, Santiago de Compostela.

Datas: 11, 13, 17 e 19 de xuño de 2019.

Horario: das 16.00 ás 19.30 horas.

5. Número de prazas: 50.

6. Inscrición.

1. O prazo para a inscrición estará aberto desde as 8:00 horas do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia ata as 23.55 horas do día 5 de xuño de 2019.

2. Antes de formalizar a súa inscrición nesta actividade todas as persoas deben introducir ou actualizar os datos da súa área de matrícula, de acordo cos requisitos de selección establecidos no punto 3 desta convocatoria

3. A inscrición nesta actividade formativa só poderá realizarse vía telemática accedendo ao enderezo https://egap.xunta.gal/matricula. As solicitudes entenderanse presentadas unha vez completada correctamente a matrícula.

4. Formalizada a inscrición vía telemática, deberá enviarse, ademais e antes de que finalice o prazo e a hora de inscrición, un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal achegando copia dalgún dos títulos requiridos e especificados no punto 3 desta convocatoria (doutoramento, licenciatura, diplomatura…) no caso de que non obren en poder da Administración.

5. As persoas que oculten ou falseen datos esenciais para a selección serán automaticamente excluídas da actividade solicitada e pasarán ao final das listaxes de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado desde que se detecte o feito.

7. Comprobación de datos.

1. Para a tramitación do procedemento consultaranse os datos das persoas interesadas necesarios para realizar o proceso de selección desta actividade formativa.

2. A presentación da solicitude comportará a autorización da persoa solicitante ao órgano xestor para pedir as certificacións necesarias para realizar a selección de acordo cos criterios da EGAP.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán enviar un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal coa indicación expresa a este respecto e achegando os documentos que indiquen a súa situación administrativa e tipo de persoal.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

8. Criterios de selección.

A orde de admisión virá determinada pola data e a hora de presentación das solicitudes, dando preferencia ao persoal empregado público de acordo co establecido no punto 3 desta convocatoria.

9. Publicación das listaxes do alumnado seleccionado.

A EGAP publicará no enderezo https://egap.xunta.gal unha relación das persoas seleccionadas para participar neste curso monográfico, así como un número adecuado de reservas, no caso de que o número de solicitudes recibidas fose superior ao número de prazas, de acordo co disposto no artigo 45.1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro).

Entenderase que as persoas que non figuren en ningunha das relacións foron excluídas por algunha das razóns expresadas nas bases da convocatoria ou ocupan un posto máis afastado na listaxe de espera.

10. Cambios ou substitucións na selección, renuncia e asistencia.

1. En ningún caso serán admitidos cambios ou substitucións entre as persoas seleccionadas.

2. Renuncia:

a) As persoas seleccionadas só poderán renunciar á actividade formativa:

• Por causa de forza maior suficientemente acreditada.

• Por necesidades do servizo debidamente motivadas por parte dos/das responsables dos centros directivos.

• Por outras causas xustificadas documentalmente.

b) A renuncia deberá ser comunicada, enviando un correo electrónico a novas.egap@xunta.gal, cunha antelación mínima de tres días anteriores ao comezo da actividade formativa, sen prexuízo do previsto no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro). Na páxina web da Escola estará dispoñible un modelo de renuncia.

c) As persoas que incumpran o previsto nas liñas a) e b) pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

3. A asistencia e a puntualidade:

a) Son obrigatorias a asistencia ás sesións da actividade formativa e a puntualidade.

b) Durante a actividade formativa realizaranse controis de asistencia e puntualidade.

c) As faltas de asistencia:

1. Non poden superar en ningún caso o 10 % das horas lectivas presenciais. En todo caso, as faltas de asistencia deberán xustificarse documentalmente ante os/as responsables da actividade formativa nun prazo máximo de 10 días contados a partir do día da finalización desta actividade. As persoas que incumpran o especificado anteriormente perderán o dereito ao certificado de asistencia desta actividade formativa.

2. Aquelas persoas cuxas faltas de asistencia superen o 50 % das horas lectivas pasarán ao final das listaxes de espera de todas as actividades formativas que soliciten e cuxo prazo de matrícula comece dentro do ano seguinte contado a partir do día da finalización desta actividade.

11. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que poidan xurdir no desenvolvemento desta actividade, así como a facultade de cancelala se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

12. Certificado de asistencia oficial.

Ao final desta actividade emitirase un certificado electrónico de asistencia, descargable desde a área de matrícula (https://egap.xunta.gal/matricula/), a aquelas persoas inscritas que participasen asiduamente e sempre que a súa asistencia fose igual ou superior ao 90 % das horas lectivas programadas. Este documento estará asinado electronicamente pola EGAP e incluirá, de forma expresa, o contido, a carga lectiva, a data e o lugar de realización do curso, así como un código de verificación electrónica (CVE) para contrastar a súa autenticidade.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2019

Sonia Rodríguez-Campos González
Directora da Escola Galega de Administración Pública