Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 31 de maio de 2019 Páx. 26482

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

RESOLUCIÓN do 21 de maio de 2019, da Dirección Xeral de Mobilidade, de apertura de prazo para acreditar a representatividade na Sección de transporte público de viaxeiros en vehículos de menos de nove prazas incluído o condutor do Comité Galego de Transportes por Estrada.

Mediante a Resolución do 19 de decembro de 2018, da Dirección Xeral de Mobilidade, convocáronse as asociacións profesionais de transportistas e de empresas de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada para acreditaren a súa representatividade co fin de revisar a composición do Comité Galego de Transporte por Estrada (DOG núm. 9, do 14 de xaneiro de 2019).

Porén, concluído o prazo outorgado para formular solicitudes de integración no dito comité, non se recibiu ningunha proposta por parte das asociacións profesionais de transporte en taxi.

Dado que a representatividade do dito sector é esencial de cara a designar, pola súa vez, varios dos membros que integran tanto a Comisión Permanente como a Comisión Especial de Transporte Público en Vehículos de Turismo do Consello Galego de Transportes, considérase procedente abrir un prazo para que as asociacións que se consideren representativas no dito sector manifesten a súa vontade ou non de obter representación no proceso de renovación do Comité Galego de Transportes por Estrada que está en curso.

Xa que logo, de conformidade co informe da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, do 8 de abril de 2019,

RESOLVO:

– Abrir un prazo para que as asociacións profesionais de transporte que aglutinen a representación do sector do taxi manifesten a súa vontade ou non de obter representación na Sección de transporte público de viaxeiros en vehículos de menos de nove (9) prazas incluído o condutor do Comité Galego de Transportes por Estrada.

– Declarar a urxencia do procedemento na medida en que se atopa aberto o proceso de renovación do dito comité, e establecer deste xeito un prazo de quince (15) días hábiles, contados desde o día seguinte ao de publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución.

– Indicar que a/s asociación/s das anteriores que manifesten a súa vontade de obter a dita representación deberán achegar unha solicitude axustada aos requisitos establecidos na mencionada Resolución do 19 de decembro de 2018, e acompañada da documentación que nela se indica. Singularmente, os formularios en formato Microsoft Excel e/ou Libre Office deberanse descargar no seguinte enderezo:

http://descargas.xunta.es/2ffa25c8-4630-467d-b657-e8e70c1c12ee1545225731513

Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada, perante a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación, de conformidade co artigo 112 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Exclúese da posibilidade de recurso a declaración de urxencia do procedemento, de conformidade co artigo 33.2 da mesma lei.

Santiago de Compostela, 21 de maio de 2019

Ignacio Maestro Saavedra
Director xeral de Mobilidade