Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Venres, 31 de maio de 2019 Páx. 26392

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 53/2019, do 23 de maio, polo que se crea e se regula a Medalla Emilia Pardo Bazán para o recoñecemento de accións relevantes en prol da igualdade entre mulleres e homes.

A Constitución española, no seu artigo 14, proscribe toda discriminación por calquera circunstancia persoal ou social e, no artigo 9.2, establece a obriga dos poderes públicos de promover as condicións para que a igualdade do individuo e das agrupacións en que se integra sexan reais e efectivas.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 4.2, que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integra sexan reais e efectivas, remover os obstáculos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos e as galegas na vida política, económica, cultural e social.

A igualdade tamén é un principio fundamental na Unión Europea. Desde a entrada en vigor do Tratado de Amsterdam, o 1 de maio de 1999, a igualdade entre mulleres e homes e a eliminación das desigualdades entre unhas e outros son obxectivos que se deben integrar en todas as políticas e accións da Unión Europea e dos seus Estados membros, e seguindo a estela da Conferencia Mundial sobre a Muller en Beijing 1995, parece claro que Europa aposta pola integración da perspectiva de xénero en todos os procesos e procedementos das institucións e das organizacións.

No marco estatal a Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, e no marco galego o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, introducen a previsión de políticas activas para facer efectivo este principio de igualdade, e recollen expresamente que o dito principio «informará, con carácter transversal, a actuación de todos os poderes públicos e que as administracións públicas o integrarán, de forma activa, na adopción e execución das dúas disposicións normativas, na definición e orzamentación de políticas públicas en todos os ámbitos e no desenvolvemento do conxunto de todas as súas actividades».

Tamén o Goberno da Xunta de Galicia, consciente da importancia de promover a consecución dunha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes en todos os ámbitos, e da necesidade de eliminar as barreiras, os estereotipos e os roles de xénero que o impiden, elaborou e aprobou varios instrumentos de planificación específicos con esta finalidade: o VII Plan estratéxico de Galicia para a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2017-2020, o II Programa galego de muller e ciencia 2016-2020, así como o Plan galego de conciliación e corresponsabilidade 2018-2021.

Este decreto materializa o recoñecemento e a incentivación daquelas actuacións relevantes que, en prol da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, desenvolven na Comunidade Autónoma de Galicia persoas, colectivos, entidades ou institucións, tanto públicas como privadas.

A condecoración que se crea a través deste decreto leva o nome de Emilia Pardo Bazán por tratarse dunha precursora nas ideas acerca dos dereitos das mulleres e o feminismo, reivindicar a educación e instrución das mulleres como algo fundamental e incorporar en todas as súas obras ideas sobre a modernización da sociedade e o acceso das mulleres aos mesmos dereitos e oportunidades que tiñan os homes na súa época.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, en virtude das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día vinte e tres de maio de dous mil dezanove,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto crear e regular a Medalla Emilia Pardo Bazán para outorgar un recoñecemento público ás accións desenvolvidas na Comunidade Autónoma de Galicia que contribuísen e destacasen na defensa da igualdade de dereitos e oportunidades entre mulleres e homes.

Artigo 2. Persoas destinatarias

Poderase outorgar este recoñecemento ás persoas maiores de idade, colectivos, entidades ou institucións, tanto públicas como privadas que, coa súa traxectoria ou labor, contribuísen e destacasen no desenvolvemento na Comunidade Autónoma de Galicia de accións relevantes no ámbito da promoción da igualdade entre mulleres e homes.

Artigo 3. Condecoracións

1. Concederanse anualmente ata un máximo de tres condecoracións, baixo a denominación Medalla Emilia Pardo Bazán, que revestirán a forma de medalla cando se outorguen a título individual, e de placa cando se outorguen a colectivos, entidades ou institucións.

2. A concesión será discrecional e efectuarase en función das accións de relevancia e transcendencia que se teñan realizado e das circunstancias que concorran en cada caso.

3. A Medalla Emilia Pardo Bazán ten carácter exclusivamente honorífico, dará dereito a un diploma acreditativo e non comporta ningún tipo de dotación económica.

Artigo 4. Procedemento de concesión

A Medalla Emilia Pardo Bazán será outorgada pola persoa titular da consellería competente en materia de igualdade, logo da proposta efectuada pola comisión de valoración regulada no artigo 12 deste decreto.

Artigo 5. Candidaturas

As candidaturas poderán ser propostas directamente por calquera persoa física ou xurídica, representantes de organismos, entidades, asociacións, así como calquera Administración pública que consideren relevante e oportuno destacar o labor dalgunha persoa, entidade ou institución polo seu traballo a prol da igualdade entre mulleres e homes.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes, indicando os datos da persoa física, colectivo, entidade ou institución a favor da cal se promove a concesión da medalla, irán dirixidas á Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e presentaranse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.

2. A presentación electrónica será obrigatoria para as administracións públicas, as persoas xurídicas, as entidades sen personalidade xurídica, as persoas representantes dunha das anteriores e as persoas empregadas das administracións públicas nos trámites realizados pola súa condición de persoal empregado público.

Se algunha das persoas interesadas obrigadas á presentación electrónica presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que foi realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).

3. Aquelas persoas interesadas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente, poderán presentar as solicitudes presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 7. Prazo para a presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará o día 15 de xaneiro e rematará o día 12 de maio de cada ano natural.

Artigo 8. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Memoria ou informe en que se expoñan as causas, motivos e circunstancias, debidamente razoadas e fundamentadas, polas que promove a concesión da medalla á persoa, colectivo, entidade ou institución proposta.

b) Documentos acreditativos dos méritos expostos, que permitan efectuar a correspondente comprobación.

Non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente. Para estes efectos, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os citados documentos. Presumirase que esta consulta é autorizada polas persoas interesadas, salvo que conste no procedemento a súa oposición expresa.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa interesada a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

2. A documentación complementaria presentarase preferiblemente por vía electrónica. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.

A presentación electrónica será obrigatoria para os suxeitos obrigados á presentación electrónica da solicitude. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que foi realizada a emenda.

Aquelas persoas non obrigadas á presentación electrónica, opcionalmente poderán presentar a documentación complementaria presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada nos parágrafos anteriores. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 9. Comprobación dos datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados polas administracións públicas:

a) DNI/NIE da persoa solicitante ou representante.

b) NIF da entidade solicitante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no formulario de inicio e achegar os documentos.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

A sede electrónica da Xunta de Galicia permite ás persoas interesadas realizar trámites electrónicos, con posterioridade ao inicio do expediente, accedendo á carpeta do cidadán da persoa interesada. Cando as persoas interesadas non resulten obrigadas á presentación electrónica das solicitudes tamén poderán tramitarse presencialmente en calquera dos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Notificación

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse preferentemente por medios electrónicos e, en todo caso, cando as persoas interesadas resulten obrigadas a recibilas por esta vía. As persoas interesadas que non estean obrigadas a recibir notificacións electrónicas poderán decidir e comunicar en calquera momento que as notificacións sucesivas se practiquen ou deixen de practicar por medios electrónicos.

2. As notificacións electrónicas realizaranse mediante o Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal dispoñible a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude.

Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. A persoa interesada deberá manifestar expresamente a modalidade escollida para a notificación (electrónica ou en papel). No caso de persoas interesadas obrigadas a recibir notificacións só por medios electrónicos deberán optar en todo caso pola notificación por medios electrónicos, sen que sexa válida nin produza efectos no procedemento unha opción diferente.

4. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido. Cando a notificación por medios electrónicos sexa de carácter obrigatorio, ou fose expresamente elixida pola persoa interesada, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, a Administración xeral e do sector público autonómico practicará a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Comisión de Valoración

1. Para a concesión da medalla regulada neste decreto créase unha Comisión de Valoración, que terá a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa titular do órgano superior da Administración xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de igualdade.

b) Vogalías:

– Unha persoa en representación de cada unha das consellerías da Xunta de Galicia, con rango mínimo de secretario/a xeral ou director/a xeral.

– Unha persoa en representación dos órganos superiores da Presidencia da Xunta de Galicia, con rango mínimo de secretario/a xeral ou director/a xeral.

– A persoa que exerza a Vicepresidencia Segunda no Consello Galego das Mulleres en representación das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas.

– A persoa que exerza o cargo de director/a-conservador/a da casa museo Emilia Pardo Bazán.

c) Secretaría: unha persoa funcionaria do órgano superior da Administración xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de igualdade, que actuará con voz pero sen voto.

2. Na composición da comisión de valoración procurarase respectar o principio de presenza equilibrada entre mulleres e homes.

Artigo 13. Proposta de resolución

1. Unha vez analizadas e estudadas as solicitudes presentadas, a Comisión de Valoración, de consideralo necesario, poderá requirirlles ás persoas solicitantes a información complementaria que precise.

2. Rematada a valoración das solicitudes presentadas, a comisión elevaralle unha proposta á persoa titular da consellería con competencias en materia de igualdade, a quen lle corresponderá adoptar a decisión de outorgar a medalla ás persoas propostas pola Comisión de Valoración.

3. A Comisión de Valoración non poderá propor que se outorguen un número de medallas superior ao número máximo que se indica neste decreto e poderá, se así o entende oportuno, deixar baleiras unha, varias ou a totalidade das condecoracións, no suposto de que as persoas físicas, colectivos, entidades ou institucións propostas non reúnan os requisitos e/ou non concorran as causas e circunstancias necesarias para o outorgamento, atendendo ao establecido nos artigos 2 e 3 deste decreto.

Artigo 14. Concesión da medalla

1. A concesión da medalla efectuarase por orde da persoa titular da consellería con competencias en materia de igualdade, quen resolverá no prazo máximo de dous meses contados desde a data de finalización do prazo de presentación de solicitudes establecido no artigo 7 deste decreto.

2. Transcorrido o prazo indicado no punto anterior sen que se ditase e notificase resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 15. Publicación da concesión

A orde pola que se concede a Medalla Emilia Pardo Bazán publicarase no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16. Entrega da medalla

A Medalla Emilia Pardo Bazán seralles entregada ás persoas físicas e ás persoas representantes dos colectivos, entidades ou institucións galardoadas pola persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia ou persoa en quen delegue, nun acto solemne que terá lugar o día 16 de setembro no lugar que se determine na orde pola que se concede a medalla.

Artigo 17. Rexistro das medallas

1. O órgano superior da Administración xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de igualdade inscribirá a medalla concedida no libro-rexistro que se estableza para tal efecto.

2. No libro-rexistro inscribiranse os seguintes datos: a data da concesión, o tipo de medalla, o número de rexistro, o nome e apelidos das persoas galardoadas e o seu NIF; no caso de entidades ou institucións, ademais, o seu nome e o NIF da entidade, se é o caso.

Artigo 18. Información básica sobre protección de datos persoais

Os datos persoais recadados neste procedemento serán tratados na súa condición de responsable pola Xunta de Galicia, Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coas finalidades de levar a cabo a tramitación administrativa que derive da xestión deste procedemento e a actualización da información e contidos da carpeta do cidadán.

O tratamento dos datos baséase no cumprimento dunha misión de interese público ou no exercicio de poderes públicos, conforme a normativa recollida na ficha do procedemento incluída na Guía de procedementos e servizos, no propio formulario anexo e nas referencias recollidas en https://www.xunta.gal/informacion-xeral-proteccion-datos. Con todo, determinados tratamentos poderán fundamentarse no consentimento das persoas interesadas, e esta circunstancia reflectirase no devandito formulario.

Os datos serán comunicados ás administracións públicas no exercicio das súas competencias, cando sexa necesario para a tramitación e resolución dos seus procedementos ou para que os cidadáns poidan acceder de forma integral á información relativa a materia de igualdade a que se refire este decreto.

Co fin de darlle a publicidade exixida ao procedemento, os datos identificativos das persoas interesadas serán publicados conforme o descrito na presente norma reguladora a través dos distintos medios de comunicación institucionais de que dispón a Xunta de Galicia, como diarios oficiais, páxinas web ou taboleiros de anuncios.

As persoas interesadas poderán acceder, rectificar e suprimir os seus datos, así como exercer outros dereitos ou retirar o seu consentimento, a través da sede electrónica da Xunta de Galicia ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común, segundo se explicita na información adicional recollida en https://www.xunta.gal/proteccion-datos-persoais.

Artigo 19. Revogación da concesión

A medalla concedida pode quedar sen efecto seguindo o mesmo procedemento que para o seu outorgamento cando, de forma motivada e por causa sobrevida así se xustifique por razóns que puidesen supoñer un desprestixio para os fins de posta en valor da igualdade de xénero que este outorgamento promove.

Disposición transitoria primeira. Prazo de presentación de solicitudes no ano 2019

Ao ser 2019 o ano en que se crea este recoñecemento e co obxecto de poder axustar os prazos de presentación de propostas á aprobación deste decreto, en 2019 o prazo de presentación de propostas será de 20 días hábiles desde o mesmo día da entrada en vigor do presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de igualdade para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto, tanto no que se refire ao deseño e características da medalla, das placas e dos diplomas acreditativos, como para a determinación do número de condecoracións ou inclusión doutras novas, así como naqueloutros aspectos que deriven da súa concesión.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de maio de dous mil dezanove

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file