Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 100 Martes, 28 de maio de 2019 Páx. 26061

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2019, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan xeral de ordenación municipal de Toques, para a redelimitación do núcleo rural do Vilariño, parroquia de Oleiros.

O Concello de Toques remite a modificación puntual de referencia, para os efectos da súa aprobación definitiva, regulada nos artigos 78 e 83.6 da Lei 2/2016, do solo de Galicia (LSG) e 191 e 200 do seu regulamento aprobado por Decreto 143/2016 (RLSG).

Logo de analizar a documentación remitida polo concello, e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, obsérvase:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Toques dispón dun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente por Orde da CPTOPT do 21.12.2007.

2. A secretaría municipal emitiu informe sobre a tramitación da modificación o 10.1.2017.

3. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo (DXOTU) emitiu o 15.3.2017 informe de contestación no trámite de consultas previsto no artigo 60.4 da LSG, con indicacións sobre o borrador e o documento ambiental estratéxico.

4. A Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático formulou o informe ambiental estratéxico en data 5.5.2016 e resolveu non someter a modificación a avaliación ambiental estratéxica ordinaria. Nese marco, contestaron:

a) A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe do 13.3.2017, con observacións.

b) Augas de Galicia: informe do 28.4.2017, con observacións.

c ) Dirección Xeral de Patrimonio Natural: informe do 5.5.2017, no que se indica que non son esperables afeccións sobre os valores ambientais.

d) Instituto de Estudos do Territorio: informe do 14.3.2017, que indica que non se producirán efectos paisaxísticos significativos sobre a paisaxe da contorna.

e) Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica: informe do 27.3.2017 que indica que a modificación non terá impacto nas súas actividades.

Emitiu tamén observacións o Servizo de Montes da Coruña mediante informe do 15.2.2017, sen impedimentos ao cambio da delimitación do núcleo rural.

5. O titular dos servizos técnicos municipais emitiu informe en xuño de 2017. A arquitecta municipal emitiu informe o 1.8.2017. O secretario do concello emitiu informe xurídico favorable á aprobación inicial o 4.8.2017.

6. O concello en pleno aprobou inicialmente a modificación o 11.8.2017. Foi sometida a información pública polo prazo de dous meses (La Voz de Galicia e El Correo Gallego do 29.8.2017 e Diario Oficial de Galicia do 29.8.2017) e non foron presentadas alegacións.

7. O acordo de aprobación inicial foi comunicado polo Concello aos interesados indicados no expediente mediante escritos recibidos por estes o 17.9.2018.

8. O 9.1.2018 a DXOTU enviou ao Concello un escrito en relación coa realización do trámite de solicitude de informes sectoriais.

9. No que afecta aos informes sectoriais, o Concello realizou o trámite correspondente, e no expediente remitido constan os seguintes:

a) Axencia Galega de Infraestruturas: informe do 12.1.2018, que indica que non existe afección sobre a rede de estradas autonómicas.

b) Confederación Hidrográfica do Miño-Sil: escrito do 28.11.2018 no que se comunica que o concello de Toques non se atopa na demarcación hidrográfica do Miño-Sil.

c) Servizo de Conservación da Natureza: escrito do 6.10.2017, que reafirma o do 7.4.2017, en canto que o ámbito está incluído na ZEC 110078 Serra do Careón da Rede Natura 2000 e que pola súa escasa entidade non resultan previsibles afeccións significativas sobre os hábitats.

d) Dirección Xeral de Infraestrutura do Ministerio de Defensa: escritos do 25.10.2017 e 28.11.2017; neste último sinálase que non se formula ningunha obxección.

e) Delegación do Goberno en Galicia: informe do 24.10.2017 no que se comunica que non se observa incidencia no Inventario de bens e dereitos do Estado.

f) Deputación Provincial da Coruña: informe do 19.1.2018, favorable, dada a inexistencia de vías ou bens provinciais afectados.

g) Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información: informe do 14.12.2017, favorable sobre a normativa sectorial de telecomunicacións.

h) Instituto de Estudos do Territorio: escrito do 27.11.2017, requirindo documentación.

i) Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: informe desfavorable do 13.12.2017; e favorable condicionado do 30.8.2018.

Solicitáronse os informes da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior e da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal mediante oficios do 15.11.2017; e de Augas de Galicia mediante oficio do 27.9.2017.

10. O secretario municipal emitiu o 16.11.2018 informe favorable á aprobación provisional da modificación. O titular dos servizos urbanísticos municipais emitiu en novembro de 2018 informe no que sinala a conformidade da modificación coa lexislación vixente.

11. A modificación foi aprobada provisionalmente polo Concello en pleno do 22.11.2018.

12. O Concello remite a documentación mediante escrito de Alcaldía do 30.11.2018. O Servizo de Urbanismo requiriu a emenda das deficiencias documentais observadas o 3.1.2019. O Concello cumpriu o 7.1.2019 achegando:

a) Informe da enxeñeira técnica de minas da Consellería de Economía, Emprego e Industria, do 23.10.2018, con información sobre os dereitos mineiros vixentes.

b) Certificado do secretario do Concello do 7.1.2019 sobre a non emisión do informe do Instituto de Estudos do Territorio.

13. Os proxectos veñen subscritos polo arquitecto Isidro López Yáñez da consultora Estudio Técnico Gallego.

II. Obxecto e descrición do proxecto.

1. A modificación puntual ten por obxecto a actualización dos planos do PXOM no núcleo rural do Vilariño, atendendo ás diferenzas existentes entre a realidade física construída e a cartografía do Plan xeral (punto 2.1 da memoria da modificación).

2. O núcleo do Vilariño é delimitado no PXOM vixente, adaptado á Lei 9/2002, dividido en dúas áreas, unha ao norte da vía que estrutura o núcleo, co grao 1 núcleo rural tradicional; e outra, ao sur, co grao 2, núcleo rural disperso (área de expansión) conforme o plano de ordenación 6.12 (escala 1/2000) e ao artigo 9.2.2 da normativa. O réxime de aplicación é o establecido na disposición transitoria 1ª.1.c) da LSG, aplicándose integramente o PXOM vixente, coa excepción do artigo 40 da LSG.

3. A modificación establece unha nova delimitación do núcleo, reducindo a superficie delimitada de 7.884 m2 a 7.337 m2, e outórgalle a categoría de solo de núcleo rural tradicional, con base na existencia de edificacións non recollidas no PXOM. Asemade modifícase o trazado da vía que atravesa o núcleo.

Respecto do borrador, modifícase agora o punto 9.2.6 da normativa do Plan xeral (para prohibir as segregacións sobre o parcelario orixinario que dean lugar á aparición dun maior número de parcelas no núcleo de Oleiros) e modifícase o catálogo, na ficha do Pazo de Mazaira e o engadido dunha nova (CP-25 Hórreo no Vilariño).

III. Análise e consideracións.

1. Razóns de interese público (artigo 83.1 e concordantes da LSG e punto III.1 do informe desta DXOTU do 15.3.2017): A redelimitación do núcleo rural con base nunha información cartográfica máis precisa, respectando os criterios legais de identificación e delimitación do solo de núcleo rural, pode fundamentar unha modificación puntual.

2. Edificacións existentes e delimitación do núcleo (punto III.2.b) do informe): o proxecto aprobado provisionalmente corrixe a consideración dunha edificación, situada en solo rústico no plan vixente, e se sinala agora como vivenda e alpendre modernos.

En relación coa regulación contida no artigo 23.3.a) da LSG, e sendo que o ámbito do núcleo abarca catro parcelas de grande extensión, o plan xeral vixente optou por delimitar o núcleo partindo da vía existente e fixaba un fondo duns 30 m a cada banda que se clasifica como solo de núcleo rural. A delimitación é agora axustada ás edificacións existentes, atendendo á indicación contida no punto 3.d) do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 13.12.2017.

3. Ordenanzas e grao de consolidación (punto III.2.c) do informe da DXOTU): o proxecto aprobado provisionalmente asígnalle ao núcleo ordenanza do núcleo tradicional (grao 1), dada a presenza de edificacións de tal carácter; e introduce no punto 9.2.6 da normativa a prohibición das segregacións nese núcleo do Vilariño.

No núcleo delimitado existen catro parcelas, das cales dúas están edificadas, polo que, dada a imposibilidade de aumentar o número de parcelas, o grao de consolidación acada o mínimo do 50 % establecido no 23.3.a) da LSG e o artigo 34.1.a) do RLSG para o solo de núcleo rural tradicional.

4. O proxecto aprobado provisionalmente cumpre a condición indicada no informe favorable de Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 30.8.2018, ao corrixir o plano inserto na páxina 18 da memoria da modificación.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral que teña por obxecto a delimitación do solo de núcleo rural corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de conformidade co disposto no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das Consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016 (LSG),

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a Modificación puntual do PXOM de Toques, para a redelimitación do núcleo rural do Vilariño, na parroquia de Oleiros.

2. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

3. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

4. Notifíquese ao Concello; e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

5. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2019

María Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file