Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Xoves, 23 de maio de 2019 Páx. 24832

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 29 de abril de 2019 pola que se clasifica de interese laboral a Fundación Impulsa para el Desarrollo del Empleo y la Integración Social.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Impulsa para el Desarrollo del Empleo y la Integración Social, con domicilio na rúa Zaragoza, 62, baixo, 36203 Vigo (Pontevedra).

Feitos:

1. O 5 de febreiro de 2019, Eduardo García-Zabarte Freire, presidente da Fundación, formulou solicitude de clasificación para os efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Impulsa para el Desarrollo del Empleo y la Integración Social constituíse en escritura pública outorgada en Vigo o 21 de decembro de 2018, ante o notario Mariano Vaqueiro Rumbao, con número de protocolo 1207, por Beproject Consultoría de Formación y Empleo, S.L., e Eduardo García-Zabarte Freire.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a Fundación constitúese «como un instrumento para alcanzar un obxectivo de promoción sociolaboral concretado en dúas finalidades: laboral e social».

4. O Padroado inicial da Fundación está formado por Eduardo García-Zabarte Freire como presidente; María Luisa Freire Pérez de Juan como vicepresidenta; e Beproject Consultoría de Formación y Empleo, S.L. como secretaria.

5. A Comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a proposta de clasificación como de interese laboral da Fundación Impulsa para el Desarrollo del Empleo y la Integración Social, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do Padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese laboral e a súa adscrición á Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde a esta Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 23 de abril de 2019.

DISPOÑO:

Clasificar de interese laboral a Fundación Impulsa para el Desarrollo del Empleo y la Integración Social, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderase interpor previamente e con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto no artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 2019

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza