Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 94 Luns, 20 de maio de 2019 Páx. 24417

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 2 de maio de 2019, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo, polo que se comunica aos posibles titulares de dereitos e intereses o acordo adoptado por este xurado, relativo ao monte da Laxe, no concello do Valadouro (expediente 1/92).

Na sesión celebrada polo Xurado Provincial o día 27.3.2019, figura o seguinte acordo:

Monte da Laxe (expediente 1/92), pertencente aos veciños, da parroquia da Laxe, do termo municipal do Valadouro, clasificado polo xurado con data do 25.6.1993.

• O 29.12.2017 ten rexistro de entrada unha proposta de deslindamento parcial entre o monte veciñal en man común e propiedades particulares.

• O 11.1.2018 o Servizo de Montes emite informe favorable á proposta presentada.

• O 6.3.2018 publícase no DOG o anuncio polo que se fai pública a proposta de deslindamento e ábrese o período de alegacións.

• O 23.2.2018 remítese ao Concello do Valadouro o anuncio para os efectos da súa publicación no taboleiro de anuncios.

• Transcorrido o prazo dun mes sen que se presentasen alegacións, a comunidade reafírmase na proposta de deslindamento, que recibiu informe favorable do Servizo de Montes.

• O 16.11.2018 a comunidade presenta a proposta definitiva de deslindamento.

• O 22.11.2018 o Servizo de Montes elabora un informe co resultado deste deslindamento, co que o monte de San Xoán da Laxe queda cunha superficie de 179,83 ha. Achegan os planos resultantes.

De conformidade co disposto no artigo 54.3 da Lei 7/2012, no caso de informe favorable, unha vez ratificado o deslindamento provisional pola asemblea xeral, darase traslado ao Xurado Provincial dos acordos alcanzados, e o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común ditará resolución aprobatoria do deslindamento.

En vista do anterior, o xurado, por unanimidade, acorda aprobar o deslindamento practicado e procede a realizar as oportunas correccións no expediente de conformidade co informe do Servizo de Montes.

Contra este acordo, desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición ante o Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Lugo no prazo dun mes, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Lugo no prazo de dous meses, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Lugo, 2 de maio de 2019

Mª Olga Iglesias Fontal
Presidenta do Xurado Provincial de Clasificación de Montes
Veciñais en Man Común de Lugo