Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Mércores, 15 de maio de 2019 Páx. 23424

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2019, da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Maside, no núcleo rural de Lovada.

O Concello de Maside remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva, conforme o disposto na disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

Analizada a documentación achegada polo concello e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Maside dispón actualmente de normas subsidiarias de planeamento (NSP), aprobadas definitivamente o 29.10.1985, con once modificacións puntuais.

I.2. A tramitación da modificación puntual foi a seguinte:

• Constan informes municipais técnico e xurídico do 23.4.2015.

• O Concello Pleno do 27.4.2015 aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna a información pública durante un mes mediante anuncios en La Región do 23.5.2015, La Voz de Galicia do 26.5.2015 e no DOG do 18.6.2015.

Durante o período de exposición non se presentou ningunha alegación.

• Deuse audiencia aos municipios limítrofes de Punxín, Amoeiro, O Carballiño, San Cristovo de Cea e San Amaro, sen que conste contestación ningunha.

• Consta informe favorable do 10.8.2015 da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

• Constan informes desfavorable do 20.1.2016, e favorable, do 11.7.2016, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

• Consta informe desfavorable do 4.4.2016 e favorable condicionado do 19.9.2016, da Confederación Hidrográfica Miño-Sil.

• Consta solicitude de informe do 17.7.2015 a Augas de Galicia, sen que conste contestación.

• O Concello Pleno do 28.9.2016 aprobou provisionalmente a modificación puntual, coas modificacións requiridas nos informes sectoriais sinalados.

• O 22.12.2016 o Servizo de Urbanismo de Ourense da CMAOT ditou requirimento ao concello de Maside sinalando unha serie de deficiencias para emendar.

• O Concello Pleno do 6.4.2017 aprobou de novo provisionalmente a modificación puntual das NSPM de Maside no núcleo rural de Lovada.

• O 10.11.2017 a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ditou requirimento ao concello para a emenda de deficiencias.

• O Concello Pleno do 7.2.2018 aprobou de novo provisionalmente a modificación puntual das NSPM de Maside no núcleo rural de Lovada.

II. Análise e consideracións.

II.1. O ámbito de actuación é o núcleo rural de Lovada e o seu contorno inmediato, e afecta segundo as NSP vixentes, solo de núcleos rurais (23.849 m2) e solo non urbanizable, hoxe rústico (14.484 m2). A superficie total é de 38.333 m2.

II.2. O obxecto da modificación puntual é a redelimitación e a ordenación normativa do núcleo rural de Lovada, adaptando as súas determinacións ao contido da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (LSG).

II.3. O 19.3.2016 entrou en vigor a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que establece no punto 2 da disposición transitoria segunda que os plans en tramitación que nesa data xa tivesen aprobación inicial poderán continuar a súa tramitación segundo o teor da LOUG, aínda que as súas determinacións deberán adaptarse plenamente á Lei 2/2016. O documento adaptou as súas determinacións á LSG e continuou a súa tramitación conforme a LOUG.

II.4. A delimitación proposta corrixida excluíu a parcela triangular situada ao norte da última parcela edificada, por non presentar características propias do solo de núcleo.

Ao ámbito situado ao leste da delimitación, coas parcelas das edificacións 27 a 30, asignóuselle a categoría de solo de núcleo rural tradicional en vez da de núcleo rural común polas características morfolóxicas, a tipoloxía e a estrutura da propiedade.

Conforme o establecido no artigo 24.5 da LSG incorporáronse á delimitación todas as vías contiguas ás parcelas edificables grafando as correspondentes aliñacións.

II.5. Aínda que se corrixiu a memoria, deben excluírse as referencias a que Lovada non está recoñecido como núcleo rural no planeamento vixente ou a que se trata dunha nova delimitación: preámbulo (páx. 4 e 5); punto 2.6.-Conveniencia e xustificación da modificación (páx. 16 e 17); punto 3.2.-Clasificación de núcleo rural (páx. 19); punto 4.-Descrición dos obxectivos xerais e específicos (páx. 19 e 20); punto 5.1.-Diagnose da situación en ausencia da modificación do núcleo rural (páx. 20); punto 5.2.-Función da delimitación respecto da situación de partida (páx. 20); punto 7.2.-Delimitación do asentamento (páx. 22 e 26); punto 7.3.-Análise individualizado do asentamento. Existencia de asentamento (páx. 26); punto 7.7.-Recoñecemento de núcleo (páx. 34).

II.6. No punto 7.2 da memoria -delimitación do asentamento- seguen transcribíndose parágrafos completos da disposición transitoria primeira da LOUG, como se fosen da LSG, o que leva a confusión e a establecer na normativa condicións edificatorias en función da LOUG, debendo adecualo integramente ás determinacións da LSG.

II.7. No punto 8 da memoria -Normativa de aplicación no ámbito da delimitación proposta- segue sobrando o número 8.2.-Condicións xerais para as vivendas unifamiliares illadas-. As condicións das vivendas illadas débense establecer nas condicións particulares das dúas categorías de solo de núcleo rural que se propoñen.

Na ordenanza de solo de núcleo rural común, tendo en conta que o tipo de edificación previsto é exento, a condición de fondo máximo previsto será de aplicación unicamente nas excepcións previstas no punto «sistema de ordenación». Os recuamentos previstos no punto «separación a lindes» serán de aplicación a todas as edificacións, incluídas as edificacións auxiliares, salvo as excepcións do punto «sistema de ordenación».

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dunha modificación puntual de planeamento xeral que teña por obxecto a delimitación do solo de núcleo rural corresponde á Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de conformidade co disposto no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, e co artigo 10 do Decreto 167/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, en relación co Decreto 177/2016, do 15 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia modificado parcialmente polo Decreto 106/2018, do 4 de outubro.

III. Resolución.

Visto canto antecede, en virtude do establecido no artigo 78.2.c) en relación co artigo 83.6 da Lei 2/2016 (LSG),

RESOLVO:

1. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Maside no núcleo rural de Lovada, condicionado á emenda das deficiencias sinaladas nos puntos II.5 a II.7.

2. O Concello fará as correccións exixidas e elaborará un texto refundido conforme o establecido no artigo 62 da LSG; e elevarao de novo ante esta Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo para a súa verificación formal e dilixencia.

3. De conformidade co artigo 88 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia e o artigo 212.1 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo inscribirá de oficio a delimitación no Rexistro de Planeamento Urbanístico de Galicia.

4. De conformidade co disposto polos artigos 82 e 88.4 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o Concello deberá publicar a normativa da delimitación aprobada no Boletín Oficial da provincia, unha vez inscrita no Rexistro de Planeamento Urbanístico.

5. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 199.2 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro.

6. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2019

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

missing image file

ANEXO