Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Martes, 7 de maio de 2019 Páx. 21950

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Sanidade

RESOLUCIÓN do 17 de abril de 2019, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade, pola que se dá publicidade da firmeza da Sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Segunda) do 10 de marzo de 2016, ditada no procedemento ordinario 4351/2014, promovido por instancia da Federación de Sanidade do Sindicato Nacional Comisións Obreiras de Galicia.

Para xeral coñecemento, de conformidade co disposto nos artigos 72 e 104 e seguintes da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, faise público que a Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no procedemento ordinario 4351/2014, promovido por instancia da Federación de Sanidade do Sindicato Nacional CC.OO. de Galicia contra a Orde do 30 de xuño de 2014, de delegación de competencias no Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enfermaría de España en materia de formación continuada, ditou Sentenza de data 10 de marzo de 2016, que dispoñía:

«Estimar o recurso contencioso-administrativo interposto por ..., en nome e representación da Federación de Sanidade do Sindicato Nacional Comisións Obreiras de Galicia, contra a Orde do 30 de xuño de 2014 de delegación de competencias no Consello Xeral de Enfermaría de España en materia de formación continuada, publicada no DOG do 22 de xullo de 2014, anulámola».

Posteriormente, a Sala Terceira (Contencioso-Administrativo) do Tribunal Supremo, Sección Cuarta, con data do 20 de febreiro de 2019, ditou Sentenza 206/2019 no recurso de casación número 1537/2016, interposto polo Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enfermaría de España contra a sentenza referida anteriormente.

A citada sentenza

DISPÓN:

«Non procede o recurso de casación interposto pola representación procesual do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enfermaría de España contra a sentenza ditada o 10 de marzo de 2016 pola Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza da Comunidade Autónoma de Galicia e ditada no recurso 4351/2014, sentenza que confirmamos».

En consecuencia, queda firme a decisión ditada o 10 de marzo de 2016 pola Sección Segunda da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, por canto anulaba a Orde do 30 de xuño de 2014 de delegación de competencias no citado consello xeral en materia de formación continuada.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2019

Alberto Fuentes Losada
Secretario xeral técnico da Consellería de Sanidade